Entrevista a Xesús González Gómez arredor de <em>Algúns temas sobre a cuestión meridional</em>, de Antonio Gramsci

Entrevista a Xesús González Gómez arredor de Algúns temas sobre a cuestión meridional, de Antonio Gramsci

0 comentários 🕔10:30, 04.Abr 2016

NOTA DE PALAVRA COMUM: damos notícia da aparição de “Algúns temas sobre a cuestión meridional“, livro de Antonio Gramsci, traduzido por Xesús González Gómez e publicado por Somos Ninguén/Corsárias. Com este motivo, acompanhamos a informação com esta entrevista.

- Palavra Comum: Qual é a tua visão sobre Antonio Gramsci? Que relevância tem esta figura em relação à(s) sociedade(s) de hoje?

- Xesús González Gómez: A miña visión de Gramsci continúa a ser, acho, a primeira que tiven del hai xa moitos anos: un dirixente obreiro, perdón, dun partido obreiro, que intenta atopar unha estratexia para a realización dunha revolución comunista en Occidente. De aí a súa distinción entre posición e guerra de manobras. Nesta última distinción de Gramsci, con outros conceptos desenvolvidos por el nos cárceres fascistas e antes, radica a súa actualidade intempestiva. Penso, tamén, que doutros momentos gramscianos, 1920, a ocupación de fábricas en Turín e a experiencia dos consellos, se poden tirar ensinos para a conformación dunha(s) organizacións(s) revolucionarias que visen un cambio de sociedade. A distinción gramsciana entre consello e sindicato e a función que cumpre, ou debe cumprir, cada unha destas institucións no plano do traballo político nas fábricas e lugares de traballo, aínda poden servir, eu penso que serven, para a creación de novas organizacións revolucionarias que impliquen á maioría da poboación sen que esta deba estar encadrada en partidos políticos determinados. Organizacións revolucionarias, porén, que non esquezan a teoría, pois como avisaba Benjamin Péret, unha acción sen teoría é un deporte e, xa que logo, tan va como todo deporte: é dicir unha acción sen futuro e sen incidencia. Isto no plano xeral, é dicir, político. Noutros planos, como o cultural, a posición ou posicións gramscianas, a pesar das “desviacións” ou manipulacións realizadas polos denominados estudos culturais, continúan a estaren á orde do día. Evidentemente, os apuntamentos débense enriquecer coas teorizacións e descubrimentos que se realizaron desde que Gramsci escribía nos seus cadernos: non en van pasaron oitenta anos e o capitalismo transformouse (e continúa a se transformar) radicalmente para continuar a hexemonizar a sociedade (hexemonía que nunca perdeu), como xa avisaran no Manifesto os fundadores do materialismo histórico.

No plano cultural,Xesús González Gómez A cuestión meridional Antonio Gramsci 300 por exemplo, Gramsci reúnese con Breton en moitas cuestións e, sobre todo, na principal. Desta “reunión” talvez veña a miña paixón gramsciana. Coñecín moito antes a Breton que a Gramsci e ambos, para min, ensináronme a tomar conciencia das trampas artísticas do compromiso político e da arbitrariedade das visións teoréticas do futuro. Ambos, o francés e mais o italiano, basearon a súa crítica da sociedade nun horizonte ideal –o inconsciente liberado de Breton, o pobo educado de Gramsci–. Mais tamén ambos rexeitaron romper cos valores do pasado e co irracional, insistiron na importancia social do experimento artístico, demostraron unha gran valentía intelectual e nunca foron escravos dunha fe positivista e inxenua no progreso. Ambos sabían que o tipo de busca positivista dunha cultura para o futuro derrubárase, no entanto, quixeron avanzar cara a un futuro que haberían de construír máis que sufrir e dispuxéronse a abrir un diálogo co pasado co fin de centrar a súa visión. A pesar da súa lealdade fundamental á revolución marxista, cada un á súa maneira deu preferencia á superestrutura cultural da sociedade sobre a súa infraestrutura económica. As súas ideas, para min, hoxe parecen tan relevantes como sempre, xa que ás nosas sociedades, sobre todos ás europeas e ás norteamericanas (USA, Canadá) e me atrevería a afirmar que tamén ás denominadas sociedades “emerxentes”, lles queda un longo camiño por percorrer antes de que saiban reconciliar con éxito as liberacións diverxentes do intelecto e do desexo, da educación e da cultura popular, da tecnoloxía e o soño.

Por todo o que levo dito, penso que se deduce facilmente que o pensamento de Gramsci continúa a ter para as nosas sociedades unha relevancia fundamental.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a tradução? Como é a tua forma de trabalho neste campo?

- Xesús González Gómez: As traducións son fundamentais para calquera cultura. Traducións de clásicos, tanto da literatura como do pensamento e da ciencia, evidentemente, mais tamén de libros, e non só novelas ou poesía, de actualidade. Ora, existe entre nós un mercado para estes “produtos”?: velaí o problema. É moi bonito falar, e laiarse, sobre a falta de traducións, mais hai que entender que unha editorial é un negocio e non pode ninguén publicar libros, traducións, que pode resultar que non se vendan. Polo demais, o problema das traducións, penso eu, solucionaríase facilmente se houbese na Galiza librarías que ofertasen as que se fan en Portugal e, por que non, no Brasil. Só nos faltaría entón traducir o que non traducisen nin portugueses nin brasileiros. De momento, todos bebemos das traducións ao español, e así están as cousas, e difícil será cambialas como non cambie a sociedade. Como dicía Ramón Piñeiro, é o país que temos e é sobre este país co que debemos traballar en todos os terreos… se é que o queremos cambiar.

As traducións que eu fixen até hoxe (agás catro que foron de encarga) de libros ou temas que me interesan (é dicir, textos cos que teño “afeccións electivas”) e que, normalmente, non interesan aos editores por múltiples causas –outras veces polos dereitos–, o que me parece ben: ninguén ten a obriga de se interesar polo que me interesa a min ou calquera outra persoa, así que normalmente traduzo (e non publico) aquilo que me gusta ou me produciu un certo gozo ao lelo. A miña “forma de traballo” neste campo é moi sinxela: traduzo dun tirón (previamente xa lera o texto que me poño a traducir) e logo, deixando repousar o texto na gabeta durante un tempo, empezo as revisións, optando sempre pola solución que me parece máis simple, até que as dou por acabadas. O certo é que as revisións nunca deberían acabarse, mais entón nunca se publicaría nada.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver nalgum momento?

- Xesús González Gómez: Proxectos? Se entendemos, como entende a maioría, o proxecto como programación, nunca fixen proxectos, mesmo na miña vida privada. Ora, se entendemos proxecto como o que se fai no presente pensando no futuro, entón os meus proxectos son múltiples e variados: todas as miñas actuacións son proxectos, entendendo estes como sempre actuantes, complexos, contraditorios, dialécticos. No momento en que estou a responder este cuestionario pensando que dentro dun días o poida ler alguén, xa estou facendo, ou realizando, un proxecto, porque estou actuando. Neste sentido, repito, proxectos múltiples, mais se entendemos o proxecto como programación (pre-ordenamento calculado e case mecánico), ningún.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *