Entrevista a Inma Doval

Entrevista a Inma Doval

4 comentários 🕔10:45, 25.Abr 2016

Palavra Comum: Que é para ti a(s) arte(s)?

- Inma Doval: Ante todo, expresión e comunicación, manifestación do pensamento. É camiño, tránsito, alimento e alento.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação cultural e artística?

- Inma Doval: Cando a mente está libre, a derrota é sempre creación. Eu tento manter esa liberación para que desemboque nesa xénese, mais non sempre é doado. No camiño, hai imaxes que chegan, quizais procedentes daquilo que tento afastar nesa limpeza, e que prenden, de aí pode xurdir algo. A creación non é premeditada. Pode ser unha imaxe, unha música, unha lembranza, unha lectura, un ollar… Das lecturas, do cine e da música proveñen, moitas veces, as miñas obras, máis tamén poden xurdir de calquera visión fugaz do cotián ou mesmo dunha conversa ou dun soño.

Hai unha obra marabillosa de Stephen Zweig, un discurso pronunciado en Buenos Aires no 36, O misterio da creación artística; nel fala do proceso creativo como algo máxico, interior, inexplicable. Fala da éxtase en que se atopa o artista, entendida como “estar fóra de si mesmo”, e do que se trata, efectivamente, é de que está “centrado na súa obra, está no seu mundo”. Crear ese mundo máxico, irreal, que nos traslada da “realidade” a esa nosa “irrealidade”, é o proceso creativo, e pode ser moi diferente en cada artista. Hai quen precisa realizar moitos bocetos previos do que vai realizar, minuciosamente elaborados, e o resultado final é fiel ao inicio. Eu podo mudar unha obra dende que a imaxino ata que finaliza totalmente, porque, no tránsito da mente ao lenzo ou ao papel xa se materializou noutra idea, a obra ten vida propia fóra das miñas mans, dende o instante no que xermola. E a anterior queda completamente absorbida e irrecuperable.

A cor marca e manda: aínda sendo un proceso figurativo, preciso cambiar as cores reais, trasladar a cor da emoción á cor da imaxe, trocar a realidade nun soño. Os meus proxectos teñen moitas veces texto, e o texto alimenta o cadro, e o cadro alimenta ao texto, ás veces non sabería que chegou antes, cal é a nai e onde comeza o cordón umbilical. E non sempre o texto, ou a pintura, van formar parte da obra final, aínda estando en todo o proceso.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes e outras manifestações da cultura (literatura, fotografia, etc.)? Que experiências tens neste sentido?

- Inma Doval: As artes proceden todas do mesmo proceso, o creativo, á forza teñen que estar ligadas, están condenadas a dialogar entre si, e en moitas ocasións é difícil desvinculalas dentro da obra dun mesmo artista. Sempre houbo necesidade de poñer cada arte nun lugar específico e tratouse de ver cal delas ocuparía o máis alto, como se as artes puidesen formar parte dunha estructura piramidal. Dende a clásica cita “a pintura é poesía muda e a poesía pintura cega”, atribuída a Simónides de Ceos, seguiron textos e tratados clásicos, estudos de teoría da arte e estética dende o Renacemento ata hoxe, nos que se tentou buscar primeiro un predominio dunha sobre a outra de depois estudar as relación entre estas e outras artes (-“Ut pictura poesis”-Horacio, Aristóteles, Diderot, Lessing, Panofsky…). Eu son partidaria dunha comunicación entre as artes, dunha unión, sen predominio de ninguha delas; como dicía Wilhem Schlegel: “nutrir as artes unhas con outras e atopar pontes entre elas”. Neste sentido é no que traballo, tanto a nivel persoal como dende arTeu.

Procuro sempre esa ponte e gústame realizar colaboracións con artistas plásticas/os máis tamén escritoras/es, poetas ou músicos. Ás veces sírvome dos meus propios textos, poemas ou contos, e noutras ocasións nútrome da creación de colegas, ilustrando textos (máis quixera dicir dialogando con textos, pois é así como o entendo, unha comunicación con outra creación). Neste senso teño realizado un álbum infantil con Berta Dávila e agora teño un intercambio con Francisco Duarte Mangas.

- Palavra Comum: Que Inma Doval 2referentes e influências tens no teu trabalho criativo -e em geral-? Quais destacarias especialmente por não serem suficientemente reconhecid@s?

- Inma Doval: Imaxino que son moitas as influencias que hai na miña obra artística, pintorxs, escritorxs… Centrándonos na plástica, das que eu son consciente son todo o expresionismo alemán, nomeadamente artistas de “Die Brücke” como Kirschner ou Nolde, os fauvistas, os pintores simbolistas (sobre todo Odilon Redon ou Moreau), máis tamén de artistas tan distantes esteticamente como Chagall, Guayasamín, Frida Kahlo ou Rossetti. Podería falar de moitas e moitos artistas a quen admiro e dos que me fascinan as súas obras, clásicos e contemporáneos, deixan pegada en min, mais non na miña obra, ou polo menos non conscientemente, e é posible que algunha exposición ou algún cadro que vexa un día, pase a formar parte desas imaxes que activan a creación dunha nova obra.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade?

- Inma Doval: É ese o camiño polo que debería transitar a arte, o de procurar a comunicación coa sociedade para poder obter ese feedback que toda/o artista precisa, sexa ou non positivo, guste ou non o que facemos. A arte escolleu un traxecto de difícil tránsito para o público, pensando que unha obra que precise “intermediaria/o” para chegar á súa comprensión é de mellor calidade, algo totalmente falso. Xa o dixen, a arte, para min, é ante todo “expresión e comunicación”, se non existe esa comunicación, non é arte. Por que precisamos alguén que explique as nosas obras? Eu podo dar pistas, notas, que axuden a ver o que quero dicir, pero o que o público ve, sen que eu lle explique nada, dá unha nova visión que enriquece. Teño asistido a presentacións de exposicións nas que un “comisario” trataba de falar sobre a obra dunha artista e o que dicía nada tiña que ver coa mensaxe que ela quería transmitir, dúas mensaxes contraditorias para un público ao que se lle anula a capacidade de observar, coñecer, interpretar e comprender (comunicación).

- Palavra Comum: Que vínculos há, para ti, entre Arte(s) e Vida?

- Inma Doval: Partindo de todo o que xa dixen no proceso creativo… é un vínculo circular, da vida vén a inspiración para o que fago e a miña vida nútrese, en parte, do que creo. E ao mesmo tempo, a parte artística, dalgún xeito exterioriza aquilo que vivimos e comunícao despois dun proceso interior. De novo, a arte é “tránsito, alimento e alento”.

- Palavra Comum: Fala-nos de arTeu…

- Inma Doval: arTeu é un colectivo artístico formado unicamente por dous artistas, Xacobe Meléndrez e eu, pero que en cada proxecto implica a gran cantidade de xente procedente de tódalas artes. Naceu hai xa sete anos e o seu obxectivo é achegar a arte á sociedade, non agardar a que o público a busque, senón levala alá onde se atope. Neste senso, realizamos proxectos nos que unha exposición pode estar nunha peixería, nun taller de coches, ou mesmo na rúa. Proxectos nos que achegamos a arte a doentes (exposicións en centros médicos como o COG ou Clínica Aiemá), nos que nos servimos da arte como denuncia ante ameazas de construción de minas, centrais hidroeléctricas, ou demandando a protección dos nosos bosques, en definitiva, procurando e esixindo unha protección do medio (Enarborar o bosque), defendendo o comercio local ante as grandes superficies (Paralelo 43º 21’ 45’’, con outros colectivos), loitando por unha pesca artesanal e sustentable, ao tempo que se establecen pontes entre artistas de distintos países.

- Palavra Comum: Trabalhas na Universidade. Qual é a tua visão do ensino? Para onde consideras que deveria caminhar?

- Inma Doval: Tema complicado. A verdade é que a dia de hoxe, a miña visión do ensino é bastante negativa. Non falo tanto por traballar na Universidade como por ter dous fillos en idade escolar e ser parte dunha familia con predominio da profesión docente. Penso que o sistema actual de ensino, e agora a LOMCE, están arruinando o futuro dunha xeración. Hai moi bos profesionais, e tamén os hai non tan bos, pero uns e outros están condicionados por unha lexislación pésima. Mais o problema tamén vén da Universidade, o ensino continúa a ser a base de clases maxistrais, con apuntamentos nas fotocopiadoras e manuais, iso da “aprendizaxe ao longo da vida” polo de agora está no papel, non se lles ensina a desenvolver un espíritu crítico, a buscar información e ter capacidade de analizala e cotexala, dáselles todo feito; é o que vexo na maioría dos casos. Por outra banda hoxe o alumnado parece non ter tempo (ou quizais inquedanza) máis que para facer traballos e exames e rara vez asisten a unha actividade cultural que poida haber no centro, non teñen tempo para ler, para ver unha obra de teatro… Todo consiste en estudar apuntamentos e manuais. E elas e eles serán os futuros profesores dos nosos fillos.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Inma Doval: Actualmente estou realizando dous proxectos, un de colaboración para o Correio do Porto, realizando “ilustracións” que dialogan con textos de Francisco Duarte Mangas, procedentes da súa obra de relatos curtos O Homem do Saco de Cabedal, e que van publicando nesa revista electrónica o 15 de cada mes. E por outra parte un proxecto persoal, para o cal apenas teño tempo, que é traballar sobre os lieders de Alma e Gustav Mahler. Calquera dos dous ocupan o pouco tempo libre do que dispoño para pintar.

E calquera proxecto que supoña un diálogo con outras artes e con outros artistas sempre me seduce. Gustaríame que se puidese realizar un proxecto no que estivemos traballando hai anos dende arTeu de intercambio entre países lusófonos, con gravado, poesía e música, e que quedou na espera por non atopar financiamento e ser precisa, xa que nos países implicados había artistas que non podían autofinanciar a súa parte. Era realmente un proxecto fantástico. Quizais algún dia…

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

4 comentários

  1. 🕔 18:56, 03.Mai 2016

    Manoel Bonabal

    Moitas grazas Inma polo bo facer. Muaks

    Responder comentário
  2. 🕔 12:08, 28.Abr 2016

    marosa

    Penso que Inma Doval é unha artista coherente e sinceira, consigo mesma e ca súa obra. Implicada na achega do arte ao home, nese interesante grupo Art eu. Non van na procura dun materialismo que inunda a arte nos nosos días, senon alimentar o espíritu que tan necesitado está con tanta tecnoloxía.

    Responder comentário
  3. 🕔 9:53, 27.Abr 2016

    Amilamia

    Grazas a ti, polas túas palabras.

    Responder comentário
  4. 🕔 19:17, 26.Abr 2016

    Chisco

    Grazas Inma polas túas respostas tan reveladoras para min, que comparto tanta vida contigo, convosco. Grazas tamén a Palavra Común por esta iniciativa de entrevistar a artistas, escritores, fotógrafos.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *