A fotografía humanista de Bruce Davidson. Empatía e sensibilidade

A fotografía humanista de Bruce Davidson. Empatía e sensibilidade

0 comentários 🕔10:15, 20.Jun 2016

O fotógrafo retrata aquilo que se pon diante da súa cámara. Ese aquilo pódese buscar para que a realidade emerxa da película con dureza ou con edulcorante. Bruce Davidson di que a fotografía require preguntas éticas.

Lito Caramés

As primeiras series; primeiras implicacións
A miña nai foi quen me instalou, aos 10 anos, un cuarto escuro no soto da casa, algo moi raro naquela época (1943). O meu irmán era un estudante brillante, pero eu andaba á deriva. Ata que entrei nese cuarto escuro e unha imaxe xurdiu entre as miñas mans. Sentinme vivo por primeira vez. Non acredito como tivese acabado de non ser por ese descubrimento (Bruce Davidson).
Na mostra que agora presenta a Fundación Mapfre en Barcelona, na Casa Garriga Nogués, a terceira desde que decidiron instalar salas de exposicións na cidade Condal, é doado contemplar o longo traballo do fotógrafo Bruce Davidson, e algunhas das súas emblemáticas series. Aquí unha boa selección das súas instantáneas.
Como proxecto de final de carreira no Rochester Institute of Tecnology (RIT), centro universitario especializado en fotografía técnica, escolleu fotografar unha serie sobre o equipo de futbol americano da Yale University. Pero nestas fotografías de 1954 non hai escenas do xogo, carreiras polo campo, bloqueos, ensaios. Davidson optou por instantáneas nos vestiarios e na banqueta, onde se palpa a tensión, os nervios, a atmosfera espesa previa á violencia do xogo. Esta primeira serie mandouna nada menos que á revista Life, daquela a revista máis vendida en EEUU e a fiestra ao mundo, cando aínda a televisión non tiña forza comunicativa, nin era directa competidora da fotografía. E Life publicou a serie en 1955 cun título ben orixinal: A Dangerous Silence (ver páxina 6).
Mentres facía o servizo militar en Arizona (1955) e ía cara a fronteira mexicana, viu un vello (John Wall) que conducía un Ford antigo e preguntoulle se o podía retratar. Durante meses os Wall (Kate e John, parella de 94 e 79 anos) acolleron a Bruce na súa casa os fins de semana. E así naceu a súa primeira serie persoal, The Wall, con fortes contrastes de claroscuro e con esmerada delicadeza para aproximarse a planos íntimos da parella, sempre desde a narración cotiá de quen lle permitía asistir ao espectáculo da súa vida: atraíame o xeito tan tenro de coidarse, illados no medio do impoñente deserto e das abruptas montañas. O tempo que pasei con Kate e John afectoume moito e inspiroume unha maneira de ver, declara Davidson. Ao ano seguinte Bruce foi destinado a un campamento militar preto de París. Alí coñeceu a Madame Margaret Fauché, viúva de León Fauché, pintor impresionista non moi coñecido. E afrontando un tema que lle afectaba emocionalmente, comeza a serie A viúva de Montmartre (ver a páxina 8), na que se deixa imbuír polo ambiente de lembranzas daqueles artistas impresionistas, das pinturas do seu home e dunha muller suspendida no tempo pretérito. A serie publicouna a revista Esquire. Cómpre lembrar que Bruce daquela pouco pasaba dos vinte anos, e xa se aproximaba a temas tan afastados da súa xuventude coa empatía e a sensibilidade que máis adiante o levará por vieiros dispares e afectivos.
Nese ano, 1956, coñeceu alí en París a Cartier-Bresson quen acabou sendo o seu mentor e mais amigo, aínda que as series de Davidson non sigan a máxima do fotógrafo francés: de todos os medios de expresión a fotografía é o único que fixa o instante preciso, decisivo para captar unha imaxe irrepetible. Tampouco a seguía Toni Catany, o pescador de imaxes. Davidson xa tivera un tropezón con Cartier-Bresson uns anos antes: con 18 anos namorouse dunha compañeira de clase; unha tarde que logrou entrar no cuarto dela, xa sentados no seu leito, a rapaza tirou un álbum con fotos de Cartier-Bresson e dixo: este é o meu verdadeiro amor. Ao día seguinte Bruce mercou unha Leica e comezou a imitar ao mestre para impresionar á moza. Infrutuoso esforzo; a rapaza foise co profesor de inglés, e el quedou con Cartier-Bresson.
Grazas a Cartier-Bresson rexeita a oferta de entrar no cadro de persoal da revista Life (case nada), e pasa a pertencer á cooperativa Magnum Photos, que defendía a liberdade de acción dos fotógrafos e os dereitos de autor. Un dos primeiros encargos que lle fixo Magnum foi precisamente que visitase o Clyde Beautty Circus, que estaba actuando preto de Nova York, e era un dos circos máis grandes e importantes de EEUU. Fiel aos seus principios humanistas, non se fixou nas acrobacias, nin na doma de leóns que facía o dono do circo, Clyde Beautty, nin no home bala. Non. Conviviu coa compañía varios meses, e o resultado foi Jimmy Armstrong, Palisades, Nova Jersey (ver páxina 12): as imaxes do pallaso anano fumando, comendo, triste, na liña dos retratos de Diane Arbus. A serie foi publicada por Esquire en 1958.

Bruce Davidson en Barcelona.2016

1. Bruce Davidson en Barcelona, 2016

Davidson.Jimmy Armstrong. the Palisades,New Jersey,1958

2.- Davidson. Jimmy Armstrong. The Palisades, New Jersey, 1958

Definición de estilo de seu. Os anos 60
A nosa nai preparounos para ser autosuficientes e para que coidásemos de nós mesmos. Sorprendentemente non nos metemos en ningunha banda, Pero eu identificábame co illamento daqueles mozos. Estas fotos, por tanto, non son sobre as bandas, senón sobre o feito de ser adolescente. Logo me decatei que eu tamén sentía parte da súa dor. Xunto a eles desatoei os meus propios sentimentos de fracaso, frustración e rabia (Bruce Davidson, 1998, sobre a serie Brooklyn Gang).
Na casa Garriga Nogués, sede agora da Fundación Mapfre en Barcelona, as series fotográficas de máis prestixio de Bruce Davidson están presentes e interrógannos con proximidade e descaro desde o relato de vidas que se deixan atrapar polo obxectivo daquel mozo sincero.
En 1959 Bruce Davidson leu na prensa un artigo sobre unha liorta entre bandas xuvenís de Brooklyn, Nova York. Nas revistas xa tiña saído algunha reportaxe fotográfica sobre esas bandas violentas, reportaxes que se centraban precisamente na violencia. Bruce contactou coa banda dos Jockers, responsables da batalla que saíra na prensa, e pasou uns días con eles no seu espazo. Case tiñan a mesma idade, el 25 e os mozos e mozas uns 17; de familias católicas de orixe polaca e irlandesa. E ganou a súa confianza e comezou a sentir unha certa identificación con eles, cousa á que lle axudou a súa convivencia de 10 meses cos Jockers. E así nace unha das súas series máis recoñecibles e loadas: Brooklyn Gang. Para esta serie usou mormente unha Leica de 35 mm, pequena, áxil, que lle permitía tomar instantáneas discretas, rápidas. Evidentemente, as fotos non reproducen a violencia, e si a vida diaria das e dos membros da banda: o seu espazo, a praia de Coney Island, os automóbiles. Son adolescentes que se senten abandonados, aínda nenos e xa prematuramente transformados en adultos. As fotografías de Davidson non mostran heroísmos, nin fan xuízos de valor, nin edulcoran a realidade como se comezara a facer en West Side Story (1957-1961) ou en Rebelde sen causa (1955). Moitas das imaxes desta serie (Brooklyn Gang) xa forman parte da historia da fotografía e máis da historia da cidade de Nova York. Quizais unha das imaxes que transmite máis forza de toda a exposición que agora presenta a Fundación Mapfre sexa a da Mother Brown (1962), e non por heroica ou por xuvenil, Mother Brown, de 110 anos de idade, ex-escrava, viaxa sentada nun transbordador pola badía de Nova York (ao fondo, entre a néboa, como metáfora, a estatua da Liberdade). Desta serie deveu icónica a fotografía da parella entrelazada no asento posterior dun automóbil, que anos despois Bob Dylan escolleu para a portada do seu álbum Together thought life, 2009. A dureza de todo o conxunto fotográfico de Brooklyn Gang ía máis aló do que a convencional revista Life estaba disposta a publicar. E acabou saíndo en Esquire en 1959. Do seu éxito fala que xa en 1964 a serie se expoña no MOMA e ao ano seguinte en The Art Institute of Chicago, feitos que lle valen importantes recoñecementos. Anos despois Davidson acabou contactando con algún membro dos Jockers; morreran case todos, rapazas e rapaces, ora polas drogas, ora en enfrontamentos e accidentes.
En 1955, na cidade de Montgomery (Alabama), onde era pastor Martin Luther King, Rosa Parks negouse a ceder o seu asento do autobús un home branco. Aquilo foi o detonante da loita polos dereitos civís da poboación afroamericana, con boicots aos autobuses e coa creación dos Freedom Riders (Pasaxeiros pola Liberdade): viaxes en autocar de xoves activistas multirraciais a vilas do Sur. Eses autobuses foron atacados e os seus ocupantes golpeados. O xornal New York Times pediulle a Magnum un fotógrafo para que cubrise as viaxes dos Freedom Riders. Ante o perigo, Magnum consultou cos fotógrafos, e Davidson presentouse voluntario. Durante 5 anos estivo seguindo a loita dos afroamericanos polos seus dereitos civís: viaxar no autobús dos Freedom Riders sensibilizoume (…). Decidín seguir o camiño cara a liberdade e a xustiza coñecido como Movemento polos Dereitos Civís, escribiu logo Davidson. Foi golpeado, detido, ameazado pola policía por facer fotos de persoas asasinadas; tivo que fuxir correndo de concentracións do Ku Klux Klan. Aqueles anos foron para EEUU un período histórico convulso que Davidson viviu en primeira persoa, cun claro compromiso persoal e que retratou nunha obra de gran valor histórico. Estivo na marcha de Selma (percorreu os 87 km), fotografou o mitin de Martin Luther King en Washington, cando pronunciou I Have a Dream. Como xa é previsible, as fotos céntranse na vida cotiá daquelas familias negras do Sur que nada tiñan, nas represións, na valentía de xente anónima. Traballou de 1961 a 1965 na serie que se acabará chamando Time of Change (na foto que se inclúe nesta reseña, o policía da dereita semella irmán de Elvis Presley). As fotos foron saíndo nos xornais, pero a serie completa foi publicada en 2002.
O prestixio de Davidson vai medrando. En 1966 fai a súa primeira exposición individual no MOMA. Nese mesmo ano, Cornell Capa, irmán do famoso fotorreporteiro Robert Capa, acuña o termo Concerned Photographers, aquelas persoas que no seu traballo fotográfico escoran polo documental social e non só rexistran o mundo no que viven, senón que aspiran a melloralo coas súas creacións. Davidson está entre eles. Cornell Capa funda, en 1974, o International Center of Photography (ICP), a primeira institución de Nova York dedicada a expor e coleccionar fotografía, e en 1979 o ICP presenta a primeira retrospectiva de Bruce Davidson.

Davidson.Brooklyn,,1959

3.- Davidson. Brooklyn. 1959

Davidson.Birmingham, Alabama,1963

4.- Davidson. Birmingham, Alabama, 1963

As xentes de Nova York, cara a cara
Fun a 100 Est Street (Harlem) cunha cámara de gran formato, montada sobre un trípode. Quería a profundidade e o detalle que me ofrecía e quería atoparme coa xente cara a cara. Quería que as fotografías saísen sen sorpresas, sen intromisións.
Que fas? Preguntoume unha muller; fago fotos dunha comunidade nun gueto, respondinlle. Mozo, o que ti chamas gueto eu chámoo casa. Aquilo marcoume (B. Davidson, 1999).
Davidson fixo viaxes por Inglaterra, Escocia, Sicilia, que tamén deron froito a outras series. En España asistiu á filmación da película Lost Command, 1966, protagonizada por Anthony Quinn e Alain Delon, e fixo toda unha reportaxe sobre o barrio da Chanca, da cidade de Almería (1965), onde os nenos se deitan no chan facendo os mortos, como vían facer na rodaxe do filme.
No ano 1966 Bruce Davidson decide volver sentir o contacto da xente. E vaise a unha zona de Nova York onde a policía non entraba, a 100 Est Street, coñecida como Spanish Harlem ou tamén O Barrio. Vai coa mesma dedicación que concedera a Brooklyn Gang ou Time of Change, pero agora con máis responsabilidade, con intencións reformistas. Cómpre salientar que as fotos de Davidson sobre 100 Est Street foron usadas polos veciños nas súas reclamacións ao Concello, unha e outra vez, e tiveron unha difusión internacional: a revista suiza Du dedicoulle un número monográfico (1969), así como a exposición que das instantáneas da serie programou o MOMA en 1969 (en España, La Gaceta Ilustrada -1968- tamén publicou algunhas das fotos). Susan Sontag comentou que o traballo de Davidson en Harlem era moi instrutivo para todos aqueles que ignoraban que o pauperismo urbano en EEUU fose aínda tan dickensiano. Davidson chega a un barrio onde a poboación negra e latina era invisible para o resto da cidade e do mundo. As súas fotografías, coma sempre, non son moralizantes, e nelas hai beleza, sinceridade e moita humanidade. Durante anos foi cada día a 100 Est Street e pouco a pouco foi ganando a confianza dos moradores. Un dos seus éxitos era que cada día chegaba con copias das fotos que fixera o día anterior, e a xente podía ver que era o que facía, que non lles mentía. O resultado é unha mestura de foto espontánea e de retrato de pose. A complicidade chega a tanto que algunhas das instantáneas da serie presentan a mulleres nos seus leitos totalmente espidas.
Nada máis rematar a serie 100 Est Street expúxose no MOMA, en 1969. As súas imaxes abriron as portas a unha realidade oculta, invisible, e axudaron a que as autoridades aprobasen plans específicos para ese barrio. 100 Est Street tamén acabou sendo un documental que Davidson gravou cunha cámara de 16 mm, e as súas imaxes as protagonistas do primeiro libro publicado por Bruce.
A continuación, Davidson segue buscando realidades dentro da propia cidade de Nova York. Fará unha serie sobre a Cafetería Garden (1973-76) que era onde se atopaba co narrador Isaac Bashevis Singer e moitos xudeus de orixe polaca que viviran o inferno dos campos de exterminio. As instantáneas presentan mulleres e homes de idade e con toda a tristeza na face e nos seus corpos. En 1980 comeza outra serie que lle provocou problemas: New York Subway. O metro de Nova York convertérase naqueles anos nun lugar degradado, vagóns vellos, cheos de grafittis e onde as drogas e a violencia eran pasaxeiras habituais. Para entrar naquela atmosfera, Bruce seguiu un programa militar de exercicios físicos e defensa persoal, levaba sempre un chifro e unha navalla para defenderse dos atracos. Aínda así roubárono. As fotografías reproducen perfectamente o ambiente claustrófobo e cargado dos vagóns; tanto é o realismo que vendo as imaxes séntense rinchar as rodas contra os raís.
Bruce Davidson ten 82 anos e segue a traballar. Na presentación explicou que agora está metido nunha serie sobre os Dioramas do American Museum of Natural History, de Nova York. Quere traballar ante eses Dioramas (dos anos 30) que reproducen etapas pretéritas da humanidade e ecosistemas intactos sen que o saiban os do museo. Comentou que os primeiros días foi cunha máquina dixital, pero non lle agradou o resultado, e agora leva unha analóxica. Con ela ten problemas porque é máis grande e mete barullo ao disparar… Sería ben interesante coñecer o resultado desta nova serie de Davidson e contrastala coa serie que xa fixo o esteta Sugimoto (que tamén estivo non hai moito na Fundación Mapfre). De certo, nas instantáneas de Davidson sentirase máis a vida, aparecerá a xente comentando os Dioramas.

Davidson.London.1960

5.- Davidson. London, 1960

Davidson.Wales,1965

6.- Davidson. Wales. 1963

Bruce Davidson na Fundación Mapfre, Barcelona
A Fundación Mapfre ten o acerto de ofrecer á poboación da cidade Condal e mais aos visitantes a mostra Bruce Davidson. Así, sen adxectivos nin apelativos que intermedien; coa naturalidade e a franqueza que lle agrada ao fotógrafo. A exposición contén unhas 200 fotografías, agrupadas cronoloxicamente e dentro de 12 series, as máis coñecidas. Esas 12 series condensan 60 anos de traballo de Bruce Davidson, o retratista que entrou a formar parte da axencia Magnum Photos con 24 anos. É a primeira retrospectiva monográfica que se fai en España de Davidson, e a máis completa que ata agora se fixo del en todo o mundo. E esta rica e emotiva exhibición está producida pola propia Fundación Mapfre.
Trátase, por tanto, dunha ocasión excelente de observar o traballo deste Concerned Photographer, tan comprometido socialmente. E paga a pena comprobar que as súas creacións, por riba dese compromiso ético, non valoran, non xulgan, non clasifican de xeito maniqueo. Son fotografías nacidas en series, onde o valor dunha instantánea vai condicionada pola totalidade, polo relato ofrecido ao longo do tempo e dos aspectos da realidade buscada, sexa dun barrio neoiorquino, sexa das loitas da poboación afroamericana, sexa de familias coas que conviviu meses. Non valora, pero é próximo ás persoas retratadas, levado pola implicación co tema que decidiu representar. E logra facelo con naturalidade, como persoas que o buscan para posar ante o seu obxectivo. A verdade é que esa naturalidade nace da insistencia, de visitar lugares e persoas reiteradamente ata ganar a confianza precisa para que lle mostren a súa casa pobre, a súa anatomía castigada. A mostra Bruce Davidson estará en Barcelona ata o 28 de agosto, a partir de setembro instalarase na sede da Fundación Mapfre en Madrid. E despois seguirá a súa itinerancia internacional no Nederlands Fotomuseum de Rotterdam e no CAMERA Centro Italiano per la Fotografía de Torino.
Falando da fotografía como inimiga da pintura, Hiroshi Sugimoto fixo esta afirmación: Coa invención da fotografía a pintura tivo que cambiar. Esperábase do pintor que copiase a natureza e a realidade, pero ese papel asumiuno o fotógrafo. Por tanto o pintor tivo que procurar facer algo que para a fotografía fose imposible. A fotografía cambiou o rumbo da arte. Cousa certa. E a fotografía, ten inimigos? Seica si. Na presentación da retrospectiva hai uns días en Barcelona Bruce Davidson mantivo que a inimiga da fotografía é a televisión.

Lito Caramés

Davidson.East 100th Street, Harlem,1966

7.- Davidson. East 100th Street, Harlem, 1966

Davidson.Central Park, N.Y.,1992

8.- Davidson. Central Park. 1992

EXPOSICIÓN: Bruce Davidson
Fundación Mapfre Barcelona
ata o 28 de agosto de 2016

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *