Entrevista à poeta e ensaísta galega María do Cebreiro

Entrevista à poeta e ensaísta galega María do Cebreiro

0 comentários 🕔14:00, 07.Mar 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a poesia?

- María do Cebreiro: Pediría prestada a definición daquel poeta para quen a poesía estaba sempre fóra dos libros de poemas, podendo ser ese “fóra” a nosa imaxinación mentres lemos ou escribimos, e tamén un “fóra” moito máis exterior ca ese.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária e, em geral, a artística?

- María do Cebreiro: Como un camiño cara ao coñecemento, o que non equivale a un xeito de saber, porque se soubese o que quero escribir non o escribiría. Como unha xanela aberta ao descoñecido, un modo de atoparme co que non sei de min ou de reconciliarme co que me asusta. Como unha pregunta que desencadea outra pregunta. Como un espazo de alegría e de liberdade.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)?

- María do Cebreiro: Por unha banda semella que na contemporaneidade se lles outorga ás prácticas interartísticas un valor de seu, como se o feito de que un obxecto cultural sexa “híbrido” o fixese máis suxestivo ca outro que non o sexa. Con todo, tamén me pregunto se existe ou se algunha vez existiu a “pureza medial” nas artes. Na medida en que a nosa percepción e a nosa sensibilidade están mediadas por experiencias estéticas de natureza moi diversa (visuais, sonoras, táctiles…) o lóxico é que isto se traduza na tentativa de escribir dun xeito sensorial. E imaxino que os pintores ou artistas audiovisuais atoparán nas palabras potencialidades expresivas que lles pode resultar interesante e mesmo obrigado explorar.

- Palavra Comum: Como consideras que se combinam -ou se deveriam combinar- arte(s) e Vida?

- María do Cebreiro: Coido que a formulación divide, mesmo para tentar xuntalos, dous elementos que nunca se xebraron. A experiencia estética é universal e forma parte de calquera vida humana. A oposición entre intelixencia e experiencia –que fundou certas polaridades críticas do pasado- paréceme fondamente falible. A lectura e a escritura son experiencias, do mesmo xeito que, por exemplo, o corpo é un material posible para a escrita.

- Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo? Que autor@s, individuais ou coletiv@s, reivindicarias por não serem (re)conhecid@s suficientemente?

- María do Cebreiro: Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio son os meus mellores amigos, cando menos no eido dos “clásicos” da literatura galega contemporánea. Non pode dicirse que Xohana Torres sexa unha descoñecida, e coido que está a influír nalgúns dos mellores poetas mozos, pero outros aspectos da súa produción (por exemplo o teatro) pareceríanme merecentes dunha maior atención por parte da crítica.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?

- María do Cebreiro: Non subscribo concepcións planificadoras ou dirixistas da actividade cultural. Son da opinión de que, máis cedo ou máis tarde, as cousas chegan onde e a quen teñen que chegar.

- Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura galega?

- María do Cebreiro: Que goza dunha saúde excelente, sobre todo –e agardo que non sexa un xuízo de parte- no ámbito da poesía.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?

- María do Cebreiro: Penso que na actualidade o desafío é entender que calquera literatura, incluída a galega, circula nun contexto global. Cómprenos pensar colectivamente o que implica para unha tradición cultural como a nosa o proceso de mundialización, tanto nas posibilidades que abre (por exemplo, cada vez hai máis autores galegos máis traducidos ao inglés que ao castelán) como nos condicionamentos, quizais non sempre tan positivos (por exemplo, unha certa best-sellerización, que me parece cada vez máis operante no ámbito da narrativa).

- Palavra Comum: Fala-nos da tua visão sobre o(s) feminismo(s)…

- María do Cebreiro: O feminismo condiciona positivamente, coido, a miña toma de conciencia como muller nunha sociedade na que igualdade efectiva aínda é un ideal, pero non o asumo como un a priori da miña práctica creativa. De feito, tento evitar na medida do posible esa ou calquera predeterminación consciente á hora de escribir, sen que iso implique, naturalmente, que sexa quen de facelo. Por outra banda, paréceme cada vez máis apremiante superar a vella dialéctica entre os feminismos da igualdade e da diferenza (de novo activa no campo cultural galego, por exemplo cando se abren debates sobre os distintos xeitos de experimentar a maternidade). Ao meu xuízo, Joan Scott resolveu hai anos o debate cando afirmaba que na historia das mulleres a polaridade verdadeira nunca se deu entre a igualdade e a diferenza, senón entre a igualdade e desigualdade.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- María do Cebreiro: Gustaríame comezar a cultivar outros xéneros literarios. Atráenme particularmente o teatro e a novela.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *