<em>Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX</em> (VIII), Remy de Gourmont

Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX (VIII), Remy de Gourmont

0 comentários 🕔11:00, 25.Fev 2016

Poeta, novelista, dramaturgo e ensaísta, Remy de Gourmont naceu o catro de abril de 1858 en Vazoches-sur-Houlme (no Orne, un departamento do noroeste de Francia, máis ou menos entre París e Bretaña). De familia de fidalgos e impresores, estudou no liceo de Coutances, para entrar logo na universidade de Caen. En 1884 decidiu instalarse en París e entrou axiña na Biblioteca Nacional, da que foi expulsado en 1891 por escribir un artigo considerado escandaloso e antifrancés («Le joujou patriotique»), artigo que apareceu no Mercure de France, revista da que foi con A. Valette, Alfred Jarry e outros co-fundador. A verdade, o artigo non era antifrancés nin antipatriota, o que molestou foi, sobre todo, o ton, como comprobará o lector na tradución que damos a continuación.

Unha vez dimitido do seu cargo na Biblioteca Nacional, tivo dificultades para encontrar traballo e prensa na que colaborar. Foi Octave Mirbeau quen lle conseguiu colaboración en diversas revistas e xornais que, cos seus libros e as súas colaboracións no Mercure serían o sustento durante toda a súa vida, xa que en 1894 contraeu un lupus na cara e agachouse na súa casa até a súa morte. É dicir, e penso que nunca se dixo mellor, a súa vida confundiuse coa súa obra. Home de amplo gusto e ampla curiosidade (foi dos primeiros en falar de Isidore Ducasse, o conde de Lautréamont), foi primeiramente poeta e logo novelista e dramaturgo. A súa obra poética, de non moita calidade, componse de tres volumes: Les oraisons mauvais, Simone e Les divertissements. Entre as súas novelas salientan Une nuit au Luxembourg e Un coeur virginal. A súa obra teatral, poemas dramáticos en prosa, mellor será esquecela. Non hai, no entanto, que esquecer a súa contribución ao simbolismo: Le livre des masques, Portraits symbolistes, gloses et documents sur les écrivains d’hier et d’aujourd’hui, etc. Mais ante todo Gourmont foi un admirábel ensaísta: Le latin mystique, L’Esthétique de la langue française, La Physique de l’amour (existe tradución portuguesa, Hiena Editorial), Les promenades littéraires, e pódense mencionar Les lettres d’un satyre, Lettres à Syxtine e Les lettres à l’Amazone. É sobre todo nestas últimas onde se nota a súa inclinación ao erotismo.

Discípulo de Epícuro, de Stendhal e de Renan, Gourmont só acreditaba nas verdades parciais. O seu pesimismo, como o seu gusto pola anarquía, incitábano a tomar as ideas pola súa parte máis singular. Moitas veces a súa erudición extraviábase no detalle, e entón os seus textos vólvense morosos e un pouco pesados. Descubriu a moitos autores, e está considerado o máis grande crítico do grupo simbolista. Morreu en 1915, o 17 de setembro, triste e amargado porque as súas ideas de solidariedade humana e europea fóranse, o 4 de agosto do ano anterior, ao carallo, e en Europa imperaba o sangue e fogo e durante catro anos íase realizar nas súas terras o maior masacre até entón coñecido. Mais, como sabemos, 25 anos despois volvíase repetir, con maior amplitude e crueldade, ese masacre. Ah! Europa!

***

A CHILINDRADA PATRIÓTICA

Un deses tomos acartonados, parvamente abxectos, que universitarios ou eclesiásticos matachíns producen sen descanso para a falsificación de cerebros mozos; folléase e aparece esta imaxe: un vello militar, o peito ilustrado cun expositor de bixutería de arrabalde, xeme abafado na súa cadeira de brazos, e un rapaz, a sinalar intencionadamente, coa vara do seu aro, as simbólicas orellas de armadillo que florecen a cofia dunha nutriz alsaciana colgada na parede: «Chora, avó, recuperarémola!» (1).

Immediatemente, pénsase neste rapaza que medrou rapidamente, máis pedunculado que esas verzas de Jersey coas que se fan caxatos –ao Sr. Paul Dérouledé (2). El tamén fai roldar, mais con barullo, a vara avariada do patriotismo, e a se debruzar cara a Francia, que non é xorda, ouvéalle no tímpano: «Non chores, avoa, devolverémoscha, a tía simbólica coidadora!».

Menos mexeriqueira que o vetusto e lacrimóxeno retirado, a matrona impacientada remata por responder: «Gustaríame tamén que se me confiasen segredos!».

Nós tamén. O desexo de volver conectar á cadea departamental os dous aneis ferruxentos que un golpe un pouco violento nos arrancou non nos atormenta día e noite. Temos outros pensamentos máis urxentes; outras cousas a facer. Persoalmente, non daría, a cambio destas terras esquecidas, nin o maimiño da miña man dereita: sérveme para apoiar a man, mentres escribo; nin o maimiño da miña man esquerda: sérveme opara sacudir a cinza do meu cigarro.

Inútil, a este respecto, de me tratar de mal Francés ou mesmo de Prusiano; non me conmovería: Kant era Prusiano e Heine tamén; logo vos preguntaría, por curiosidade pura, o que dariades das vosas preciosas peles para unir a Francia a Wallonia belga ou o val de Lausanne –países, paréceme, un pouco máis franceses de lingua e de raza que as beiras do Rin? Ninguén ladra contra os Ingleses, que posúen as illas normandas e o afastado, mais claramente francés, Canadá, provincia de ultramar, mais tan claramente provincia de Francia como as Charentes ou a Picardie.

De feito, estes recantos de terra de alén das Vosgues, fixéronse, xa que logo, tan infelices? Fíxoselles, por azar, cambiar de lingua, de costumes, de praceres? Sufriron un servizo militar máis longo ou máis duro, unha administración máis puntillosa, funcionarios máis arrogantes. Mestres de escola máis pedantes e máis fatuos, problemas de consciencia máis notorios, impostos máis pesados, un goberno menos digno, menos simpático, menos íntegro?

Paréceme que xa durou bastante a broma das dúas irmás pequenas escravas, axeonlladas cos seus veos ao pé dun poste fronteirizo, a chorar como xatos, no conto de ir muxir as súas vacas. Estade seguros de que antes como despois, comen os seus asados con xelatina de grosella, morden os seus dretzels salgados e beben os seus amplos moss. Non o dubidedes, fan o amor e teñen fillos. Esta nova catividade de Babilonia déixame frío.

A cuestión, polo demais, é simple: Alemaña secuestroulle dúas provincias a Francia, que ela mesma lle ripara anteriormente: queredes recuperalas? Ben. Neste caso, vaiamos cara á fronteira. Non vos movedes? Entón, deixade de tocar o carallo.

Noutrora, en guerras permanentes, con verdadeiros exércitos, é dicir, compostos de soldados de oficio e de carreira, había vencedor sen vaidade, vencido sen rancor. A derrota non tiña esta consecuencia: unha nación a choromicar e a xemer durante vinte anos, como unha eterna rapaciña; si, como unha rapaciña que deixou caer a súa rebanda de confeituras.

Noutrora, ao seguinte de asinarse a paz, os súbditos dos dous países traficaban xuntos sen amargura, cruzaban indiferentes as fronteiras modificadas, e os oficiais dos dous exércitos, a véspera das liortas, bebían na mesma mesa, como xentes intelixentes. Vería sen me asustar oficiais franceses brindar cons oficiais alemáns: teñen o mesmo oficio e por que, nobre aquí se convertería en infame alá?

Francia, mentres foi unha nación espiritual e de gran distinción, experimentou este desinterese. Os franceses de entón dicían, delicados e riseiros: Señores, xa nola pagarán» –logo falaban doutra cousa. Converteriámonos nós, agora, en brutos rancorosos, dotados de cerebros elefantinos?

Depurémonos destes humores; tomemos algunhas pílulas de desdén que evacúan polas vías naturais este virus novo, denominado: Patriotismo.

Novo, si, baixo a mesta forma que asume desde hai viste anos, porque o seu verdadeiro nome é vaidade: nós somos a civilización, os Alemáns son a barbarie…

Oh!

Non se pode, é verdade, negarnos unha literatura e unha arte superiores á literatura e á arte alemás; mais esta arte mesma e esta literatura, permanecidas completamente cenaculares, son descoñecidas aos nosos dervixes ouleadores e os que entre eles as sospeitan, desprezados: o que se mostra nos e nas exposicións debería, pola contra, obrigar a unha certa modestia. Que orgullo tiraron algunha vez os patriotas das obras de, por exemplo, Villiers de l’Isle-Adam? Imaxinaban a súa existencia, mentres o rei de Baviera a acollía e a amaba? Subvencionaron a Laforgue, que só achou en Berlín o alimento necesario para a fabricación das súas obras mestras de ironía tenra? E por non citar máis que un só nome de artista, é polos patriotas que foron compradas as litografías de Redon, cuxos admiradores son case todos escandinavos e xermanos? Existe un patriotismo ao alcance de todos de todos os que posúen 3,5 francos, é comprar libros de homes de talento e non deixalos morrer de miseria.

Deixemos, xa que logo, a arte e a literatura, porque as producións polas cales se nos clama superiores son, pola contra, as que nos humillarán para sempre na historia do espírito humano –e falemos do resto.

A erudición, mais ela é alemá. Os Alemáns inauguraron, e conservan aínda, a filoloxía romana, e se hai que procurar profesores que coñezan mellor o francés antigo que os mestres da Escola de Chartes, é en Alemaña. Quen nos deu a coñecer a nosa literatura dramática antes de Corneille? Alemáns, e as boas edicións destes poetas son alemás.

Quen coñeceu mellor que ninguén a historia da Revolución francesa? Alemáns, os Sybel e os Schmidt.

Quen ordenou a historia grega e a historia romana senón os Mommsen e os Curtius?

Nin digo nada da filosofía, nada da música: dominios alemáns –e limítome a estas indicacións para non repetir un antigo artigo do Sr. Barrès (3), cuxo espiritual antipatriotismo noutro tempo encantárame.

A verdade é que o intelecto xermano e o intelecto francés complétanse un polo outro, creáronse, diríase, para se penetraren, se fecundaren mutuamente: do cerebro de Europa, un dos pobos é o lóbulo dereito, e o outro o lóbulo esquerdo, e nada, neste cerebro, pode funcionar normalmente se o entendemento non é perfecto entre os dous inseparábeis hemisferios.

Pobos irmáns, non hai moitos que o sexan máis claramente nin que estean mellor feitos para unha enteira e fonda simpatía, a pesar das diferenzas evidentes nas modalidades do pensamento. Eles son tranquilos e nós somos de salitre: eles son pacientes e nós somos nerviosos; eles son lentos e un pouco pesados, nos somos vivos e alegres; eles son mudos e nós somos berróns; eles son tranquilos e nós temos o aspecto belicoso; último punto en que o entendemento é extraordinariamente fácil, porque semella certo que teñen, o mesmo que nós, bastante, e, o mesmo que nós, non desexan nada, se non é que os deixen traballar en paz.

Non, non temos ningún odio contra este pobo; somos demasiado ben educados para expresar un rancor infantil, moi por riba da imbecilidade popular para mesmo sentila: no que respecta a min, entre os enxordecementos ladradores coligados contra a nosa quietude e os plácidos Alemáns, non o dubido, prefiro os Alemáns.

As desconfianzas adormecíanse, cando o Sr. de Cassagnax (4) achou mal que a emperatriz, esa encantadora muller, quixera ver Saint-Cloud e Versailles: son, no entanto, agradábeis paseos e escollelos unha proba de bo gusto, por que esta estranxeira non puido tamén manifestar o desexo de asistir ás carreiras de Auteuil?

Dicir que non se encontra nesta cidade, que gaba de espírito e de valentía, un pintor abondo independente da opinión pública, bastante valente contra a parvada xornalística para se atrever a obedecer a ese instinto natural que domina hoxe o que se chama a escola francesa: o interese da venda! O Patriotismo é o máis forte, sendo a parvada suprema –por que asombrarse?

Ah! se Henri Regnault (5) non morrese en Buzenval (6), se este pintor patrullase aínda os seus negros saboianos, os seus impolutos rosas, os seus brancos de panaricios, se se entregase aínda, en luxosos obradoiros, ao que Huysmans chama «a súa vagabundaxe do debuxo e a súa charlatanería desdentada de cores»! Mais os Prusianos matárano. Isto non fai outra cousa que un artista mediocre de menos –e hai tantos!

Logo, cadaquén ao seu oficio: o seu era facer pintura, mesmo mala –como o oficio de Verlaine é facer divinas poesías. No entanto, chegará o día en que talvez nos enviarán á fronteira; farémonos matar cun real desgusto. «Morrer pola Patria»: nós cantamos outros romances, nós cultivamos outro xénero de poesía.

Eliminalos, a eses «m… m… mercadores de nubes» (7) –trátase de nós, segundo Baudelaire–, cortarlle toda relixión, todo ideal e pensar que se van lanzar famentos sobre o patriotismo! Non, é demasiado imbécil e eles son intelixentes!

Se é necesario cunha palabra dicir claramente as cousas, pois ben: –Nós non somos patriotas.

NOTAS
(1) Gourmont está a falar de Alsacia e Lorena, que despois da derrota de Francia en 1870 fronte a Prusia quedaron en mans alemás. (Ndt.)
(2) Paul Dérouledé (1846-1914). Feito prisioneiro durante a guerra franco-alemá de 1870, evadiuse. Logo loitou contra a Comuna. Varias veces deputado, en 1882 funda a revanchista (contra Alemaña) Liga dos Patriotas. Partidario da república plebiscitaria contra a república parlamentaria, tentou un golpe de estado en 1899. Exiliouse en España e foi amnistiado en 1905. Foi autor de poemas patrióticos e revanchistas. (Ndt.)
(3) Maurice Barrès (1862.1923), escritor francés que dun anarquismo inicial pasou á extrema dereita nacionalista e revanchista con respecto a Alemaña.
(4) Paul de Cassagnac, deputado e xornalista da extrema dereita.
(5) Pintor orientalista (1843-1871).
(6) Batalla de Buzenval, coñecida tamén como batalla do Mont de Valerien, en xaneiro de 1871, durante a guerra franco-prusiana.
(7) Trátase do último verso do poema en prosa de Baudelaire, «A sopa e as nubes», que sempre se publica cos puntos suspensivos («s… b…»), no manuscrito lese claramente «sacré bougre»: «maldito maricallo».

NOTA DE PALAVRA COMUM: a foto de Remy de Gourmont provém da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *