Entrevista ao escritor galego Xosé Manuel Martínez Oca

Entrevista ao escritor galego Xosé Manuel Martínez Oca

0 comentários 🕔11:30, 14.Abr 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Xosé Manuel Martínez Oca: A pregunta tería que respondela desde dous distintos puntos de vista e as respostas son tópicas en calquera deles. Como lector é tanto unha fonte de coñecementos, moitas veces inesperados, como un modo de gozar con historias, personaxes e situacións que, xeralmente, enriquecen a miña vida e a miña maneira de pensar. Como autor sérveme non só como pasatempo, senón tamén para tratar de me explicar a min mesmo comportamentos moitas veces pouco comprensibles e para revivir (e modificar e inventar) recordos que me producen pracer, e saudade, e tamén dor en ocasións. A posibilidade de modificar, aínda que só sexa no papel, o que é e o que foi a miña vida e a de algunha xente que coñezo, me rodea e coa que convivo.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?

- Xosé Manuel Martínez Oca: Xeralmente parto dunha idea pouco ou nada elaborada e voulle tratando de dar forma á medida que escribo, sen ter nunca moi claro cando remato un parágrafo, ou unha páxina, como vai ser o seguinte, nin se serei capaz de chegar a un final que, en certo xeito, redondee un pouco a historia da cal aínda non teño formada unha idea cabal. Evidentemente todo moi pouco profesional. ¿Como é en xeral o proceso de creación? Non o sei. No referente á escrita teño lido algúns libros con consellos sobre como escribir unha novela, pero sempre acabo coa sensación de que o autor está a me tomar o pelo, fala por falar, ou escribe por escribir, o primeiro que lle vén á cabeza. En realidade creo que nin el mesmo segue eses procesos creativos que recomenda.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)?

- Xosé Manuel Martínez Oca: Se entendemos que a práctica das artes é unha actividade dedicada á realización de obras fermosas, tanto a música como a pintura, a escultura, a literatura, o cine, están relacionadas entre si, todas tenden a lograr un fin parecido: producir uns sentimentos de pracer que nos leven a experimentar unha sensación de felicidade non moi doada de alcanzar no desenvolvemento da vida cotiá. ¿Cal debería ser a relación entre unhas artes e outras? Esa relación non debe ser. É. Sen necesidade de buscala, témola aí sempre. O que tal vez se necesitaría sería aumentar a relación e o intercambio de ideas entre os artistas, sexa cal sexa a modalidade artística a que se dedican.

- Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo e em geral, num sentido amplo -aquel@s que mais te marcaram-? Que autor@s, individuais ou coletiv@s, reivindicarias por não serem (re)conhecid@s suficientemente?

- Xosé Manuel Martínez Oca: As lecturas que marcan a un son, polo xeral, aquelas feitas na adolescencia, e son tantas que citar só algúns nomes pode resultar inxusto. Porén non podo esquecer as novelas de Knut Hansum ou as de Rudyard Kipling, Dostoievski, Tolstoi, os contos de Papini, as “Cousas” de Castelao, Valle-Inclán, Huxley. Camus por riba de todo. E máis adiante os sudamericanos do boom: García Márquez, Vargas Llosa, os contos de Cortázar, Miguel Ángel Asturias, Onetti, Faulkner, Cunqueiro, Ferrín, Blanco Amor. Os novelistas europeos do século XX: Max Frisch, Heinrich Böll, Dino Buzzati, Joyce. E xa máis recentes, Lobo Antunes, Manolo Rivas, Ramón Caride, Cid Cabido, Xurxo Borrazás… Tampouco podo deixar fóra os poetas: José Ángel Valente, Chus Pato, Pilar Pallarés… Todos eles, dun xeito ou doutro, influíron e seguen a influír en min e non só á hora de escribir. Finalmente, por non prolongalo máis, entre os autores que reivindicaría cúmpreme citar a Nacho Taibo, hoxe en día, inxustamente, case un descoñecido das nosas letras.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?

- Xosé Manuel Martínez Oca: Non me gusta marcar camiños, entre outras cousas porque tampouco sei de ningunha fórmula para chegar a interesar a ese público ou esa sociedade. Só penso que, descontando as promocións, flor dun día, xeralmente enganosas, o esforzo por mellorar a propia obra, sen complexos nin desánimos, é o único camiño para ser aceptados, e requeridos, por aqueles a quen vai destinada.

- Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura galega a dia de hoje?

- Xosé Manuel Martínez Oca: Non estou moi ó tanto do que aquí se escribe ultimamente, entre outras cousas porque cheguei a unha idade en que o tempo non me chega a nada e necesítoo case todo para volver unha e outra vez a aqueles autores que máis me marcaron sendo novo. Así e todo paréceme que o noso corpo literario ten a día de hoxe unha gran dignidade, que podería estar plenamente recoñecida de ter outro modo de facer oír a nosa voz fóra do ámbito galego.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?

- Xosé Manuel Martínez Oca: Son pesimista, pero non todo é negro e a pesar do meu pesimismo teño confianza en que virán tempos mellores. En canto ás relacións co mundo de fala portuguesa, sempre me pareceron interesantes, pero de aí a pensar que a salvación da nosa cultura pode vir desde Portugal vai un camiño moi longo, entre outras cousas porque a maioría dos portugueses ven un pouco por riba do ombro a cultura galega, dígase o que se diga.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xosé Manuel Martínez Oca: Dentro do pouco tempo de que dispoño (agora rematar un libro cústame moito máis traballo que nunca) continúo escribindo. Agora mesmo teño a medias unha novela, pero o ter gardadas no ordenador outras dúas inéditas non é precisamente o mellor estímulo para seguir adiante.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a fotografia do autor, obra de Eduardo Castro Bal, provém da Fototeca da AELG.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *