Entrevista a Francisco X. Fernández Naval

Entrevista a Francisco X. Fernández Naval

2 comentários 🕔12:00, 09.Mai 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Francisco X. Fernández Naval: Un xeito de vivir. Non falo dende o punto de vista económico, si vital. Non é só unha paixón, é a vida mesma. É un xeito de vivir porque leo e escribo; porque manteño relación con persoas que tamén o fan; porque, ás veces, pola literatura viaxo e coñezo outros lugares e outra xente; porque nos peores momentos, sempre me bota unha man. Non podería vivir sen ler. Tentei durante un tempo deixar de escribir e non o conseguín. Tamén é compartir: recibir dos outros e ofrecer o teu.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária?

- Francisco X. Fernández Naval: O certo é que non sei se o entendo. Por veces penso que si, pero a maior parte do tempo creo que non. Supoño que cando preguntas polo proceso, refíreste ao feito de escribir en si, á elaboración do texto. Traballo varios xéneros e os procesos semellan diferentes entre eles: poesía, novela, relato, ensaio, infantil e xuvenil… Penso que non hai patrón, nin sequera dentro do mesmo xénero. Porén, si hai algo sutil e común. O nacer do poema, poño por caso, é caótico. Ás veces un compás, un ritmo, unha emoción, un silencio ou un baleiro, producen un primeiro verso. Non sei de onde vén. Aparece. Flúe dende un burato negro, informe e misterioso. Prendidos a el veñen outros e o nexo é sempre o ritmo. Iso tamén me sucede na prosa. Así que, quizais, unha conclusión sería que o importante do proceso é estar esperto para deixarlle liberdade a ese fluxo de cadencias e de ritmo, esa melodía na que unha palabra chama por outra de maneira que, ás veces, as combinacións resultan sorprendentes e marabillosas, condicionando o significado. Pero hai algo máis. A miña amiga, Manon Murau, escritora francesa, conta que un día, un neno viu nun xardín a un home que picaba nunha enorme rocha. Pasou varias veces por diante e sempre se admiraba do home e da súa constancia no traballo. Logo veu un tempo de ausencia e, cando pasou de novo, viu que o home traballaba en pulir un enorme cabalo. O home, claro, era escultor. Entón o neno decidiuse a falarlle e preguntoulle como sabía que dentro da pedra había un cabalo? A literatura é saber que a rocha somos nós e dentro está o cabalo, só hai que dar con el.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?

- Francisco X. Fernández Naval: Non podo considerar a relación con todos os xéneros do mesmo xeito. Colaborei e colaboro con artistas plásticos, tamén con músicos, escribín guións para cine e documentais. A maior parte das veces a relación vén condicionada: ou ben un artista pide un texto para un catálogo, para acompañar un cadro, unha fotografía, ou á inversa, pedimos ilustración para un texto. A min o proceso que máis me seduce é o que supón un proceso creativo compartido e simultáneo entre texto e expresión artística. Algo así fixen con Alfonso Costa cando fomos a Níxer, en viaxe solidaria cunha ONG. Na música sucede o mesmo. O máis habitual é que alguén que compón decida porlle música a un poema. Pero o fermoso é crear poema e música ao mesmo tempo. Acaba de publicarse un disco, con música de Fernández Carnicero, un compositor ourensán, arredor dun grupo de poemas do meu libro Mar de Lira. O disco títulase: Música de Mar de Lira. En principio o xogo ía ser o tradicional, música sobre os poemas. Pero por necesidade fomos máis alá. Eu comprendín que o proceso de creación da música debía ter a súa autonomía e traballamos xuntos, moitas tardes, dándolle nova vida aos poemas, para que harmonizasen mellor coa música que nacía. Ese proceso estivo moi ben e foi moi esixente.

O cine é outra cousa. O cine é industria, traballo en equipo, con xerarquía, investimentos e toma de decisións que afectan ao que fas. Lembro un guión no que escribín unha escena para min crucial, no momento máis importante da historia, que non puido ser porque non había cartos para aquela localización. Só era unha taberna de arrabalde, con chan de terra pisada, das que aínda quedan. Pero ninguén me avisou antes de que todo o que escribía estaba condicionado pola economía e a escena, que para min estaba moi ben, cambiou e perdeu forza e carácter ao situala nun lugar convencional.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes -num sentido amplo-? Quais deles achas que são desconhecid@s ainda injustamente?

- Francisco X. Fernández Naval: Como escritor, o referente principal é a miña nai. Escoitándoa aprendín a contar. O cine, en xeral, tamén me achegou un xeito particular de concibir as historias. Entre os tres e os trinta anos vin case todo o cine posible entón, porque tiña acceso gratis a tres salas, nunha delas traballaba meu pai. Agora decateime de que escribo en secuencias cinematográficas e descubrín que non todo o mundo escribe así. Referentes literarios, pois moitos. Xulio Verne, dende logo e, tamén, Enid Blyton. Blanco Amor, Ferrín, Xohana Torres, Jack London, Cortázar, Conrad, unha parte de García Márquez, Rulfo, Doris Lessing, Saramago, Onetti, Rosalía e Curros, Antonio Machado, Pablo Neruda, Lorca, Manuel Antonio, María Zambrano, Valente, Virginia Woolf, a literatura francesa, Yeats e Edward Thomas, Pessoa, Miguel Hernández, Faulkner. Ultimamente lin moita narrativa, non só galega, escrita por mulleres e estou fascinado.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação do autor e das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, mais em geral-?

- Francisco X. Fernández Naval: Hai camiños interiores e outros que nos vinculan co mundo. Para a cultura galega é fundamental deseñar camiños de comunicación e intercambio co resto de culturas. Non falo de subvencionar a cultura, pero sei que esta precisa das súas propias autoestradas, da existencia de axentes e representantes, da posibilidade de asistir aos lugares onde se produce o intecambio, de se facer visible. No caso da literatura, non podo soportar a peaxe de pasar polo castelán para poder ser traducidos a outras línguas. Precisamos trazar camiños propios. Logo xa os transitará cada un como vexa e como poida, en liberdade e con alegría; pero debemos conseguir presenza e que se escoite a nosa voz, a nosa música, a palabra galega no escenario, na pantalla de cine ou de televisión; crear canles para que os artistas plásticos poidan dar a coñecer a súa obra. Pero para iso hai que crer no que somos e no que facemos.

- Palavra Comum: Como vês a literatura galega hoje?

- Francisco X. Fernández Naval: Dáme a sensación de que xa vivimos un momento mellor, máis novidoso, no que se abrían camiños a cotío. Penso que hoxe estamos un paso por detrás daquela efervescencia dos anos oitenta, noventa e primeiros do novo milenio, cando asistimos á consolidación da narrativa ou gozamos coa incorporación das voces femininas en todos os ámbitos, abrindo tantos camiños nunca antes transitados, navegando os mares e completando o ceo. Non falo da crise do mundo do libro, da disminución de editoriais e peche de librarías. Falo de creación, de reflexión, de xeitos de expresar. Sospeito que hai moita literatura gardada na casa porque non hai canles para lle dar saída e lamento ver libros escritos orixinalmente en galego, que son publicados por primeira vez en castelán. Porén, valoro as voces que se incorporan, autoras e autores de menos de trinta anos, non as coñezo todas, pero procuro seguilas porque hai algunhas que si marcan distancia co feito ata agora e procuran afirmar unha voz propia.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua galega?

- Francisco X. Fernández Naval: Son pesimista, o que non impide que procure facer todo canto está na miña man por defendela e por demostrar que en galego é posible vivir e que esta é unha lingua que permite dicir todo o que un ser humano necesita. Penso que o exceso de politización resultou moi negativa. Son moitas as persoas, no traballo, sobre todo, que me identifican cunha determinada opción política porque falo galego. Moitas veces teño que desarmar ese prexuízo, non porque me importe que me vinculen a unha organización –son moi político, pero sempre me mantiven alleo a militancia– senón por defender a lingua, por demostrarlles que o galego non se fala por partido, senón por amor. Paradoxalmente, faría falta unha decidida acción política para salvala, política si, pero non partidaria. É imprescindible o consenso que alentou o plan de normalización do ano 2004 e logo traballar nas liñas que sabemos: ensino, medios de comunicación, implicación do mundo empresarial e administración. Demostrarlles a escépticos e inimigos que todo é posible en galego e que o galego abre portas no mundo.

- Palavra Comum: Fala-nos de como seria -e que pode existir dela já agora- da tua Galiza imaginária…

- Francisco X. Fernández Naval: Esta resposta, pesimista, está vinculada coas anteriores, que tamén o eran. Durante un tempo, dende a adolescencia, imaxinei un país no que quería vivir, pero iso fica lonxe. Hoxe vivo aquí polos múltiples vínculos que cada un de nós temos co territorio no que nacemos e no que vivimos: familia, amigos, lingua, traballo. Pero este ficar xa non é unha cuestión só de amor, pero por min, marcharía. Aquel país que cheguei a soñar xa non é posible. Os alicerces que o sustentaban foron destruídos e case nada do que veu é mellor. Responsables, supoño que todos, tamén eu, claro, pero sobre todo os poderes económicos e políticos, de aquí e de fóra: destrución sistemática da paisaxe; entrega e menosprezo do tecido productivo, en particular do vínculado coa vida labrega e mariñeira, alicerces non só da economía, senón tamén dunha cultura material e inmaterial e dun xeito de ser; liquidación de entidades financeiras propias e de boa parte do tecido empresarial, venda da tecnoloxía que desenvolvemos. Sorte que cada vez somos menos, porque isto non dá moito máis de si. Aquí non sei moi ben cal é a orde da ecuación: Somos menos porque isto non dá máis de si ou isto non dá máis de si porque cada vez somos menos.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Francisco X. Fernández Naval: Traballo lentamente nunha nova novela, difícil, e da que non quero contar. O mes que vén, en Nova York, o editor Carlos Aguasaco, quen xa me ediou antes dous libros de poemas, publicará unha colección de poemas sobre a cidade. O título: Nova York: ceo e mazá. Leva un prólogo de Eva Veiga e sairá en tres linguas: galego, castelán e inglés. A tradución ao inglés é de Craig Patterson, a editorial Artepoética press. Pero o principal proxecto é vivir e dende aí, estar atento e aberto á literatura que chegue.

NOTA: a fotografia do autor é de Maribel Longueira.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

2 comentários

  1. 🕔 18:18, 11.Mai 2016

    marosa

    Eu estou co autor en que a causa dese pesimismo, tendo en conta que antes neste tema era optimista, está no abandono da nosa cultura, e a mala utilización política dela. Unha lástima porque agora cantamos todos en inghlés, e parece que todos tan contentos.

    Responder comentário
  2. 🕔 9:28, 10.Mai 2016

    Amilamia

    Gustoume moito a entrevista, e o conto de Manon, o cabaliño da pedra… Aínda que non quixera, si comparto ese “pesimismo” no futuro da língua, de Galicia e da nosa paisaxe, mais cando escoito o mar penso que aínda hai un fío de esperanza. Todo chegará.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *