Entrevista a Caxigueiro

Entrevista a Caxigueiro

0 comentários 🕔11:00, 10.Mar 2016

- Palavra Comum: Que é (são) para ti a(s) arte(s)?

- Caxigueiro: Posiblemente é o mellor xeito que atopei para comunicarme, tamén unha vía que me permite minimizar tensións, frustracións, etc.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação cultural e artística?

- Caxigueiro: Dado que dedico o tempo a actividades “aparentemente” moi distintas (escultura, instalación, fotografía, poesía, etc) podo dicir que hai algo común na orixe: A necesidade de crear e o silencio, ambos os dous acostuman ir da man. Despois, a educación, a curiosidade, as habilidades ou determinadas capacidades permiten viaxar polas distintas disciplinas con máis ou menos fortuna.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes e outras manifestações da cultura (literatura, fotografia, etc.)? Que experiências tens neste sentido?

- Caxigueiro: Creo que as diferenzas entre as distintas disciplinas, en xeral, son formais. De feito é bastante común que os artistas se interesen por máis dunha linguaxe e teñan experiencias máis ou menos profundas.

No meu caso esas interferencias non son extraordinarias. Hai poemas que deron pé a instalacións, fotografías que propiciaron poemas e tamén á inversa.

Estes últimos anos, a fotografía e a poesía teñen unha importante presenza no meu traballo. De feito hai dous libros -inéditos- que se nutren desa relación. O primeiro, 400 versos+ os …, foi unha experiencia moi interesante, é o intento dun “plástico” por afrontar un poemario dun xeito diferente. Para iso botei man do deseño gráfico, da fotografía, da tipografía e dos poemas para crear unha especie de “collage” que acabou configurando un resultado sorprendentemente sinxelo. O segundo, Entreparénteses, establece unha relación entre poemas e fotografías que o único que teñen en común -conscientemente- é o tempo.

No 2012, tiven a oportunidade de levar a diante con Baldo Ramos un proxecto onde se revisaba o “libro” desde moi distintas perspectivas (escultura, pintura, instalación, fotografía). Esa experiencia quedou recollida nun catálogo-poemario que levaba o nome da mostra, Os ollos das palabras. No 2014, a mostra ”Fóra de foco” procuraba o diálogo coa fotografía desde outras disciplinas. Os compañeiros da viaxe: Eduardo Estévez, Ernesto Torterolo, Nachok (poesía, pintura, vídeo, fotografía).

- Palavra Comum: Que referentes e influências tens no teu trabalho criativo?

- Caxigueiro: Son innumerables e proceden de diversos eidos. Teño o pracer de gozar igualmente de Asorey que de Chistian Boltanki, de Antonio Palacios que de Álvaro Siza, de Curros Enríquez que de Kirmen Uribe, de Eva Looz, Marful, Lars von Trier, Manuel Ferrol, El Roto, Wim Mertens, Novoa… A lista daría para un poema interminable.

- Palavra Comum: QueCaxigueiro 2 caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade?

- Caxigueiro: A arte é unha pinga das moitas que forman a estrutura social. A realidade non é só o que temos diante dos nosos ollos, hai outras miradas que permiten explorar novas vías, novas linguaxes, novas esperanzas. Nestes tempos de represión cultural, de cinismo, e cos medios en mans de neopaletos, a arte debería estar acompañando aos colectivos máis activos. Son malos tempos para a lírica, para os traballadores, para as crianzas, para a natureza…

- Palavra Comum: Que vínculos há, para ti, entre Arte(s) e Vida?

- Caxigueiro: Só se me ocorren tópicos… Hai un vencello profundo, gozoso e necesario.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Caxigueiro: Estou implicado nun proxecto que vincula dúas das miñas querenzas, a Arte e a botánica. Trátase do Espazo Caritel, un lugar (3500 m.) que acolle unha sala de exposicións e unha interesante colección de flora do país, así como unha abundante representación doutros continentes. Á parte desta iniciativa, enfocada basicamente ao verán, sigo co traballo cotián que se materializa en exposicións como a que se inaugurou recentemente na Casa da Parra (Compostela), ”Camiño de Volta”. Tamén as iniciativas sociais ocupan boa parte do meu tempo. Agora mesmo estamos traballando artistas, mestres e distintos colectivos no que será o “Día da Arte da Mariña”, unha experiencia que máis que un día ocupa o mes de abril por cuarto ano consecutivo.

Que me gustaría desenvolver? Hai tempo que non me impoño ritmos, pero conformaríame con materializar iniciativas que teño xa arquivadas, un dos meus peores defectos é o desinterese que sinto polos traballos unha vez rematados, sempre me apaixona o novo…

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *