Entrevista ao escritor galego Henrique Rabuñal

Entrevista ao escritor galego Henrique Rabuñal

0 comentários 🕔11:30, 11.Fev 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Henrique Rabuñal: Vexo que as preguntas que aquí se formulan son moi complexas. Para moitas delas acumulo algunha reflexión mesturada con moitas incertezas, dúbidas e bastante ignorancia. Digo isto para encaixar as miñas afirmacións.

A literatura así en abstracto e non referida a ningún tempo, a ningún espazo e a ningún xénero é unha parte da experiencia humana conformada nunha montaña infinita de textos. Tal coma un milladoiro nos que os humanos depositamos desde tempos inmemoriais palabras, palabras e máis palabras. É unha montaña que pesa para quen escribe e na que podemos achar o mellor e o peor, o éxito e o fracaso, a excelencia e a vulgaridade. A literatura contén a crónica do que somos, coloca os conflitos que nos alteran e que nos aterran, explica a visión do mundo das autoras e autores, é espello de nacións e culturas, achega as vibracións máis íntimas de quen a constrúe, é unha rede moi poderosa que cose e que borda a alma da humanidade organizada en linguas, en formas, en códigos, en ciclos, en xéneros, en autores e autoras…

Para min a literatura é un camiño para expresarme e contarme en palabras, e dicir do mundo a miña versión. Unha maneira de pensar e de comunicar sensacións, ideas ou experiencias.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária?

- Henrique Rabuñal: Hai unha primeira luz que se acende. Unha chamada. Algo que te reclama con tanta forza que orixina o texto en fase embrionaria. Dese embrión hai que tirar con forza e pórse a un labor artesanal coma quen amasa o barro, esculpe a madeira ou cociña unha caldeirada. Cada chamada pode desembocar nun texto. Ou non. Hai moitos textos que querían nacer e non nacen e outros que ao nacer parecen mozos feitos e dereitos. A creación ten esas dúas fases: a do traballo e a do lóstrego inicial.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens nesta linha?

- Henrique Rabuñal: Cada vez máis vexo que esas relacións son máis intensas porque hai moitas interseccións, moitas confluencias. A música e a literatura teñen selos de fraternidade desde sempre e non deixaron de telos na época contemporánea. O cinema é como a casa das artes porque nel coinciden todas con porcentaxes variábeis. A palabra no cinema é moi importante. Teño traballado nalgún guión para traballos audiovisuais e resultou unha experiencia moi estimulante. As palabras daquela adquiren outra dimensión diferente á que tiñan cando eran palabras núas e espidas. Entón son palabras faladas, escoitadas, postas nun contexto que é moi difícil de controlar.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes -num sentido amplo-?

- Henrique Rabuñal: Para isto son moi de andar pola casa porque na cultura galega tiven o enorme privilexio de ter contactos con grandes figuras das letras galegas que o foron tamén da nosa cultura e do noso país no seu conxunto. Por me referir a persoas que xa non están connosco querería lembrar a Carvalho Calero, a Marinhas del Valle, a Avilés de Taramancos, a Uxío Novoneyra, a Manuel María, a Vidal Bolaño, a Luísa Villalta, a Pepe Ferreiro, a Neira Vilas pero tamén podería citar a persoas próximas a nós como Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Méndez Ferrín, Xesús Pisón, Fernández Paz, Xosé Miranda, Pepe Cáccamo, Xavier Seoane, Fernán Vello, Manolo Rivas, Riveiro Coello, Pilar Pallarés, Miguel Sande e a lista sería interminábel. Eu crieime nunha cultura galega na que existía unha sensación de fraternidade, sabedores de que estamos todos nun barco no que coa literatura viaxan máis cousas. Vai a nación, o país que somos, a xente de noso. Pero que ninguén pense que na literatura galega o compromiso afogou a arte porque tivemos e temos grandísimos escritores e escritoras que poden pórse ao carón dos mellores autores de calquera literatura do mundo. Hoxe é algo que fóra de Galicia se recoñece moito. En Europa fican abraiados ao comprobar que un país de menos de 3 millóns de persoas cunha lingua moi pouco promovida institucionalmente é capaz de producir unha literatura de tan alta calidade.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Henrique Rabuñal: Aínda no caso menos evidente estimo que as obras literarias non poden entenderse fóra da sociedade porque serían incomprensíbeis. O teatro de Vidal Bolaño explica máis a sociedade galega que eruditos volumes de socioloxía, antropoloxía e politoloxía. A obra poética de Luísa Villalta sobre A Coruña é o mellor manual para adentrarse na súa identidade e na súa evolución. Na narrativa de Manolo Rivas cabe con riquísimos matices a historia contemporánea galega.

Camiños estéticos hai moitos, moi diversos e todos eles de entrada lexítimos. Hai poesía social dunha fermosura extrema e hai poesía culturalista que é pura exhibición. Hai novela negra que parece fotocopia do xa lido e sabido e outra que é alta e pura literatura. Hai teatro do absurdo que se entende mellor que o insubstancial teatro burgués. Na literatura, estratexias e camiños que parecían abandonados reaparecen, por veces ciclicamente. Sexa cal for o camiño estético só hai dúas grandes categorías de literatura: a boa e a mala, e da primeira felizmente hai moitísimos testemuños na literatura galega actual.

- Palavra Comum: Como vês a literatura galega hoje?

- Henrique Rabuñal: Nas últimas décadas a produción foi tan grande que non é doado posuír unha visión de conxunto. Temos unha literatura infantil e xuvenil das mellores do mundo. Temos unha narrativa diversificada con grandes arquitectos de novelas e relatos, con grandes estilistas e con pesos pesados en todos os xéneros. Hai unha ducia de poetas de obra moi consolidada que algún día recoñeceremos como clásicos. No campo do teatro, tan particular, tamén hai autores e autoras moi pegados á escena e outros e outras máis libérrimos. Por non falar das múltiplas achegas no ensaio en todas as temáticas, do xornalismo e da moita e boa literatura galega que se espalla e que viaxa pola rede electrónica. Hai boa tradición, excelente literatura, poderosa canteira e futuro, moito futuro.

- Palavra Comum: Qual é a tua visão sobre a língua galega (e das suas relações com a Galeguia/Lusofonia)?

- Henrique Rabuñal: A lusofonía é o marco propio no que o galego debe interactuar. A súa casa. O seu ambiente. Creo que ninguén o discute como tampouco se discuten as inmensas posibilidades de facilitar a comunicación con millóns de persoas e co país central da lusofonía como é o Brasil. Outra cousa é que desde os comezos da autonomía non se tomaron decisións nesta dirección. Se cadra porque non se tomaron moitas decisións exitosas en materia de normalización do galego. A miña visión do galego non é optimista. Pero é unha situación reversíbel. Os mozos e mozas, os nenos e nenas viven moi afastados do galego e en pouco tempo o galego pode perder a posición de privilexio que sempre tivo como lingua máis falada e usada pola poboación. Os medios de comunicación con máis influencia teñen relegado o galego a unha situación moi marxinal e minoritaria. O actual goberno galego tomou decisións na peor dirección, como recoñecen mesmo as instancias europeas. Houbo quen inventou a falacia da imposición que fixo dano. Pero esta guerra non está perdida. Se hai en andamento unha rebelión a favor das persoas e do ben común –e haina en moitas cidades do estado e do mundo- unha parte desa rebelión pasa por actuar na normalización efectiva, transversal e amical da lingua. Precisamos urxentemente un novo goberno, unha nova maioría no parlamento e unha nova Lei de Normalización que comprometa a todos os partidos e ao conxunto da sociedade. Se non facemos nada de maneira inminente o galego acabará convertido nunha lingua litúrxica, excepcional, pero non será a lingua do día a día.

- Palavra Comum: Trabalhas no ensino. Qual é a sua situação e que modelos achas interessantes para serem aplicados?

- Henrique Rabuñal: O ensino público está vivindo unha degradación moi preocupante que afecta ao corazón do sistema. A Lei Wert é unha ameaza e un perigo. As reducións de medios humanos e materiais dificultan un ensino de calidade e non se atende a diversidade. O profesorado está desmotivado e nunha porcentaxe considerábel xa claudicou porque se ve incapaz de cumprir algunhas das súas funcións. É moi difícil ensinar en aulas masificadas con moitos rapaces que non teñen ningún interese por aprender. Aliméntase unha imaxe do profesorado como unha profesión de vagos que nin saben aturar aos alumnos. As condicións laborais dos traballadores do ensino, e non só en cuestións salariais, son cada vez peores. Córrese o risco de seguir alimentando con diñeiro público os centros semiprivados ou concertados aos que sen embargo non chega o alumnado que si recibimos nos centros públicos. Esta transferencia de cartos e medios é unha mutilación moi perigosa para a educación pública que pode ter consecuencias funestas. Os equipos directivos da consellaría e os conselleiros non parecen as persoas idóneas para reverter esta situación, senón para facela cíclica.

- Palavra Comum: Fala-nos de como seria -e que pode existir dela já agora- da tua Galiza imaginária…

- Henrique Rabuñal: A miña Galiza ideal sería aquela co maior grao de soberanía e de autogoberno esixido pola xente, revisando as condicións de pertenza ao estado, pondo as institucións e os orzamentos públicos ao servizo da cidadanía, desenvolvendo outro modelo económico e social baseado na solidariedade, na xustiza social, na protección efectiva dos dereitos básicos ao traballo e á vivenda, apostando por esa normalización plena do galego, vivindo harmonicamente coas outras nacións do estado, da península e do mundo. Unha Galiza máis harmonizada entre os territorios atlánticos e os do interior, cunha política demográfica de urxente aplicación e unha Galiza que coidase a pluralidade dos seus sectores produtivos desde o agro á industria, desde a pesca ás novas tecnoloxías. Investindo en I+D+I, comprometéndose ambientalmente, actuando en clave de país en materia de infraestruturas, comunicacións ou universidades e priorizando os servizos e as pensións públicas. Atendendo debidamente a xente que vive en condicións máis precarias ou claramente na exclusión social. A constitución de 1978 creo que está definitivamente morta e máis cedo ca tarde haberá que actualizala pondo sobre a mesa todos os asuntos desde a forma de estado até os acordos co Vaticano, desde os dereitos nacionais até a protección efectiva deses dereitos básicos. Tamén a construción europea me parece errática. Parece servir máis que para protexer á cidadanía para amparar intereses contrarios a ese ben común. Esa Galiza ideal, como se ve, está moi lonxe da actual.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Henrique Rabuñal: Agora mesmo teño varios libros totalmente acabados que agardo publicar nos próximos meses. Pero no computador e nos moitos cadernos que teño xa nacen outros proxectos, outros lóstregos. A ver se temos forza para desenvolvelos.

NOTA: a fotografia do autor é de Xurxo Lobato.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *