Entrevista ao poeta galego Manuel Pereira Valcárcel

Entrevista ao poeta galego Manuel Pereira Valcárcel

0 comentários 🕔11:05, 07.Abr 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Manuel Pereira Valcárcel: A literatura é unha paixón, unha necesidade, un camiño imprescindible.

A literatura é busca e expresión, comunicación e pescuda, loita e achados.

A literatura é vida e é a vida.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação artística?

- Manuel Pereira Valcárcel: Tratando de responder con palabras ao desconcerto, á mágoa, á alegría, á emoción. A todo o que atravesa a miña existencia. Ao que me prende e tamén ao que me libera.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, artes plásticas, fotografia, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Manuel Pereira Valcárcel: As artes supoñen unha necesidade de resposta, fronte á éxtase ou a desolación. Por tanto, todas elas poden converxer ou compartir espazos.

Eu, que tamén son un apaixonado da fotografía, usei fotos feitas por min nalgún dos meus libros e nun deles debuxos dunha pintora amiga.

En canto á música, é recorrente en case todas as miñas presentacións. En ningún caso se trata de interpretacións miñas, dada a miña incapacidade para esa arte, a pesar do meu gusto pola música.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)?

- Manuel Pereira Valcárcel: Son referentes vitais. Todo aquilo do que dependemos, todo o que nos eleva e o que nos sepulta. Fundamentalmente, a vida, o amor e a morte.

Se a pregunta se refire a modelos de artistas, son moitísimos os que inflúen na miña maneira de concibir a literatura.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Manuel Pereira Valcárcel: Todos os camiños poden ser válidos. Todos os movementos poden ser utilizados na creación literaria, en calquera cultura e, por suposto, na galega.

- Palavra Comum: Estás vinculado ao Grupo Bilbao. Fala-nos dele e da tua participação no mesmo…

- Manuel Pereira Valcárcel: O grupo Bilbao iniciou as xuntanzas en decembro de 1996, eu asistín por primeira vez en xaneiro de 1997. Son un membro máis do grupo que trata de que a literatura galega estea presente na vida cultural madrileña en xeral e non só entre as persoas galegas.

- Palavra Comum: Como influi na tua obra o feito de residires desde há muito tempo em Madrid?

- Manuel Pereira Valcárcel: Toda a influencia que pode ter o contorno en calquera persoa que se dedique á literatura. Trato de aproveitar canto esta cidade ofrece. Madrid é a miña cidade consorte, nela naceu miña filla e nos seus arredores meus netos. Por tanto, a pegada sentimental despois de corenta e dous anos habitando nela é grande. O meu penúltimo libro editado, Tatuaxes, con versión posterior galego-español Tatuaxes/Tatuajes, ten como protagonista a Madrid.

- Palavra Comum: Qual é a tua opinião sobre a literatura e cultura galegas?

- Manuel Pereira Valcárcel: Penso que esta é unha cuestión complicada para responder con certo criterio. Non vivo en Galicia e iso faime ter unha visión parcial da súa sociedade. Para min Galicia, vista de lonxe, é, fundamentalmente, a cultura galega. E cando vou atopo un desinterese enorme por esa cultura que con tanto esforzo constrúen moitas e moitos creadores. Os índices de lectura e demais seguimentos son moi pequenos, co cal é doado ser pesimista. Mais estamos obrigados a seguir adiante. Desafortunadamente, é un mal que non só afecta á nosa cultura.

- Palavra Comum: Trabalhas no ensino. Qual é a tua visão sobre a sua situação, e para onde deveria caminhar?

- Manuel Pereira Valcárcel: Traballaba; coas vacacións de Nadal de 2015 collín o retiro, de modo que estou de estrea da situación de descanso laboral.

Penso que o ensino se está convertendo nunha carreira de obstáculos, os diferentes alumnados teñen que preocuparse máis de superar probas e reválidas ca de aprender. Os centros estanse a converter en academias. E un problema máis grave aínda é o pouco valor e dedicación que se lles dá ás materias humanísticas. Ao meu modo de ver, España vai camiño de se desertizar en saberes imprescindibles no correcto desenvolvemento de calquera sociedade.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Manuel Pereira Valcárcel: Gustaríame publicar tres ou catro libros máis que teño na imaxinación e nos meus espazos de traballo.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *