<em>O desexo</em>, pintura e poesía (II)

O desexo, pintura e poesía (II)

0 comentários 🕔10:15, 25.Abr 2016

Estase a realizar unha exposición colectiva dos pintores Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro (no Pazo da Cultura de Carballo, do 7 de abril ao 8 de maio), que posteriormente irá a Malpica.

Desde Caldeirón publicouse un catálogo homónimo con textos poéticos de autor@s que teñen editada alí a súa obra.

A continuación, deixamos a segunda parte deste diálogo entre artes:

***

O desexo Maside 09

XULIO MASIDE

*

Podo ulirvos
atrapados na vosa espiral de bocas
as mans confundidas nos adentros

podo escoitar
como renxen as vosas seivas rápidas
e ficar aquí enquistado
no máis inútil ángulo da vosa pel
á espreita

presentirvos
esa vibración porosa e mística
que facedes que aconteza
e ladrarvos
porque non atinxo o senso desta loita
se os vosos sexos xogan a cazarse
como cachorros
ou se nutren
ou se agreden

por iso estou latexante
coas fauces abertas
choutando entre as pernas do desexo
gardándovos a pel
por se o desexo torna cruel mordida
e acontecen as sombras.

EMMA PEDREIRA

***

O desexo Pardiñas 8

XOÁN PARDIÑAS

*

Antigone

acaso quedara un último poema
por escreber
aaaaa -outra lectura-
procurar a sombría ollada
que na súa infelicidade
escolle a morte
de xeito consciente
e rebelde
amando a vida
con total entrega
e así completar
nen saber que

MIGUEL MATO

***

O desexo Riveiro 6

FERNANDO RIVEIRO

*

e o lenzo racha
transfigúrase
transfórmase
rompe o silencio para dicir que o verbo é
o mar
o ceo
o corpo que abala
para exclamar que basta!

a fronteira que delimitara os lindes do medo
desfaise nos cascallos que son esa dor que nos iguala
e non mingua
e di que si incluso cando non lle presta
pero recoñece o sacrificio
e ambos virámonos cara ao mesmo lado
e xuntos imos pechando os ollos
para ficar durmidos
no contacto necesario

ALBERTE MOMÁN NAVAL

Sobre o autor / a autora

Francisco Souto

Francisco Souto

(Galiza) A Coruña, 1962. Coeditor das edicións do Dragón nas que publica os cartóns colectivos Ao mar de adentro, A rota dos baleeiros e Dous bocetos. Coeditor tamén de Letras de Cal nas que publica Fado, 1998. É autor ademais de As árvores do incesto, Espiral Maior, 1995; Crebar cristais coa lingua, Caldeirón, 2003 e As horas de María, Espiral Maior, 2007. Ten no seu haber, entre outros, os premios Espiral Maior 1994, Johán Carballeira 2006, e foi accesit do III premio de poesía erótica Illas Sisargas co libro E alentar na túa rosa que verá a luz proximamente na colección Caldeirón. En 1993 realiza xunto a Kukas e Laura Quintillán o espectáculo pluridisciplinar América. En 2001 na sala galán do Compostela xunto ao piano de Serxio Moreira a montaxe Como águas de maio co que repite en Aviléscanto, 2003; As horas de María, 2007 e na homenaxe a Xelucho Abella por encargo da A. C. Monte Branco para a festa das letras 2008. Ilustra os libros Tortillas para os obreiros de Fran Alonso, Xanela ao bío de Paco de Tano, Arredor do teu corpo de Antonio García Teijeiro e Baile Átha Cliath de Alberte Momán e realiza portadas para o libro de Miro Villar, Ausencias pretéritas e Um corpo para a infância de Celeste Craveiro. Participa en exposicións colectivas como Botella ao Mar, ou as organizadas por adega arredor do lixo ou Artnatura, e individuais como Poemas suxos, ou no restaurante Mar de Ardora, Lugar de incéndios. Colaborou en teatro cos Monicreques de Kukas en Don Gaiferos e con Matarile en Hamletmaschine. Fai crítica teatral para A Nosa Terra, a día de hoxe ten un programa semanal de literatura A Escrita en Radio Roncudo, única radio libre da Costa da Morte.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *