Entrevista ao pintor galego Nolo Suárez

Entrevista ao pintor galego Nolo Suárez

0 comentários 🕔10:30, 06.Jun 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a(s) arte(s)?

- Nolo Suárez: Para min a arte é un medio de expresión e comunicación, aprendizaxe e realización da persoa como ser humano sensible ao que acontece ao seu arredor, que logo reflicte no seu quefacer creativo, mais tamén é a mostra de sensacións, impresións, vivencias e reflexións sobre diversos aspectos da vida mesma, da sociedade en que vivimos.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação cultural e artística?

- Nolo Suárez: No meu proceso de creación interveñen varios factores, dende elementos que quedan na memoria, feitos que acontecen ao meu arredor, noticias que me impactan, polo tanto elementos que podemos dicir externos, e logo combinados con reflexións e ideas que proveñen do pensamento, do máis interior, xunto con composicións, fragmentacións, a utilización de diversos materiais, tanto pictóricos como extrapictóricos, que van facendo pouco a pouco, durante as distintas fases do proceso creativo aberto a cambios e a novas incorporacións, unha obra máis expresiva e rica en matices diversos.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes e outras manifestações da cultura (literatura, fotografia, etc.)? Que experiências tens neste sentido?

- Nolo Suárez: Pois paréceme moi interesantes as diversas relacións das artes, combinadas e interrelacionadas, para complementarse en ocasións, e para establecer diálogos abertos, tecer relacións e complicidades. Teño participado ilustrando con debuxos e pinturas algúns libros de poesía, e tamén feito exposicións con papeis e libros intervidos, así como nalgunha exposición, establecendo relacións entre a pintura e a música, incorporando pinturas sobre instrumentos musicais e incorporando partituras. Tamén nalgunhas das miñas obras, utilizo fotografías da miña autoría ou sacadas da prensa ou de internet, que logo retoco pictoricamente, compoño e integro no mesmo cadro.

Tamén agora, como xa apenas se fan catálogos en papel para as exposicións, aínda que estas sexan en espazos públicos, gosto de facer catálogos dixitais das miñas exposicións, o que me permite combinar reproducións dos cadros, con algúns textos poéticos e escritos meus e, ás veces, de compañeiros-as.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

De auga e terra

- Palavra Comum: Que referentes e influências tens no teu trabalho criativo -e em geral-?

- Nolo Suárez: Pois é difícil sintetizar, dende logo os grandes mestres, Picasso, Miró, Tapies, Lucio Muñoz, Ráfols Casamada. Nos galegos, Maside, Luís Seoane, Díaz Pardo, Maruxa Mallo, Leopoldo Nóvoa, ata autores de hoxe, algúns da xeración Atlántica. Tamén Broto, Barceló, Sicilia, Carmen Calvo, entre outros-as.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade?

- Nolo Suárez: O primeiro primar máis as ensinanzas das artes, para ir fomentando dende moi novos o interese e a práctica das artes plásticas. Logo, dinamizar moito máis o tema das exposicións artísticas, con actividades complementarias, recitais de poesía, presentación de libros, actuacións musicais, etc. E tamén levar máis a arte a novos espazos, como as rúas, prazas, espazos públicos, etc., para que non só estean as artes nas Galerías e Salas de exposicións.

Nolo Suárez Espazos acuáticos 2

Espazos acuáticos 2

- Palavra Comum: Que vínculos existem, para ti, entre Arte(s) e Vida?

- Nolo Suárez: Para min as artes forman parte da vida dos seres humanos. Por iso a arte existe dende os primeiros poboadores, coas pinturas nas covas, sobre escenas da vida que tiñan eles. Hoxe en día, hai moitas e moi diversas manifestacións artísticas, pero todas teñen que ver algo co que pasa na nosa sociedade, co que lle pasa ás persoas, o entorno, as reflexións sobre estes temas ligados á propia vida e á existencia humana.

No caso particular do meu traballo pictórico, doulle importancia a ese vínculo, xa que eu traballo bastante sobre distintos aspectos dos catro elementos da vida, isto é: a terra-paisaxe, as augas, a luz-lume, e o ar.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza (e o mundo) imaginária? E como consideras que seria possível chegar a essa situação?

- Nolo Suárez: Pois en relación á cultura e a arte, que tivésemos unha situación normalizada, que a arte e a cultura estivesen mais presentes na vida cotiá, que tivesen máis apoios das distintas administracións, que as persoas que traballan na arte e na cultura puidesen vivir normalmente do seu traballo, e non como na actualidade, de forma precaria, e na maioría dos casos traballando noutras cousas, que en moitos casos, non teñen que ver coa arte e cultura. Que houbese máis eventos e encontros entre os distintos participes da arte e a cultura, os grupos, as asociacións, as industrias culturais, fortalecendo, pois, o tecido cultural e artístico do noso País.

Para chegar a esta situación, hai que cambiar as políticas culturais actuais, de gobernos conservadores, polo tanto cambiar de goberno, que só pensan no momento (cando se achegan eleccións), en grandes eventos, ou en grandes contedores (como a Cidade da cultura), en políticas de amiguismos e clientelares, e non pensan na maioría dos creadores do noso País, nin nas propostas que fan colectivos, ou asociacións do ramo, xa que non as impulsan nin desenvolven, e moitas propostas non se poden levar adiante por falta de apoios e de medios. Tamén faltan política de intercambios culturais normalizados con outras nacionalidades históricas e Países, para mostrar a nosa riqueza cultural e artística, a carón das creacións de outros lugares.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Caída da auga

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Nolo Suárez: Este ano resulta que teño varias exposicións, cousa que non acontece noutros anos. Xa fixen unha en Compostela, “TEMPOS CAMBIANTES”, no Centro Cultural Aurelio Aguirre de Conxo. Agora estou expoñendo “ESPAZOS ACUÁTICOS”, na Galería Arte Imagen da Coruña, e, a mediados de Xuño, teño a exposición “ACHEGAMENTOS AS AUGAS”, no Liceo de Noia. Aparte tamén sempre participo nalgunhas exposicións colectivas e tamén noutras de Mail Art.

Evidentemente, gustaríame poder facer unha grande exposición, con obras de formato grande, e tamén con algunha montaxe (que case nunca fago por falta de espazo expositivo conveniente para iso e falta de certos medios), e con algunha intervención no propio espazo expositivo, seguindo as novas correntes pictóricas (nas que participo), da pintura expandida. Para iso tería que ser nalgún espazo expositivo dalgunha Institución pública ou fundación.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *