Tenros poetas (I)

Tenros poetas (I)

0 comentários 🕔11:10, 14.Abr 2016

Martín Fierro foi unha revista da “vangarda” arxentina que se publicou de 1924 a 1927. Dos seus “fundadores”, o nome máis coñecido é o do gran poeta Oliverio Girondo, e nela colaboraron xente como Borges, Leopoldo Marechal, Ricardo Rojas, Leopoldo Lugones, Norah Lange ou o pintor Xul Solar. Segundo afirman, chegou a tirar até 20.000 exemplares, o que, se é certo o dato, acho non alcanzou ningunha revista literaria de vangarda de ningún país do mundo, ou case (lembremos, por exemplo, que a revista Le Surréalisme au service de la révolution pechou en 1933 porque a súa venda non chegaba aos cincocentos exemplares). Unha das características de Martín Fierro foi o humor, e así nas súas páxinas viron luz “poemas” como os seguintes:

Aquí yace bien sepulto
Capdevila en este osario.
Fue niño, joven y adulto
pero nunca necesario.
Sus huesos deben quemarse
para evitar desaciertos.
Murió para presentarse
en un concurso de muertos.

Arturo Capdevila era un (bastante malo) escritor arxentino que gozaba de “fama”. Por certo, foi autor dun libro de poemas que mellor sería esquecer: Canto gallego. Outro dos satirizados na revista foi o novelista Manuel Gálvez:

Aquí yace Manuel Gálvez,
novelista conocido.
Si hasta ahora no lo has leído
que en adelante te salves.

Outro dos brancos foi o ex-presidente Bartolomé Mitre, a quen lle dera por traducir, en versión rimada, A Divina Comedia:

En esta casa parduzca
Vive en traductor del Dante.
Apúrate, caminante,
no sea que te traduzca.

Para acabarmos con este repaso, velaí esta feroz “cuarteta”:

En este nicho reposa
un poeta arrabalero.
¿No habrán tenido otra cosa
con que llenar este agujero?

A quen podería estar dedicada? Talvez a Evaristo Carriego; mais, quen sabe…

Os poetas, xa o sabemos, satirízanse entre eles: lei de vida desde o vello Catulo ou os tráxicos gregos, até que chegou Pierre Bourdieu e, tomando a cousa en serio, nos quixo facer acreditar –e hai un monte de xente que acredita, curiosamente poucos sociólogos e moitos profesores de literatura– que era, simplemente, unha loita polo poder do/no “campo literario”: os sociólogos, ás veces, demasiadas, non saben con que divertirse.

Mais hoxe queríamos falar doutros poemas satíricos, doutra literatura –ou “sistema literario” (sic)– do que a arxentina: a catalá. E dun libro que, que eu saiba, nunca foi publicado até o 2013, e como que vai en apéndice doutro libro (Laia Climent: Maria-Mercé Marçal, veus entre onades, Valencia, Tres i Quatre, 2013) pasou case desapercibido, a non ser para os fans da poeta á que está dedicado o libro-haxiografía: Les flors del Mall, de Carlos Bau de l’Aire.

MaisXGG Cántigas de alén iniciemos a historia desde o principio. En 1973, e baixo o selo de Curial Edicions Catalanes apareceu a colección de poesía “Llibres del Mall” (Libros do mazo ou do mallo, segundo traducións), que patrocinaban Ramon Pinyol i Balasch (hoxe Ramon Balasch), Maria Mercé Marçal, Xavier Bru de Sala e Gemma Armengol. A historia é longa e non se trata de contala aquí. Digamos que ao cabo de poucos anos a colección se independizou e formou unha editorial propia (Edicions del Mall) que, coa chegada da autonomía, converteuse na colección de poesía dos “novos”, duns novos, porén, moi determinados. Segundo eles, os novos da “periferia”, case que do “proletariado”, amantes das vangardas, etcétera etcétera (no entanto, un dos seus promotores proviña dunha familia aristocrática). Foi, até a súa desaparición en 1987, unha editorial mimada polas institucións autonómicas catalás (á parte que conseguiu subvencións doutras comunidades autónomas como Valencia ou Mallorca ao publicar autores destes lugares, así como de entidades de aforro das tres comunidades citadas) e publicou centos de libros de poesía. Nun momento determinado semellaba unha gran potencia editorial até que fixo o catacrack. Como curiosidade, digamos que o último libro que imprimiu foi Cántigas de alén, de José Ángel Valente, en edición de Claudio Rodríguez Fer e versión española de César Antonio Molina. Colección Ibérica núm. 42, novembro de 1987. A portada do libro era un precioso debuxo de Carlos Saura. O volume fora composto por Lluís Crespo e impreso por Bisani, de Barcelona, depósito legal B. 19.790-1987, ISBN 84-7456-410-7 (Poño estes datos por pura información, xa que se o lector curioso vai ao isbn español verá que non se dá como publicado tal libro). Noutras palabras, o libro non foi posto á venda porque… os seus exemplares foron reducidos a pasta de papel ao ser a débeda da editorial coa imprenta abondo considerábel; mais por aquelas cousas que acontecen, aos poucos meses de quebrar a editorial apareceron diversos exemplares do libro no Mercat de Sant Antoni de Barcelona. Exemplares que ou ben algún operario da imprenta afanou e vendeu aos libreiros de vello, ou ben eran os 12 exemplares que debían entregarse ao ISBN e que nunca chegaron a esa “institución”, porque non era necesario. Eu teño controlados uns poucos: 1 Basilio Losada (hoxe debe estar, como toda a súa biblioteca galega, na Cidade da Cultura); 1 a Fundación Penzol; 1 o antropólogo portugués residente en París João Fatela; dous ou tres (ou foron máis?) Claudio Rodríguez Fer, e un que teño eu na miña biblioteca. Sei de todos estes porque foron comprados por min e regalados ás persoas e institucións que se sinalan –sei que regalei un ou dous exemplares máis, pero non lembro a quen. Este libro debía iniciar, dentro da colección Mall/Ibérica a “Biblioteca José Ángel Valente”. Lembremos tamén que en Llibres del Mall apareceu o libro de Alfonso Pexegueiro A illa das mulleres loucas, primeiro en edición galego-castelán e logo galego-catalán (tradución de Josep Daurella), e a tradución dos seus Relatos para salferir co título El desert de Nabalpam (traducido por Guillem-Jordi Graells).

Mais continuemos coa historia. Llibres del Mall, como diciamos, converteuse nunha grande editora de poesía, e logo de ensaios e de novelas, aínda que en prosa o seu grande éxito (éxito post-mortem, pois vendeuse máis cando os libros, unha vez quebrada a editorial, foron liquidados por un libreiro barcelonés cuxo nome non vén agora ao caso –comprara todo o fondo de Edicions del Mall: 500.000 volumes–), foi esa cousa ilexíbel e becerro de ouro dos postmodernos e post-narradores españois, e sobre todo dos hispanistas norteamericanos: Larva, do coruñés Julián Ríos. Algúns escritores e outra fauna chegaba a considerar esta editorial como o brazo literario da Generalitat pujolista (un dos seus fundadores chegou a ser director xeral de Cultura de tal institución). En 1982, a forza editorial de Edicions del Mall, sobre todo polo que respecta á poesía semellaba imparábel: publicaba todo e a todos e de todo (e iniciara unha colección en español, de considerábel importancia, publicando, entre outros narradores, poetas e ensaístas como Severo Sarduy, Juan Gelman, Álvaro Mutis, Sánchez Robayna, Jaume Pont –un excelente libro sobre o postismo–, Anna Caballé, etc., e tradución ao español da obra completa de Salvador Espriu e obras doutros escritores e poetas cataláns), iso si, en competencia con outras importantes coleccións como Llibres de l’Escorpí, de Edicions 62 e a clásica Llibres de l’Òssa menor. Ademais da “forza” editorial propia, os homes e mulleres de Edicions del Mall eran mimados polos medios de comunicación dominados polo pujolismo (1). Este, o pujolismo, deulle entrada aos del Mall nas editoriais que eles dominaban e así durante uns anos a maioría dos grandes premios de poesía (é dicir, os dotados até con duascentas cincuenta mil pesetas no ano 1981) eran ganados polos membros deste “colectivo”.

En 1979 fundouse en Barcelona a editorial (exquisita, era a acusación que lle espetaban) Quaderns Crema, que aínda continúa, e que é coñecida fóra de Cataluña polo seu selo en español: El Acantilado. Se ben a editorial foi, até o seu falecemento non hai moito tempo, creación persoal de Jaume Vallcorba i Plana, este rodeouse dunha serie de poetas que eran coñecidos como o Grupo de Girona: Narcís Comadira, J. M. Fulquet, o propio Vallcorba Plana, Salvador Oliva, etc., aos que se engadiron nomes como Antoni Marí, Francesc Parcerisas… Nin que dicir que a estética deste grupo, cualificada de “elitista” e demasiado anglosaxoa (e alemá), estaba enfrontada á que predicaban os de Edicions del Mall. Tamén estaban enfrontados politicamente.

Así as cousas, convocouse, como cada ano desde 1959, o Premi Carles Riba de poesía 1982 (2), que aquel ano se concedía na vila tarraconense de Tortosa o 13 de decembro e estaba dotado con cen mil pesetas, no transcurso do que se denomina Festa de les Lletres Catalanes (3). O xurado estaba composto por Jordi Sarsanedas, Ricard Torrents, María-Mercé Marçal (de Edicions del Mall) e Xavier de Bru de Sala (tamén deste último colectivo), como secretario actuaba o poeta e editor de orixe galega (e autor de diversos poemas en galego) Josep Pedreira, fundador da colección l’Óssa Menor, colección que publica o libro premiado. Ao premio presentáronse, segundo a lista que deu a coñecer o xurado e reproduciu parte da prensa catalá, 60 orixinais, e o galardón foi concedido á obra El porxo de les mirades, do poeta Miquel de Palol (home, poeta, asociado ao grupo de Edicions del Mall). Mais… a verdade é que os orixinais presentados non foron 60, senón 61, como se soubo máis tarde. O xurado decidira non aceptar a inclusión do orixinal titulado Les flors del Mall, de Carles Bau de l’Aire (Carlos Trabe do Aire).

Despois de concedido o premio, este “orixinal” correu entre os poetas e críticos cataláns, fixéronse fotocopias, etc., mais nunca se editou en libro, como avanzabamos. O seu índice era (é) o seguinte:

NOTA DO EDITOR

PROEMIO (asinado por James Bridge –en catalán: Jaume Pont)

PRELUDI
Mall armeana [lembremos que a tradución de Mall é mazo ou mallo]

GRINYOL TOT GRINYOLAT [máis ou menos: chío completamente rinchado]
Rema, rema, Ramon
Ao máis rumoroso de todos
Disuasión
Soneto da vara florida
Soneto da cama do medio
Perversións
Un pinyol amb barretina [Un carozo con barretina (pucha típica catalá)]
[Poemas dedicados a Ramón Pinyol]

FLOR NATURAL
Pulida pulidora
Os trapicheos [tripijocs] florais
Soneto á bruxa do mall
[Poemas dedicados a Maria-Mercé Marçal]

MAGNO INGENIO LINGUAE VIR PENETRATRUS EST
Facilidades
Xenio confundido
[Poemas dedicados a Àlex Susanna]

FINIS FILI PUTET
Ao raparigo
O fin fatal
Estraña madurez
Ao mestre en gall [galo] saber
Adiviñas
[Poemas dedicados a Xavier Bru de Sala]

OUTRAS FLORES (E FAUNAS)
Ric-rac
O Sen [dedicado a Miquel de Palol]
Bilorda [Nota do autor (C. B. de l’Aire): Segundo o Diccionari General de la Llengua Catalana, porcaría que obtura un regueiro. Dedicado ao poeta valenciano Josep Piera]
Vaiamos ao fondo do fondo (ou, total, nada) [dedicado a Jaume Pont)
From the odorous air and the fog, m’ensorrasti [tamén a Jaume Pont]
Quatrina [aos “rapaces del Mall”]
Ao señor Alzueta, poeta e ex-representante de electrodomésticos
Estimado Viladegats [viladegatos; ao pintor, e autor da maioría das portas de Edicions del Mall, Joan-Pere Viladecans]

EPÍLOGOS. POÈMES MAUDITS. Traducidos ao zulú polo propio autor durante unha noite orxiástica na cidade de Valencia, o 20 de marzo de 1981.
Lafàv Habrúta
Mòlin Trigà

En próximas entregas, máis información.

NOTAS
(1) Tamén tiraron subvencións da Deputación de Barcelona para a colección Marca Hispánica, unha colección de autores cataláns publicada en bilingüe catalán-español. A Deputación de Barcelona daquela estaba dirixida polos socialistas, que encheron de cartos diversas editoriais como Edicions 62, á que lle pagaron a importante colección Clàssics del pensament modern, colección na que se publicaron libros de Lukács, Horkheimer, Ernst Bloch, Max Planck, Wittgenstein, Darwin, A. J. Ayer, Marx (O capital), W. Benjamin, Max Weber, A. Einstein, David Ricardo, Margaret Mead, Montesquieu, Freud, Lévi-Strauss, K. R. Popper, J. Habermas, Diderot ou Hans Kelsen entre outros, así até un total de setenta e catro (74) títulos: velaí unha subvención con pés e cabeza. Naqueles mesmos anos, a Fundació Jaume Bofill subvencionaba a colección Textos filosòfics, publicada pola editorial Laia, entre cuxos autores había moitos nomes que aparecen na anterior colección, con distinto título, e engadían clásicos do pensamento de todos os tempos: Platón, Aristóteles, Kant, Machiavelli, Sartre, D. Hume, J. O. de la Mettrie, Foucault, Santo Agostiño, Comte, Hegel, Epicteto, Feuerbach, Herder, Locke, Stirner, Montaigne, Boecio, Rousseau, Heidegger ou Schopenhauer, así até un total de cincuenta e cinco (55) títulos: hai maneiras e maneiras de subvencionar.
(2) De 1950 a 1959, este premio denominábase L’Óssa Menor, é dicir, levaba o nome da colección de poesía que publicaba o libro ganador. Despois da morte de Carles Riba en 1959 cambiou o seu nome polo do poeta; como curiosidade, digamos que en 1958 ganara o Premio de l’Óssa Menor Clementina Arderiu, a muller de Carles Riba, unha boa poeta non moi ben estudada até hai pouco.
(3) Velada na que se entregan diversos premios literarios: de poesía (Carles Riba), novela (Sant Jordi), narración (Mercé Rodoreda, antes Victor Català), Joaquim Ruyra (narrativa xuvenil), novela para rapaces/zas (Josep M.Folch i Torres), textos teatrais (F. Roda), etc., etc. Iniciouse (clandestinamente) como Nit de Santa Llùcia en 1951, e en 1971 cambiou o nome polo de Festa de les Lletres Catalanes, nome que continúa a manter. A velada celébrase cada ano nunha localidade diferente de Cataluña desde 1972, antes sempre fora en Barcelona.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *