Fragmentos da Atoreida (sobre unha posíbel orixe orzánica do Castro de Cociñadoiro), por Sergio B. Landrove

Fragmentos da Atoreida (sobre unha posíbel orixe orzánica do Castro de Cociñadoiro), por Sergio B. Landrove

0 comentários 🕔10:30, 25.Abr 2016

Nos vindeiros meses, se a industrial editorial quere, sairá do prelo a miña edición en galego actual das dúas epopeas máis sobranceiras da literatura de Orzán: a Larmiada e a Atoreida. Tras rematar a tradución e gran parte das notas e do aparato crítico réstame o máis difícil: atopar un editor e convencelo da necesidade desta obra. Este adianto quere ser un primeiro intento.

A Larmiada, da que se conservan uns 4.000 versos, pasa por ser o máis antigo texto da literatura do Orzán. Nel, o anónimo autor descrebe as aventuras de Larma, aprendiz do mago Bren, que tras rescatalo do ataque dun monstro mariño comeza unha vida adicada ao saber -nun fondo sentido clásico- nas augas de Posidón.

A Atoreida é un longo poema de máis de 11.000 versos, unha epopea que narra as viaxes de Átor, o explorador de Orzán que cartografou, na idade de Bronce, o Mediterráneo.

Nunha terra que vive de costas ao mar é complicado dar a coñecer a historia e a arte dos pobos asolagados, por máis que a literatura de Orzán teña moita influencia na literatura galega, polo menos até o século XIV.

Pero a relación cos mariños non é só literaria, as nosas historias veñen influíndose dende o principio: un exemplo claro podémolo atopar no canto vixésimo e sétimo da Atoreida na que o autor narra -aínda que indirectamente- unha posíbel orixe do castro de Cociñadoiro.

Este castro estaba situado na punta de Muros, na parroquia arteixá de Suevos. Os expertos cualificaron este poboamento como excepcional por varias razóns:

As [súas] cabanas eran alongadas. Abraiantemente alongadas, nunha forma descoñecida en Galicia ata o momento nun castro. Esta sucesión de cabanas alongadísimas, ademais, tiña unha lóxica. Case todas as casas dispuñan de fornos de metalurxia, […]

di Manuel Gago no seu artigo O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña, e prosegue

[o] castro carecía de instrumentos agrícolas, ou de instrumentos que revelasen que os seus habitantes traballaban na terra ou no mar. Só metalurxia do bronce, beireando o século IX-VII antes de Cristo. […]

era unha factoría fortificada da metalurxia do bronce […]

para rematar dicindo que:

[o castro de punta de Muros é] algo totalmente novo, só equiparable a algunhas factorías fenicias no Mediterráneo nesa época, en momentos de elevado desenvolvemento do que se coñece como civilización, pero é inaudito na zona atlántica da península, e, ademais, no lugar non se atoparon achados de orixe mediterránea que falasen dunha interacción comercial co sur (1)

Este excepcional achado foi destruído totalmente polas obras do porto exterior de punta Lagosteira, o 27 de novembro de 2005, aínda que semella que se conservaron moitos dos seus restos e pezas co proxecto de reconstruír, nun “centro de interpretación”, varias das súas senlleiras construcións.

Como apunta Manuel Gago, unha das maiores incógnitas deste castro é a súa condición de poboado mineiro e metalúrxico que só ten comparanza con algúns asentamentos fenicios. Precisamente neste intre é onde a literatura orzá pode botar unha man á ciencia galega, e faino dende o canto vixésimo e sétimo da Atoreida.

Esta epopea comeza coa preciosa e precisa invocación tradicional dos poetas orais de Orzán para reclamar atención: «Que cale o mar!», e na primeira estrofa fai un resumo da totalidade da historia para que os ouvintes, que escoitaban ao rapsoda, puidesen facerse unha idea e decidir se lles interesaba quedar ou non:

Canto primeiro

Que cale o mar para cantar a historia de Átor de Orzán
que percorreu os eidos de Posidón e trouxo á cidade,
dende as augas de Yamm, artes novas que mudaron o mundo
[…]

Yamm é un dos deuses do mar dos fenicios. Os orzáns até o século IV da nosa Era chamaban, polo menos nos textos literarios, aos territorios mariños e da superficie polos deuses que adoraban os seus habitantes.

Remato coas miñas explicacións e vou xa polo canto vixésimo sétimo. Nel interveñen tres personaxes: Átor, o protagonista; Erné, a raíña de Orzán; e Boltar, o mago da cidade asolagada. A alianza das xentes de Orzán cos antigos habitantes destas terras (os brigantios) chegaba ao seu remate tras un longo periodo de paz. Átor aconsella a raíña grazas aos coñecementos que adquiriu nas súas viaxes:

Canto vixésimo sétimo
[…]

Átor, o de xenio ebulente, aprendera daqueles terrestres
a arte da fundición do bronce, ignorada en Orzán
e polas xentes das vilas descubertas do inicio da terra
e agasallou con ela a raiña Erné, pois sabía o que lles agardaba:

«Miña dona, agora que a alianza rematou
poderemos usar do saber dos fenicios para evitar a guerra.
Esta arte que usan no último confín,
moito máis alá de sereas e cíclopes,
nos campos nos que Yamm goberna con terror,
pode que permita nova paz cos brigantios»

O de xenio ebulente amosou á raíña
o enxoval que trouxera da terra dos fenicios:
fíbulas e xerras, punzóns e agullas,
espadas e puñais agudos e lixeiros.

«E como imos prender lume, Átor o ebulente?»
– replicou o Boltar, cardume de saberes.

«Cómpre, meu señor, que aboien os mariños»

«Aconsellas, Átor, coa temeridade dos mozos:
os nosos devanceiros abandonaron o ar
e esquecer a súas verbas, que ecoan no Profundo,
para migrar de Orzán cara á superficie
cando o pai das baleas nos chama á guerra
suporá unha traizón á historia e ao futuro»
[…]

A discusión entre o heroe e o mago segue durante un cento de versos que agora non veñen a conto, porque para solucionar a regueifa:

A raíña Erné, filla da escuridade, convocou ao Consello.
[…]

e por doce marés disputaron sen tregua
até que ao son do corno da nova preamar
o primeiro conselleiro, de barba coralina, proclamou o ditame:

«As ondas nas que falan os nosos devanceiros
seguen a aconsellarnos que fuxamos da terra,
pero a paz é a leira na que agroma a vida,
e a ledicia morre canda os mozos na loita:
valen máis as cancións dos vellos do presente
que o sorriso do nenos que aínda non naceron.
Señora, aconsellamos fundar unha colonia
dende a que comerciar co brigantino pobo,
eles que sempre arelan por novos pasatempos
quedarán encantados co comercio do bronce
pero, alerta, Señora! Non lles deamos espadas,
pois a nosa estratexia tornará contra nós.
Chamarán á batalla co seus cornos de terra
polo absurdo pracer de estrearen as armas
que brincarán das súas fundas con fame de mariños.
[…]»

Os orzáns, guiados polo éxito comercial, esqueceron a finalidade da colonia, desoíron o Consello e finalmente fabricaron armas. Pero iso xa é outra historia que terán que ler, se a industria editorial quere, na edición completa da Atoreida.

NOTA
(1)
Unha información máis técnica pódese atopar no ensaio en castelán El yacimiento de Punta de Muros: un poblado de producción metalúrgica en el NO de la Península Ibérica, de Juan A. Cano Pan e outros no núm. 33 do Anuario Brigantino (ano 2010). Dispoñible, ao tempo de redactar este artigo, neste cibersitio.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *