<em>Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX</em> (VII), primeira parte

Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX (VII), primeira parte

0 comentários 🕔09:30, 04.Fev 2016

POÉTICA DO ATENTADO:
ANARQUISMO E LITERATURA FIN DE SÉCULO

URI EISENZWEIG

Na historia de Francia os anos 1892-1894 ocupan un lugar á parte. Coa denominación «era dos atentados» asócianse xeralmente a unha serie de actos de violencia –bombas a explotaren en lugares públicos, tentativas de asasinato de representantes do Estado, etc.– cometidos en nome do anarquismo por individuos que se afirman anarquistas. É no contexto desta violencia que o anarquismo atrae por vez primeira a atención constante –e aterrada– da parte que se chamaba a partir de agora «a opinión pública». Aínda que o discurso anarquista convertíase repentinamente (e efemeramente) no obxecto do interese, mesmo da simpatía dun grande número de escritores, en particular daqueles cuxas ideas ían precisamente en contra do que funda a posibilidade dunha opinión pública: a concepción da linguaxe como transparencia, como denotación. Gustaríame expor aquí algún reflexións sobre esta coincidencia, que acho inaugural dunha modernidade en crise, tanto na esfera literaria como na política.

Insistirei primeiramente no feito mesmo da simultaneidade cronolóxica. É «a partir de 1892, aproximadamente», escribe Jean Maitron no seu maxistral Le Mouvement anarchiste en France, que «o anarquismo conquista numerosas simpatías entre os artistas e os literatos» (1). Sexamos máis precisos aínda: é o inicio da era dos atentados propiamente falando, e particularmente o episodio Ravachol, de marzo a xullo de 1892, que provocou a primeira grande vaga de declaracións pro-anarquistas de escritores franceses: o célebre «Éloge de Ravachol», de Paul Adam, aparecido no número de xullo da revista de Francis Vielé-Griffin Entretiens politiques et littéraires; a «Entretien sur la vie et la mort de Ravachol», de Pierre Quillard, publicado no Mercure de France de setembro; un artigo no mesmo espírito de Victor Barrucand, no número do 27 de xullo do xornal de Zo d’Axa L’Endehors; así como, desde o 1eiro. de maio, na mesma publicación, o moito menos lírico «Ravachol» de Octave Mirbeau. Lista á que algúns quixeran engadir talvez o curioso «Diálogo entre Phédon et Cebès», que Marcel Schwob, no entanto aparentemente estraño ás ideas anarquistas (2), escribiu a continuación da execución de Ravachol. Manifestamente un pastiche do Fédon de Platón, este texto, que ía constituír a primeira parte dun texto alegórico titulado «L’Anarchie» (co que conclúe o volume Spicilège, publicado en 1896), xira enteiramente arredor das derradeiras horas, en prisión, do idealista Démochole: «Fedón, estabas preto de Démoloche o día en que foi levado da prisión ao suplicio, ou coñeces o relato de alguén?», etc. Inútil, supoño, precisar que tanto o personaxe como o nome de Démoloche («pobo en cólera») remiten a Ravachol.

Por suposto, a prudencia imponse a quen quere expresar este encontro nos seus menores detalles –e en toda a súa precisión cronolóxica. Non é unicamente nas bombas que se interesan os homes de letras atraídos ou interesados polo anarquismo na era dos atentados e estas afinidades datan ás veces de antes desta última. No que respecta aos escritores próximos do movemento simbolista, o exemplo arquetípico é evidentemente Félix Fénéon, mais non esquezamos o célebre «Joujou patriotisme», aparecido no Mercure de France de abril de 1891, que lle valera a Remy de Gurmont ser cesado das súas funcións de empregado da Biblioteca nacional –«Personalmente, non daría, a cambio de [Alsacia e Lorena] nin o maimiño da miña man dereita: sérveme para apoiar a miña man cando escribo; nin o maimiño da miña man esquerda: sérveme para sacudir a cinsa do meu pito», etc.–, ou aínda a «Entretien avec deux anarchistes, de Barrès (Le Figaro do 11 de xuño de 1891), en que o autor de Le culte du moi afirma sentir «un sentimento matizado de compracencia na ironía» a respecto dos que presenta en diversas ocasións como discípulos do príncipe «Krapotkine» (sic). Por outra parte, coa axuda da efervescencia da época, é certo que a amálgama e o erro estaban abondo espallados, en canto ás convicción supostamente anarquistas de tal ou cal personalidade literaria. O horror retrospectivo (e abondo cómico) dun René Ghil non é finxido, sen dúbida, cando se lembra, tres decenios máis tarde, de que despois do famoso «Proceso dos Trinta», o xornal Le Gaulois expuxese o seu retrato cos de Kahn, Régnier, Verhaeren e Moréas baixo o epíteto colectivo «Os Intelectuais da Anarquía» (3) –publicidade que faría igualmente estremecer non só a Moréas, senón tamén aos outros poetas así denunciados, Régnier, Kahn e Verhaeren que colaboraran en revistas anarquistas (4).

Sería con todo faltar á especificidade do fenómeno non remarcar que a xeneralización do interese dos escritores franceses polo anarquismo foi directamente contemporánea da era dos atentados. Se foron numerosos, particularmente entre os que estaban máis ou menos próximos (entón) ao simbolismo –de Jean Ajalbert a Francis Vielé-Griffin pasando (entre outros moitos, sen contarmos os nomes xa mencionados máis enriba) por Maurice Beaubourg, Claudel, Bernard Lazare, Ludovic Malquin, Camille Mauclair, Stuart Merril, Lucien Muhfeld, Adolphe Retté e Saint-Pol-Roux– en seren afectados polo que o comisario de policía e non obstante poeta Ernest Raynaud debía chamar máis tarde, retrospectivamente, «a epidemia á moda», para a maioría o momento da contaminación inicial foi curiosamente, paradoxalmente, pero moi claramente, o das bombas, do terror (5).

Insisto nisto porque, xustamente, non se fixo o suficiente até hoxe. Existen as tentativas de explicación, evidentemente, do que aparece como unha converxencia entre anarquismo e simbolismo fin de século, que van desde o combate polo verso libre percibido como forma de rebelión contra a autoridade a un noxo común da sociedade burguesa, pasando pola hipótese segundo a cal os marxinais terían tendencia a desenvolveren vínculos entre si (6). No entanto, teñen todas en común o encallarse sobre o contexto histórico inmediato, moi preciso, do fenómeno. Como se o interese literario polo anarquismo se cristalizase a pesar dos atentados –incluso a pesar de que estes definían, ou máis ben: redefinían o anarquismo no imaxinario social. Ora, a coincidencia é tal que é máis ben a outra cuestión que me parece debe ser feita: que formula a eventualidade dun encontro fin de século entre anarquismo e simbolismo producíndose, pola contra, a causa das bombas.

A idea, en si, pode parecer inconveniente polo feito, en particular, de que tanto o poder como a prensa da época non dubidaron, efectivamente, en suxerir (sen nunca fornecer probas, e con razón) a existencia dun vínculo criminal entre os autores dos atentados e os discípulos de Mallarmé –insinuación que, como se sabe, debía conducir até o famoso Proceso dos Trinta. E non obstante, a pesar da natureza infundada destas acusacións, é indiscutíbel que existiu na maioría dos escritores de sensibilidade simbolista unha curiosa fascinación polos atentados. Curiosa porque sen precedentes, nin históricos nin xeralmente biográficos –e engadiría: sen continuidade–, a grande maioría destes homes de letras debían axiña afastarse, senón da violencia en xeral, cando menos desta violencia, moi precisamente, e con ela de toda asociación co anarquismo ou o que eles percibían como tal.

Fascinación polos atentados, afirmo, máis que polo anarquismo; polas bombas máis que pola utopía dunha sociedade futura. É de Ravachol e non de Proudhon ou Kropotkin que se trata, tanto en Schwob o ambiguo como nos entusiastas Quillard e Adam –autores que, todos, dito sexa de paso, non escribiron despois máis que un ou dous textos menores sobre o anarquismo propiamente dito. E é aos atentados e non ao anarquismo que o propio Mallarmé fai referencia nalgúns dos seus textos.

Falouse a miúdo dun «Mallarmé anarquista», ou cando menos de simpatías anarquizantes no poeta (7). Esta tese fúndase tradicionalmente nas declaracións máis radicais de algúns dos seus discípulos e, sobre todo, en pequenos detalles biográficos, como o feito de que o seu nome apareza nunha lista de abonados ao xornal anarquista La Révolte, ou os seus testemuños a favor de Fénéon, primeiro na prensa, cando o crítico foi arrestado e imputado de complicidade nos atentados (8), logo durante o Proceso dos Trinta. Con todo, estes supostos «feitos» non resisten a análise. Leconte de Lisle figuraba tamén entre os abonados de La Révolte sen que ao seu respecto –e cómprendese– aflorara nunca no espírito de ninguén a idea de conviccións anarquistas (nunha entrevista dada a Le Figaro o 23 de abril de 1892, o mestre dos parnasianos cualificaba por outra parte o anarquismo de «quimera perigosa» (9)). En canto aos testemuños de Mallarmé a favor de Fénéon, abonda lelos para constatarmos que, lonxe de xustificar o suposto anarquismo deste último, suxiren pola contra que comprometido, el non o estaba precisamente, que se trataba dun malentendido (a interview de Le Soir fala de «desprezo», de «erro», da «exaltación do momento que levan [aos acusadores] a desnaturalizar os feitos»).

Mais sobre todo, alén destas probas que non o son, hai a ausencia, nos escritos ou declaracións do poeta, de calquera referencia ao anarquismo propiamente dito. Aínda que só fose unha alusión aos soños de Proudhon, Bakunin ou Kropotkin sobre a sociedade anarquista futura; ou a algunha posición, causa ou combate anarquista (ou supostos tales) da época. Isto a pesar de que, como se sabe, as cuestións de actualidade están lonxe se estar ausentes nos escritos mallarmeanos dos anos 1890, do escándalo de Panamá (10) á cuestión do proletariado (11).

O que non quere dicir que Mallarmé non se exprese a respecto dos atentados. Mais xustamente, do que fala es sempre do atentado mesmo, nunca do anarquismo suposto dos autores, máis precisamente é o tema da bomba que aparece en varias ocasións, baixo unha forma ou outra, nos escritos dos anos 1890, así como en diversas declaracións orais, máis ou menos célebres (e máis ou menos auténticas), do tipo «La vraie bombe c’est le livre», observación recollida en 1922 nas súas memorias polo antigo discípulo de Mallarmé e ex-anarquizante Camille Mauclair (12); a versión será lixeiramente diferente vinte anos máis tarde, na biografía de Mallarmé por Henri Modor: «Non coñezo outra bomba que un libro» (13).

O texto máis explícito, a este respecto, é sen dúbida un parágrafo da conferencia que deu en Oxford e Cambridge en marzo de 1894 na que, co pretexto de responder ao rumor segundo o cal el e os seus amigos apoiaban aos que puñan as bombas, o poeta insiste paradoxalmente no interese que presenta efectivamente, por si, a bomba:

A inxuria tatexa, nos xornais, carente de audacia: unha sospeita presta a despuntar, por que a reticencia? Os enxeños, cuxa fractura ilumina os parlamentos cun resplandor sumario, mais estraga até provocar unha grande compaixón, dos bobos, interesaríame neles, en razón do resplandor –sen a brevidade do seu ensino que permite ao lexislador alegar unha incomprensión definitiva; recuso a adición de balas e de cravos.  (14)

O interese é presentado en condicional, certamente, mais a denegación en si mesmo só se refire á «adición de balas e cravos» –alusión aos cravos colocados por Auguste Vaillant (coa intención de ferir) na bomba que lanzara en decembro de 1893 na Cámara de deputados e as balas colocadas por Émile Henry (coa intención de matar) na que fixo estourar no café Terminus dous meses máis tarde. Dito doutra maneira, unha vez descartado o impacto propiamente físico da bomba, esta, efectivamente, interesa(ría) ao poeta. O que confirma por outra parte o conxunto do parágrafo que se organiza e se desprega dalgunha maneira arredor da bomba, reproducindo as modalidades desta última na propia orde textual (diseminación, estalido dos elementos de razoamento arredor dun centro baleiro, etc.) (15).

Como se sabe, Mallarmé ía tirar esta páxina da conferencia e facer «Accusation», un dos nove Grands Faits Divers publicados en Divagations, última obra publicaba en vida, en 1897. En 1897 –despois, por tanto, de que desaparecera, como un lume de palla, todo o terror dos anos 1892-1894, todo o interese dos media e do público polo fenómeno dos atentados, simpatías simbolistas incluídas. Manifestamente, o texto era importante para o seu autor –e o seu obxecto, correlativamente, fascinante.

O seu obxecto, é dicir, a bomba. O atentado no que hai de máis sucio, de menos ideolóxico nalgunha maneira. Non o anarquismo, senón a violencia que o invoca. E se formula a cuestión da significación que conceder a este interese cando menos curioso, sobre todo se se considera a personalidade e a biografía de Mallarmé. Esta significación, coa da fascinación polos atentados do conxunto (ou case) dos escritores simbolistas da época, propoño achala na especificidade formal desta violencia, a natureza propiamente inédita dos propios atentados.

Lembremos que estes foron xeralmente percibidos como actos de violencia cega –esencialmente bombas a explotaren sen advertencia en lugares públicos– cometidos en serie en nome do anarquismo por individuos que se afirmaban anarquistas. Evidentemente, houbo igualmente actos menos «cegos», como certas tentativas de asasinato de representantes do Estado, en particular a, lograda, do Presidente Carnot en xullo de 1894. Agora ben, como o mostra a prensa da época, a percepción –e o sentimento de pánico correspondente– foi a dunha violencia arbitraria e gratuíta. A referencia maior, aquí, era a famosa estratexia da «propaganda polo feito», cuxa idea, polo demais rapidamente abandonada polos propios anarquistas, desde a metade dos anos 1880, se cristalizara e espallara cara finais dos anos 1870. «A propaganda das nosas ideas debe facerse, non soamente mediante a palabra e a pluma, senón tamén, e sobre todo, pola acción», escribía así Kropotkin en 1879 (16). Entendéndose que era a violencia, e, polo tanto, a ilexitimidade radical desta acción que debían asegurar o eco público.

Ora, a idea de que unha «propaganda polo feito» fose desexábel, ou necesaria, tiña implicacións que ían alén de consideracións simplemente pragmáticas. Semellante «estratexia» (que fose efectivamente predicada polos anarquistas até máis ou menos 1893, ou que fose imaxinada dez anos máis tarde por unha opinión pública atemorizada) presupuña necesariamente a incapacidade desta palabra para asegurar por si mesma o éxito da dita propaganda.

Expresábase así en filigrana unha concepción da linguaxe como impotente –e non importa de que clase de impotencia, senón dunha incapacidade relativa á vocación comunicacional das palabras, moi precisamente á súa función referencial. Non é só porque estas eran percibidas como incapaces (ou xa) de presentar a Idea (anarquista), de describila (entre outras cousas describindo paralelamente a realidade contemporánea que debe facer desaparecer), de facela clara e, xa que logo, convincente, isto só porque as palabras eran percibidas como impotentes para comunicaren que podía imporse (ou parecer imporse) a alternativa, o recurso ao «feito». É dicir, ao acto.

É neste sentido –eu diría: só neste sentido– que a asociación era, senón factualmente fundada, cando menos plausíbel, entre os atentados e o anarquismo do século XIX, é dicir, un discurso a se articular enteiramente dun rexeitamento de conceder calquera lexitimidade á representación (política). Por que como soster a tese da inadecuación política absoluta de toda representación social sen se inscribir en falso contra a dunha comunicación que sería efectivamente verídica, dunha linguaxe capaz de ser pura transparentemente? Esta concepción da linguaxe como médium positivo, o anarquismo do século XIX, fose consciente ou non, estaba na obriga lóxica de a rexeitar se quería fundar filosoficamente a súa resistencia a toda mediación política. Filosoficamente: é dicir, radicalmente, absolutamente alén de calquera continxencia, de calquera contexto histórico preciso. Na medida en que a contestación non visaba o funcionamento ou a xustificación dun sistema representativo específico, senón a idea mesma, xeral, da mediación social, facía necesario un cuestionamento dunha mediación semellante, é dicir, o alcance comunicacional da linguaxe (17).

De aí a tentación case inevitábel do atentado para o anarquismo do século XIX, o cuestionamento do poder denotativo da palabra a xerar de maneira case que obrigatoria a noción correlativa dun acto de comunicación que sería doutra orde que lingüística. Mais unha tentación lóxica, máis que estritamente política, como o ía mostrar máis dun decenio despois o abandono polos propios libertarios da idea dunha «propaganda polo feito», a fixación da opinión pública sobre o anarquismo, no seu efecto de comprender –ou máis exactamente: de imaxinar os atentados de 1892-1894, aínda que esta ideoloxía non xogou en realidade máis que un papel teórico na boca dos individuos detidos.

Sobre o que quixera insistir, no entanto, é que esta «tentación», esta imaxinación, atinxe un acto abondo singular. Porque o «feito» da «propaganda» non constitúe a simple orixe dun acontecemento. Investido aquí dunha función de comunicación que non enche xa, aparentemente, a palabra, o acto non substitúe a esta última, mais se arroga un atributo esencial. De feito, todo «acto», calquera que for, ou semelle ser, compete inicialmente á orde do signo. dunha certa maneira poderíase dicir que se trata dun acto de linguaxe. Máis exactamente, ao se tratar, non dunha palabra que efectúa unha acción, senón dun acto que significa: a imaxe invertida do que Austin chama acto de linguaxe.

Acto de linguaxe invertido que ten de paradoxal o estar marcado por unha inevitábel ausencia de significación. Polo non-sentido (18). Por que cal é a finalidade dun acto de propaganda senón, exclusivamente, a atención que está obrigado a chamar sobre un discurso conexo, é dicir, sobre o que el mesmo non é? Chamar a atención: de aí a tentación dunha dimensión fóra do ordinario, espectacular, dunha ruptura radical, brutal –privilexio da violencia– na continuidade do ordinario, da orde. Mais tamén, chamar a atención sobre calquera outra cousa; parecer, xa que logo, en si, insignificante. No sentido máis estreito do termo: sen significación. Con efecto, ao non visar máis que a se borrar detrás dunha mensaxe que debe publicar, non é algo obrigatorio, se a propaganda quere ser eficaz, que a natureza do acto propiamente dito sexa fundamentalmente indiferente, incluíndo a relación coa propia mensaxe?

De aí esta ilexibilidade do acontecemento, este aspecto «cego», arbitrario, na violencia novamente percibido no curso da «era dos atentados». Ningún accidente de comunicación aquí, ningunha dificultade explicativa. A significación da bomba nun café ou nunha estación non é misteriosa, escondida, difícil de comprender. Pola contra, ao se tratar dunha bomba terrorista –en 1892-1894: «anarquista»– esta significación radica precisamente e exclusivamente na opacidade mesma. Non unha opacidade que sería en si reveladora, polo demais, como se podería dicir do absurdo dunha acción violenta que expresa cando menos un nihilismo extremo, un odio absoluto, a crueldade, a imbecilidade, etc. Non, alén (ou aquén) da tentación recorrente e comprensíbel de reabsorber o fenómeno en categorías socialmente recoñecíbeis (e, xa que logo, controlábeis), a especificidade primeira deste tipo novo de violencia é que o acto está esencialmente desprovisto de significación, quer estratéxica, quer simbólica ou mesmo psicolóxica. Só así este acto pode funcionar, por así dicilo, só así pode facer propaganda, facendo necesario (para a comprensión) o xurdimento dun discurso conexo –proclamación, reivindicacións, novas ameazas, etc. Só é opaco que a violencia permita que se diga aquilo cuxa diseminación é a súa mesma razón de ser.

E é precisamente aquí, no espectáculo desta necesaria escuridade –en que é a escuridade que funda o espectáculo– que suxiro ver o principio explicativo desta simpatía repentina e a priori curiosa (curiosa por repentina) dos poetas simbolistas polos anarquistas, ou mais ben polos supostos anarquistas que foron os sementadores de bombas de 1892, 1893 e 1894. Fascinación por outra parte é o nome que convén moito mellor que simpatía. Fascinación por unha palabra que só sería espectáculo, performance, se chegaba a se baleirar de toda significación posíbel –e que está efectivamente baleira de sentido, dalgunha maneira, na medida en que, á imaxe da bomba que non aparece (por así dicilo) máis que no momento da súa disolución, se esvaece a pesar de que se enuncia.

«Que importa a vítima se o xesto é fermoso?». A boutade, aparentemente de Laurent Tailhade reaccionando, durante unha comida, á noticia do atentado de Vaillant na Cámara de deputados (o nove de decembro de 1893), paréceme perfectamente reveladora do que, na violencia nova, cautiva a todos os que, por outra parte, estaban máis ou menos encantados polo discurso mallarmeano sobre a literatura. O anarquismo, se se quere, mais un anarquismo asociado, non tanto á «liberdade», á «espontaneidade» ou á marxinalidade como á idea dunha acción que sería palabra –no soño (ou no pesadelo) dunha supresión da distinción, fundadora da modernidade, entre actos e palabras, entre linguaxe e acontecemento.

Hai que dicir que esta fascinación se inscribe directamente na viraxe maior da literatura moderna, da que tanto a cronoloxía como o sentido mesmo se confunden cos do simbolismo ascendente, que constitúe a crise da novela no fin do século pasado (XIX).

É así significativo que ao interese dos escritores de sensibilidade simbolista pola violencia corresponde unha evidente repulsión –outra cara da fascinación, certamente– nos que, á inversa do proxecto mallarmeano, continuarán a practicar o realismo narrativo. Unha repulsión moral, sen dúbida: hai que lembrar a hostilidade de Zola a respecto do anarquismo, que culmina en febreiro de 1894, cando rexeita asinar a carta de protesta contra a condena, na audiencia, de Jean Grave polo crime de escribir un libro, La société mourante et l’anarchie (19)? «Non teño que facerme o defensor propagador de teorías que reprobo, sendo, eu, un home de evolución, non un home de revolución», explica a Le Figaro o 8 de marzo de 1894. Dous anos antes, con ocasión do proceso de Ravachol, cualificara o anarquismo de «poesía negra vella como a humanidade, como o mal, como a dor» e de «soño negro dos destrutores» (20). E non obstante, pódese lexitimamente preguntar se a «moral», aquí (como a súa antítese aparente do lado simbolista), precede verdadeiramente á forma, se o noxo profesado por Zola (por exemplo) a respecto da incomprensíbel violencia non corresponde tamén a unha defensa da novela fronte a unha realidade que, caracterizada como está polo non-sentido –un non-sentido moi precisamente narrativo– non parece poder ser facilmente asumida, é dicir, relatada por este último.

O feito é, en todo caso, que os atentados stricto sensu só aparecen incidentalmente na produción novelesca dos anos 1890. Non creo, con efecto, que se poida contar moito máis dunha ducia de obras de novelistas máis ou menos lidos, no curso do decenio, en que o atentado anarquista xogue un papel narrativo, non xa central, senón importante. E isto sen mesmo abordar a cuestión máis delicada da calidade propiamente literaria de obras como L’anarchiste, de Jane de la Vaudère (1893), Le Soleil des morts, de Camille Mauclair (1897), Les âmes perdues, de J. H. Rosny (1889), En anarchie, de Camille Pert (1901), ou mesmo Paris, do propio Zola (1896), así como L’ennemi des lois, de Barrès (1893): mais é verdade que nesta novela, unha vez explotada a bomba, ao inicio da primeira páxina, o anarquismo se dilúe até o punto de desaparecer totalmente da escena. Xa en 1894, Camille Mauclair, nun artigo abondo pertinente, escribía que «o primeiro capítulo de L’ennemi des lois, que anunciaba un libro de fe libertaria verdadeiramente decisivo, fracasou» (21)). O fenómeno non parece moi diferente na novela non francesa, mesmo se a calidade formal é ás veces menos discutíbel –penso en A Princesa Casamassima, de Henry James (1886) e en Un home chamado Xoves, de Chesterton (1908), ao que se pode con rigor engadir Asasinatos S. L., de Jack London (mais London, que comprara a idea narrativa ao mozo Sinclair Lewis, non acabou nunca o seu libro; un autor de novelas policiais fíxoo no seu lugar corenta e sete anos despois da súa morte) (22). Aínda que isto aconteza na produción novelesca francesa do cambio de século, é particularmente asombroso este eco mínimo do traumatismo do tempo das bombas, polo feito de que foi a Francia dos anos 1892-1894, moito máis que calquera outro país, no curso de non importa que período, o teatro dunha serie de actos violentos de motivación bastante confusa para poder ser asociada ao «anarquismo».

No entanto, máis importante que a estatística, hai a posición formalmente paradoxal do atentado chamado anarquista e, xa que logo, do propio anarquismo, nas máis coherentes novelas realistas concernidas; a maneira singular en que estes textos representan, relatan –ou xustamente, nin representan nin relatan (é dicir, relatan outra cousa que)– esta extrema negación do sentido que é o atentado terrorista.

Por exemplo, a nebulosidade permanente que, en Os Demos, de Dostoievski (1870), rodea a conspiración supostamente nihilista levada por Piotr Stèpanovitch Verkhivenski, empresa cuxa mesma incomprensibilidade organiza toda a intriga, comprendido o non-sentido recorrente que caracteriza as accións do que non se sabe nunca se hai que asocialo á conspiración, Stravroguine.

Ou a marxinalización insistente de Souvarine en Germinal, o personaxe só semella aparecer para marcar mellor o seu silencio, o seu abandono (caracteristicamente, as súas primeiras palabras, en resposta a unha invitación a beber, son «Grazas, non bebo»). Queda por facer unha lectura, que compararía a coherencia estrutural desta especie de non-presenza do anarquista nunha novela que desemboca no seu acto –e a destrución, pola contra, que sufrira París, unha ducia de anos máis tarde, precisamente na medida en que esta novela quere integrar plenamente na intriga atentado, autores e motivacións.

Finalmente, e sobre todo, a non-presenza persistente –ou se se prefire: a presenza sen cesar eludida– da explosión, acontecemento non obstante central e rapidamente mostrado, todo ao longo do que é sen dúbida a obra-mestra, non do xénero (porque non existe, xustamente), senón entre as novelas cuxa intriga enteira xira arredor dun atentado cometido en nome do anarquismo: O axente secreto, de Conrad (1907). Notemos o forte alcance simbólico do obxecto do atentado en cuestión, é dicir, o Observatorio de Greenwich. Sen dúbida o acontecemento novelesco ecoa un atentado real que tivera lugar o 15 de febreiro de 1894 e no curso do cal un exiliado francés anarquizante chamado Boirdin foi despezado, preto do Observatorio, por unha bomba que el transportaba (23). O sentido da explosión en O axente secreto non é menos especificamente textual, narrativo. Porque, á vez realidade concreta dando a ver e referencia convencional por relación ao que se sitúa e se organiza no conxunto da topografía mundial, é a visibilidade do mundo real (do real como mundo) –é dicir, evidentemente, a posibilidade mesma do realismo (narrativo). O atentado chamado «anarquista» (logrado) ou o esvaecemento da novela?

Non nos asombremos, en todo caso, que este só formule aquel para suprimilo, dalgunha maneira. Coherentes, estas novelas sono precisamente na medida en que, ao falar, evitan directamente representar o acontecemento que se define polo non-sentido, por unha incompatibilidade formal co proxecto mesmo do realismo, o de presentar o universo descrito como conforme a un cadro de comprensión totalizante.

Aínda que esta elección aparentemente realista de non representar o que, por definición, é irrepresentábel non poida non afectar ao propio proxecto realista, que (pre)supón, pola contra, que todo é representábel. De feito, se rexeitan e condenan o que –a bomba de pura,o acto baleiro– non se integra na lóxica narrativa da novela, Dostoievski e Conrad non poden facer máis que por rexeitamento, o verme non estea xa no froito. Confirmando así naqueles mesmos que se dedican a denunciala, a crise dunha orde social cuxa lóxica quere, pola contra, e antes de nada, que sexa representábel e narrábel.

E mediante isto esbózase unha comprensión posíbel da emerxencia, no cambio de século, desta nova forma de violencia que é o atentado chamado «anarquista» –máis tarde: o terrorismo– como a creación dunha nova periferia, non soamente para a esfera política senón igualmente para unha certa concepción da literatura. «A anarquía non é unha opinión política», proclama o escritor Aurélieen Scholl ao día seguinte do atentado de Vaillant na Cámara de deputados (24), anticipando así o que se converterá máis tarde nunha verdade primeira de todo discurso sobre o terrorismo, a saber, que «o terrorismo non é un actor da vida politica» (25). O que quixera suxerir aquí é que se a violencia nova está manifestamente no ámago da empresa de estabilización do dominio da política (moderna), do feito que nela se encarna e se arraiga, de maneira, semella ser, privilexiada, o que esta política non é, ou non debería ser –esta violencia inscríbese igualmente, e no mesmo momento, na tentativa de reafirmar as fronteiras e, xa que logo, a cohesión do realismo novelesco na medida precisa en que, nun proceso similar, se indica como o que está formalmente excluído.

Neste sentido, se despois de case medio século son cuestionadas, nun número crecente de discursos ideolóxicos e estéticos, a lexitimidade da representación política como a da representación literaria (26), o atentado anarquista –ou máis exactamente: a ficción do atentado anarquista– semellaría xogar un papel determinante, non simplemente nunha e outra crise, senón na simultaneidade mesma das súas inauguracións respectivas. Onde o terror que invade a opinión pública fronte a unha violencia cuxo aspecto arbitrario, esporádico e incomprensíbel semella subverter a posibilidade mesma de se facer unha opinión, xustamente, é dicir, o fundamento da democracia, este terror ve dalgunha maneira a súa singularidade explicitada, explicada –por así dicir enunciada– pola simetría dual que compoñen, dunha parte, o horror novelesco a respecto do que se presenta como imposíbel de contar e, da outra, a fascinación dunha certa vangarda literaria, precisamente por esta dimensión incomprensíbel, esporádica e arbitraria do fenómeno, no que semella interpretarse, de maneira esaxeradamente brutal, certamente (mais «que importa a vítima..»), a «case desaparición vibratoria» do discurso que, só, pode suscitar a «noción pura» soñada. (27)

Onde, xa que logo, semellaría anunciarse unha transformación das relacións entre o político e o literario, este a ofrecer só un simple reflexo daquel pero ben a súa forma e quizais, por isto, condición mesma da súa posibilidade, poética do atentado, ficción da política? A posmodernidade iniciouse quizais con Ravachol e, sobre todo, os seus eloxios (28).

(Aparecido en Revue d’Histoire Littéraire de la France, ano 99, nº 3, maio-xuño 1999.)

NOTAS
(1) Jean Maitron, Le Mouvement anarchiste en France, París, 1976 (1ª edición: 1950), vol. 1, p. 136.
(2) Hostil, se hai que xulgar polas «Lettres parisiennes» que aparecían regularmente, na época, no cotidiano de Nantes Le Phare e recollidas (en parte) por John Alden Green na segunda parte dun volume de textos de Schwob titulado Chroniques (Droz, 1981). Aínda que se poidan ter algunha reservas sobre a argumentación que xustifica a atribución da totalidade destas «Lettres» non asinadas a Schwob (Chroniques, p. 85-88). É en verdade completamente arbitrario que Léon Daudet, do que era sen dúbida o seu único amigo xudeu, o mencione no contexto do que chama a «moda» anarquista (L’Entre-deux guerres, 1932, p. 25)?
(3) René Ghil, Les dates et les oeuvres, 1923, p. 143. O «Proceso dos Trece» desenvolveuse en 1894, despois do asasinato do Presidente da República Sadi Carnot e da promulgación da lei do 28 de xullo sobre a represión das intrigas anarquistas (a última das tres leis anti-anarquistas que a posteridade ía recordar baixo a denominación de «leis canallas»). Diversos escritores, entre eles Fénéon, foron acusados de participación nunha «asociación de delincuentes». Acabaron por seren todos absolvidos e, máis aínda que o asesinato de Carnot, é o Proceso dos Trinta que sinala verdadeiramente o fin da «era dos atentados».
(4) En particular en L’Endehors, de Zo d’Axa. O que non quere dicir, con todo, que haxa que consideralos como anarquistas convencidos. As preferencias de Verhaeren, por exemplo, ían sen dúbida a un socialismo máis clásico, que reflexa a orientación da revista belga da que o autor de Les Villages illusoires se sentía máis próximo, La Société Nouvelle (aínda que esta non dubidaba en publicar textos anarquistas, por exemplo de Kropotkin).
(5) Ernest Raynaud, La melée symboliste (1870-1910). Portraits et souvenirs (1918-1922), 1971, p. 176.
(6) Ver (entre outros), Jacques Monferier, «Symbolisme et anarchie», Revue d’Historie littéraire de la France, abril-xuño 1965; Pierre Aubery, «L’anarchisme des littérateurs au temps du simbolisme», Le Mouvement social 69, decembro 1969; Eric J. Hobsbawm, «Socialism and the avantgarde in the period of the Second International», Le Mouvement Social 11, xuño 1980.
(7) Ver, por exemplo, Gilbert Gadoffre, «Mallarmé anarchiste», Western Canadian Studies in Modern Languages and Literatures, 1, 1969; Paula Gilbert Lewis, «Stéphane Mallarmé: Literature As Social Action», Romance Notes, outono 1976; así como –nun rexistro diferente, por suposto– Julia Kristeva no seu seminal Révolution du langage poétique (Seuil, 1974), en particular o parágrafo titulado «L’écrivain-anarchiste prudent», no capítulo «L’anarchisme politique ou autre»). Alén dos traballos especificamente consagrados a Mallarmé, a tese aparece máis ou menos claramente nun gran número de textos –de historia literaria, de lembranzas– en que se abordan as relacións entre anarquismo e vida literaria no fin do século XIX. É igualmente verdade para os historiadores non literarios, que mencionan regularmente a Mallarmé como un poeta entre moitos outros atraídos polo anarquismo. Ex.: «Literary anarchism enjoyed a vogue among the Symbolists, like Mallarmé and Paul Valéry» (sic); Barbara Tuchman, The Proud Tower: A portrait of the World Before the War, 1890-1914, New York, 1967, p. 89).
(8) Mallarmé deu unha curta entrevista que apareceu no seo do artigo do xornal Le Soir relatando a detención do crítico («Les anarchistes. Arrestation d’un employé du ministére de la guerre», 27 de maio de 1894).
(9) «Entretien sur l’anarchie. Chez M. Lecomte de Lisle», Le Figaro, 23 de abril de 1892.
(10) Sobre o cal escribiu, en febreiro de 1893 (no semanario inglés The National Observer), un artigo titulado «Faits-Divers», do que, a continuación, tirou un texto moito máis curto (e máis elíptico) «Or», un dos nove Grands Faits Divers incluídos nas Divagations.
(11) Este, como se sabe, aparece en «Conflit» (aparecido primeiro en La Revue Blanche do 1 de agosto de 1895, logo en Poémes en prose, sempre en Divagations) e en «Confrontation», outro dos Grands Faits Divers (aparecido inicialmente co título «Cas de Conscience» en La Revue Blanche de outubro de 1895).
(12) C. Mauclair, Servitude et grandeur littéraires, París, 1922, p. 116.
(13) H. Modor, La Vie de Mallarmé, París, 1941, p. 670. A entrevista de Le Soir, xa citada, implica a afirmación seguinte: «Fálase, di vostede, de detonadores. Certamente, non había, para Fénéon, mellores detonadores que os seus artigos. Non penso que se poida servir dunha arma máis eficaz que a literatura».
(14) Mallarmé, Oeuvres Complétes, París, Gallimard, Bibliothèque de la Pléiade, 1948, p. 643-644.
(15) Anne-Catherine Aubert deu unha análise polo miúdo deste texto no seu artigo «Mallarmé et la bombe», Romantisme, primavera de 1995.
(16) No xornal anarquista Le Révolté, 18 de outubro de 1879.
(17) A dicir verdade, a cuestión se formula desde o vector lóxico desta necesidade. Non se podería invertela e postular a hipocrisía da inevitabilidade dunha visión anarquista do mundo nunha modernidade da que un dos fundamentos epistemolóxicos, a dimensión denotativa das palabras, entra en crise? Basta, en todo caso, para o meu argumento, que se acepte a idea dunha correlación entre os dous desenvolvementos, o que concirne á política é o que afecta á linguaxe.
(18) Sexa dito de paso, este é exactamente o termo utilizado polo propio Austin («nonsense»: o filósofo xoga aquí coa significación común da palabra inglesa, «absurdo»), desde o inicio de Quand dire, c’est faire (1962, 1972 para a tradución francesa; o título orixinal é How To Do Things With Words), para designar os enunciados que a filosofía tradicional da linguaxe, ao non concibir estes máis que baixo a forma de afirmacións, caracterizaba como «pseudo-afirmacións», de feito, precisamente, que non semellan afirmar nada.
(19) A carta, publicada o 3 de marzo de 1893 (a condena databa do 26 de febreiro), comportaba cento trinta firmas.
(20) «Entretiens sur l’anarchie: chez Émile Zola», Le Figaro, 25 de abril de 1892.
(21) Camille Mauclair, «Sensibilité du scéptique. À propos de Maurice Barrès», Mercure de France, decembro 1894, p. 361. A contrario, por exemplo, de «Bernard Vital», de Georges Eekoud, en que o relato termina coa explosión dunha bomba (no «Palacio lexislativo»: o texto, que forma parte do volume Le cycle patibulaire, aparecido en 1896, está evidentemente inspirado polo atentado de Vaillant): é que aquí tampouco hai ningunha relación propiamente narrativa (trátase mais ben de psicoloxía) entre a bomba final e o relato que precede.
(22) Para informacións puramente factuais sobre o tema anarquista na literatura inglesa da época, consultarase «Anarchism and Fiction», de Graham Holdemess, in Guslav Klaus, ed., The Rise of Socialism fiction 1880-1914, Sussex e New York, 1982; Terrorism in the Late Victorian Novel, de Barbara Melchiori, Londres,1895, e «A traitor to is class: The anarchist in British fiction», de Haya Shpayer-Makov, Journal of European Studies, vol. 26, nº 103, 3 de setembro de 1996. Non coñezo equivalente para a produción americana ou noutras linguas.
(23) Reforzando así, polo demais, o «privilexio» francés na mitoloxía que rodea a violencia chamada «anarquista» da época (o atentado do Observatorio foi, polo demais, o único en Londres en ser asociado ao anarquismo). O propio Conrad ía sutilmente reproducir o estereotipo á vez na ascendencia francesa de Verloc, o «axente secreto» da novela, e na, máis dubidosa, de Stevie, a vítima. Mais non foi o único: París xoga un papel central en Un home chamado Xoves e mesmo A Princesa de Casamassima comporta elementos «franceses» importantes.
(24) Citado por Le Figaro do 6 de xaneiro de 1894.
(25) A afirmación esta tirada do artigo «Les pouvoirs publiques et la champagne terroriste moyen-orientale: France 1986»,de J.-L. Duclos, na revista Études poléomologiques, nº 49, 1989, p. 75. Mais é representativa de moitos outros.
(26) E a simetría, aquí, non pode impresionar, mesmo se a converxencia semántica destas dúas ocorrencias do termo «representación» apela a unha xustificación que non ten o seu lugar aquí.
(27) «Para que serve a marabilla de transportar un feito de natureza na súa case desaparición vibratoria segundo o xogo da palabra, no entanto, se non é para que emane, sen a molestia dunha próxima ou concreta advertencia, a noción pura» (Mallarmé, «Crise de vers»).
(28) É en todo caso unha tese que desenvolvo en detalle na miña obra Fictions de l’anarchisme, a aparecer en outono de 1999 na editorial Christian Bourgois. (deste libro existe versión española: Ficciones del anarquismo, México, F. C. E., 2004, ndt.)

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *