Entrevista ao escritor galego Xabier P. DoCampo

Entrevista ao escritor galego Xabier P. DoCampo

0 comentários 🕔11:15, 24.Mar 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Xabier P. DoCampo: Toda a literatura, a que les e a que escribes (que é outra forma de ler: lerte) é “un esforzo por facer real a vida” (Pessoa dixit). A iso me acollo, ao desexo de atopar unha realidade que se me oculta, que me elude e que procuro na palabra, no texto, na narración ou no poema como lugares nos que habita unha realidade que ameaza esvaerse, que, de non ser pola literatura (e pola arte en xeral), fuxiría de nós afundíndose na nada. A min a literatura sálvame desa nada.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?

- Xabier P. DoCampo: Non sei explicalo. As cousas suceden e entro nunha combinación entre deixarme levar e, ao mesmo tempo, pelexar co texto para facelo propio. Teño unha intuición do que quero escribir e unha loita con como quero dicilo.

Poño un exemplo. Canto máis sei dunha novela, do seu argumento, da súa trama, máis traballo me custa escribila. Necesito que me vaia sorprendendo, preciso ver como se vai construíndo diante de min mentres eu pelexo coa linguaxe e esta vaise apropiando do proceso da escrita e facéndose creación. En fin, eu que sei como raios é isto? Ten moito de misterio… por iso me gusta tanto facelo.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência nests sentido?

- Xabier P. DoCampo: Un ten a tentación de xerarquizar as artes, e eu cando me deixo vencer por esa tentación digo que a música é a arte suprema e a ela séguelle a poesía, pero de contado me apeo desa catalogación, e acredito con fe na arte por enriba de calquera taxonomía. Cando facemos clasificacións e xerarquías estamos a practicar esa habilidade (arte?) do bonsai que consiste en ir amputando partes, manipulando raíces e impedindo o crecemento das pólas dunha árbore para que acabe cabendo no ínfimo espazo dunha maceta, enriba dunha mesa, dentro do cuarto dunha casa.

A literatura, a música, a pintura, a escultura, o teatro o cinema… son expresións que aspiran se converter en arte. Non todas as súas obras o conseguen, pero cando acontece o milagre da arte en varias, en moitas delas, decátaste de que pouco importa a que póla pertencen, forman parte das árbores grandiosas que conteñen a grandeza expresiva que fai ao ser humano que a creou digno se pór en relación cos outros seres que habitan o planeta, e mesmo que, ás veces, poidamos albiscar ao lonxe, coa axuda da fantasía (“Nihil potest homo intelligere sine phantasmate”, dicían os aritostélicos medievais), a luz dos deuses.

- Palavra Comum: Como consideras que se combinam -ou se deveriam combinar- arte(s) e Vida?

- Xabier P. DoCampo: Non creo que sexa unha cousa de combinacións, senón que non é concibíbel unha sen a outra. O ser humano naceu para o goce, para a felicidade e cando iso se dá chamámoslle vida (o outro é existencia, bioloxía). O problema está no desexo de acoutar o espazo da arte, de encerralo no coñecido e non deixar espazo e camiño para a súa extensión. Parece que queremos meter a Arte no estreito caixón das sete artes medievais, as chamadas artes liberais, para amparalas da contaminación das chamadas mecánicas. O máis grande da Arte é non admitir unha definición que a escravice, a partir diso é cando, se se dá o milagre de alguén, de forma individual ou colectiva, producir un “artefacto” (e tómese a palabra no seu sentido etimolóxico) cuxa aprehensión sensorial sexa capaz de afectar ao noso espírito até ser quen de propiciar a presenza da felicidade en nós, daquela Vida e Arte fundiranse até seren a mesma cousa.

- Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo e em geral, num sentido amplo -aquel@s que mais te marcaram-? Que autor@s, individuais ou coletiv@s, reivindicarias por não serem (re)conhecid@s suficientemente?

- Xabier P. DoCampo: Todo canto me emociona inflúeme. Convértese nun referente que me condiciona. Eu son o resultado de todo canto lin, escoitei, vin, sentín en fin, nunha vida que xa comeza a ser longa. Cando vin ao mundo, aló na Terra Chá, non traía nada, todo se me deu. E comezou pola oralidade que se practicaba a diario na miña casa, enchéndome a alma de contos e de sucedidos. Aí caín na rede da palabra como xeradora do mundo e da vida, que existían, eran reais porque, ambos e dous e canto contiñan, podía ser nomeado. Nada puido xa afastarme do poder creativo da palabra.

Despois veu a lectura, unha lectura feita a contrapelo de todo canto me arrodeaba. Era un hábito sospeitoso en todo caso e mesmo estiven dous anos nun internado no que estaba prohibida toda lectura que non fosen os libros de texto. Pero eu devecía tanto por ler que non me importaban prohibicións nin castigos nin labazadas. Conto isto porque daquela para min todos os autores era descoñecidos, eran descubrimentos ex-novo, así aprendín a ler sen importarme o autor, só a obra. Era ler coma se todas as obras fosen anónimas e iso liberábame de calquera pleitesía. Perdín aquela inocencia e ben que o sinto, pero gañei unha absoluta indiferenza por o “coñecemento” ou o “recoñecemento” do autor, mesmo da miña propia persoa. Dese xeito aprendín a ter grande respecto pola obra de moitos autores…

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?

- Xabier P. DoCampo: Isto é moi doado de responder: facer boas obras. A boa obra prevalece por enriba de calquera atranco. Despois temos que nos facer donos dos medios de comunicar as obras ao público e iso só é posíbel con soberanía nacional, único xeito de poñelas á par con calquera obra universal. Se non somos donos de nós seremos sempre alimento da colonización cultural (e da outra, pero non é do que ando a escribir aquí hoxe).

- Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura galega?

- Xabier P. DoCampo: Véxoa cos mesmos criterios que vexo calquera outra literatura, por tanto nela hai clásicos que leo con devoción e novidades entre as que hai cousas que me gustan máis e outras que me gustan menos. Vista como tal, coma unha literatura plena, debemos fornecela cada día de máis lector@s, para iso necesitamos o concurso e a axuda da escola, porque é aí onde a persoa ten o primeiro contacto coa lectura literaria, o lugar onde se fan @s lector@s do presente e do futuro. Se @s nen@s e mociñ@s se achegan, ben orientados por un profesorado competente e con boa disposición cara á nosa lingua, á literatura galega, serán lectores de literatura galega toda a súa vida. Mais agora mesmo a lexislación educativa está nas mans de persoas e institucións que teiman en lexislar en contra da súa propia lingua e cultura, supoño que os nosos esforzos deben dedicarse a librar ao país dese persoal lingüicida.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?

- Xabier P. DoCampo: Toda a miña vida foi unha loita pola lingua e a cultura galegas, non podo máis que pensar que teñen un futuro próspero e ilusionante, do contrario estaría aceptando que a miña vida foi un fracaso total. Non digo que non haxa atrancos e que debemos seguir na loita e na defensa da nosa identidade cultural, pero con iso todo poderá ser.

No tocante aos vínculos coa lusofonía, durante moitos anos cada día ao ir traballar lía un graffiti que dicía “Na Galiza e en Portugal todos falamos igual”, niso acredito firmemente, o resto é cousa de ortografías e iso é un debate que, a estas alturas da miña vida, só me produce cansazo. Eu escribo nunha normativa que non me gusta na súa totalidade, mais fágoo por unha cuestión de patriotismo, aceptar determinadas normas imperfectas líbranos de ficar presos nunha silveira, e hai moito camiño por diante. Eu leo en calquera normativa do galego e do portugués, gustaríame que, no que depende da vontade, todos fixeramos igual.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xabier P. DoCampo: Non hai moito tempo tiven un revés na saúde que me fixo ver que tiña moitos proxectos inacabados ou só soñados, daquela deime de conta que o importante é vivir e ese vivir consiste en pensar que pasadomañá está moi lonxe. Así que adiei todo agás o de hoxe e algo do de mañá, despois xa veremos o que taxa o xastre.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a fotografia do autor é de Eduardo Castro Bal e provém da sua fototeca na AELG.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *