Homenaxe a Jean-Paul Sartre (I)

Homenaxe a Jean-Paul Sartre (I)

0 comentários 🕔09:30, 16.Jun 2016

Este traballo só ten un dedicando, Luís Gonçales Blasco «Foz»

Nos meus arquivos estaban estas traducións que quería publicar o pasado 2015 como homenaxe a Jean–Paul Sartre, aproveitando que se cumprían tanto 25 anos do seu pasamento como os 110 de que nacera. É dicir, facer un pouco de «literatura mortuoria», en certa maneira. O arquivo perdeuse polo disco duro e só foi hai uns meses (en maio pasado) que un ex-compañeiro de traballo, experto nestas cousas da tecnoloxía, recuperou diversos arquivos perdidos no disco duro do meu ordenador. O «texto» fica tal como fora escrito hai xa máis dun ano, e como non se produciron «novidades» no asunto, que eu saiba, como tal o publicamos.

I

A «fortuna» de Jean-Paul Sartre en Galicia é curiosa e merecería, por si mesma, un deses estudos que se denominan «teses doutorais» e que, na súa maioría, non serven para nada, ou case nada [Eu teño visto nun departamento universitario unha tese doutoral de case mil páxinas dedicada a Francisco Tettamancy –ou era a Vaamonde Lores?–. Fose a quen for dos dous, supoño que o tribunal daría ao doutorando ou doutoranda o famoso cum laude, para así se liberaren os membros de tal tribunal das dores de cabeza que lles debeu producir a súa grata lectura, se a leron]. O aspirante a «doutor», na rama de filosofía, de literatura –galega ou española– ou de xornalismo, tería que revisar os xornais e revistas publicadas en Galicia que van de 1945, máis ou menos, a 1982, tamén máis ou menos, cando a «fortuna» de Sartre decaera no favor dos escritores e outras especies galegas de nación e, tamén, de expresión.

Á parte dos xornais, tería que revisar as revistas que se publicaron en Galicia, e no exilio, sobre todo en Arxentina e México, para intentar dar unha información que se achegase case á «totalidade». Ora, tamén é certo que ese aspirante a «doutor» (en filosofía, en literatura, en xornalismo) podía empezar o seu traballo mediante unha aproximación. Por exemplo, Presenza de Sartre nos primeiros cen números da revista revista Grial, que sería o tema para un traballo deses que antes se chamaban «tesiña». Esta tesiña, que a máis dun, sobre todo se é sartreano sorprendería (aviso a navegantes ou posíbeis lectores deste traballiño: eu non o fun nin o son e dubido que nun futuro poida chegar a selo, sartreano. Lembro que alá polos inicios dos 1970, cando aínda non ingresara en filas para a defensa e servizo da «patria», que nunha discusión sobre Sartre e Camus me preguntaran por quen «ía» dos dous. A miña resposta foi daquela a que sería hoxe, por ningún dos dous: nin Sartre nin Camus: André Breton; escritor (sic) este que a maioría dos meus contertulianos non coñecía, ou só coñecía de «oídas», claro); diciamos, esta tesiña podería sorprender a máis dun, sobre todo se é sartreano.

O texto máis coñecido, ou que era máis coñecido en tempos antediluvianos, é dicir, anteriores ao pasamento do noso paisano Francisco Franco, que sobre Sartre se publicou nesa revista galaxiana, piñeirista, ciática (doenza inoculada pola CIA), etcétera, etcétera, foi un que argallou o doutor Domingo García-Sabell, cando aínda non pensaba que chegaría ao rango de senador real nin de Delegado do Goberno na rexión autónoma: Sartre. Notas previas, publicado no número 5 de tal revista, correspondente aos meses de xullo-agosto-setembro de 1964; pp. 345-363. O eximio doutor compostelán tramou un ataque en toda regra, e frontal –non debeu nunca ler a Gramsci e iso da «guerra de manobras» debía soarlle a literatura militarista– contra Sartre, o que non quere dicir nada: un dos grandes ataques contra o autor d’As Moscas foi argallado polo filósofo marxista György Lukács (véxase Existencialisme ou Marxisme?, París, Éditions Nagel, 1961; especialmente o capítulo 3º da IIIª Parte: «Sartre contre Marx», pp. 133-150); filósofo este, o húngaro, Lukács, do que se reclamaban, no seu día, moitos que se afirmaban sartreanos, etc. O problema non é que o autor de As facianas do erotismo contemporáneo –que gran texto completamente trabucado!– errase; cando menos, como Lukács nalgunhas das súas opinións, salvando as distancias a favor do marxista, sabía equivocarse con sabedoría; claro que, podiamos afirmar, o galego aínda non perdera o norte (e ningún dos outros puntos cardinais), ese perdeuno un día de verán de 1981: as calores nunca nos sentaron ben á maioría dos galegos. O problema era (é aínda?) outro. Mais continuemos.

Jean-Paul Sartre, sabémolo todos os que temos máis de 60 anos, foi o gran demo. Sobre todo para falanxistas e católicos: cantas toneladas de tinta e de papel deberon gastar os pensadores (sic) destas tendencias en atacar a Sartre? Milleiros, sen esaxerarmos; se esaxeramos un pouco, talvez millóns. O ataque de García-Sabell era doutro calibre, de máis calibre intelectual, que o dos publicistas católico-falanxistas, aínda que ás veces usaba dun léxico que ninguén deixaría de denominar «barriobajero». Léase senón esta nota, a última do texto garciasabelliano sobre Sartre: «Xa escritas estas notas leo en Le Monde unha entrevista con Sartre que confirma, inesperadamente, o que eu eiquí sosteño. As declaracións do escritor son unha pura trapela inteleitoal que busca, como decote, abraiar á clientela fuxitiva», etc. Non imos nós, aquí, discutir o que afirmaba García-Sabell, quede iso para os sartreanos, mais a un lle dá que algunhas das definicións de Sartre que deita o intelectual-doutor compostelán se lle podían aplicar a el: «Unha obra [a de Sartre] longa, pro non comprexa. Unha obra que deita, sin dúbida, dises especiales parámetros humáns do gran escritor: predominio inteleitivo, non comunicación, sensibilidade pros negativismos, asepsia non participante, forte capacidade expresiva, encobrimento das pulsións primarias a favor do talento doutrinario, nihilismo radical». E pensar que escribía isto un home, o galego, que fora capaz de escribir a favor de elementos como Laín Entralgo, Zubiri ou Américo Castro! [Véxase o penoso traballo de García-Sabell publicado no número 28 –1958– de Papeles de Son Armadans titulado «Americo Castro en su historia»; anos máis tarde dedicoulle outro ao mesmo pseudohistoriador titulado «Los ochenta años de don Américo Castro». Digamos que nin nun nin noutro artigo o de Santiago entende nada de nada: Américo Castro era anti-galego, como anti-catalán, era un centralista consumado, e que o das «nacionalidades periféricas» era para el un problema que se podía solucionar, perfectamente, a canonazos. E, para acabarmos, que a historia (sic e resic) que argallou era unha zarangallada que só tomaban en conta aqueles que se preocupaban, e aínda se preocupan, por iso que chaman o «ser esencial de España»: a historia de Américo Castro, como a de Sánchez Albornoz, por só referírmonos a dous «clásicos», é un tebeo mal deseñado para afeccionados a idioteces bibliográficas. Seica, o doutor compostelán era afeccionado a tales cousas].

Mais vaiamos acabando con García-Sabell, que nos últimos tempos, e debido ao seu desnorte, que se produciu naquel afastado e malfadado día de verán de 1981, está como desaparecido da cultura galega, o que non deixa de ser unha grande inxustiza (1). E non é ironía, xa que non gusto dela: eu proclámome partidario do sarcasmo. O texto de García-Sabell contra Sartre tivo, claro, defensores e detractores. Os defensores eran, maiormente homes vinculados a Galaxia; os detractores estaban na oposición tanto ao franquismo, como os de galaxianos, como a Galaxia. Despois do ataque de García-Sabell ao francés –en certa maneira, produciuse unha nova «guerra do francés», en que os homes e mulleres da esquerda «nacionalista» fixeron o papel de «afrancesados»– empezou a correr unha lenda máis ou menos urbana. Digo máis ou menos urbana polas posibilidades urbanas que se daban na Galicia naquel afastado 1964: Méndez Ferrín escribira un artigo titulado «García-Sabell cúspelle a Sartre» e enviárao ao Diario de Pontevedra, que non llo publicara. Outra versión, e debe ser a que máis se achega á realidade, deuna Luís Gonçales Blasco «Foz»: o artigo escribiríao Xosé Antón Arxona, durante moitos anos un dos poucos (homes e mulleres) que no noso país coñecía a dialéctica marxista (véxanse os seus traballos en Grial, sen irmos máis lonxe). Este, o de García-Sabell, é o gran texto contra Sartre publicado na devandita revista. Hai outros.

OutroJean-Paul Sartre 1967 dos asaltantes, ou dos asediadores, á filosofía de Jean-Paul Sartre era o psiquiatra X. M. López Nogueira, menos coñecido que García-Sabell mais que, en certa maneira, seguía a súa esteira. López Nogueira era un lanzado, xa que se atreveu con Hegel e todo («Existencia e sociedade», Grial nº 9, xullo-agosto-setembro 1965; «No segundo centenario de X. G. F. Hegel. A dialéctica do ser social», nº 30, outubro-novembro-decembro 1970), coa arte comprometida (nº 1, «El arte comprometido», xullo-agosto-setembro 1963), con Unamuno («Unamuno i a sua imaxe da vida», nº 6, outubro-novembro-decembro 1964, un bo traballo), etc., e , evidentemente, con Sartre: «Crise da razón dialéctica», (nº 11, xaneiro-febreiro-marzo 1966). Este é un traballo, un ensaio, sobre o libro de Sartre Crítica da razón dialéctica. Hai que dicir que o texto de López Nogueira, como o de García-Sabell, contén achados, outra cousa é que nalgún momento se coloque nun Olimpo que non sei se o seu autor (o galego, claro) merecía. Con todo, tanto un como outro, é dicir, tanto o traballo de García-Sabell como o de López Nogueira merecen ser relidos e criticados (no sentido filosófico do termo), sobre todo porque os defensores de Sartre naquel momento no recanto verde do noroeste da península ibérica actuaban (escribían) máis como xornalistas apresurados e presurosos que como filósofos, e dedicábanse, simplemente a descualificar, e así a «dereita filosófica» (mellor sería nomeada filosófica liberal e case socialdemócrata) ganaba por goleada.

Un dato curioso. No número 5 de Grial (xullo-agosto-setembro 1964), Alfonso Álvarez Gándara fai unha crónica duns actos en Madrid realizados por mozos galegos que ben traballaban na capital do Estado ou ben nela estaban a estudar. Un deses mozos, Manuel Pais Antiqueira, que estaba a estudar filosofía, deu unha conferencia titulada Catro ensaístas galegos de hoxe (Piñeiro, García-Sabell, Fernández de la Vega e Rof Carballo). Pais Antiqueira, segundo noticias, fidedignas, un dos discípulos predilectos de José Luis López Aranguren, no número anterior da revista publicara un traballiño sobre outro dos «totems» filosóficos de Grial (e de García-Sabell): Xavier Zubiri –Pais, polo que escribe, maniféstase como un zubiriano case que feroz (2). Nesa conferencia, o meu profesor –porque foi profesor meu, de latín e grego no preuniversitario; foi el quen nun afastado 1969 me falou dun tal Agustín García Calvo–, afirmaba que se a xeración destes catro ensaístas fora influída por Heidegger; o «totem» da nova xeración era outro: Jean-Paul Sartre (tamén é curioso que no número seguinte García-Sabell publicara o seu traballo sobre Sartre: quería arredar a influencia do filósofo francés sobre a nova xeración? Chi lo sa). Mais continuemos con Sartre. Outro dos «filósofos» que escribiron en Grial foi Xosé Manteiga Pedrares, máis ben zubiriano, pero… no número 23 (xaneiro-febreiro-marzo 1969) da revista, Manteiga fai a recensión do libro de García-Sabell Tres síntomas de Europa, publicado pola Revista de Occidente. Neste libro recollíanse, traducidos ao español, tres traballos do doutor compostelán: «James Joyce ou a loita pola comunicación total», «Van Gogh i a dimensión antropolóxica da pintura contemporánea» –ambos aparecidos en Ensaios I, Vigo, Galaxia, 1963– e «Sartre. Notas previas». Nesta recensión, Manteiga afirma que «deixando aparte os dous primeiros ensaios, verdadeiramente esceicionais, vou dicir algo en col do terceiro». Segundo Manteiga, o ensaio é brillante, diagnostica a «agonía (neste caso no senso usual da verba) desta doutrina europea do noso tempo. […] pero, ó meu modo de ver, o autor déixase levar por un certo prexuicio antisartrián. […] A interpretación de García-Sabell […] amosa unha certa cegueira prá captación da dimensión ética do eisistencialismo de Sartre: a opción radical de Sartre pola liberdade, a denuncia de tódalas tiranías, a loita pola liberación de tódolos oprimidos, sexan os obreiros, os negros, os países coloniales ou as mulleres en moitas sociedades; a defensa da subxetividade individual contra tódolos determinismos obxetivistas. A derradeira mostra do que digo é a polémica de Sartre contra o estroituralismo deshumanizante». E continúa Manteiga: «Polo que se refire á aititude de Sartre diante da concesión do premio Nóbel, coido que se trata dunha opción moi seria e nada arbitraria. Sartre refuga o premio Nóbel por diversas razós», unha delas porque considera que é unha institución occidental e compromete ao autor que o acepta, e como cre na confrontación das culturas (continúa Manteiga) laméntase de que non lle fora concedido o Nóbel a Sholokhov ou a Neruda antes de que a Pasternak, etc. E xa cara ao final da súa recensión afirma: «Coido que a súa valoración de Sartre terá de ser revisada porque se inclina demasiado da banda negativa. Eu non son sartrián, nin, polo tanto, eisistencialista e penso que o eisistencialismo, efeitivamente, como doutrina de moda, esmorece, pero no intre de facer balance coido que hai que concederlle máis valores positivos dos que neste ensaio se lle conceden». En fin, que a honra (sic) de Sartre, e mesmo do existencialismo, aínda que o existencialismo non é só Sartre (véxanse os excelentes traballos de Herbert Marcuse: «La lucha contra el liberalismo en la concepción totalitaria del estado», in La sociedad opresiva, Caracas, Tiempo Nuevo, 1970, pp. 89-132.; e «Existencialismo. Comentarios a L’être et le néant de Jean-Paul Sartre», in Ética de la Revolución, Madrid, Taurus Ediciones, pp. 55-94), foi salvada na revista Grial pola….socialdemocracia. digo pola socialdemocracia porque Manteiga Pedrares foi fundador do Partido Galego Socialdemócrata.

Evidentemente, hai outros traballos publicados en Grial que fan referencia, máis ben indirectamente e mesmo por «ausencia», a Sartre, mais non se trata de relacionalos todos, pero sinalemos que no número 25, xullo-agosto-setembro 1969, Cosme Barreiros, é dicir, Francisco Fernández del Riego, un dos co-directores da revista (o outro era Ramón Piñeiro) traduce un texto de Jean-Paul Sartre, «Un análise do teatro burgués» –como non teño este número da revista, non podo dicir de que texto de Sartre se trata, xa que con ese título non aparece ningún no volume que recolle a maioría dos textos de Sartre sobre teatro: Un théâtre de situations, París, Gallimard, 1973. Lembremos, ademais, que o mesmo Fernández del Riego traduciu ao galego A puta respetuosa, obra teatral que foi montada, segundo Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, Dicionário do teatro galego, en 1968 polo Teatro Popular Galego, de Vigo: infelizmente, esta tradución nunca viu lume. Outras obras de Jean-Paul Sartre publicadas en galego son as seguintes: O Paredón (Le mur), publicada por Xerais e traducida por Xosé María Proupín Fernández (o de tradución é un dicir; segundo os citados Lourenzo & Pillado, Proupín tamén traducira a obra teatral Ca porta pechada, tradución que foi lida na Coruña en 1980), A engrenaxe, traducida por Xoán Fuentes Castro e publicada por Laiovento. Esta mesma editorial publicou a primeira obra teatral de Sartre que subiu a un escenario comercial, As Moscas, en versión de Xosé Manuel Beiras, e a novela (sic) autobiográfica, As palabras, en versión, de Dulce Mª Fernández Graña & François Davo (versión, por outra parte, excelente). Finalmente, Edicións Sotelo Blanco publicou, en versión de Francisco Sampedro, O existencialismo é un humanismo. Poden existir máis traducións de textos sartreanos, mais non se trata o presente texto, precisamente, nin dunha tese nin dunha tesiña.

En fin, acabemos coas curiosidades, porque non me vou eu enguedellar agora e aquí co filósofo francés, do que só me interesan, maiormente, As palabras e os seus excelentes textos (infelizmente inacabados) sobre Mallarmé, e algunha cousa máis. Outra cousa é a súa posición ética, a pesar dos graves erros de apreciación que cometeu nun momento ou outro.

NOTAS
(1) Se ben no 2003 se publicou un libro homenaxe a García-Sabell, Medicina e humanismo, compilado por Darío Villanueva e Marcelino Agís Villaverde, foi deses libros que non saen do ámbito dunha elite da elite, e mentres está nos limbos o Xornal (diario) que levou o doutor compostelán durante un tempo e do que deu catro entregas (parciais) na revista Grial nos anos que van de 1966 a 1976. Que o xornal debeu ser continuo, demóstrao, en certa maneira, esta anotación do 25-IX-1966: «Iste Xornal axúdame a coñecerme mellor a min mesmo, o perigo das Memorias é o de vivir con vistas ó que nelas se vai poñer. A mín non me sucede tal cousa. Durante o día apenas si relembro, moi fuxidiamente, o coaderno de notas. En troques, pola noite, ou de mañá –agora estou escribindo no mencer con frío na habitación, e fora o lene murmurio da chuvia– de mañá, digo atopo a solución de certos problemas profesionales, ou acado a esaita perspetitiva das miñas valoracións humáns, no intre de depositalas nistas follas do Xornal. Bo exercicio de autocoñecemento» (Grial nº 19). En verdade, que este diario continúe inédito doce [trece, ou máis, cando isto se «publique», engádega de maio de 2016] anos despois da norte do seu autor, di ben pouco a favor dos nosos hábitos culturais, editoriais e, xa que logo, políticos.
(2) Non XGG Obras non publicadas de Xosé Luís Méndez Ferríncoñecemos máis textos de Pais Antiqueira que este dedicado a Zubiri («Carta de Madrid»), a recensión do libro de George E. Wellwarth, The theater of protest and paradox (Grial nº 6, xullo-agosto-setembro 1964), libro que sería editado en español en 1966, pola Editorial Lumen de Barcelona, e unha recensión do libro de poemas Canta de lonxe o corazón do tempo, de Manuel Casado Nieto (Vigo, Editorial Galaxia, 1969), publicada no número 27 de Grial (xaneiro-febreiro-marzo 1970) e asinada coas iniciais M. P. A. Tamén foi tradutor ao español de diversas novelas de Eric Ambler, que, inicialmente, publicara a Editorial Verón, de Barcelona, e que logo reeditaron tanto a Editorial Bruguera como a Editorial Montesinos e algunha máis. A Editorial Verón fora dirixida nun tempo por Basilio Losada, e nela tiñan que aparecer dous libros, que nunca viron lume, de Xosé Luís Méndez Ferrín. País Antiqueira, que durante moitos anos exercera de docente no ensino privado en Barcelona, acabou sendo catedrático de filosofía nun instituto público da Cidade Condal.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a foto de Jean-Paul Sartre procede da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *