Entrevista ao escritor galego Isidro Novo

Entrevista ao escritor galego Isidro Novo

0 comentários 🕔10:15, 04.Fev 2016

- Palavra Comum: Que representa para ti a literatura?

- Isidro Novo: A literatura consta de moitos apartados diferentes e segundo en cal estea metido supón unha cousa ou outra. Ás veces é un gozo pleno e outras un gozo subliminal produto do desafogo. Na narrativa exploro os mundos, reais ou non, que me interesan e na poesía pretendo tocar o intanxíbel e ver o que ninguén ve. De todas maneiras tamén fago conscientemente versos que non teñen que ver coa poesía alta, pero que me serven de alivio e de exercicio.

- Palavra Comum: E que é para ti a oralidade, a literatura popular?

- Isidro Novo: É a base de todo tipo de literatura nacida posteriormente. É o punto de partida da peregrinaxe, a castaña do marron glacé, a escritura do alento.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o processo de criação literária e cultural, num sentido amplo, e nomeadamente no referente à oralidade?

- Isidro Novo: Eu nunca baseei as miñas aspiracións literarias na convencionalidade de convencer, senón en ser orixinal e distinto. Sempre tiven a narrativa como un marabilloso instrumento para experimentar xéneros e formatos e concibín a poesía como un ídolo encantadoramente perverso que demanda de cada pouco unha oración máis nova e sorprendente. Quizais me dea algún día destes por poñerme de brincadeira co teatro, pero a ver se me decido. Á oralidade cheguei inducido sobre todo polo amigo Reigosa e como espectador e xa unha miga coñecedor, debo dicir que o onte e o antonte recollido paga a pena e que a xente nova que se dedica a ela ten adaptado o seu repertorio á época, ademais de anovalo constantemente. Hai verdadeiros fenómenos contando, cantando, regueifando… Outro vínculo que teño coa oralidade é o abeiro que temos na AELG para as palabras que están ao ventimperio, sen dicionario que lles dea acubillo. Ese albergue chámase Palabras con Memoria, así que se alguén coñece algunha palabra náufraga ou vagabunda, os da AELG tratarémola co cariño e a consideración que merece.

- Palavra Comum: Que características próprias tem, do teu ponto de vista, a oralidade e literatura popular galegas, e com que outros sistemas culturais achas que se vincula?

- Isidro Novo: A literatura oral como contido é moi común a moitos pobos. Porén, na maneira de contar as mesmas cousas, nós dámoslle ás veces unha volta que reclama dedicación á intelixencia do que escoita, e despois, ou incluído no dito, está o humor, que é sobre todo do norte da península e ten moi pouco que ver coa comicidade e a gargallada. Ese equilibrio entre o tráxico e o cómico do que falaba don Cilistro e que ou ben suscita un sorriso ladeado ou, todo máis, un semirriso sarcástico.

- Palavra Comum: Fala-nos Isidro Novo 2da tua experiência de valorização e divulgação destas formas culturais (Polafías da AELG, etc.)…

- Isidro Novo: O das Polafías é un grande invento do Reigosa e para min merece a maior das louvanzas, porque te achega á xente que ten contacto directo coa oralidade. Considero un pracer ir a diferentes lugares da nosa xeografía a escoitar os seus cantos e contos, ademais de poder lerlles o que un día un paisano dese sitio concreto escribiu, o que dixo do seu tempo, dos seus veciños, das súas circunstancias. Para min, as polafías, son, no seu conxunto, como xa dixen, do máis pracenteiro, soamente teñen un defecto, están programadas para hora e media e sempre acaban sendo tres. Pero os locais sempre están cheos e agás casos moi illados, a xente aguanta ata o final e mesmo pide recunque.

- Palavra Comum: Consideras que tem o reconhecimento que precisa a oralidade nos sistemas culturais contemporâneos (tanto no galego como noutros)?

- Isidro Novo: Se fose así, na nosa terra, @s nos@s nen@s, ademais de estar fart@s de coñecer as “hadas”, coñecerían un pouco as mouras, digo eu. A min dáme por pensar que o recoñecemento da propia oralidade vai parello ao grao de estima do país propio.

É curioso que na oitava xornada de tradición oral celebrada o ano pasado, dedicada a Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral, saíu a colación que un dos contos coñecido comunmente como “Aproveita!”e recollido en Contos Colorados, de Cuba, Miranda e Reigosa, foi utilizado por Hitchcock en The 39 steps. Por iso o de que hai contos que son de moitos sitios e tamén o de que o seu coñecemento depende do amor propio.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a galega, em particular-?

- Isidro Novo: Para a creación, canto máis individualismo, mellor, e cando se faga algo que se acorde colectivo, se non pode sorprender, polo menos que escandalice, foder, que parecemos de plástico.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Isidro Novo: Teño moito interese, en ver editado un libro de poemas do que estou moi satisfeito (porque son unha alma cándida) encomendado a Positivas. Un libro que non ten que ver co tradicional nin por suposto nada que ver co convencional, pero en cambio ten chuscadas coa matemática, a filosofía, a física cuántica e sobre todo co mundo real. Despois teño tres ou catro cousas feitas máis que de momento non teño présa que saian e outras tantas por facer que van indo aos poucos. Iso si, quero chegar a facer en prazo breve algunha charla sobre Palabras con Memoria por todo o país.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *