6 poemas de <em>Corpo de mar</em>

6 poemas de Corpo de mar

0 comentários 🕔09:00, 16.Jun 2016

Namorada do mar, sentindo as suaves ou furiosas arremetidas das ondas, naceron a maior parte destes poemas. Mentres nadaba, meus eran ceo e mar. O universo enteiro. Sentíao correr polas miñas veas. Á vez lume e xeo.

Estes poemas foron publicados no libro Corpo de mar, editado por Espiral Maior, que tivo un percorrido discreto desde a súa saída en 2008, e que agora ofrezo con pequenas modificacións a respecto dos orixinais.

*

ORIXINARIA

Quizais alma
nese instante esencial
entre o non ser
E SER

Fuches

Soño lúbrico tal vez…
Asubío de luz.
Ou sombra proclamada.

Corpo.
Palabra de dicir.

Dividirei o espello da luxuria
en mil anacos.
E farei de cada un
unha lúa habitada.

*

Corpo de mar
hei de adentrarme en ti…
Apagarei a sede no teu sal,
corpo de min.

*

Sima oceánica,
orgasmo
de líquida agonía…
Vin caer en ti.
Lévame.
Invádeme.
Arrastrada
por todas as marés.

*

O froito non penduraba da árbore.
Exculpada queda a serpe.
Eva aprendeulle a Adán os camiños do amor
aquel primeiro día en que foron expulsados
do falso paraíso
polo asexuado sicario de Deus.
Adán,
por primeira vez, recreouse,
derramouse nela. Seminal choiva…
E a semente no cáliz dela quedou constituída.
Templo onde culminarían todas as sabedorías.

Eva, Eva núa.
Corpo
de manancial

*

BOSCO

No extraviado xardín dos desexos,
labirinto de metáforas,
paraíso da luxuria
onde reflectiches, Bosco,
todos os xeitos de pecar
podrecen as maceiras
e prevalecen só prohibidos froitos.
Alí onde o amor se aparea coa morte,
rexeitando virxinais tenruras.

Todo é válido.
Nada foi casual.

*

CARTA A SAFO EN FORMA DE POEMA

Safo
ti, a primeira en amarte.
Buscándote nas demais.
Quizais
sen encontrarte nunca.

Safo,
hoxe hai neve no teu rostro sen meixelas.
E un sorriso triste na túa fría boca de camelia
porque en ti, escoreceuse xa o desexo
e no peito agochas niños de cinzas.
En Lesbos
sinto cantar sereas entre bosques de amieiros
rapazas que sedentas te reclaman…
Mais o xardín
ese xardín onde alegre te movías xa está morto.
Nel secaron todas as fontes.
E o sol
Ese sol no que ninguén se mira
fire os meus ollos cos seus cristais rotos.
Por camiños perdidos baixo un túnel de améndoas
atravesei o tempo
fuxin de min para buscarte.
Eu, non veño a xulgar; vin ofrecerte grilandas.
A cinguilas de redor da túa invisible fronte.
A saudar o teu olor nestas montañas.
A contemplar os teu vales, aterecidos de choiva e violetas.
A sentir nas tempas o pulso dunha pomba.
A axeonllarme e rezar polo amor máis puro
cabo do templo das rosas e da hedra.
O templo que se alza na tersa superficie da túa lúa.
Esa lúa, Safo, que ninguén ve.
E que agroma do mar coma unha illa.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *