30 poemas de 24 poetas quebequenses do século XX (I)

30 poemas de 24 poetas quebequenses do século XX (I)

0 comentários 🕔11:00, 05.Mai 2016

A poesía do Quebec non foi, que saibamos nós, moi traducida ao galego. Que lembremos, só no número 21 de Grial (xullo-agosto-setembro 1968), Xesús Cambre Mariño (un deses nomes que brillaron durante un tempo no noso firmamento e despois non soubemos máis del, como aconteceu con Xesús B. Pena Trapero, Xosé Antón Arxona e tantos outros que sería longo enumerar) traduciu tres poemas de tres poetas quebequeses co título “Pequena amostra da poesía do Canadá francés”. Cambre Mariño traducía un poema de cada autor, tres poetas: Saint-Denys Garneau, talvez o poeta máis importante do Canadá francés na primeira metade do século pasado (morreu novo, aos trinta e un anos, nacera en 1912), Jean-Guy Pilon (1930) e Jacques Brault, nacido en 1933, aínda que por erro Cambre Mariño, ou erro de imprenta, dábao como nacido no 1913. Quen isto asina, pola súa banda, ten traducido algún poema do poeta surrealista quebequés Roland Guiguère que deben andar perdidos polas páxinas de Faro de Vigo e El Progreso.

Nós, hoxe, presentamos trinta poemas de vinte e catro poetas quebequeses do século XX, sen escolmar ningún dos tres traducidos por Cambre Mariño. Algúns deles están felizmente vivos, polo que continúan a escribir e publicar poemas. Quen queira saber máis sobre estes/as poetas, non ten máis que “clicar” enriba do seu nome e serán enviados á wikipedia. Outro día falaremos da riqueza da poesía do Quebec. Por hoxe, só unha mostra de poetas e poemas.

XGG

*

Bernard Pozier

Os rockeiros de sete anos

van á escola cando saen do sono
empúxanse impaciéntanse
e finalmente soan as tres
para volver pólos na vida

cerimoniosamente
anóanse os zapatos da carreira
póñense os jeans
e os seus t-shirts pantallas
proxectan os seus ídolos nos ollos dos paseantes

uns trazos de rotuladores fanlles de tatuaxes
os stickers de E. T. fanlles de bonitas insignias
e os rexistros dos seus ollos
seriamente
fan engurras de soño
nos frontes bárbaros das súas mozas estacións

van polos paseos en busca de aventuras
febrís feroces e orgullosos
facendo renxer sobre o asfalto
a roda de detrás das súas minibicicletas
intersiderais

orgullosos como pavos reais
fortes como titáns
pola máis pequena pelexa
cos seus camaradas
polas súas pequenas proezas
ou por dicir a palabra “cu”

e logo entran en casa
como riffs de guitarra
e poñen discos de ritmos
que imitan tanto como bailan

fan que lles compren revistas carteis
os que mostran os cantantes que coñecen
fan de Rolling Stones músicas de festas
queimando inocentemente uns anos demasiado breves

están en casa cando soa a electrónica
e non teñen coidado da súa carne
cando se toman por robots

o ollo á espreita
o labio arremangado
o oído atento
os cabelos alborotados
e a roupa desordenada
ouros como os heroes das bandas deseñadas
a cabeza nas nubes
sempre en guerra
E prestos para facer dun detalle un tesouro

entre as ficcións que realizan
e a realidade que os inventa
entre as pranchas da valla no fondo do patio

e baixo a tenda da vida
como vagabundos da emoción
pasan de contrabando
os seus grandes descubrimentos
e as pequenas sensacións

enzoufados rabuñados
vanse como iluminadores
ao corazón da existencia
sorrintes resplandecentes

mais non saben que no límite do seu territorio
no recanto da rúa que nunca xiran
na fronteira do prohibido
alá onde de repente un se fai grande
Nada
espera
aos rockeiros de sete anos.

*

Lucien Francoeur

A tumba de Arthur Rimbaud
(para unha representación heavy metal)

Oh Rimbaud punk meu de gloria
Como o Elvis do ricto e da pelve
O fermoso Elvis das pernas feiticeiras
E o do baile de san Vito
Sobre o escenario como polas estradas
Oh Rimbaud da bohemia e do Cabaret Verde
Rimbaud meu da tempada no inferno
Até o final como Jim Morrison
Viaxe ao cabo da noite
This is the end

Rimbaud das vogais calidoscópicas
Rimbaud do verbo hologramático
Rimbaud das iluminacións polícromas

Oh Rimbaud colored plates e palabras-láser
Rimbaud da ollada azul metálica
Rimbaud das visións de África
Rimbaud de todas as rebelións
De todos os desvíos
De todas as videncias

Rimbaud rock no walkman como Billy Idol
Rimbaud da cidades e da xungla
Do deserto e da grande evasión

Rimbaud con cazadora negra gastada dos Hell’s Angels
Rimbaud con blue jean esgazado dos Skind heads
Rimbaud como un canto rodado [rolling stone] let it bleed
Rimbaud do exilio on main street walking the dog
Rimbaud street fighting man born to be wild
Oh Rimbaud do festín dos miserábeis
Coas túas palabras con resorte de dobre corte

Rimbaud das visións de follas de navalla de afeitar
Rimbaud de todas as partes como de sempre
Berro o teu nome no complot dos tempos
Escoito o teu libro negro nos ghettos-blasters

Os teus iluminados-mozos nos niggers-boxers

Rimbaud heavy metal e tenrura de raso á mañá
Rimbaud en prismacolor dentro das vogais polifónicas
En cuadrofenia até o verbo portátil
En multiplex nos sonetos integrados
Rimbaud longa duración live en vida
Being beateous nas cidades

Rimbaud dharma bum e festín nu
Rimbaud do noxo e da arrogancia
Rimbaud da perna como Gene Vincent
Be-bop-a-lula rock’n’roll coochie coo
E da fixación xuvenil teenage lust
E da ollada de Johnny Rotten
Negro branco de Etiopía
E bárbaro do Splendid Hotel

Escribo o teu nome nas arcadas das cidades prohibidas
Escribo o teu nome coa navalla nos muros do inconmensurábel

Inscribo o teu nome con tinta indelébel sobre a pel da Humanidade

*

O penúltimo poema

A poesía en cuadrofenia
Nos catro puntos do universo
Para o mundo ou a humanidade?

Nas fundicións do aparato
A poesía toda en chips:
Xeroglíficos informatizados.

Físgoas, fisuras, brechas
–gretas catódicas…

Bolígrafos vetustos,
Rotuladores desecados
Estilográficas pasmadas,

E se escribise o derradeiro poema epidérmico…

*

Serge Patrice Thibodeau

Nós, o estranxeiro

lamacentas as ribeiras afástanse unha da outra
xa nada me impide partir
todos os ríos conducen á vida
os cumes proxéctanse o alento cortado

ao cobizar a fuga perfílase o entusiasmo
escarpado
adusto e no entanto tan fluído contra o lombo
e o seu labio húmido

estes libros talvez un día serame permitido imitalos
a transparencia e a irradiación
de desprender por todo o corpo o seu cheiro moscado
de coiros antigos
a ollada vestida de po de ouro e a palabra núa?
a vaidade do azougue consúmese
ala opaca contra a áspera chama do tempo

necesitarei como viático unha ferida
silenciosa
e da escuma
croios e remos rotos do meu pasado
somos novos
nas nosas fiestras esnácanse todos os malestares
asasinos

e o día álzase rexistrado a espera fixada
nos calendarios
como un cuarto de lúa
como un campo que estraga o arado

falamos a linguaxe introspectiva da arxila
baixo as pontes
do vermello do centeo no outono
da liña do horizonte distinta da claridade

e se reivindico a túa presenza
é para mellor abandonar a túa carne

o amor entre nós ocupa o seu lugar
entre nós
e que non roza nin o teu corpo nin a miña palma
lamacentas as ribeiras afástanse unha da outra
e xa nada me impide partir.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *