Os últimos 150 anos de Barcelona en 1000 fotografías

Os últimos 150 anos de Barcelona en 1000 fotografías

0 comentários 🕔11:00, 09.Mai 2016

Como ben di o fotógrafo H. Sugimoto: coa invención da fotografía a pintura tivo que cambiar (…) Esperábase do pintor que copiase a natureza e a realidade, pero ese papel asumiuno o fotógrafo. A fotografía, reprodutora da realidade urbana e as súas mutacións; a fotografía, ferramenta do poder.

Lito Caramés

A fotografía como instrumento do poder
A era da fotografía é a da propaganda, a do uso persuasivo e disciplinario da imaxe reproducible na xestión política. As imaxes convértense, de forma progresiva, nun espazo máis das loitas da cidade que falan dos procesos de emancipación e progreso das clases populares. Porque a historia da fotografía é tamén a historia da súa democratización; algo que tardará case un século en conseguirse, como permite ver a exposición. (Jorge Ribalta)
Nas salas de La Virreina Centre de la Imatge, vén de instalarse unha grande exposición de fotografía: Barcelona. La metròpoli en l’era de la fotografia, 1860-2004. Alcanza as 1.000 fotos ao longo de 150 anos, o que dá unha idea do repaso histórico que contén esta mostra. As fotografías proveñen de 58 prestamistas, dos que 38 son institucións e 20 coleccionistas particulares, nacionais e internacionais. De onde máis veñen é do Arxiu Fotogràfic de Barcelona, co que a mostra tamén está a valorar moito o patrimonio deste fondo documental da cidade. Sobre os fondos e coleccións do Arxiu Fotogràfic de Barcelona existe a publicación da guía dos mesmos (Barcelona fotografiada), realizada polo propio Arxiu, e que tan ben soubo deseñar Nino Cabero e Ox Estudio. Un milleiro de imaxes, en todos tipos de soportes, desde os primixenios daguerrotipos, colodións e albuminas que capturaron as primeiras instantáneas da cidade, ata a era das redes sociais. Estase, de certo, diante da máis completa historia da iconografía de Barcelona e do seu urbanismo. Aquí un paseo polas salas da Virreina.
O comisario da mostra é Jorge Ribalta, fotógrafo e investigador, que tamén traballou no MACBA. Segundo o comisario, Barcelona. La metròpoli en l’era de la fotografia, 1860-2004 entresaca as relacións entre a fotografía, a economía, a política e os movementos sociais, e consiste en: ‘historiar a produción dunha iconografía emblemática de Barcelona significativa e que se vai producindo ao tempo que a cidade vai evolucionando. Hai un paralelismo entre os procesos urbanos e os fotográficos”. En verbas do fotógrafo Sugimoto, reproducidas no inicio, á fotografía correspóndelle agora o rol que antes puido ter a pintura. Tamén afirmou na presentación que o currículo oculto desta mostra permite facer a lectura de que a fotografía foi/é usada como instrumento do poder; estivo ao servizo das clases dominantes, ata que non hai moito (segunda metade do século XX) comezou a democratizarse cando as clases populares tiveron acceso directo á produción propia da fotografía. As 1.000 imaxes tamén ofrecen esta lectura máis política e máis social, tal e como se comproba cara o final, ao chegar aos movementos das asociacións de veciños e as súas denuncias a través de publicacións propias.

Descoñecido.Construcció del monument a Colom,1888

Descoñecido. Construcció del Monument a Colom, 1888

Colodión e albumina. Pla Cerdà, Exposición Universal de 1888
A fotografía aparece coincidindo cos plans de mellora e ampliación urbanística de Barcelona, máis en concreto coa planificación do que logo será L’Eixample, froito do plan ortogonal que propón Ildefonso Cerdà para a cidade (realización que ben se ve na fotografía dos bombardeos da aviación italiana sobre a cidade, 1938). As instantáneas da época facíanse -superado o curto período do daguerrotipo- con colodión húmido para obter os negativos sobre vidro e coa positivación á albumina, e a meirande parte das que se conservan proceden de encargos municipais -como o álbum que se encargou co gallo da viaxe de Isabel II á cidade, realizado aínda por fotógrafos estranxeiros-. Un dos máis coñecidos é o de Joan Martí, Bellezas de Barcelona, de 1874 (aquí pódense ver as 50 instantáneas do álbum). Unha das primeiras instantáneas que se conservan da cidade é a de Franck: Barcelona, demolición de murallas, 1855, onde se aprecia a eliminación dos últimos baluartes que aínda quedaban do período da guerra de Sucesión.
A Exposición Universal de 1888 significou situar Barcelona entre as cidades europeas, de feito pretendíase facer aquí a París do Sur. E para o urbanismo comportou a eliminación dos restos de muros da idade moderna e a urbanización da zona onde agora está o Parc de la Ciutadella e a parte máis oriental do Eixample. Cómpre lembrar que por terra accedíase á Exposición Universal polo Arc de Triomf (que albergou os despachos de venda de entradas), e desde o mar polo monumento a Colón, ambas construcións erixidas para a ocasión. Alí xuntáronse estética, ciencia e tecnoloxía, electricidade e deseño urbanístico. Foi a primeira vez, por exemplo, que en Barcelona se oficiou o xaponismo, pois houbo un pavillón do estado nipón que foi a admiración de barceloneses e visitantes. Ao falar desta exposición cómpre referirse don Eugenio R. Serrano de Casanova (Neda, 1841—Barcelona, 1920). A Wikipedia di: “A idea inicial de organizar unha Exposición Mundial en Barcelona tívoa o empresario galego Eugenio Serrano de Casanova. Pero, ante a imposibilidade de levar a cabo o evento Serrano en solitario, asumiu o proxecto o alcalde de Barcelona, Francesc Rius i Taulet, que se rodeou dun grupo de empresarios da cidade…”. A mesma versión aínda se pode escoitar en vídeos que circulan por youtube e outros portais das redes sociais. E iso é mentira, como demostraron o galego Juan Prados e o catalán Jaume Rodón no libro Eugenio R. Serrano de Casanova nedense universal. Serrano de Casanova foi un dos homes do seu tempo que máis sabía de Exposicións Universais, pois asistiu a moitas delas. Como empresario propúxolle ao Concello de Barcelona a oportunidade de celebrar na cidade unha Exposición Universal, ao modo das grandes capitais. E aceptaron. Serrano corría con todo o financiamento e gastos da organización. Todo indicaba que o evento ía ser un éxito, e ao decatarse de tal cousa os popes da cidade, decidiron que non podían deixalo nas mans dun galego, dunha persoa de fóra. E así retirárono do proxecto e seguiron pola súa conta.
A Exposición de 1888 fomentou moito a fotografía coa promoción de vistas dos pavillóns da propia exposición e mais da cidade xa para postais, xa e mormente para álbums de recordo do evento. Tales son os casos dos que fixeron Pau Audouard e Antoni Esplugas para os visitantes, para a prensa que precisaba de imaxes para as súas reportaxes sobre a exposición, e, por último, para a administración municipal que quería deixar constancia das obras e mais do resultado final.

Centelles-Morts a la Plaça Catalunya,19-VII-1936

Centelles. Morts a la plaça de Catalunya, 19-VII-1936

Industria fotomecánica. Da Exposición Universal de 1888 á de 1929
La modernització del primer terç de s. XX, eclèctica, era característica dels grans projectes urbanístics del periode, com l’obertura de la Via Laietana, que unia l’Eixample amb el port (…). L’obertura d’aquesta moderna avinguda fou paral·lela al procés de reinvenció de la ciutat vella, del Barri Gòtic i del conjunt de la catedral i el seu entorn, un procés de reconstrucció historicista de la ciutat antiga i monumental basat en el reciclatge d’elements arquitectònics antics. La innovació arquitectònica i urbanística més gran fou, per tant, simultània a la reinvenció del passat i a la remonumentalització de la historia local. (J. Ribalta).
Xa a finais do século XIX o colodión e a albumina cederon o paso a métodos máis industrializados, e xorde o xelatinobromuro (emulsión fotográfica) producido industrialmente. Paralelamente Kodak comezou a fabricar cámaras de retratar e mais películas que permitían ser usadas por non profesionais. Con todo isto é doado producir masivamente as tarxetas postais e mais a aparición dos libros e revistas con ilustracións fotográficas. No caso de Barcelona, en 1903, sae á luz a revista La Ilustració Catalana como pioneira, e seguen logo: Cu-cut!, ou L’Esquella de la Torratxa. E en 1910 o xornal La Vanguardia comeza a publicar fotografías. Son os tempos de fotógrafos tan populares como Mas, Brangulí, Segarra ou Pérez de Rozas. Tamén axudou á divulgación gráfica de Barcelona a creación (1908) da Sociedad de Atracción de Forasteros, que publicaría unha revista mensual: Barcelona Atracción.
Son os tempos do Modernismo e do Noucentisme, como os movementos estéticos que inflúen sobre a arquitectura da cidade o seu urbanismo; tanto que -como di o comisario de Barcelona. La metròpoli en l’era de la fotografia, 1860-2004- acabaron por inventar un centro histórico gótico inexistente (a fachada da catedral, por pór un caso, é de 1905). Son os tempos da Semana Tráxica (1909), que se pode considerar, desde a historia da fotografía, o momento fundacional do fotoperiodismo, pois as barricadas, os edificios relixiosos incendiados e as momias dos conventos expostas publicamente deron a volta ao mundo con fotos dos citados con anterioridade. Chegaron a publicarse coleccións de cen postais dos acontecementos revolucionarios, e a prensa, en mans da burguesía, usounas para criminalizar ás clases traballadoras. A fotografía, instrumento do poder.
Remata este periodo coa urbanización da montaña de Montjuïc e a Exposición Universal de 1929, dedicada ás industrias eléctricas e que durou case un ano enteiro. Contou co seu propio semanario: Diario oficial, e foi coetánea da Exposición Iberoamericana de Sevilla (1929), que tamén significou un amplo esforzo urbanístico para a capital andaluza.

Descoñecido-Bombardeig de Barcelona per aviació italiana17-III-1938 14-15h-1938

Descoñecido. Bombardeig de Barcelona per l’aviació italiana, 17-III-1938

Fotomontaxes. Pla Macià, Segunda República e Guerra civil
En 1930 Barcelona chega ao millón de habitantes con serios déficits habitacionais e de servizos. Nestes anos trinta Barcelona viviu unha nova efervescencia urbanística, promovida polo GATCPAC (Grup d’Arquitectes i Tècnics Catalans per el Progrés de l’Arquitectura Contemporània), un equipo de arquitectos e artistas progresistas (entre eles Sert e Torres Clavé) que, entre outras cousas, promoveu o Pla Macià, ou Pla de la Nova Barcelona. O GATCPAC criticaba a alta densidade urbanística do centro histórico e propuña esponxalo con accións ortogonais e mais apostar por novos barrios suburbanos de baixa densidade. A II República animou esta renovación urbanística, que estivo moi influenciada por Le Corbusier, a quen invitaron varias veces a Barcelona. Le Corbusier chegou a facer propostas concretas para a cidade (seguindo modelos propostos para París), que pasaban por derruír toda a parte antiga e levantar en primeira liña de mar fileiras de rañaceos.
Algunhas das revistas que máis peso tiveron no tocante á fotografía foron Imatges (de curta vida) e mormente Art de la Llum (1933-35); nesta ligazón pódense contemplar todos os seus números. Publicaron instantáneas de Margaret Michaelis, de Gabriel Casas ou de Pere Català Pic, todos eles apostando por novas formas (picados) e polo uso da fotomontaxe, e que é doado apreciar en moitas das pezas de Barcelona. La metròpoli en l’era de la fotografia, 1860-2004.
O comezo da Guerra Civil mudou o panorama completamente. Agustí Centelles pasa a ser o gran fotorreporteiro do momento, usando unha cámara de 35 mm e retratando os enfrontamentos armados por toda a cidade, que logo fixo lembrar os acontecementos da Semana Tráxica. E aparecen os fotógrafos estranxeiros que, como voluntarios (Reuter) ou corresponsais de prensa foránea tomaban instantáneas da vida que eran publicadas en París e noutras cidades. En concreto a revista francesa Regards, comunista, apostou por boas reportaxes gráficos da guerra e polo que se deu en chamar a fotografía obreira. Nesta cidade pasaron tempadas Robert Capa e Gerda Taro, Brassaï, Chim, Cartier-Bresson, entre outros. As fotos que agora se poden contemplar da Guerra Civil en Barcelona. La metròpoli en l’era de la fotografia, 1860-2004 pouco teñen de heroicas, máis ben mostran a vida cotiá e a súa dureza: bombardeos, mortes, sufrimento.

Pérez de Rozas, Altar de Pius XII,1952

Pérez de Rozas. Altar de Pius XII, 1952

Paternalismos franquistas, vangarda fotográfica
Qui no ha estimat aquests carrerons delirants / no sap què és la ciutat i potser no sap estimar. / Ets el laberint de l’amor, el Barri Xino sense orientals. / Ara és imposible distinguir els mil idiomes, / les races i els vestits de colors de la teva gent (David Castillo, en “Barcelona Instants Robats”).
A longa noite franquista adoita identificarse na cidade de Barcelona co mandato do alcalde José María Porcioles, que o foi de 1957 a 1973, ininterrompidamente. As características urbanísticas pasan por un crecemento caótico e especulativo, animado pola forte migración que chegaba á cidade. Ao pairo das leis paternalistas do franquismo xermolaron os polígonos, as cidades-dormitorio e os barrios de bloques de pisos na periferia onde acoller (e aproveitarse) da man de obra barata que chegaba doutras xeografías peninsulares. As novas construcións eran de mala calidade, de escasas dimensións e estaban radicadas en lugares onde non había rúas, nin infraestruturas, nin transportes públicos, nin outros servizos.
No ano 1952 celébrase en Barcelona o XXXV Congreso Eucarístico, o primeiro evento internacional despois da Guerra Civil. Foi un acontecemento publicitario dun réxime católico anti-comunista e que propiciou que ao ano seguinte se firmasen acordos cos EEUU. O Congreso buscaba acabar coa imaxe de Barcelona como “cidade vermella”, e serviu para reurbanizar zonas da Diagonal e mais de Montjuïc (aínda se conservan na cidade “Les Vivendes del Congrés”). Franco visitou Barcelona para asistir aos masivos actos católicos, tal e como ben sabía o escultor Josep Clarà, que fixo o monumento aos caídos. A firma con EEUU tivo como consecuencia a presenza dos mariños da VI Frota na cidade condal, que trouxeron a cultura popular anglosaxoa dos sesenta e a revitalización dos baixos fondos, o Barrio Chinés. O poema que David Castillo adica a unha foto do Raval no libro Barcelona Instants Robats (publicado polo concello e deseñado por Ox Estudio) vai nesta dirección.
Acéptase o ano 1957 como o inicio da nova avantguarda fotográfica (1957-1964) onde aparecen os grandes nomes de fotógrafos de posguerra: Miserachs, Català-Roca, Masats, Maspons, Colom; este último, testemuña da vida do Barrio Chinés, publica un libro con textos de Cela, titulado Izas, rabizas y colipoterras.
As revistas máis populares nos anos sesenta foron Destino e Gaceta Ilustrada, onde traballaban algúns dos mellores fotógrafos da cidade, como Forcano e Maspons, Ubiña e Pérez de Rozas. Xa nos anos setenta foron saíndo libros máis críticos e politizados: Guía secreta de Barcelona, de José María Carandell, no que se apostaba por presentar a cara escura da cidade con fotos de Colita e mais de Socias. Paralelamente, nestes anos setenta, cobra protagonismo a forza das loitas populares por medio do movemento veciñal, como resposta á política especulativa da vivenda nos novos barrios e cidades-dormitorio, e que foi refuxio da loita política sen partidos. En cada barrio aparece unha publicación de loita. A máis importante -por ser tamén berce de fotógrafos e periodistas- foi Grama (1969-1996), de Santa Coloma de Gramenet. As revistas e publicacións veciñais tamén están en Barcelona. La metròpoli en l’era de la fotografia, 1860-2004.

Iván Bercedo, Jorge Mestre – Glòries, 2003

I. Bercedo, J. Mestre. Glòries, 2003

Olimpíada, Forum de les Cultures, de cidade a marca
Instigues la mort que alena la doctrina, / la crua certesa d’aquest individualisme / que vam compartir quan cremàvem / espelmes, desemparats al Poblenou perdut (D. Castillo, “Barcelona Instants Robats”).
Pouco despois da recuperación dos concellos democráticos e de instalarse en Barcelona a xestión socialdemócrata, chegou a designación (1986) da cidade como sede dos xogos olímpicos de 1992 (momento escoitado e reiterado na voz do franquista Joan Antoni Samaranch). Un equipo de arquitectos e técnicos en urbanismo, formados nas loitas contra o franquismo, apostan por un urbanismo renovador, baseado na recuperación do centro e a valoración dos barrios periféricos; segundo Oriol Bohigas, un dos principais protagonistas da mudanza, tratábase dunha “reconstrución”.
Cómpre salientar a creación do Centre Internacional de Fotografía de Barcelona (CIFB), 1978-1983, como un dos epicentros nos que se fomentou a a fotografía documental social, que tanto acompañará as novas obras que se irán facendo na cidade para as Olimpiadas, e logo para o fracasado Forum Universal de les Cultures (2004). Entre estes fotógrafos documentalistas sobresae Manolo Laguillo, pioneiro en mostrar obras con zonas baldeiras, con escombros, e en dar unha visión non heroica das transformacións urbanas. Polos mesmos anos tamén destacaron os traballos de Manel Esclusa, especialista en fotografía nocturna, de longas exposicións, e autor do libro Barcelona, ciutat imaginada, onde as luces crean efectos neoexpresionistas que mostran a urbe case onírica e fantasmagórica.
Para a realización do Forum Universal de les Cultures (2004) acabouse de urbanizar a fachada marítima de Barcelona. Para as Olimpíadas xa se eliminaran totalmente vellas fábricas e o barrio de barracas de Somorrostro, onde foron dar cos seus ósos tantas familias emigrantes nos anos 50 e 60, despois de fuxir, na Estación de Francia, dunha policía especial que non deixaba entrar na cidade ás familias inmigrantes (algo como o que agora acontece en Melilla?). As autoridades municipais levan anos tratando de eliminar de Barcelona escenarios e actividades que aporten mala imaxe desta cidade da que, semella, só queren mostrar a face turística. Xa se destruíu, para levantar as edificacións do Forum de les Cultures, o muro do Camp de la Bota, unha parede contra a que o franquismo fusilou a miles de persoas (Memoria Histórica?), xa se erradicou da cidade a prostitución máis explícita do Raval (xusto antes das Olimpíadas ‘92), estase a lavar a cara, a especular e encarecer ese mesmo barrio (para expulsar as persoas pobres).
Hoxe Barcelona é unha cidade que case só vive para o turismo. Son máis de 5 millóns de turistas os que chegan cada ano por terra, mar e aire. Por iso urbanistas falan de que esta metrópole pasou de ser unha cidade a converterse nunha marca, a marca Barcelona, que xunto con Gaudí vende por todo o mundo e atrae visitantes (aínda que estes acaben levando como souvenir un sombreiro mexicano dos que venden na Rambla por milleiros). Segue habendo voces e movementos críticos e opostos a esta inercia, como xa os houbo no caso da Olimpíada e máis aínda do Forum, do que o antropólogo Manuel Delgado chegou a dicir que tivo unha cousa positiva: co gallo dunha visita ao Forum (visitas que organizaba o concello para que aquilo non semellase un deserto), tres presos da Modelo escaparon.
Semella que o novo consistorio pretende frear esta nova especulación, agora en forma de cadeas de hoteis, cadeas de Fast Food e pisos turísticos. E son moitos os documentais que loitan contra iso. Un dos máis coñecidos, contra a especulación urbanística na cidade vella, é En Construcción, de José Luís Guerín (2001).

Lito Caramés

Secall i Pons,Protesta contra el Fòrum Universal de les Cultures, 2004

Secall i Pons. Protesta contra el Forum de les Cultures, 2004

EXPOSICIÓN: Barcelona. La metròpoli en l’era de la fotografia, 1860-2004
La Virreina Centre de la Imatge
Ata o 26 de xuño de 2016

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *