Tenros poetas (II)

Tenros poetas (II)

0 comentários 🕔10:20, 21.Abr 2016

Como se dixo na anterior entrega, o orixinal de Les flors del Mall correu entre críticos, escritores e poetas en fotocopia e non foi até hai tres anos que apareceu nun libro, como apéndice. Un libro argallado a base de entrevistas con poetas, críticos e amigos/as de Maria-Mercé Marçal, á poeta ao que se lle dedica o libro-haxiografía, autoría de Laia Climent, especialista nesta poeta que, ao meu ver, está un pouco sobrevalorada. Evidentemente, en todas as entrevistas dinse marabillas da poeta e tamén do grupo de El Mall, a empezar por Ramon Pinyol i Balasch (hoxe Ramón Balasch i Pinyol, por causas que non veñen a conto aínda que el dá unhas na entrevista publicada neste libro, mais outros teñen outras). Laia Climent entrega os poemas en facsímile, fotocopiados, e emite uns xuízos un pouco peregrinos en defensa da súa haxiografiada e do grupo do Mall. Dos entrevistados, o único que entra a fondo na cuestión é Miquel de Palol (un dos “satirizados”). Á pregunta de que significou concretamente Les flors del Mall, responde entre outras cousas: “Foi divertido. Semella que a cousa partía dun poema de Narcís Comadira que comezaba “Que rumor de remos, Ramon, cando rimas…” Non teño constancia, pero todos aqueles cos que falei dan por feito que este poema era de Comadira aínda que, por outra banda, semella que Comadira o negou. Semella (…) que continuaron Fulquet, Vallcorba, Salvador Oliva e din que tamén Ramon Barnils (…). Alá había un poema dedicado a min, por certo nada espectacular, e non se entende moito de que vai, como se ao final algún caese de que eu non saía e algún o engadise sen ningún aliciente; penso que fun unha vítima de segunda ou terceira fila. Os poemas sobre Bru de Sala eran abondo divertidos, e tamén os de Jaume Pont e Josep Piera. Os de Àlex Susanna e a María-Mercé áchoos máis ben de mal gusto, houbo reaccións de todas as clases, desde os que o tomaron moi mal até aqueles aos que lles fixo graza e todo. (…) Non teño nada contra esta clase de operacións literarias, que son case un subxénero. Pola contra, parécenme mesmo saudábeis. Góngora e Quevedo pasaron os anos insultándose. E non digamos xa Catulo. (…) Mais velaí a diferenza: Catulo, Góngora, Quevedo e outros non din só os nomes daqueles que insultan, senón tamén os propios. O único que teño en contra dos autores de Les flors del Mall é que non desen a cara, porque entón talvez os outros, ou algúns dos outros, lles responderían no mesmo terreo (…)”.

Miquel de Palol apunta cara a certo número de persoas, as que conformaban o grupo de Quaderns Crema. Aos nomes que dá Palol, outros, no seu día (pouco despois da concesión do Carles Riba 1981) e na prensa, engadían os nomes de Antoni Marí, Jordi Llovet, Quim Monzó, Anton Espadaler, Lola Badia, Francesc Parcerisas, Dolors Oller ou Josep Mugardes. Mesmo houbo alguén, penso recordar que foi Sergio Vila-Sanjuan, en El Correo Catalán?, daba como autores das flores a “tres dos maiores poetas cataláns vivos”, e visaba directamente a Joan Oliver (Pere Quart), o autor máis cualificado de versos satíricos difundidos anonimamente. Oliver, porén, desmentiu en privado a súa autoría. Para a historia, a pesar de desmentidos (Vallcorba ou Comadira, entre outros), foron os homes e mulleres vinculados naquel tempo a Quaderns Crema quen escribiron estas flores. No plano particular, debo dicir que un dos escritores mencionados como membro de Quaderns Crema, o poeta e ensaísta eivissenc Antoni Marí –curmán afastado meu– foi quen primeiro me falou destas flores e me prometera unha fotocopia, cousa que, en realidade, non sucedeu, é dicir, non chegou a enviarme as fotocopias.

E que din os poemas?

Non os imos traducir todos, senón versos dalgúns deles, para non aborrecer ao lector.

No “Proemio”, logo dunha pequenas notas “teóricas” afírmase que o libro “trata de facer patente un exercicio individual que quere transcribir: a) unha presunta carallada [collonada] ambiental; b) a superación dun universo manicomial que vai de Salses a Guardamar, etc [de Salses a Gardamar, de Fraga a Maó son os “límites” dos Países Cataláns]; e c) o estado de identificación cun estadio superior: a locución sensíbel a través da cacofonía asumida como única condición humana posíbel”.

“Preludio” consta dun só poema: Mall armeana é, polo tanto, é un poema que xoga con versos, parafraseados, de Mallarmé (mall armeana, foneticamente, dá Mall –mallo– armado, ou Mal armado): “Un lanzamento de mallo [mall] non abolirá o azar” [Mallarmé: Un lanzamento de dados non abolirá o azar]; “A carne é triste baixo as luces dun bar” [Mallarmé: “A carne é triste, ai!, e lin todos os libros”], a segunda parte do alexandrino parafraséase no seguinte verso: “Se lestes todos os libros, non o sei”, e acaba o poema: “Tampouco sei a Orde na que facedes de cabaleiro. / O que si sei é que vivides nos limbos/ e co mallo armados [mall armats] non sodes ningún Mallarmé”.

A Flors del Mall 1sección “Grinyol tot grinyolat”, que xoga co apelido de Ramón Pinyol, consta de seis poemas, todos dedicados a este. “Rema, rema, Ramón” é o primeiro e iníciase con este verso: “Rema, rema, Ramón, que a min, o erre, me excita” e acaba: “Rema, por tanto, Ramón, rema polo regueiro do Mall farsante/ mais cando remes, mira de non remar rimando”. O remar sairá en case todos os poemas, e é que o primeiro libro de Ramón Pinyol titulábase, precisamente, Rumor de remos (Remor de rems). O segundo poema (un soneto como o anterior) titúlase “Ai máis rumoroso (remoròs) de todos”: “Que rumor de remos, Ramón, cando rimas / e enxordeces con renxidos ambos tímpanos/ de tres ou catro pobre cataláns/ que remoen os ritmos que lles chorreas [que “remiguen els rims que el regalimes”: todo o poema xoga co son da letra r]”. En “Disuasión”, o primeiro verso repite o verso: “Que rumor de remos, Ramón, cando rimas” e o “Soneto da vara” florida parafrasea este último verso: “Que rumor de ritmos, Ramón, cando remas”. O “Soneto da cama do medio” non é dos mellor conseguidos, en cambio “Perversións” ten graza, xa que se trata dun diálogo entre dúas mulleres sobre os segredos de alcoba e unha acaba por lle dicir á outra: “Pois eu, se o digo, póñome vermella,/ pretende que lle lea ao oído [a cau d’orella]/ versos malnacidos dun tal Ramón Pinyol”. O último poema dedicado a este poeta, titúlase, precisamente “Un carozo [pinyol] con barretina”: “Ramon, Ramon, a golpes de remo poeta,/ e a golpes de mallo [mall] dinámico editor:/ sempre tes preparada a maleta/ para trasladarte a calquera recanto/ en que poidas descubrir un novo esteta/ que coma ti teña a convicción/ de que os catro puntos cardinais do planeta/ son Salses, Guardamar, Fraga e Maó”.

A sección “Flor natural” consta de tres poemas dedicado a Maria-Mercé Marçal. Todos os tres: “Pulida polidora”, “Trapicheos [tripijocs] florais” e “Soneto á bruixa do Mall” xogan con títulos de libros, versos e feitos da poeta. En “Pulida pulidora” pódese ler: “Ai Maria-Mercé Marçal, ex- de Pinyol/ gorida aluada, bruxa de doo, luz de metal./ Non pulirías ti todos os libros do Mall/ cun estropallo de esparto e un frasco de Netol?” M.-M. Marçal foi a primeira muller de Ramon de Pinyol, e os seus dous primeiros libros titulábanse Cau de llunes [Gorida de luas] e Bruixa de dol [Bruxa de doo]. E continúa o poema: “Orgullosa de ser muller e de clase baixa/ e de país atrasado e subnormal,/ non pulirías, pois, o malloso ouriñal/ coa túa abnegada e feminina furia?”. Aquí trátase da “divisa” (miserabilista) que a poeta puxo ao seu primeiro libro: “Tres dons debo a Fortuna: ter nacido muller, de clase baixa e de nación oprimida”. “Trapicheos florais” ten momentos de mal gusto, aínda que denuncia que a poeta se levou a flor natural, e duascentas cincuenta mil pesetas, dos xogos florais de Barcelona de 1981, en que un dos membros do xurado era o seu ex, Ramon Pinyol: “Moral: os xogos florais son trapicheos venais:/ se queres gañar cincuenta mil duros facendo espantallos,/ procura ter un ex- no xurado que os decanta”. O último poema dedicado a Marçal carga as tintas na devandita divisa: “Tres dons dis que agradeces a Fortuna:/ nacer plebea e en lugar tosco,/ e vivir nun país sinistro e escuro,/ de onde vale máis fuxir ás dúas menos cuarto!/ (…)/ un neno irado que, con faixa e barretina,/ dirache, firme: ‘Ai, ai, naiciña amada,/ se isto son dons, sandeu, que putada!”. Faixa e barretina son prendas do traxe típico catalán.

OFlors del Mall 2 apartado Magno ingenio linguae vir penetratus est fórmano dous poemas (“Facilidades” e “Xenio confuso”) dedicados a Àlex Susanna a quen, anos despois, un dos que segundo Palol e outros podía estar detrás dalgúns dos poemas de Les flors del Mall, Salvador Oliva, poeta, crítico, lingüista e tradutor de todo o teatro ded Shakespeare, dedicou un durísimo artigo (unha páxina enteira do Diari de Barcelona, que titulaba ironicamente ”Remor de gòndoles”) sobre a pobre concepción da lingua de Susanna no libro deste Quadern venecià. Estes dous sonetos teiman un pouco no tema da lingua pero sobre todo entran en aspectos de mal gusto: “agora que xa é máis grande e fai a mili/ e aínda ten máis fame de penetrar, (…)/ E o xenio quedou de todas as cores,/ pois sen ter tempo de berrar ‘Hossanna!’/ entrou por todo o seu buraco todo o Susanna”, etc. Ve logo a sección Finis fili putet, que son cinco poemas dedicados a Xavier Bru de Sala. Todo hai que dicilo, alcanzan cumes de sátira estes cinco poemas. Vexamos algúns exemplos. Antes de nada digamos que La fi del fil (O fin do fío) e Fràgil son os títulos de dous poemarios de poeta satirizado:

AO RAPARIGO
(Epigrama)

Permíteme, Xavier,
unha licenza indebida.
Algún inconveniente?
Moi ben!
De tèxtil borro o acento
e fago unha palabra aguda.
Verás por que:
debes saber,
poeta,
que nun país a industria principal
do cal
era a camiseta,
un título como O fin do fío
máis que poesía,
semella que anuncia
a crise to sector textil.

(O de lle quitar o acento a tèxtil era para facer rimar esta palabra con fil (fío), o que non podemos manter na versión galega; traducimos literalmente os versos para que non se perda o sentido do que din os poetas satíricos.)

Noutro dos poemas, “Estraña madureza (memoria)” lese: “Cun fin de fío que fede a dous mil metros/ e moito máis aburrido que trinta anos de prisión, / o Brut [porco, suxo ou bruto, elixa o lector] fai gala dun cerebro de setemesino/ e unta completamente as catalás letras” ou “os lectores, inocentes, ficaron perplexos/ diante dos seus versos bastos, estúpidos e inconexos./ E eu pregunto agora, sen odio nin fereza:/ onde está, Manent, aquela estraña madureza?” (Albert Manent, crítico catalán unido por amizade a algúns dos poetas de Edicions del Mall e que fixera unha recensión eloxiosa do libro de Bru de Sala), ou en “Adiviñas”: “Sabe da fin do fío porque se acelera/ mais lle falta na cabeza máis dunha pila,/ Fràgil non é o título adecuado,/ senón máis ben Aburrimento”.

Até aquí os poemas dedicados aos poetas de El Mall, os seguintes, agrupados co título Outras flores (e faunas) están dedicados a poetas que se ben non eran do grupo fundador, publicaban nesta editorial e sentíanse achegados a eles: Miquel de Palol, a quen lle dedican, como se dixo, o soneto “O Sen”: “Por todo o que non tes, a xente chámate o Sen, o valenciano Josep Piera: Admírote, Gran Piera, pola cara que tes/ de darnos un libro un título tan drástico;/ se non fose porque o Pont dun regueiro sen afluentes/ sempre di que es tan bo, a min daríame noxo)”. O Pont do poema é o poeta e tamén crítico Jaume Pont, a quen lle dedican dous poemas: “Quen fai a propaganda de toda esta escoura [un libro de poemas de Josep Piera]?/ E resultou que era un simple pelagatos/ coñecido co nome de Jaume Pont Ybánez ou Ai Jaume Pont de Lleida., arquivador do verso,/ fabulador de noxos, e da lingua adverso:/ non fagas o fachenda, nin o galopín que fede/ con tanta fita va. Limítate ao Aldana/ por ben que te supere e non entendas nada/ que a aínda é moito menos o que sabes de inglés”, etc. Unha “cuarteta” dirixida ao grupo en xeral: “Rapaces do Mall, poetas do país/ tedes que tirarme unha dúbida que me corroe:/ se os libreiros sufridos deste país/ xa están fartos/ (…) de libros que na canteira/ amontoades, crueis, e ninguén move/ nin compra nunca, e fican na canteira:/ de que vivides?”; e os dous últimos poemas deste apartado están dedicados a “Miquel Alzueta, poeta e ex-representante de electrodomésticos”: “É é que o teu, insólito Alzueta,/ que das neveiras dis desertaches/ para abrazar a fe do literato,/ non é combinar o soneto coa cuarteta”, e ao pintor Joan-Pere Viladecans (“Estimat Viladegats”: “Estimado Viladegats,/ que te arrodeas de tarados,/ escoita o consello que emana/ dunha mente moi catalá”). Cerra o libro o “Epílogo: Poèmes maudits” (“Lafàv Habrúta” –La fava bruta: a cona sucia– e “Mòlin Trigà” –Molt intrigat: moi intrigado–, “traducidos do zulú polo propio autor”). Nestes poemas, escatolóxicos, lense versos como os seguintes:

To pànde kàpen hú naiàl tra kúixa
[Topant de cap amb una altra cuixa]: Batendo de cabeza con outra coxa

Avàn san dès ma pal kamí de l orí nàl
[avançant d’esma pel camí de l’orinal]: avanzando facilmente polo camiño do ouriñal

Senvéla fàv atót assola. Esbrú ta.
[s’en ve la fava tota sola. És bruta]: vese a cona (ou pixa) completamente soa. Está sucia, etc.

Pensamos que estes versos en escritura máis ou menos fonética, e que é pesado transcribir en catalán académico, deberon ser escritos por Salvador Oliva, mais non o podemos afirmar.

Aínda que podiamos continuar, acho que esta pequena mostra é máis que suficiente. Ora, as guerras literarias cataláns non acabaron aquí, continuaron e continúan, aínda que hoxe están un pouco esmorecidas. [Un caso “exemplar” é a ensalada de paus que durante moitos anos se repartiron tanto en artigos como entrevistas e nas súas novelas o escritor catalán Baltasar Porcel e Juan Marsé; este último, nunha entrevista, á pregunta de por que non escribía en catalán contestou que non o faría porque sería o peor de todos, e logo engadía, ben, non o peor, o último antes de Baltasar Porcel, e nun retrato de Porcel da súa serie Señoras y señores, pódense ler estas frases “cariñosas”: “Su aspecto general es el de un hombre al que le gusta posar para la posteridad con los brazos cruzados y de pie sobre un pedestal de mármol, la barbilla enhiesta y trufado de vangaloria, pujolismo sobón, ceneteísmo monárquico y prochino o como diablos se coma eso. Los ojos, bastante juntos, parecen voraces, ávidos de triunfo en los salones de alguna diputación provincial, por ejemplo, en presencia de cualquier politicastro figurón y caramamella. Mirada atravesada como su prosa. Tiene orejas, pero ningún oído literario. La mejor pluma catalana después de Carmen de Lirio.” Anos despois (1992) Albert Roig publicou un panfleto, L’estiu de les paparres o La societat secreta del poetas (O verán das carrachas ou A sociedade secreta dos poetas; no entanto, paparra tamén é sinónimo de “pesado” e de “cabrón”), libro que foi comentado no seu día por Rexina Vega en A Nosa Terra e no Faro de Vigo e Grial por quen isto asina). O propio Roig, con Xavier Lloveras, publicou un ano despois unha polémica antoloxía da poesía catalá: L’artista de la paraula: poesia catalana del segle XX, e en 1994 coordinou o libro El gos del poeta (O can do poeta), onde el e outros escritores (Josep Albertí, Joan Ferraté, Manel Guerrero, Xavier Lloveras, Xavier Pericay, etc., e Carlos Bau de l’Aire, cuxo artigo damos en apéndice) volvían á carga. Despois destes tres libros volveu a se instaurar a “pax pujolista” que reinaba desde 1983, houbo que esperar a inicios do novo século para que un grupo de escritores, máis preocupados pola toma do poder que pola literatura, aínda que eles afirmasen o contrario, viñesen revolver as augas tranquilas da literatura catalá. Este grupo autonomeouse Os imparábeis. Para unha primeira aproximación, pódese ler o que sobre el escribín no Grial nº 158: “Carta de Barcelona: Medo ao presente”.

Hoxe a pax foi recuperada. Canto durará? Esperemos que non moito.

***

Apéndice

Xogos Florais 1984: un prepara o té e ao outro se lle arrefría… o café

A miúdo o lector habitual de poesía, que non logra recuperarse nunca de tantas sorpresas, non pode senón ter unha máis grande aínda ao ler o preclaro resultado da “Homenaxe aos trobadores cataláns”, lema con que se nos presenta o veredicto dos Xogos Florais de Barcelona 1984.

Como xa se sabe, estes Xogos, por outra parte tan arraigados nas esencias da terra, para nos entendermos, que, sexa viola, sexa englantina [viola d’or i d’argent –violeta de de ouro e de prata, premio á mellor poesía relixiosa–; englantina d’or –xazmín de ouro, premio á mellor poesía patriótica], entran nos rangos dos poetas laureados co lirio na man ou quen sabe se coa flor no cu. Para nos entendermos.

A intención deste comentario non é outra, polo tanto, que pór de releve os méritos contraídos sobre todo polos dous poetas ganadores hogano, cuxa valía, estamos seguros, máis que non evidente, fica, para nos entendermos, en evidencia.

Todo isto vén a conto porque o outro día un insensato nos enviou por correo o opúsculo que contén os poemas ganadores. Vaiamos, xa que logo, de vagar, e non por Pàmies, que hai para todos (4).

A Englantina de ouro, adxudicada a un tal Àlex Susanna, comeza a súa florida, para nos entendermos, con dous versos, para nos entendermos, de marcada tendencia naturalista (de manual de ciencias naturais, queremos dicir). Di así: “A chuvia, como o fogo,/ son bos compañeiros do home”. E o lector, posto en situación, pensa: E o can tamén, conas!

Así, por tanto, despois de dicirnos –agárrate– que “a vida […] vólvese/ inacabábel sucesión de revelacións”, o poeta continúa cuns versos impagábeis, que semellan tirados talmente dun receitario daquilo que se chama nouvelle cuisine, onde non faltan ingredientes. Vede se non: “Lémbrame tamén/ o queixo e o viño que a media tarde/ tomabamos, cansos de pasear,/ e as olivas, pequenas e amargas,/ e o fogo da noite,/ que nos acendía e enchía de fume/ e no que todo o faciamos á brasa…/ patacas, alcachofas, cebolas e carne./ (O noso amor, na cabana, era unha combustión continua…”). Susanna asado, velaí.

O poeta, bo gourmet da prosodia, déixanos apampados cun recurso literario de fonda raíz popular que poderiamos sintetizar así: Volve, que non foi nada, para nos entendermos. Vede: “O mar é a música, é o ritmo/ […]/ Entón trátase de volver comezar./ O mar é a música, é o ritmo […]” así tres veces. O que diciamos máis enriba: Volve, que non foi nada. Ah!, esqueciámonos: “Algún riso, porén rómpeo todo”. “Entón trátase de volver comezar”, acaba o poeta, é dicir: Volve, que non foi nada.

E á cuarta vai a vencida, “A nunca non saciada”: “Evoco continuamente a muller máis potente” [sic]. Chegados a este punto, o lector estará de acordo connosco que a “animalidade desencadeada” de que nos fala o poeta é máis ben a súa, que non a da “muller máis potente” [sic], aquela que lle fai facer horas extras: “aquela que me ten horas e horas/ metido no seu corpo, festexándoa”.

Sabio por unha vez, o poeta conclúe nos últimos versos que, en definitiva, “só quedan os restroballos:/ poemas para ser lidos [permitídeme a emenda] de costas”.

“Non sei onde estou”, di o poeta, conducido por angustias metafísicas. Nós si que o sabemos, ai las!: na quinta estrofa!, “alá onde o mar se voltea / e maltrata a lúa”.

Despois de dous xemidos –ai, ai–, o poeta quere facernos cómplices da súa desorientación, e pregúntanos: “Onde estades?” Aínda na quinta estrofa!, “afastados onde o Àlex non sabe vernos”.

Durante a lectura dos versos que comentamos percibimos a persistencia dun leitmotiv que nos rebela (rebela) o sentido máis profundo do corpus poético susanna-non-pode fluír. O poeta, ao longo de toda a obra, insiste, persiste, repite que le (entre outras cousas, para nos entendermos). “Do home que le”, “este libro subliñado lémbrame a túa aldea”, “acompaña o home estas noites de densa lectura”, “o sofá verde onde lemos encrequenados” e/ou “baixo o peso de tanta folla debuxada”. Mais finalmente, facendo gala dun inestimábel dominio da retórica clásica, recorre ao paradoxo. Di: “Finalmente, ler non leva a ningures”, sobre todo se o facemos “encrequenados no sofá verde”.

Erguémonos, xa que logo, e preparamos o té, e antes de que se nos arrefríe o café, a pesar da cita de Hölderlin: “Vén xa, lume!”, comezamos alá onde nos deixou o noso querido Susanna: co amigo Puigvert (5), “máis alá do silencio”, onde mesmo as estatuas padecen de afonía, naquel lugar onde Joan Maria confunde o inconsciente coa inconsciencia. Como di o refrán, «a consciencia era verdade e comeuna un burro”, ou, o que é igual: este rapaz vólveuse todo [s’ha begut (bebeuse) l’enteniment (entendemento)]. Mais vaiamos con coidado que, entre “fórmulas talismánicas” e “máscaras diabólicas”, o poeta avísanos de que “unha pantera negra salta desta páxina”; como quen di: CUIDADO CON EL PERRO. Pouco despois deste número do “salta, pantera!”, que sen dúbida poderiamos catalogar nos anais da «animalidade desencadeada”, o poeta, para nos entendermos, xéanos o sangue (“cascadas de xeo”, “planetas glaciais” e/ou “o lume xeado dunha estrela chea de auga”) cando, ao facer unha impúdica confesión ictiometafísica, nos informa de que ten “a alma chea de medusas”, é dicir, “hecha unos zorros”, para nos entendermos, confesión reforzada uns versos máis abaixo: “O desconsolo […]/ poboa lentamente de brandos cefalópodos/ as zonas máis recónditas do espírito humano”, animais –os cefalópodos– que até o de agora –ancienne cuisine obriga– só ían parar ao arroz.

Para acabarmos, e tendo en todo momento presente nas nosas oracións –tanto principais como subordinadas– o señor Pàmies, só queremos deixar constancia do noso convencemento de que estes premios, de auténtico xurado de garda, paradoxalmente, non foron lidos polos que debían decidir os méritos, para nos entendermos, e que o reparto de galardóns se fixo tendo en conta só o grao de amizade ou de parentesco dos participantes, se é así, a actitude adoptada polo xurado hónrao, cando menos, intelectualmente.

Esperemos que noutra ocasión a Unión Soviética non boicotee os Xogos e que, sexa violeta sexa xasmín, flores tan fermosas vaian parar, vía Salses, a Vladivostok.

CARLES BAU DE L’AIRE

NOTAS
(4) O autor fai un xogo con anem a pams (vaiamos de vagar) e J. Pàmies, poeta cuxo apelido en realidade é Pàmias, publicado tamén por Edicións del Mall, a quen cita máis abaixo.
(5) O poeta Joan Maria Puigvert, que fora o segundo galardoado nestes xogos florais.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *