Entrevista a Ramón Caride

Entrevista a Ramón Caride

0 comentários 🕔13:00, 16.Mai 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Ramón Caride: A literatura como actividade é unha parte inseparábel da miña vida. O acto físico de ler ou escribir ocúpame sempre un bo anaco do día. Non é tampouco a miña actividade esencial, en canto que non lle podo adicar todas as horas que ás veces quixera, pero mesmo cando non leo nin escribo, non deixo de pensar no que vou ler ou redactar máis adiante, ou de lembrar o xa feito. Digo como actividade cotiá que un fai, repara. Por contra, a visibilidade desta actividade, o feito de verse como escritor, ou de que a un o miren como escritor, varía moito coas épocas e as situacións da vida. Segundo cadre, un é valorado ou feito de menos. E moitas veces pola mesma xente… Cada vez, a medida que pasan os anos, lle concedo menos importancia a esta segunda faciana. Alén do dito, esta non é unha sociedade particularmente xenerosa cos artistas, pero tampouco cos obreiros nin cos dependentes de comercio. Quero dicir que non hai que andar chorando, ninguén nos obriga a crear, de feito creo que era o meu amigo Cid Cabido quen dicía: “se escribir fose tan malo coma fumar, deixariamos de escribir igual que deixamos o tabaco”. Ou sexa, para min a arte é algo curioso, ou divertido, ou absurdo, pero non me deixa indiferente nunca: sempre teño unha reacción sobre un libro, unha película, un cadro, unha canción ou unha banda deseñada, en cambio o fútbol ou as novas de política só me despertan cansazo ou fastío. Cada un é como é.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?

- Ramón Caride: Como lle cadra. Nin o entendo, nin tampouco quero entendelo. É algo irracional, na súa orixe non ten nada que ver co entendemento ou a razón, é algo máis primario, máis instintivo, que nos sobrepasa mesmo aos autores. Un non escribe, ou pinta, porque quere senón porque non o pode evitar. Parece un tópico, pero é así.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes? Tens experiências neste sentido?

- Ramón Caride: Creo que todo proceso criativo é a mesma cousa: imaxinar algo. Cambian os formatos de expresalo, porque non temos todos os mesmos recursos comunicativos. Eu non sei música abondo para compoñer cancións, nin debuxo tan ben como para facer cadros, xa me gustaría… Do último que levo feito é colaborar con Moncho Nuñez e Sito Suárez, dous músicos máis novos ca min, en Xeografías do deserto, un proxecto multimedia -por agora temos editado un libro-cd- en base a varios poemas meus. Tamén temos iniciado, o debuxante Jaime Asensi e máis eu, Crónicas de Sarou, un libro de banda deseñada negra e realista, aínda inédito. Unha longa tempada colaborei na prensa, nos oitenta, facendo suplementos culturais, onde montei diálogos con outros artistas, grazas a xente como Carlos Crespo ou Camilo Franco, e tiven unha chea de proxectos máis que non foron adiante. Por exemplo lembro unha curtametraxe que non se fixo, cun guión de Diego Ameixeiras sobre un relato meu… O mellor destes proxectos foi o contacto persoal, porque traballar en equipa é sempre moi enriquecedor: o todo é máis que a suma das partes. Pero todo son produtos moi complicados de sacar adiante. A nada que te afastes do libro-libro, todo se volve caro e difícil de xestionar…

- Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo e em geral, num sentido amplo? Que autor@s, individuais ou coletiv@s, reivindicarias por não serem (re)conhecid@s suficientemente?

- Ramón Caride: Máis que unha lista de autores e autoras que me influíron, tal e como fixo o meu amigo e mestre Xosé Manuel Martínez Oca na súa conversa do 14 de abril neste mesmo espazo, e dado que coincidiría en moitos dos nomes con el, non vou repetilos outra volta nin tampouco a citar a amigos meus e amigas miñas como o que agora acabo de nomear, porque, de seguro, só por razóns de inmediatez ou memoria, deixaría fóra a moitos con iguais ou superiores méritos. Todos os autores e autoras galegos somos pouco recoñecidos e tamén pouco coñecidos, os que son caras populares para o grande público sono por ser, secundariamente á súa obra, figuras da televisión ou cousas polo estilo. Moitas veces iso mesmo fai que a súa obra sexa tida en menos mérito. A sobre-exposición é nefasta, pero o ostracismo tamén. Calquera cousa se vende como libro se ten aspecto de tal obxecto, mentres que libros estupendos pasan desapercibidos. Lese pouco en xeral, lese mal, e a tendencia non é a mellorar. Non é un problema só, son moitos. Temos un problema co idioma e con nós mesmos: o outro día La Voz de Galicia sacou unha reportaxe no seu suplemento de cultura dos venres sobre a aparición dun novo libro de relatos de Fernando Pessoa en castellano, coma se fose algo abraiante. Mais os galegos podemos ler directamente a Pessoa no seu idioma orixinal, somos parvos ou facémonos? A min influíronme Alberto Caeiro, Rubem Fonseca, Miguel Torga, Jorge de Sena, Patricia Melo ou Paulo Kellerman tanto como Machado ou García Márquez. Somos uns privilexiados podendo acceder a dúas linguas literarias sen intermediación, pero non queremos velo.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?

- Ramón Caride: Supoño que alguén debería, a poder ser os poderes públicos, tratar de elevar o nivel cultural do grande público para contribuír a crear un mercado cultural -xa que na economía de mercado estamos- que permitise que a obra de tantos e bos creadores como temos chegase ao público para que o consumo de productos culturais fose a base da subsistencia dos seus creadores, en lugar de estaren dependentes dos subsidios directos, como agora. Pero o traballo a longo prazo é incomódo e difícil de facer rendíbel, en termos electorais, así que cada un, cada partido, trata de sacar “aos seus”. Os resultados están á vista. Chorar e non parar. Tanto carto fundido e andamos como andamos, desde a Cidade de Cultura á perda de falantes…

- Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura galega a dia de hoje?

- Ramón Caride: A literatura galega a día de hoxe, en canto ao seu aspecto editorial, non falo do criativo, ten un moi serio problema: o seu público obxectivo está en claro devalo demográfico. Ou gaña base lectora, sexa dentro ou fóra de Galiza, ou seguirá a irse reducindo, cada paso máis, a pequenos círculos de autores e críticos que se retroalimentan en bucle, pero con escasísimos lectores. Seguramente isto vai parello coa perda do libro como referente social, ou as transformacións da comunicación impostas polas novas tecnoloxías. Os desafíos do momento presente son apaixonantes, pero se cadra tamén son críticos, e non sei se como sociedade estaremos á altura de darlle unha nova dimensión ao noso patrimonio polo que dicía antes: para manter e anovar algo primeiro debemos crer na súa propia valía, e non estou certo de que este sexa o caso.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?

- Ramón Caride: Falar da cuestión normativo-ortográfica xa aborrece. O futuro do galego é problemático e isto temos que resolvelo os galegos, non se vai solucionar por arte de maxia. A lusofonía é, ou chegará a ser, un elemento clave do noso futuro, pero non o garante de por si. Pensar que unha mudanza da norma escrita vai modificar o estatus do galego entre nós é moi inxenuo. A lusofonía pode abrirnos moitas portas, pero as editoras galegas, en xeral, seguen mirando a Madrid, e as portuguesas tamén. Agás casos excepcionais. Eu son dos poucos autores galegos con catro libros editados en Porto antes que en Madrid, pero se fose ao revés todos me valorarían máis, empezando pola prensa e seguindo por moitos colegas. Xa non falo do público en xeral.

- Palavra Comum: Como vês a situação do ensino? Para onde deveria (re)encaminhar-se?

- Ramón Caride: O ensino formal, as escolas, está nunha situación parella á do libro: o seu papel tradicional, o que se daba por suposto, o da transmisión de coñecementos, está agora moi cuestionado. Os rapaces aprenden case todo fóra da escola. Nomeadamente nas ensinanzas secundarias. Isto é imparábel: aprenden a ler e a tirar información de xeito autónomo cos dispositivos móbiles. Os sistemas de ensino están moi desfasados, pero tampouco hai consenso social de para onde tirar, estamos nun “sálvese quen poida”. Hai funcións moi importantes que a escola tería que facer porque moitos dos outros ámbitos que as sostiñan fallaron: socializar e cohesionar socialmente, proporcionar ferramentas de pensamento ou hábitos de tolerancia.., pero os profesores moitas veces non sabemos nin como facelo. Por riba cada pouco tempo, bótase toda a estrutura do sistema educativo abaixo e volta empezar de novo.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Ramón Caride: Estou agora coas presentacións de Liquidación de existencias (Xerais), unha novela/universo ficcional que me levou anos rematar, malia a súa brevidade, e á parte do libro-cd ao que me referín, e un album ilustrado por Jaime Asensi, O soño das cores (Urco), teño outras dúas rematadas: unha vai saír tamén en Xerais no outono, é O camiño da Estadea, a última achega do ciclo da Sheila e o Said, que comecei hai vinte anos e que culmina con esta quinta entrega; e a outra chámase Terra queimada, é unha historia tamén poliédrica, dura e crúa, que aínda non ten data de edición. Non me podo queixar… A medio prazo teño un par de proxectos máis, encetados ou en fase de documentación, pero seica dá mala sorte falar deles tan cedo.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *