Entrevista ao escritor Pere Tobaruela

Entrevista ao escritor Pere Tobaruela

0 comentários 🕔16:00, 03.Mar 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Pere Tobaruela: Responder dunha maneira concisa é complicado, así que propoño unha serie de palabras (sensacións), aínda que sexan antitéticas: rutina, lecer, viaxe, traballo, evasión, vida, esquecemento, paixón, recordo…

- Palavra Comum: Como levas adiante o processo de criação literária?

- Pere Tobaruela: Por dicilo dalgunha forma, co paso dos anos podo dicir que “escribo” máis coa mente que coas mans. Cada vez invisto máis tempo en desenvolver as novelas na miña propia cabeza. E cando teño ordenadas as ideas, transpórtoas ao “papel”. A novela sae cando está escrita na cabeza. Son persoa de poucas notas no papel.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens, nesta linha (ilustração, etc.)?

- Pere Tobaruela: Esta relación é intrínseca. Non concebo a literatura sen vasos comunicantes. Unha novela ten música, ten cinema e é unha arte plástica de “per se”. Experiencia neste sentido? O propio proceso de creación, no que escoito e visualizo en tres dimensións a escrita…

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes -num sentido amplo-? Quais deles achas que são desconhecid@s (ou preteridos) ainda injustamente?

- Pere Tobaruela: A esta alturas xa non son prisioneiro de nomes propios. Prefiro os contidos. Coido, neste sentido, que as obras non terían que levar impreso o nome do autor. O preciso e necesario é a obra, máis nada.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras e @s escritor@s com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, mais em geral-?

- Pere Tobaruela: Simplemente a vida. “A escrita é cousas de vellos”, afirmou José Luis Sampedro. E ten toda a razón… Un escritor escribe sobre as súas vivencias (vivencias nun sentido amplo) e, canto máis vive, máis pode contar… Persoalmente, o devagar vital lévame ao afastamento material e tendo á esencia. E nesta liña agora empezo a entender aquilo que dixo Josep Pla de escribir en clave local para explicar o mundo… O meu mundo. Non podo escribir doutra maneira: son produto do meu contorno e este, á súa vez, é produto do seu propio contorno. Hai tantos mundos, tantos contornos como persoas.

- Palavra Comum: Como vês a literatura galega nestes momentos?

- Pere Tobaruela: Despois de pouco máis de dez anos vivindo en Galicia e inmerso case desde o primeiro día na literatura do país, podo dicir que é un mundo abondo pechado, quizais sectario, que non transcende abondo dentro da propia Galicia, a pesar dos éxitos internacionais principalmente da LIX, porque estamos encabuxados en dirixirnos só a un grupo determinado de persoas. Por sorte, hai autores que intentan romper esta “desviación”, pero precisamente, os máis, están fóra do “sistema literario galego”… Cada vez creo menos no corporativismo e nos eslogans, e tamén no feito de laiarse sen facer propostas concretas e en positivo… Eu escribo en galego e punto, buscando directamente o lector, sen máis, para explicar o mundo, o meu, en galego como forma de expresión, non como finalidade. As linguas para comunicarnos, non para separarnos… Apropiarse das linguas é perigoso.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a cultura catalã? Que conexões achas entre as duas culturas (galega-catalã)?

- Pere Tobaruela: Teño a perspectiva de vivir corenta anos alí, ou sexa, non teño perspectiva. Son produto da cultura catalá, do seu posicionamento social, en moitas cousas moi diferente á cultura galega. Culturamente falando, cando eu cheguei aquí, constatei, percibín que tiña pouco que ver coa xente de aquí, aínda máis se se teñen en conta as miñas raíces andaluzas. Por moito que nos fagan crer na idea dunha “unidade” cultural española, a diversidade, a distancia cultural entre as “partes” desta España é enorme. Conexións entre Galicia e Cataluña? As pontes que deseñan as propias persoas, as redes íntimas, que cada vez son máis. O resto é “postureo”.

- Palavra Comum: Como vês, agora desde mais distância física, por levar já vários anos residindo em Galiza, a literatura catalã?

- Pere Tobaruela: Sigo lendo autores cataláns, e sigo escribindo en catalán. Polo demais, volvo a insistir no que dicía antes, cada vez creo menos nos “sistemas”. Mellor dito, preocúpome menos por “pertencer” a un sistema… Se escribo nunha lingua ou noutra, incluso en castelán, é porque me peta. Gozo escribindo en cada unha delas. Enfrontarse á aprendizaxe dunha lingua é, para min, moi pracenteiro, un descubrimento continuo… A cal literatura pertenzo eu, logo?… Escribo, non pretendo máis nada.

- Palavra Comum: Que é o que mais desconhecemos habitualmente sobre Catalunya? Que nos passa desapercebido e consideras que seria interessante ter em conta?

- Pere Tobaruela: O que máis descoñecemos dun lugar no que non vivimos é absolutamente todo. Cando non vivimos nun lugar simplemente lemos as mentiras sistemáticas e interesadas que nos contan os nosos propios medios de comunicación predominantes sobre ese lugar… Esta mentira sistemática deste tipo de medios é a mesma mentira que nos transmitiron os historiadores. A historia está escrita desde o bando vencedor… Para coñecer hai que mergullarse, ir, vivir, ver en directo, informarse a través de medios de comunicación alternativos que non obedezan a uns intereses determinados…

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que aspectos da mesma já existem, do teu ponto de vista?

- Pere Tobaruela: Esta éche unha pregunta moi atrevida. A resposta dá, sen dúbida, para unha novela. Pero sendo conciso, podo dicir: só imaxino cando escribo, cando vivo preocúpame ben pouco a imaxinación. Vivo… E tamén participo no activismo social para cambiar as cousas que non me gustan desta Galicia actual.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Pere Tobaruela: O proxecto é a propia literatura. Seguir a escribir para vivir e para facer vivir… Bufff!… Aí atrás dixen que non gustaba dos eslogans, e isto que acabo de dicir é moi planfetario… Son contraditorio, non o podo evitar. Tampouco me preocupo por evitalo.

Máis nada, boa sorte e boa noite. E grazas por facerme un oco nesta revista.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *