<em>Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX</em> (VII), terceira parte, textos de Stéphane Mallarmé

Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX (VII), terceira parte, textos de Stéphane Mallarmé

0 comentários 🕔12:30, 18.Fev 2016

TEXTOS DE STÉPHANE MALLARMÉ CITADOS NOS TRABALLOS

ACUSACIÓN

A inxuria tatexa, nos xornais, carente de audacia: unha sospeita presta a despuntar, por que a reticencia? Os enxeños, cuxa fractura ilumina os parlamentos cun resplandor sumario, mais estraga até provocar unha gran compaixón, dos bobos, interesaríame neles, en razón do resplandor –sen a brevidade do seu ensino que permite ao lexislador alegar unha incomprensión definitiva; recuso a adición de balas e de cravos. É unha advertencia; e incriminar todo dano a isto: que existan escritores á marxe, ou non, polo verso libre, cativo, sobre todo polo enxeño. Eles resérvanse, de preto ou de lonxe, como para algunha ocasión, ofenden as crónicas xornalísticas: que agachan?, sempre lanzan así o descrédito, menos que unha bomba, sobre o que mellor, indiscutibelmente e con grandes custos, subministra unha maiúscula como redacción corrente ás súas apoteoses: coa condición de que non lles decrete a última palabra, nin a primeira, respecto a certos resplandores, que tamén pode tirar de si mesmo o pensamento. Desexaría que se mantivese un aviso até que renuncia a insinuación; a proclamar, benéfico, o casto retiro de algúns. Importa que en toda concorrencia da multitude algunha vai cara ao interese, o divertimento, ou a comodidade, raros afeccionados, respectuosos do motivo común como forma de mostrar a indiferenza, institúan por tal característica, unha minoría; tendo en conta, calquera que for a diverxencia que afonde o conflito furioso dos cidadáns, todos, baixo a ollada soberana, forman unha unanimidade –de acordo, cando menos, que o propósito polo que nos devoramos mutuamente, conta: ora, formulada a necesidade de excepción, como o sal!, a verdadeira que, indefectibelmente, funciona, xace nesta morada de certos espíritos, non seo, na súa loanza, como designalos, gratuítos, estraños, talvez vans –ou literarios.

***

CONFRONTACIÓN

A mañá, cansa de verán, antes de que todo cegue, conduce cara aos prados para perder neles o insomnio. A xornada, para cadaquén, comezou cara a eses montóns de herba seca, o bosque, un arroio; o paseo obstrúese inevitabelmente e a suor sobrevive ao orballo. Mesma ollada do mesmo home esmirrado ou musculoso, quebrado polo traballo. Inquisidor Que ves facer aquí? Animadversión e desdén; xustos en quen padece, respecto a un improdutivo achegamento, invítoos a restabelecer, baixo o ceo, a equidade –verdadeiramente perplexo por aparecer sobre un curuto, próximo ao burato cavado por alguén desde a alba.

Opor rapidamente unha fórmula, nada máis que algo próximo e breve, a esta interrogación visual tal como se fixa sobre min ou que o obreiro a traballo feito non poida, se discutimos, negar. «Tira unha carretada de terra, para baleirala algo máis lonxe, xa produciu e refacer o inverso implica novo traballo, remunerado».

A terra, no pacto, previu que ningunha forza subministrada, mesmo en aquiescencia cunha contraorde, fose inútil.

Aquel, onde queira que se abre na súa fosa presente, renace –

Bendicido pola seguridade do esforzo.

Outro, que quero encarnar, sería, cuxo traballo non vale no detalle porque, talvez, se acepta con dúbida. A páxina, recentemente escrita, vai esvaecerse segundo –non o envexes, camarada– que en min un patrón rexeite a obra, cando a clientela non ve nela ningunha eiva.

Aniquilar un día da vida ou morrer un pouco, sabéndoos, que berros lanzarías: aínda que semellante vaticinio, en nome de certa superioridade, te interrompa, a miúdo da tarefa, bébedo como unha cuba.

Vestixio de sacrificio, o risco cubre o desinterese.

Perentorio, certo e inmediato, isto –que aclara tamén o meu caso: os inspirados corremos de máis cara a algúns dons, que toma tempo dominar, primordialmente para coñecer o principio social, dunha vocación. De repente un sorpréndese, de volta á madurez, a comprensión do señor que é preciso indicar pola aparencia.

O ouro golpea, agora, perpendicularmente, sobre a raza; ou, como se a súa antiga panca rexeitase a dúbida, entre os homes, dun poder impersoal supremo, máis ben que o seu promedio cego, describe a súa traxectoria cara á omnipotencia –fulgor, o único, retardado por un mediodía imperturbábel.

Engadide –paga ao contado, lealmente, a quen, en razón da brutal claridade vencido ao instante, se declara súbdito.

Como se impón con miras a outro tipo de honra, cuxa luz arroxada polo metal sexa, máis ben, o resplandor –a menos, que, un personaxe, illadamente, discuta, demande as razóns; foxe, até o límite do seu alcance, para saber se o raio o acompaña. O experimentador, ao seu propio risco, entón, instala a autenticidade: que facer, neste caso ou cando se suprime unha multitude intermediaria, directamente del ao deus, só forzalo a recoñecer o pensamento, esencia, polo residuo, moeda –todos, logo, procederán, sen vergoña baixo a lei referendada dunha rúbrica privada.

Esta función –

A quen –

Agás que a descubra, a funde e a usurpe un cidadán, retardando a proba até a súa fame eventual.

O Poeta, ou literato puro, talento á parte, ocupa o emprego.

Mañá favorábel –a pesar da noite sen desaparición nin un enlace co compañeiro latente que, en min, realiza o existir, aquí a manobra medio oculta móstrao: abandonareino ao saúdo maquinal inflixido polo impulso e o choque da ferramenta, incesantemente, cara á Suma na que brilla o horizonte? A miña ollada limpamente apoiada sobre a súa, confirma, para o humilde crente nesta riqueza, unha deferencia, oh!, que un aperto de mans se adiviña alí mudo –xa que o mellor que acontece entre dúas persoas, sempre, se lles escapa, en tanto que interlocutores.

A expresión, probabelmente, atinxe á literatura –

Por que non redactala, ao retorno, cursiva proba ulterior que un día de intenso sol, talvez, percibín, na diferenza que a separa do traballador, a actitude, excepcional, confiada ao letrado.

Unha elegancia, a derradeira, refórzase aínda coa única valentía, ou ante o diñeiro, persiste, igual que a flor humana de a-presente, anonimamente, de realeza.

Non protestar, testemuñando o contrario.

Se o voso desprezo se limitase a converter en procedementos cotiáns un artificio que, tirado da palabra, finalmente, pode relegala; velaí, aparentemente, a prensa, interesante –

Mentres suspiro, xa non máis, exhalando como nunha cura, ao lonxe, de silencio, o meu estupor que o uso conduce a un nivel de quefacer, seguro, a situación preparada expresamente, para xogarse o todo polo todo. Que singularidade, a de se enganar alá, precisamente, onde –intuición menor, por certo, que o despregue do fasto do espírito, preservaba de facelo. Non se brinda unha carreira ás letras, mais úsase a palabra á maneira de líricos celebrando o percorrido do astro até a súa altura acostumada –que, axiña, vai tocar– ascensión non avance. Este oficio carece, por diversos motivos, dos que un, a rareza do xenio a través da existencia e, por conseguinte, certa obriga de recheo para suplilo, como alongar as liñas dun folletín. Quen soña ten as mans simples e o compromiso aceptábel por todas as partes, aquí captar o eloxio, precioso, inopinadamente precioso –falando claro ordenar facer a propaganda ou que se pretenda unha medalla, contra o que queda ben defenderse, solicitando a súa condecoración, esas nadas, incluso impor á súa industria un rendemento desmedido, para un heroe que é preciso ser e cando o caso comporta un desafío, toman un aspecto, de contado, inconsistente e falso. Sobre todo un que se consagrou orixinalmente a un milagre que preludiaba coa inspiración, cumprido coa formación, nos arredores, dunha elite –

Ningunha venda e que ninguén trafique, coa alma ou, senón, non comprende.

A puñada indispensábel do metal común sérvelle, profesionalmente, antes de que pense en vivir del, para realizar o seu papel, ou experimentan a intelixencia do ouro.

Ningún sentido, por conseguinte, de facer trampas e introducir o toque que, máis ben, continúa a ser a caricia estatuaria creadora na idea.

***

CRISE DE VERSO

Hai un momento, con xesto de abandono, coa lasitude que causa o mal tempo desesperando un serán tras outro, deixei caer, sen ningunha curiosidade aínda que lle parece ter lido todo hai vinte anos, o floco de perlas multicolores que alisa a choiva, aínda, no tornasol das encadernacións na biblioteca. Máis dunha obra, baixo o abelorio da cortina, aliñara a súa propia escintilación: amo, como no ceo maduro, contra o cristal, seguir os resplandores dunha tormenta.

A nosa fase, recente, se non se termina, detense ou talvez toma conciencia: certa atención libera a creadora e relativamente segura vontade.

Incluso a prensa, cuxa información require vinte anos, ocúpase do tema, de repente, con data exacta.

A literatura padece aquí unha exquisita crise, fundamental.

Quen concede a esta función un lugar ou o primeiro, recoñece, nesta, o feito de actualidade: asístese, como ao final dun século, mais non como no último, a trastornos; mais fóra da praza pública, a unha inquietude do veo no templo con pregas significativas e un pouco á súa rachadura.

Un lector francés, interrompidos os seus hábitos coa morte de Victor Hugo, non pode máis que desconcertarse. Hugo, no seu misterioso labor, rebaixou toda a prosa, filosofía, elocuencia, historia, ao verso, e, como el era o verso en persoa, confiscou en quen pensa, discorre ou narra, case o dereito a se expresar. Monumento neste deserto, co silencio ao lonxe; nunha cripta, a divindade así dunha maxestosa idea inconsciente, a saber, que a forma chamada verso é simplemente ela mesma a literatura; que hai verso tan pronto como se acentúa a dicción, ritmo desde que hai estilo. O verso, acho, esperou con respecto a que faltara o xigante que o identificaba coa súa man teimuda e cada vez máis firme de ferreiro; e por el, rompérase. Toda a lingua, axustada á métrica, a recuperar nela os seus acentos vitais, evádese, segundo unha libre disxunción, nos mil elementos simples; e, indicaría, e non sen semellanza coa multiplicidade dos clamores dunha orquestración, que continúa a ser verbal.

A variación data de entón: aínda que subterraneamente e de forma anticipada inopinadamente foi preparada por Verlaine, tan fluído, que retornou aos primitivos soletreos.

Testemuña desta aventura, na que se me outorgou un papel máis eficaz do que conviría a ninguén, encamiñei cara a ela, cando menos, o meu fervente interese; e xa é tempo de dicilo, preferibelmente a distancia, que foi case anónimo.

Concedede que a poesía francesa, en razón da primacía no encantamento outorgado á rima, durante a súa evolución até nós, se afirma intermitente: brilla un lapso; esgótao e espera. Extinción, usura máis ben en mostrar a trama, repeticións. A necesidade de poetizar, por oposición a variadas circunstancias, fai, agora, despois duns orxiásticos excesos periódicos de case un século comparábel ao único Renacemento, ou á quenda que se impón da sombra e do arrefriamento, non do todo!, que a escintilación retarde, continúe: o novo tempero, de ordinario oculto, exércese publicamente, por medio do recurso a deliciosas aproximacións.

Creo elixir, baixo un triplo aspecto, o tratamento achegado ao canon hierático do verso; graduándoo.

Esta prosodia, regras tan breves, intratábel por conseguinte: notifica tal acto de prudencia, como hemistiquio, e determina o menor esforzo para simular a versificación, á maneira dos códigos segundo os cales absterse de roubar é a condición, por exemplo, de rectitude. Xusto o que non importa aprender; como non adiviñalo por si mesmo e desde o inicio; estabelece a inutilidade de se obrigar a iso.

Os fieis ao alexandrino, o noso hexámetro, afrouxan interiormente o mecanismo ríxido e pueril da súa medida; o oído, liberado dun contador facticio, experimenta un gozo ao discernir, por si mesmo, todas as combinacións posíbeis, entre eles, de doce timbres (1).

Xulgade o gusto moi moderno.

Un caso, de maneira ningunha o menos curioso, intermedio; –é o seguinte.

O poeta de tacto agudo que considera sempre o alexandrino como a xoia definitiva, mais para brotar, como a espada ou a flor, só raramente e segundo algún motivo premeditado, tánxeo como pudicamente ou móvese ao seu redor, dispénsalle acordes contiguos, antes de entregalo soberbio e un: ao deixar desfalecer a súa execución contra a undécima silaba ou propagarse até a decimoterceira moitas veces. Henri de Régnier sobresae nestes acompañamentos, da súa invención, seino, discreta e altiva como o xenio que instaurou e reveladora da perturbación transitoria nos executantes diante do instrumento hereditario. Outra cousa ou simplemente o contrario, denuncia un motín, expresamente, no baleiro do vello molde fatigado, cando Jules Laforgue, coa súa aparición, nos iniciou no feitizo certo do verso falso.

Até o presente, ou nun e noutro dos modelos precitados, nada, só reserva e abandono, por mor da fatiga por abuso da cadencia nacional; cuxo emprego, como o da bandeira, debería ser sempre excepcional. Con esta particularidade no entanto divertida, que infraccións voluntarias ou sabias disonancias apelen á nosa delicadeza, no canto de que fose, hai apenas quince anos, o pedante que continuariamos a ser, exasperado, como ante algún sacrílego ignaro! Diría que a reminiscencia do verso estrito axexa a carón destes xogos e lles confire un beneficio.

Toda a novidade instálase, respecto ao verso libre, non como o século XVII o atribuía á fábula ou á ópera (que non era máis que un arranxo, sen a estrofa, de diversos metros coñecidos) mais, nomeémolo, como convén, «polimorfo»: e consideremos agora a disolución do número oficial, no que se quere, até o infinito, con tal de que con iso se reitere un gozo. Ora unha eufonía fragmentada segundo o asentimento do lector intuitivo, cunha inxenua e primorosa precisión –non hai moito Moréas; ou ben un xesto, lánguido, de soño, sobresaltando, de paixón, que escande –Viéle-Griffin; previamente, Khan cunha moi sabia notación do valor tonal das palabras. Só dou nomes, existen outros típicos, os de Charles Morice, Verhaeren, Dujardin, Mockel e todos os outros, como proba das miñas afirmacións; co fin de que se acuda ás publicacións.

O notábel é que, por vez primeira, no curso da historia literaria dun pobo, conxuntamente cos grandes órganos xerais e seculares, en que se exalta, segundo un latente teclado, a ortodoxia, calquera coa súa execución e o seu oído individuais pódese compor un instrumento, en canto se sopre, fregue ou golpee con coñecemento; para usalo para si mesmo e dedicalo tamén á Lingua.

Unha grande liberdade adquirida, a máis nova: non vexo, e esta continúa a ser a miña máis intensa opinión, eliminación de nada que fora belo no pasado, continúa convencido de que nas principais ocasións se obedecerá sempre á tradición solemne, cuxa preponderancia provén do xenio clásico: soamente, cando non haxa motivo, a causa dun sentimental arrouto ou por un relato, de perturbar os ecos venerábeis, se coidará de facelo. Toda alma é unha melodía, que se trata de enlazar; e para isto, están a frauta ou a viola de cadaquén.

Ao meu parecer, tarde brotou unha condición verdadeira ou a posibilidade, non só de se expresar, senón de se modular, a vontade.

As linguas imperfectas son moitas, falta a suprema: pensar ao estar escribir sen accesorios, nin rumores senón tácita aínda a inmortal palabra, a diversidade, na terra, dos idiomas impide a calquera preferir as palabras que, doutra forma, acharían por medio dun único e mesmo cuño, materialmente a verdade. Esta prohibición causa estragos, aposta, na natureza (contra ela tropezamos cun sorriso) que non hai razón que valla para non considerarse Deus; mais, neste intre, virado cara á estética, o meu sentido lamenta que o discurso falle ao expresar os obxectos mediante toques que e responden en colorido ou en actitude, que existen no instrumento da voz, entre as linguaxe e ás veces nun mesmo. A carón de sombra, opaca, tebras escurécese un pouco; que decepción, diante da perversidade que confire tanto a día como a noite, contraditoriamente, timbres, escuro aquí, alá claro. O anhelo dun termo de esplendor brillante, ou que, á inversa, se apague; en canto ás alternativas luminosas simples –Soamente, sabemos que non existiría o verso: el, filosoficamente, remunera o defecto das linguas, completamente superior.

Estraño arcano; e, con intencións non menores, brotou a métrica nos tempos incubatorios.

Que unha mediana extensión de palabras, baixo a comprensión da ollada, se ordene en trazos definitivos, co cal, o silencio.

Se, no caso francés, invención privada, non excede o legado prosódico, no entanto, o descontento estouparía, que un cantante non soubese á marxe e ao capricho do seu andar na infinidade de floriñas, por todas as partes en que a súa voz encontre unha notación, coller… A tentativa, hai un intre, tivo lugar e, á parte das investigacións eruditas aínda en tal sentido, acentuación, etc., anunciadas, se que un xogo, sedutor, se realiza cos fragmentos recoñecíbeis do antigo verso, para eludilos ou descubrilos, máis ben que un repentino achado, completamente estraño. O tempo que dura afrouxar as asercións e reprimir o celo, foi o de deformar a escola. Moi preciosamente: mais, desta liberación a calcular algo máis ou, en serio, que todo individuo achegue unha prosodia, nova, a participar do seu alento –tamén, por certo, unha ortografía– a broma rí fortemente ou inspira a argallada dos prologuistas. Similitude entre os versos, e vellas proporcións, perdurará unha regularidade porque o acto poético consiste en ver de repente que unha idea se fracciona nun número de motivos iguais por valor e a agrupalos; riman: por selo exterior, a súa medida común que vincula o golpe final.

No tratamento, tan interesante, de repouso e de interregno, sufrido pola versificación, xace, menos que nas nosas virxes circunstancias mentais, a crise.

Oír o raio indiscutíbel –como uns trazos douran e desgarran un meandro de melodías: ou a Música únese ao Verso para formar, despois de Wagner, a Poesía.

Non é que un ou outro elemento se desvíe, con vantaxe, cara a unha integridade separada que trunfa, en tanto que concerto mudo se non se articula co poema, enunciador: pola súa comunidade e novo tempero, ilumina a instrumentacións até a evidencia baixo o veo, como a elocución descende na noite das sonoridades. O moderno dos meteoros, a sinfonía, ao gusto ou sen que o saiba da músico, achega o pensamento; que non se reclama xa unicamente da expresión corrente.

Algunha explosión do Misterio en todos os ceos da súa impersoal magnificencia, onde a orquestra non podía deixar de influenciar o antigo esforzo que longo tempo pretendeu traducir pola única boca da súa raza.

Duplo indicio consecuente –

Decadente, Mística, as Escolas decláranse ou son precipitadamente etiquetadas pola nosa prensa informativa, adoptan, como encontro, o punto dun Idealismo que (semellante ás fugas, ás sonatas) rexeita os materiais naturais e, como brutal, un pensamento exacto á ordenalas: para non gardar máis que a suxestión. Instituír unha relación entre as imaxes exacta, e que deita dela un terceiro aspecto fusíbel e claro presentado á adiviñación… Abolida a pretensión, esteticamente un erro, aínda que rexera as obras mestras, de incluír no papel sutil do volume algo diferente que, por exemplo, o horror da selva, ou o trono mudo espallado na follaxe; non a madeira intrínseca e densas das árbores. Algúns chorros do íntimo orgullo verazmente pregoados espertan a arquitectura do palacio, o único habitábel; fóra de toda pedra, sobre a cal as páxinas se cerrarían mal.

«Os monumentos, o mar, o rostro humano, na súa plenitude, nativos, a conservar unha virtude atraente dunha forma distinta que non velará unha descrición, evocación, podería dicirse, alusión, xa o sei, suxestión: esta terminoloxía un pouco ao azar testemuña unha tendencia, moi decisiva, talvez, que sufriu a arte literaria, que limita e exime. O seu propio sortilexio, non é senón liberar, fóra dunha puñada de po ou realidade sen encerrala, no libro, mesmo como texto, a dispersión volátil ou sexa o espírito, que non ten nada que facer agás a musicalidade de todo» (2).

Falar atinxe á realidade das cousas só comercialmente: en literatura, abonda con facer unha alusión ou distraer a súa calidade que incorporará algunha idea.

Con esta condición arróxase o canto, como un gozo alixeirado.

Este designio chámoo Transposición – Estrutura, a outro.

A obra pura implica a desaparición elocutoria do poeta, que cede a iniciativa ás palabras, mobilizadas polo choque da desigualdade; préndense con reflexos recíprocos como un virtual regueiro de lumes sobre as pedrarías, substituíndo a respiración perceptíbel no antigo alento lírico ou a dirección persoal entusiasta da frase.

Un ordenamento do libro en verso despunta innato ou por todas as partes, elimina o azar; incluso é necesario para omitir o autor: ora, un tema, fatal, implica, entre os fragmentos xuntos, tal harmonía en canto ao sitio que corresponda no volume. Susceptibilidade en razón de que o berro posúa un eco –equilibraranse motivos do mesmo xogo, balanceados, a distancia, nin o sublime incoherente da paxinación romántica nin esa unidade artificial, de outrora, medida en bloque dentro do libro. Todo se volve suspenso, disposición fragmentaria con alternancia e antagonismo, a concorrer ao ritmo total,que sería o poema calado, nos brancos; traducido tan solo, en certa maneira, por cada pendente. Instinto, supoño, entrevisto nas publicacións e, se o tipo suposto non continúa a ser exclusivo dos complementarios, a mocidade, por esta vez, en poesía, onde se impón unha fulgurante e harmoniosa plenitude, tatexou o máxico concepto da Obra. Certa simetría, paralelamente, que, da situación dos versos na composición se vincula á autenticidade da composición no volume, voa, alén do volume, cara a moitos que inscriben, sobre o espazo espiritual, a rúbrica amplificada do xenio, anónima e perfecta como unha existencia de arte.

Quimera, pensar nela testemuña, no reflexo das súas escamas, canto o ciclo presente, ou o último cuarto de século, padeceu algún lóstrego absoluto –cuxo alporizamento ondulado nos meus cristais enxoita a chorreante turbulencia, até iluminar isto –que, máis ou menos, todos os libros, conteñen a fusión de certo número de repeticións: mesmo se só existise un– no mundo, a súa lei –biblia como a simulan as nacións. A diferenza, dunha obra na outra, ofrece tantas lecturas propostas nun inmenso concurso para o texto verídico, entre as idades chamada civilizadas ou –letradas.

Certamente, non me sento nunca nas bancadas dos concertos, sen percibir entre a escura sublimidade certo esbozo dalgún dos poemas inmanente á humanidade ou o seu estado orixinal, tanto máis comprensíbel por estar calado e no que para determinar a vasta liña o compositor experimentou a facilidade de suspender até a tentación de se explicar. Figúrome por un se dúbida indesarraigábel prexuízo de escritor, que nada perdurará sen ser proferido; que estamos alí, precisamente, para procurar, fronte a unha ruptura dos grandes ritmos literarios (de que xa falamos anteriormente) e da súa dispersión en estremecementos articulados próximos á instrumentalización, unha arte de rematar a transposición, no Libro, da sinfonía ou sinxelamente de recuperar o noso ben: porque, non se trata de sonoridades elementais emitidas polos metais, as cordas, as madeiras, senón, de forma innegábel, da palabra intelectual no seu apoxeo da que debe resultar, con plenitude e evidencia, como do conxunto das relacións existentes no todo, a Música.

Narrar, ensinar, incluso describir, está ben, e aínda que a cadaquén talvez lle bastase, para intercambiar o pensamento humano, con tomar ou colocar na man doutro en silencio unha moeda, o emprego elemental do discurso menoscaba a universal reportaxe do cal, a literatura exceptuada, todo participa entre os xéneros de escritos contemporáneos.

Con que fin a marabilla de traspor un feito de natureza na súa case desaparición vibratoria, segundo a representación da palabra, entre tanto; se non é para que emane, sen a molestia dunha próxima ou concreta chamada, a noción pura.

Digo: unha flor! e, fóra do esquecemento en que a miña voz relega todo contorno, en tanto que algo distinto dos consabidos cálices, musicalmente ascende, idea tamén e suave, a ausente de todos os ramos.

Ao contrario dunha función de diñeiro fácil, e representativo, como o estima ao principio a multitude, o dicir, ante todo, soño e canto, encontra no Poeta, por necesidade constitutiva dunha arte consagrada ás ficcións, a súa virtualidade.

O verso que con varios vocábulos refai unha palabra total, estraña á lingua e como fascinante, remata este illamento da palabra: negando, cun trazo soberano, o azar permanente nos termos a pesar do artificio do seu novo tempero alternado no sentido e na sonoridade, e vos causa esa sorpresa de non ter oído nunca tal fragmento ordinario de elocución, ao mesmo tempo que a reminiscencia do obxecto nomeado se baña nunha nova atmosfera.

NOTAS
(1) O alexandrino francés, a diferenza do galego, só ten doce sílabas.
(2) La Musique et les Lettres, fragmento.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *