30 poemas de 24 poetas quebequenses do século XX (II)

30 poemas de 24 poetas quebequenses do século XX (II)

0 comentários 🕔09:30, 12.Mai 2016

A poesía do Quebec non foi, que saibamos nós, moi traducida ao galego. Que lembremos, só no número 21 de Grial (xullo-agosto-setembro 1968), Xesús Cambre Mariño (un deses nomes que brillaron durante un tempo no noso firmamento e despois non soubemos máis del, como aconteceu con Xesús B. Pena Trapero, Xosé Antón Arxona e tantos outros que sería longo enumerar) traduciu tres poemas de tres poetas quebequeses co título “Pequena amostra da poesía do Canadá francés”. Cambre Mariño traducía un poema de cada autor, tres poetas: Saint-Denys Garneau, talvez o poeta máis importante do Canadá francés na primeira metade do século pasado (morreu novo, aos trinta e un anos, nacera en 1912), Jean-Guy Pilon (1930) e Jacques Brault, nacido en 1933, aínda que por erro Cambre Mariño, ou erro de imprenta, dábao como nacido no 1913. Quen isto asina, pola súa banda, ten traducido algún poema do poeta surrealista quebequés Roland Guiguère que deben andar perdidos polas páxinas de Faro de Vigo e El Progreso.

Nós, hoxe, presentamos trinta poemas de vinte e catro poetas quebequeses do século XX, sen escolmar ningún dos tres traducidos por Cambre Mariño. Algúns deles están felizmente vivos, polo que continúan a escribir e publicar poemas. Quen queira saber máis sobre estes/as poetas, non ten máis que “clicar” enriba do seu nome e serán enviados á wikipedia. Outro día falaremos da riqueza da poesía do Quebec. Por hoxe, só unha mostra de poetas e poemas.

XGG

*

Claude Beausoleil

Limiar

Temos que manifestar con grandeza a nosa perda
partir polos camiños do mundo
deixando pegadas sen retornos
alá na escuridade queimada das cousas
malia a
brancura que nos habita
ir ao lonxe dentro das palabras esnacadas
os sons roucos e as mesturas da nada
debemos prever todos nomear todo
retomar todo das memorias en que se derruban as almas
en renacemento de empoamentos lixeiros
entre os sentimentos e as cidades
compartir os cumes ligados aos metais de urxencia
pola exacta beleza das mazaduras
cando a luz cristalina defenestra o horizonte
difundindo as esperanzas dun canto
dun canto tan sereno tan denso
novamente imaxinábel ao saber
que debemos perder todo
descubrir os abismos
soñar sen ilusión mais sen calar
ir ao lonxe ir
escribir vivir e amar
no desexo infinito do rostro do tempo.

*

Denise Desautels

[conto os días as letras…]

conto os días as letras
desde a primeira palabra sen camuflaxe
a voz distante desviada
a voz alterada polas nosas desordes
recorres á semellanza.

despois un lugar un desexo insostíbeis
cidades infinitas cando a memoria cede o paso
vexo no entanto que os espellos e os bulleiros
engulipan o que debe perderse:
este costume da lembranza.

entón a indiscreción só nos fai abalar.

*

escribo no presente.

a viaxe trastornada de pregas de trampas
dis que as cores de setembro
deforman a paisaxe dis que a miña voz
escorrega sobre a palabra dis a saída
como unha vía sen retorno.
Mentres me formulo a cuestión do silencio
os nosos corpos reméxense sobre as vertixes de setembro.

xa non sabemos porque resistimos.

naturalmente volvemos

fotografías de viaxe
matices de azul e de verde posición
dun corpo dunha boca alá onde o drama
impón a diferenza e a prórroga:
o que o corpo deixa en suspenso
o que acontece cos mortos despois
do comentario amoroso.

respondo tamén:
a escritura non é evidente nin o seu perigo.

*

conto

e ti miras as palabras escorregar entre
os dentes dos mortos que se rompen
o movemento do mar entre os dentes.

na noite o ángulo da ferida
non deixa fuxir a historia que nos
concirne nin o resplandor da morte nin a emoción nin
a voz que modula as figuras dos corpos.
de noite os lenzois móbiles reinventan
os xestos cando a voz se perde.

murmuro entón a paixón como unha historia simple.

*

Jean-Paul Daoust

Domingo polo serán

A morte chegou un fermoso domingo polo serán
A calor sorprendente daquel principio de maio
Aquel día un neno comprende que o sol é de sangue
A nai de dó de amor para toda a vida
O neno o perfume tráxico das lilas
A morte escríbese en malva
Epitafio perdido maquillaxe
Sobre a máscara mortuoria do pai ler a vergonza o furor
É alá na tumba familiar alfabeto losqueado
A morte gravando na carne da vida
Tristura impotente
A tortura daquel domingo pola tarde
5 de maio de 1957

Un poeta lembra que aquel día seu pai partiu definitivamente un neno lembra un domingo de maio o mes máis fermoso na auga tranquila cantan as sereas de cristal aquela badía como no cerco de dous mans a punto de se axuntaren aquela luz que estoura naquel final de domingo inesquecíbel aquelas nubes que os campanarios furan como dragóns que se destripan na auga as percas teñen movementos dourados mais o neno a quen a morte acaricia coas mans xeadas

A auga lánzase na eternidade
O neno mira festa prohibida
o máis fermoso sol poñente nubes rotas
Mares de sangue carnicería do ouro
A morte gaña como noutros lugares
Sobre a auga a coreografía das bolboretas de metal

os ollos o lume
E os perfumes das lilas drógano
A morte estira as alas desfiáñase
as campás continuar a soar
Naquel domingo polo serán ópera
a desgraza do mundo
o pai morreu espiral eco
O neno expulsado do paraíso.

*

André Roy

Martes agora demasiado tarde

Todos pensamos inventar Deus
mentres que El mesmo non pensou en absoluto,
nós, tan solitarios como o azul
de vacacións na noite,
sostendo o noso sono ao límite dos brazos.
Cantos obxectos contén o infinito?

As imaxes verdadeiras serán aquelas sobre as que chorarei
cando desaparecerás.
As palabras, non as pronunciariamos
Se saísen completamente soas da boca.
Nalgures, seino, a Terra xira en sentido inverso.
Rapaz, le a poesía
pola lembranza das metáforas
que, un día, escaparon das leis da gravidade.
Non me sorprenderei do meu pasado cando te toque.

*

Cada vez que escribo alguén me ama
polas miñas cousas interiores
que xacen no reino dos choros;
sei que un día o ceo se baleirará,
rapidamente como no cine
cando as imaxes, que rodaron
e se estremeceron por nós, explotarán.
Todo o que cae é probábel;
o ar como un inimigo público.
Declárome condenado por doente do mundo.

Na noite que continúa sen vernos,
máis nada que un océano de sangue,
de adolescentes mortos por todas as guerras,
non choro por min senón polas palabras
que me abandonan condenándome.
Seguramente que a verdade se arrastra por todos os lugares,
até no po das cámaras.
Rapaz, retoma sen berrar os meus pensamentos,
escoita a música das abellas,
danza como se te volveses encontrar noutro lugar.

*

Deus sempre calou durante as guerras.
Each day in the seventh one.
O ceo reméxese mais non cae.
A historia interior é unha cadea de imaxes,
védela aí anoada nas distancias atómicas.
a música, bela beleza, existe desde sempre?
Bruídos que retornan do tempo da Desaparición.
Rapaz, fai bastantes xestos para ser visíbel,
para que o desexo saia completamente vivo da túa carne
antes da gran conflagración.

*

Hélène Dorion

Os corredores do tempo

Xa non es completamente de aquí
desapareces lentamente en min
o tempo xa non quere dicir a vida

A miña morte será semellante
a todas as outras
que se axitan e son indiferentes
por moi lonxe ás veces

*

A inscrición en cor, aquel día:
vinte e nove anos escríbense ben.

Non esquezo que a véspera
arrancárasme a emoción
de amarte non esquezo
estas palabras –virei
talvez talvez non.

*

O recanto xa non é máis
que outro recanto de rúa
desde que deixaches de aparecer
para encontrarme

A terra xira
sempre sen ti
o sol érguese
furga os ósos
e a vida volve á carga

*

Tendes a man
cara a min que quixera levala
tan lonxe que xa non existiría
dentro desta man senón a miña

Busco o xesto que será un camiño.

Debería preguntarche como
e onde a vida
dentro de ti
se puidese reter a liña
que cortou.

*

Madeleine Gagnon

[Pensamentos]

Pensamentos
fugaces
unha imaxe
diversos
nada acontece todo chega
ecos sonoros ningún sentido
unha música unhas voces pérdense ínflanse
un caos organízase
uns murmurios
saen
do esquecemento

Lúa de chumbo o 3 de xaneiro, no ventre un enxame de abellas, na beira do camiño, rolda en redondo, xa non ve, xa non escoita nada nos arredores, eu non sabía nada, non sabía aínda que non podías estar morta, non vía moverte mais, era un día banal, un final de vacacións un inicio de estación, pola tarde fora de compras, depois o banco e algunhas tarefas miúdas para embelecer a casa mentres escribiría todo aquel inverno, lembro un proxecto, unha vaga idea de libro, algúns relatos ligados por un mesmo lugar da infancia, unha novela no fantasma do lexíbel, por fin liso, por fin continuo, á sombra de min mesma dedicábacho como eu sería á madriña do teu primeiro fillo, lembras falábasme en masculino porque un deus parirías. E despois a túa morte fechou esta biblia dos novos tempos e a novela perfecta máis unha vez non terá lugar.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *