Entrevista ao escritor galego Antonio Manuel Fraga

Entrevista ao escritor galego Antonio Manuel Fraga

0 comentários 🕔11:00, 13.Jun 2016

- Palavra Comum: Que representa para ti a literatura?

- Antonio Manuel Fraga: Representa un intento de comunicación transcendente no que hai moito de vaidade. Se cadra tamén unha rabecha contra a idea da morte, que me obsesiona. De todos os xeitos, para min a literatura é algo que me enche desde que teño memoria, primeiro como lector e despois como autor, que considero a prolongación dese primeiro status. A escrita apórtame, entre outras cousas, unha vía na que canalizar os meus soños. É algo que me satisfai, e dun xeito ou outro será o que faga mentres poida.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo) o processo de criação literária -e artística, em geral-?

- Antonio Manuel Fraga: Cada vez tendo a planificar máis e máis o traballo. Nos primeiros libros, o traballo previo á redacción do texto facíao dun xeito máis global, mais devagar foise facendo cada vez máis complexo. Así, acabo por encher cadernos con documentación, notas, esquemas, mapas, fichas de personaxes, etc. Preocúpame que isto chegue a supor un corpiño demasiado estreito para a imaxinación, que lle reste frescura ao proceso, polo que estou a procurar o equilibrio. Son aínda un autor novel –talvez nunca chegue a deixar de selo– e en cada proxecto que afronto trato de pulir os meus defectos.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, artes plásticas, etc.)? Tens experiências neste sentido?

- Antonio Manuel Fraga: Entendo o obxectivo das distintas artes idéntico ao da literatura, comunicar e transcender. Tendo a mesma meta, a mestura das distintas expresións artísticas debería ser habitual. É algo que valoro moi positivamente. Acho que parte das innovacións chegarán dese camiño. En canto á miña experiencia, o meu primeiro contacto coa LIX foi nun proxecto que combinaba fotografía e narración. Nese eido, o da literatura pensada para as crianzas, ten moita presenza a ilustración, e nesa vía quero profundar. Gustaría participar, por exemplo, na creación de banda deseñada ou álbum ilustrado. Fixen tamén algunha colaboración no mundo do audiovisual, experiencias nas que aprendín moito sobre outros xeitos de comunicar e de narrar unha historia. E despois está a música, pola que sinto unha especial debilidade. Na presentación de Tártarus na Coruña acompañoume un DJ, e conseguimos unir música e literatura dun xeito que me resultou gratificante. Sempre que poida, procurarei explorar novos camiños. Conto para iso cunha morea de xente creativa ao meu redor, así que se non o fago será por simple preguiza.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- Antonio Manuel Fraga: Se por referentes entendemos aqueles creadores que me condicionan e axudan á hora de escribir, estes serían moi diversos. Como autor de literatura infantil e xuvenil, seguramente o triunvirato formado por Roald Dahl, Michael Ende e Hayao Miyazaki é determinante no meu xeito de pensar as historias. Despois, como lector, teño un perfil moi americano, de norte a sur. Os nomes de Salinger e Cortázar poderían resumir esa inclinación.

- Palavra Comum: Que caminhos estimas interessantes para a literatura, e as demais artes, na sua comunicação com a sociedade?

- Antonio Manuel Fraga: Non podo dar unha resposta moi concienciuda, estudada ou baseada nunha grande experiencia, así que só me fica a intuición. Acho que se a literatura –e a arte en xeral– quere chegar á sociedade, ten que esforzarse en estar onde a sociedade está. Non pode ter a tentación de crear valados ou mergullarse en burbullas. Naqueles sitios onde as persoas gocen do seu lecer, a literatura ten que estar. Porque iso é o que debe ser, un gozo. Na actualidade contamos con ferramentas moi interesantes para crear un contacto directo entre o autor e o lector, así como para complementar os textos con moitos elementos novos. Cómpre ser afoutos e creativos para aproveitar eses vieiros.

- Palavra Comum: Que relação existe (ou deveria existir) entre Arte(s) e Vida?

- Antonio Manuel Fraga: O motor que move arte e vida é o mesmo, non si? Ese afán de transcendencia mesturado con vaidade. Como persoa e como creador esfórzome en ser cada día mellor, superando as barreiras que a natureza e a falta de talento me poñen diante. Despois, a relación entre ambas está definida desde hai milenios, e acho que non cambiou. A arte é mirar a vida con lentes deformadoras. Eu adoito ollar todo o que me arrodea para crear as miñas historias. Podo facelo de xeito máis ou menos directo, mais sen eses referentes vitais estaría perdido.

- Palavra Comum: Fala-nos também das conexões (ou desencontros) entre ciências e artes… Que vínculos existem e para onde se deveriam dirigir as relações entre elas?

- Antonio Manuel Fraga: Acho interesante a conexión entre ciencia e arte a través da tecnoloxía. A ciencia e a tecnoloxía adoitan avanzar xuntas, e as innovacións tecnolóxicas adoitan axudar a creación artística, xa sexa un martelo, unha cámara fotográfica ou un novo interface. Algunhas das categorías artísticas máis novas –estou a pensar na vídeo-arte, por exemplo– agromaron por mor dunha nova tecnoloxía.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o estado da língua e a cultura, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)?

- Antonio Manuel Fraga: Un pesimista coma min non debería responder esa pregunta. O estado da lingua é calamitoso. Cada día conta con menos falantes, e iso condúcea á extinción. De ter algún futuro, este pasaría polos neo-falantes das cidades. Mais se a institución que ten como obriga fomentar o uso e a normalización da lingua está ocupada por persoas que chegaron a ela apoiándose en fábulas sobre a imposición lingüística, que podemos esperar? En canto á Lusofonía, hai unha gran raia granítica que nos afasta de Portugal. Afortunadamente, devagar van nacendo iniciativas moi interesantes que tentan facer esa barreira permeábel.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Há algo dela que exista já, do teu ponto de vista?

- Antonio Manuel Fraga: Calquera cidadán soña con vivir nun país próspero. Moitas veces non se dan as condicións para poder facelo. A traxedia de Galiza é que cumpre os requisitos para poder ser un país rico en todos os aspectos, mais non o é. Na miña Galiza imaxinaria, todos os amigos que se viron forzados a marchar, xente traballadora, capacitada e comprometida, estarían vivindo aquí e contribuíndo á riqueza deste curruncho do planeta. Nesa mesma Galiza o conxunto da poboación sentiría a lingua propia como unha sorte e un orgullo, e xamais como un problema.

- Palavra Comum: Que é e para onde quer caminhar Barco de papel?

- Antonio Manuel Fraga: Barco de papel naceu como un centro de formación que, complementariamente, ten vocación de converterse nunha ferramenta de dinamización cultural para os barrios das Atochas e Monte Alto. Ofrecemos apoio escolar, preparación do acceso a ciclos formativos ou á universidade, ensino especializado en galego e portugués, etc. Asemade, o noso obxectivo é que distintos artistas e profesionais teñan un lugar onde desenvolver os seus proxectos. É un proxecto ilusionante que aínda está a nacer.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Antonio Manuel Fraga: Continuar a crear historias, sen dúbida. Os máis inmediatos están enmarcados dentro da literatura infantil, mais teño ansias de tocar outros moitos ámbitos no futuro. A experiencia con Querido H. P. Lovecraft, a miña primeira novela para adultos, foi magnífica, e fiquei co degoiro de ampliar o abano.

NOTA: a fotografia do autor é de Eduardo Castro Bal.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *