Toni Catany, a paixón do pescador de imaxes

Toni Catany, a paixón do pescador de imaxes

0 comentários 🕔12:00, 26.Mai 2016

A fotografía artística require tantos coñecementos e inspiración como calquera outra arte. Toni Catany investigou e buscou os vieiros que non foran percorridos, puxo a alma e todo o agarimo nas súas obras.

Lito Caramés

Naturezas mortas, natureza viva
Al món, a part de tot el que es belluga, hi ha també calma i repòs. Hi ha temes dignes de ser fotografiats que no requereixen l’instant decisiu. Els temes fugissers pertanyen al caçador i els encalmats al pescador. En comptes d’anar a caçar, es tractaria d’anar a pescar i esperar que els peixos piquin (Toni Catany).
O fotógrafo Toni Catany (Llucmajor, 1942 – Barcelona, 2013) é dono dunha obra moi particular. Para comezar pouca fotografía comercial fixo; el mesmo ten confesado que sempre apostou polas fotos que lle agradou facer. Traballou por series, buscando algunha cousa na repetición dos motivos, pescando xa o tempo, xa a vida. Nas súas imaxes pódese entender que hai unha Intención pictórica: pintar a golpe de disparo. Moitas das súas series, nas que insistiu ao longo de décadas, identifícanse cos temas máis reiterados da historia da pintura (retrato, nus, bodegóns). Catany parece obedecer ás afirmacións do tamén fotógrafo H. Sugimoto: coa invención da fotografía a pintura tivo que cambiar. Esperábase do pintor que copiase a natureza e a realidade, pero ese papel asumiuno o fotógrafo.
Un deses temas que pasan da pintura á fotografía é o das naturezas mortas, ou bodegóns, que o Barroco elevou aos ceos artísticos (só hai que lembrar a artistas como Caravaggio, Sánchez Cotán ou Zurbarán). Pero a estética de Catany non queda no pasado; algún dos seus bodegóns (Natura morta nº 186, 1991 é unha proba) fai pensar -ante a delicadeza das súas cores e a limitada policromía- nun lenzo do Marc Rothko maduro e a plasmación das cores limpas e sacras. Ou o onirismo dun Y. Tanguy, cando non o recollemento ascético dun pintor de iconas ortodoxas. A Toni Catany agradáballe o xogo, sabía viaxar, percorrer séculos dacabalo da súa dilatada cultura, e manifestar: “Obsesióname o tempo. Escoller unha flor murcha, unhas froitas podres ou unhas cunchas é a miña maneira de falar do tempo”. É dicir: confesar a súa preocupación polo acontecer, pola teima universal, a vida e a morte. E faino regresando ao Barroco da man das vanitas. As vanitas, a declinación do Tempus fugit, que seguen a elaborar pintores neorrealistas como os irmáns Santilari. As verbas nas que Catany se declara pescador (que non cazador) de imaxes acomodan para falar das naturezas mortas. Esas palabras escribiunas para contrastar o seu traballo de retratista coa famosa frase de Cartier-Bresson: de todos os medios de expresión a fotografía é o único que fixa o instante preciso, decisivo para captar unha imaxe irrepetible. Cartier-Bresson, fotorreporteiro, cazador. De certo, as fotografías de Catany convertidas en naturezas mortas, expresan o mesmo que o que manifesta Taylor-Wood nalgúns dos seus vídeos: o inexorable paso do tempo. E tamén é moi probable que sorrise ante o xogo que brinda Ori Gersht, ao presentar unha composición clásica de bodegón, pero en versión audiovisual.

CATANY Natura Morta núm. 186_ 1991

Natura morta núm. 186, 1991

Materias escuras, naturezas mortas negras
Per a mi la fotografia es una manera d’expressar els meus sentiments, el meu estat d’ànim, les meves emocions. No faig fotografia per als altres, la faig per a mi, pel pur plaer de fotografiar (Toni Catany).
Tony Catany foi un artista con querencias pola investigación, pola experimentación. Non gustaba dos camiños xa marcados. Así que no ano 2006 decidiu apostar pola tecnoloxía dixital, despois de toda unha vida traballando con métodos moi artesanais. Gardou as cámaras analóxicas nun armario e embarcouse no mundo dixital, o que lle permitiu traballar practicamente ás escuras, dando como resultado as Materias escuras; obras nas que os obxectos se confunden cos fondos (Natura morta nº 83). Moitas destas materias escuras coñécense tamén polo nome de naturezas mortas negras, pois diso se trata, de presentar ante a cámara froitas e outros elementos que con dificultade se distinguen dentro da penumbra, de forzar unha luz que non é real, que é unha invención sobrerreal. O resultado é extraordinario, delicado, envorcallado nunha pátina de sutileza próxima a culturas orientais -como o zen-, tan do gusto de Tanizaki, que o confesa no seu ensaio Eloxio da sombra. Catany, monxe budista do esencialismo.
Manuel Outumuro, o excepcional fotógrafo, coñeceu ben a Toni Catany. Das súas naturezas mortas comentou para esta reseña: Os seus bodegóns son dunha mestría perfecta. Lembro o seu estudio da rúa Nou de la Rambla cheo de elementos para compor mundos máxicos. Coido que disfrutaba tanto disparando como pintando pequenos fondos sobre os que construír composicións de sutís vasos con flores humildes e sinxelas. Podemos dicir que en troques de natureza morta, facía natureza viva, pola alma e o agarimo que había nas súas obras. Lóxico que Outumuro teña predilección polas creacións de Catany, pois ten declarado nunha entrevista a quen subscribe: Gústame observar e propor maquillaxes, porque algo teñen que ver coa pintura, e interésanme os peiteados porque son xeitos de escultura.

Catany.Natura morta nº159

Natura morta, nº 159, 1989

Catany.Natura morta nº83, 1985

Natura morta, nº 83, 1985

Toni Catany D’anar i tornar (Cando ir era volver)
A mostra que agora enche o piso principal de La Pedrera -a casa construída por Gaudí para os señores Milà (os avós dos periodistas Mercedes Milà e Lorenzo Milà) e hoxe Patrimonio Mundial da UNESCO- titúlase Toni Catany D’anar i tornar. A exposición inclúe 160 imaxes, das que o setenta por cento son inéditas, segundo explicaron os comisarios, Alain D’Hooghe e Antoni Garau. Toni Catany d’anar i tornar inaugúrase aos dous anos e medio da morte do fotógrafo mallorquino. Esta mostra, que se antolla antolóxica (aínda que os comisarios pretendan insistir en que é a primeira vez que se pretenden ofrecer outras fasquías do artista, mormente a súa fascinación polas viaxes), é póstuma, pero para ela o autor participou na selección das instantáneas. Antoni Garau, actual director da Fundación Toni Catany, que está en Llucmajor, a vila natal do artista, aclarou que nos últimos tempos Catany estivera persoalmente seleccionando, de entre todo o inmenso material que atesouraba, aquelas fotografías que consideraba fundamentais ao longo dos seus anos de traballo. As fotografías que agora se poden contemplar, e admirar, na Pedrera, son parte importante da escolla do fotógrafo. Un paseo polas salas da Pedrera, aquí.
Actualmente a Fundación Toni Catany ten un fondo da colección do fotógrafo mallorquino duns 90.000 negativos, e unhas 900 fotografías positivadas e máis de 3.000 copias en papel. Toni Catany foi galardoado co Premio Nacional de Fotografía no ano 2001, e o Ministerio de Cultura de Francia (onde seica a cultura importa máis ca por estes lares) concedeulle o título de Chevalier des Arts et des Lettres, en 1991. As inquedanzas de Catany ben se mostran nas súas constantes viaxes para coñecer novas paisaxes, novas luces, e tamén polas pescudas dentro da fotografía. Nos anos setenta e oitenta deulle por indagar sobre os potenciais dunha técnica fotográfica que xa quedara descartada, a calotipia, inventada cen anos antes polo científico e fotógrafo William Fox Talbot. Nos anos noventa inclinouse polas polaroid transportadas. E xa neste século decidiu probar a nova técnica da fotografía dixital, que tanto lle acabou agradando. Toni Catany foi unha persoa máis ben reservada, nada fachendosa e que posuía grandes coñecementos de poesía, de música, de literatura e de pintura. Un pescador da beleza.
En máis dunha entrevista foi preguntado polos seus mestres ou referentes fotográficos. E sempre afirmou que nunca seguira a ningún en particular. Iso si, había moitos que lle interesaban; entre eles ten citado a Talbot, aínda que só sexa por ter inventado a calotipia, e logo ten falado con gabanza do fotógrafo romántico e amante das tomas nocturnas de Praga, Josef Sudek, e tamén do retratista e cineasta Paul Strand.

Catany. José Luís, Venezuela,2006

José Luis, Venezuela, 2006.

Retratos. Nus: soñar deuses
Toni Catany va ser un bon lector del món. Cada imatge que ara servem d’ell és un retrat de la seva personalitat; els rostres que capturava amb l’objectiu eren ell. Els paisatges que engabiava a les fotografies eren les seves ganes de volar. Els altars i les taules amb objectes que parava eren la seva fe, el seu culte i la seva devoció (Manuel Forcano).
Catany cultivou outros xéneros fotográficos de longa tradición na historia da pintura. Por exemplo o retrato e os nus. Nas súas reiteradas viaxes pescaba faces e corpos que case sempre enfrontaba con fondos de cores fortes, provocando contrastes violentos e esteticamente emotivos. Tal acontece, xa que logo, no retrato de José Luís, o rapaz venezolano. Os seus retratos basculan entre o exotismo do viaxeiro descubridor doutros mundos e as formas pictóricas tan coñecidas como a formalidade renacentista ou o realismo barroco.
A meirande parte dos seus nus máis coñecidos logrounos precisamente coa técnica da calotipia (Sen Título. Nu, 1988). A calotipia imprime á fotografía un aire metálico e arcaico, que máis semellan estudos de hai cen anos que non cousas de finais do século XX; deseños contorsionados, coma bosquexos de grupos escultóricos que escoran pola banda dos escravos de Michelangelo Buonarroti, de apuntamentos de Rubens e do dinamismo que Rodin esixía axs seus modelxs. De aí ese aire de anatomías retortas, de músculos coma cordas, de formas entre vexetais e minerais, como se os humanos acabásemos de saír da terra, na resurrección final. Nestes anos oitenta elaborou unha serie de nus coa técnica da calotipia, que el chamou Somniar déus. Desta serie publicou un libro que leva o mesmo título. É evidente que, tratase o tema que tratase, Catany sempre foi, é, un verdadeiro transmisor da beleza.
En xeral, Toni Catany consideraba que as súas fotos eran todas autobiográficas; a dicir del: tanto se hai un corpo, como se mostran un péxego, porque cando quero expresarme, as fotos que fago han saír do corazón. Manuel Outumuro, o fotógrafo que moita xente coida que é xaponés (polo apelido), valora así esta parte do traballo de Catany: polo que respecta ao retrato, non se quedaba no cotián; a súa especial visión para escoller personaxes e localizacións aporta ás súas imaxes un exotismo romántico e intenso.

Catany.Sen Título (Nu). Calotipo,1988

Nu, Calotipia, 1988.

Mesas, bodegóns … altars profans
La matèria primera de l’art és inesgotable. Es troba per tot arreu. Cal, però, anar amb els ulls bé oberts i saber mirar. Tres són les claus essencials de tota obra d’art digna d’aquest nom: el símbol, la imatge i l’ofici, que són els que provoquen l’emoció. Quan això és així, es produeix coincidència entre el treball i el plaer (Toni Catany).
Xa neste século, Catany apostou por seguir facendo series de naturezas mortas. Pero agora aliñando os obxectos sobre unha mesa ou repisa, de tal xeito que amosase que a instantánea lograse pescar unha ara votiva, un altar profano onde render culto á beleza. Hainos con xerros e flores, outros enfían pezas de cerámica, como nun mostrario de vendas; noutros casos mesmo semella que se está diante dunha mesa de ofrendas para divindades exóticas e narcisistas. Altars profans foi a última serie á que se dedicou Toni Catany, e acabou sendo unha exposición en Bruxelas e tamén plasmada nun libro. Hai en Altars profans un aroma a esencias olorosas e a maxia importada da noite dos tempos. Hai un xogo entre carpe diem e vanitas. Todo iso transporta ao espectador a un estadio intemporal, a non saber se unha fotografía de Catany é de onte, ou se polo contrario leva feita cincuenta anos. Por iso tamén estas series de altares profanos lembran tanto composicións de Morandi na súa sinxeleza, na elementariedade do esencial e primario.
Toni era unha persoa entrañable. A última vez que nos vimos foi un mes antes que nos deixase; intercambiámonos fotografías nas que coincidiramos versionando uns retratos de Greta Garbo. Un gran compañeiro (Manuel Outumuro).

A. Pujol. Toni Catany.2008

A. Pujol. Toni Catany, 2008

Fundación Toni Catany. Centre Internacional de Fotografia Toni Catany
Toni Catany amaba o Mediterráneo. Coñecía e viaxaba por todos os países que bican o Mare Nostrum, tanto polo norte como polo sur. Dicía que viaxando por Marrocos ou por Exipto captaba as especificidades de cada lugar, pero sempre sentía algo familiar que lle murmuraba que se atopaba na casa. E tamén gustaba da música mediterránea, xa grega, xa turca, xa tunesina. Por iso non debe estrañar que os seus dous últimos proxectos se radiquen na súa vila natal, Llucmajor (Mallorca), onde el situaba o centro do Mediterráneo.
Nesta vila, pois, xa funciona a Fundación Toni Catany, unha entidade agora dirixida por Antoni Garau e chea de proxectos e obxectivos. Un deles precisamente foi celebrar esta exposición, Toni Catany d’anar i tornar, que logo viaxará a Madrid e a outras cidades. E falta por materializar a outra ambición de Catany: abrir o Centre Internacional de Fotografía Toni Catany, tamén en Llucmajor. Este organismo que nacerá con vocación de ter proxección local e internacional para fomentar a cultura fotográfica e máis para o coñecemento e difusión da creación artística de Toni Catany. A Fundació Toni Catany ten entre os seus obxectivos lograr que o Centre Internacional de Fotografia sexa unha realidade. Para iso está en conversas con todas as autoridades. Polo de agora hai firmado un convenio entre o Govern de Balears, o concello de Llucmajor e a propia Fundació para abrir ese centro. E dispoñen dunha dotación económica de 4 millóns de euros. Pero o proceso segue estancado por estar o goberno do estado en funcións. Ogallá todo mude axiña.

Lito Caramés

Camaras de Catany

Cámaras de Toni Catany.

EXPOSICIÓN: Toni Catany d’anar i tornar
La Pedrera
Ata 17 de xullo

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *