Entrevista ao pintor Alfonso Costa

Entrevista ao pintor Alfonso Costa

1 comentário 🕔11:00, 11.Abr 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a(s) arte(s)?

- Alfonso Costa: A arte é vivir intensamente a creación, relativizar o tempo, unha loita constante, gozar soñando con novos proxectos, entrar en labirintos do inconsciente, afirmar que a ética é parte fundamental da estética.

Existir aguzando a consciencia, baleirando a mente para que o imprevisto aflore, atopar imaxes que potencien as nosas capacidades de asombro, comunicar emocións. E, sobre todo, contactar coa materia máis sutil, co descoñecido de nós mesmos. En definitiva, encontrar outros camiños de coñecemento.

A arte é para min esa viaxe interminable na que me embarquei sendo un rapaz, a paixón que lle dá sentido e luz á existencia. Unha maneira de moldear o propio ser, un modo único de sentirse involucrado na corrente da vida e acadar así algo que teña a calidade e o interese suficiente para ofrecerllo aos outros.

- Palavra Comum: Como entendes (e practicas, no teu caso) o processo de criação cultural e artística?

- Alfonso Costa: Todo proceso de creación agroma dunha idea, dun proxecto ou dun instante privilexiado que dicimos de inspiración. En calquera caso, hai sempre un intre previo ao traballo físico no que sentes que algo está a piques de acontecer. Pecho os ollos e a mente cartografa ese soño e proxéctao no espazo imaxinario e sucede a marabilla de ver aí a obra perfectamente acabada. Mais ao abrir de novo os ollos enfrontas a dura realidade do lenzo en branco. Son momentos de desamparo, de andar como perdido entre as cores e os pinceis, de dúbidas e tamén de medo ao baleiro. Porén, póñome axiña mans á obra bosquexando, a debuxar con rapidez para non perder os detalles que aínda fican ancorados na memoria. Seguidamente selecciono os pigmentos que me leven ao encontro da idea soñada, coa sensación de estar voando nunha liberdade absoluta. Sen embargo, de súpeto, a man ou o cerebro intuitivo toman outras decisións e a obra realízase tamén baixo as súas propias esixencias. Ao fin da xornada de traballo, coa obra xa resolta ou por rematar, sento a contemplala. Reflexiono sobre o proceso que me levou até alí e case sempre sinto algo semellante á felicidade por poder, malia as dificultades que leva consigo, dedicarme por enteiro á maxia da creación.

De todos modos, a experiencia nunca é igual. Cada material indúceme a diferentes buscas, xera distintas formas de representar, mesmo outra simbólica. Hai épocas nas que traballo máis a pintura, outras nas que recorro ao gravado como unha maneira de fuxir da cor. E sempre a man en continua familiaridade co debuxo, ao meu entender o principio de toda creación artística, o seu hálito más cálido e profundo, a súa intimidade máis poética. O xesto máis sutil.

Porén, se algo é intrínseco ao meu proceso creativo é a necesidade de experimentar, investigar. Isto esixe un diálogo continuo cun mesmo, poñerse a miúdo en cuestión. E malia que paso horas e máis horas no taller, preciso interactuar co entorno, con outros e outras artistas.

Trato, en resumo, de traballar en liberdade, sen ataduras, entregado ao designio das emocións e á busca da forma máis adecuada. Non obstante, direi que por riba ou por debaixo de toda explicación, ao igual que a propia obra artística, o proceso de creación é achegarse a un enigma.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes e outras manifestações da cultura (literatura, fotografia, etc.)? Que experiências tens neste sentido?

- Alfonso Costa: Ao meu entender, esa relación multidisciplinar é a meirande riqueza porque estimula, unhas manifestacións contaminan ás outras e a arte sae ganando. A miúdo, certos achados ou revolucións nun determinado xénero serviron para abrir novos camiños noutras disciplinas.

No que incumbe ao meu traballo, dicir que a música foi e segue a ser a compañeira invisible pero perenne da miña vida, do meu traballo. Ela está moi presente na miña obra.

Igualmente a literatura, en especial a poesía, que percibo como a máis estreita simbiose entre palabra-soño-realidade. Dende sempre veño mantendo unha intensa relación con poetas. A través dos seus versos teño atravesado fronteiras cara a outra luz. Asemade, dende os comezos da miña traxectoria artística veño realizando coa obra de moi diferentes poetas cartafoles de gravado, ilustracións e portadas para os seus libros. Tamén neste sentido, salientar que dende hai varios anos colaboro co grupo poético-musical Ouriol, realizando para os seus recitais imaxes que se proxectan durante a actuación ou mesmo ás veces pinto en directo.

Por outra parte, teño colaborado co mundo do teatro, da danza ou da moda.

Sinto tamén unha gran fascinación pola fotografía, con ela mirada e instante, espazo e tempo, deveñen en imaxe única e irrepetible.

- Palavra Comum: Que referentes e influências tens no teu trabalho criativo (em geral)?

- Alfonso Costa: Cando cheguei a Barcelona, na adolescencia, para facerme artista, busquei nos museos, nas clases, nos libros e tamén nas esculturas e na arquitectura da urbe a aprendizaxe. Aínda así sería o propio bulir da cidade o que me achegaría a visión máis forte da miña contemporaneidade. O contacto na capital catalá con artistas, escritores moi queridos como Costa Clavell, con galeristas como Carlos Aguilera da Galería Trece, ou con críticos como Cesáreo Rodríguez Aguilera foi fundamental. Como decisiva resultaría para a miña obra a bolsa da Fundación March que me permitiu residir durante un ano en Florencia a realizar un traballo de investigación sobre Cimabúe e Giotto. A arte italiana deixoume abraiado, pero a obra de Giotto –a ingravidez dos seus volumes, a distorsión das figuras a crear a imaxe cromática de perfís superpostos, as composicións de profunda emotividade, o silencio do ser humano no medio dunha vexetación extrema- significou unha experiencia transformadora cuxa pegada segue sen dúbida en min.

A outro nivel, mais non menos poderoso, foi importante o encargo do Frenopático de Barcelona de pintar dous mil metros de mural nas paredes interiores do seu recinto. Foron meses de convivencia cos doentes e con aqueles médicos que practicaban os principios da Nova Psiquiatría. Unha fonda experiencia humana e artística que me marcou verdadeiramente.

Son moitos os mestres que admiro e cos que teño dialogado na miña obra –O Greco, Velázquez, Goya ou Picasso- pero sempre a vida é a que modula máis intensamente cos seus avatares a evolución de toda a miña obra.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade?

- Alfonso Costa: Coido OLYMPUS DIGITAL CAMERAque a maneira máis eficaz de interesar á sociedade pola arte –que, en última instancia, é de onde devén a arte- é na escola, nos primeiros anos da aprendizaxe da vida. Neste senso, ao meu parecer, os mestres e mestras son un valor moi importante. A min convídanme ás veces a ir a colexios e observo que a xente nova é moi receptiva e desfruta moito cando compartes con eles e elas esta paixón. Mesmo teño realizado murais co alumnado. Éncheme de emoción ese tipo de experiencias.

Tamén me gusta pintar en directo ante o público para compartir así coa xente esa enerxía da creación.

En todo caso, o mundo da arte, e falando fóra do que é estritamente a creación, é un ámbito moi complexo, porque ás veces está tramado de intereses que non sempre serven honestamente á calidade artística. Ser independente –que ao meu parecer é condición necesaria do ser artista- supón case sempre dificultades engadidas, sobre todo se non pertences a certos grupos ou non gozas da bendición dos “gurús” do momento. Pero o artista debe pasar de todo iso e seguir o seu camiño. Afortunadamente, existen galerías e galeristas con criterio propio que loitan polos seus artistas, mimándoos e arriscando moito, porque a miúdo o apoio institucional é escaso, e isto si que é terrible, porque están propiciando que desapareza o ben cultural, que é algo que non ten prezo, senón un valor impagable para un país. Pola contra, grazas a esas persoas sensibles, certas galerías están a ser o único escaparate para a promoción de artistas. Por exemplo, aquí en Galicia, onde aínda se segue con ese pobre costume de desprezar o propio en favor do que vén de fóra e que non sempre responde a valores de calidade.

Por outra parte, os comisarios e a crítica de arte son necesarios e ademais axudan moito ao artista, pero quizais, non só en Galicia senón en todas partes, poden chegar a tomar un protagonismo teórico que impón os seus propios gustos. Certo tamén que, afortunadamente, a verdadeira experiencia artística está por riba de todo isto.

En todo caso, hoxe en día a arte precisa, quizais como a sociedade mesma, grandes doses de ilusión e risco. Hai, pois, que seguir a traballar para ir máis aló. Ficar nese inmobilismo que se agocha baixo cambios superficiais é morrer. A arte é unha experiencia radical e só de aí xorde a enerxía transformadora.

- Palavra Comum: Que vínculos há, para ti, entre Arte(s) e Vida?

- Alfonso Costa: A vida sempre é o manancial. A referencia concreta. Sen vida non hai arte.

A nosa existencia é unha amálgama de vivencias ás que a arte busca dar un sentido, unha certa transcendencia, transformando o que é fragmentario e fugaz nunha nova vida para a conciencia. É, dalgún modo, un rito do renacer. Coido que a arte pode facernos cidadáns máis sensibles, máis conscientes e máis críticos e, por suposto, permítenos soñar. Pode incluso axudarnos a ser máis felices.

- Palavra Comum: Desde hoje, que sensação tens sobre toda a tua obra feita até agora?

- Alfonso Costa: Cando volvo a vista atrás, de súbito afloran na miña mente as lembranzas dos primeiros anos en Barcelona, a ilusión por chegar a ser alguén no mundo da arte. A emoción por coñecer de preto as obras dos grandes mestres e aprender deles. Os meus primeiros cadros. A nostalxia dunha Galicia que daquela ficaba fisicamente lonxe.

Despois de máis de cincuenta anos de traballo incesante e buscas continuadas, de ilusións compartidas e éxitos e fracasos, contemplo emocionado a evolución da miña obra dende aqueles primeiros pasos vacilantes cando procuraba o meu propio estilo na maraña da grande cidade.

Estou moi agradecido á crítica que valorou o meu traballo e que asemade me axudou a descubrir novos camiños tanto na pintura coma no debuxo.

Síntome satisfeito cando miro cara a cara os cadros de outras épocas e mesmo me emociono, como se volvese ver un fillo, cando me atopo diante deles, como me aconteceu na exposición retrospectiva organizada no ano 2000 pola Universidade de Santiago. Alí había cadros que non vía dende moitos anos atrás. Foi unha emoción moi íntima dialogar a soas con todas esas obras que, co paso do tempo, ao meu entender, ganaron en sentido e autenticidade.

Quero os meus cadros porque en cada un deles poño o mellor de min, a miña disciplina absoluta e a miña sinceridade. Cada un deles é un momento emocionalmente vivido.

A maioría dos críticos opinaba que a miña obra era difícil de encadrar porque non seguía os ditados das modas. Eu coido que son un artista intuitivo, que fai o que sente, que experimenta para evolucionar. Co transcorrer dos anos reafírmome na convicción de que a liberdade é un dos dons máis prezados, o que nos permite medrar para ser nós mesmos.

Ao mirar atrás sigo aprendendo dos erros e dos acertos. Estou agradecido á vida por traerme ata aquí e contento porque podo dicir que busquei achegar algo desa busca aos demais, algo significativo non só para min, senón para os outros. Sinto que, alomenos para algunha xente e ás veces, conseguino.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Alfonso Costa: Nestes momentos estou traballando na realización de imaxes para seren proxectadas nos reciatais do Grupo Ouriol –Bernardo Martínez, Fito Ares e Eva Veiga-, concretamente para o recital no Museo de Quesada e na Universidade de Jaén en homenaxe ao poeta e crítico de arte Rodríguez Aguilera e tamén para os recitais con poemas de Miguel Hernández que o Grupo Ouriol realizará en diversos espazos de Andalucía en homenaxe á dona do poeta, Josefina Manresa. Estou igualmente a traballar nas portadas para dous libros de poemas e na organización do certame de pintura ao aire libre Fernández Leiceaga “Sesé”, que o Concello de Noia vén patrocinando dende ai varios anos.

En todo caso, a miña cabeza está traballando en varios proxectos de moi diversa índole e no taller cada día agárdame o que aínda descoñezo. Traballo sempre e o que non me chega é o tempo. A obra que verdadeiramente me gostaría realizar sempre está por vir.

NOTA DE PALAVRA COMUM: na primeira foto aparece o autor. A segunda fotografia desta entrevista é da sua obra “Ser-es” (2010).

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

1 comentário

  1. 🕔 1:50, 13.Abr 2016

    Paco Souto

    Parabens Afonso. Da gosto lerte e olharte

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *