Homenaxe a Jean-Paul Sartre (II)

Homenaxe a Jean-Paul Sartre (II)

0 comentários 🕔11:00, 23.Jun 2016

Este traballo só ten un dedicando, Luís Gonçales Blasco
«Foz»

Nos meus arquivos estaban estas traducións que quería publicar o pasado 2015 como homenaxe a Jean–Paul Sartre, aproveitando que se cumprían tanto 25 anos do seu pasamento como os 110 de que nacera. É dicir, facer un pouco de «literatura mortuoria», en certa maneira. O arquivo perdeuse polo disco duro e só foi hai uns meses (en maio pasado) que un ex-compañeiro de traballo, experto nestas cousas da tecnoloxía, recuperou diversos arquivos perdidos no disco duro do meu ordenador. O «texto» fica tal como fora escrito hai xa máis dun ano, e como non se produciron «novidades» no asunto, que eu saiba, como tal o publicamos.

II

Non quería esta homenaxe un pouco sui generis falar polo miúdo da «presenza» de Jean-Paul Sartre na literatura, no teatro e no pensamento galegos, o que quere ser, e vai ser, é outra cousa: unha transcrición, coa debida tradución ao galego, da recepción pola crítica parisiense da posta en escena (mise en scène, que debería traducirse como escenificación ou, máis galego e achegado ao portugués, encenación ou encenazom ou encenaçom, mais o galicismo implantouse e que lle imos facer, e, ademais, os ILG’s boys/girls non aceptan escenificación, espilidos que son) d’As Moscas, en 1943, no Théâtre de la Cité. Obra montada polo director de tal teatro, Charles Dullin. Ademais das recensións da montaxe teatral, tamén se traducirán uns textos que se publicaron cando a publicación da obra en libro, así como unha entrevista con Sartre realizada por Bernard Dort e que, segundo todos os indicios, é a derradeira entrevista que sobre teatro concedeu o autor de Nekrassov, e, para rematarmos, uns textos do propio Sartre sobre As Moscas.

Como este «traballo» tampouco quere ser unha investigación sobre Sartre e o seu entorno, non imos aquí e agora a dar noticia de como e por que se representou a obra sartreana no Théâtre de la Cité, mais como din os franceses, «cherchez la femme», ou «les femmes»: todas aparecen no penoso Diario 1930-1941, de Simone de Beauvoir, e foi precisamente a utilización dunha destas mulleres por parte da parella Jean-Paul/Simone que este diario causou un certo rebumbio escandaloso, cando o único escándalo é que é un «peñazo absoluto». Ademais, toda esta historia, a da representación d’As Moscas está moi ben e parcialmente explicada por Ingrid Galster en Le théâtre de Jean-Paul Sartre davant ses premiers critiques. A Sra. Galster, coa axuda do ex-amigo de Sartre, Raymond Aron, xa que o seu artigo se publicou na revista fundada e dirixida por este, Commentaire, foi a que lanzou a calumnia de que unha vez regresado do stalage en que o internaran os alemáns, Sartre ocupara o cargo de profesor titular de filosofía no Liceo Condorcet, cargo que anteriormente ocupara o xudeu Henry Dreyfus-Le Foyer e do que foi revogado o 20 de decembro de 1940; momento en que o filósofo existencialista estaba prisioneiro en Alemaña. O posto de Dreyfus, ocupado provisionalmente polo profesor interino, Ferdinand Alquié (amigo dos surrealistas, autor dunha boa e discutíbel obra titulada Filosofía do surrealismo e responsábel indirecto da ruptura entre comunistas e surrealistas), até que un xa retornado Sartre, mediante decreto ministerial de outubro de 1941, sucede a Alquié. Ora, no seu día, a mentira da señora Galster, máis ben media verdade, alemá de nación, repetiuse até a saciedade en todos os grandes medios franceses e europeos, e como dicía Goebbels, unha mentira repetida suficientes veces, convértese en verdade. Por outra parte, cando apareceu o decreto ministerial que outorgaba a Sartre a posto de titular de filosofía no Liceo Condorcet, a Sra. Galster continuou coas súas, na revista en que lanzara por primeira vez a súa mentira, ou se se prefire, media verdade non «contrastada», e aínda hoxe continúa dálle-que-dálle.

Mais esquezamos todas estas miserias intelectuais, porque a honra de Sartre ou a salva el ou non a salva ninguén, e nós, eu, non son, precisamente, como levo dito ao longo destas xa aburridas liñas, un paladín sartreano. Vaiamos, xa que logo, con algunhas das recensións que se publicaron aquel 1943 cando a estrea da obra teatral de Jean-Paul Sartre. Mais antes de entrarmos de cheo no tema, velaí unha entrevista que Sartre concedía ao semanario Comoedia, semanario colaboracionista, como toda a prensa francesa legal daqueles anos. Comoedia fora un gran semanario literario e artístico desde a súa fundación, e nos anos da ocupación colaborou nel o «mellorciño» da intelectualidade francesa, colaboracionista ou non, e é que, como afirmaba Michel Leiris –quen se negou a publicar durante a ocupación– os escritores perden o norte por ver a súa sinatura nun papel impreso, sen pensaren en máis nada.

Digamos, como curiosidade, que quen lle fai a entrevista, de nome palindrómico ou capicuesco, non era un pseudónimo, senón un coñecido crítico e autor teatral.

O QUE NOS DI JEAN-PAUL SARTRE DA SÚA PRIMEIRA OBRA

Charles Dullin daranos proximamente, no Théâtre de la Cité, a primeira obra de Jean-Paul Sartre, que terá como título As Moscas.
Jean-Paul Sartre entregounos xa cun ano de intervalo dúas novelas: A Náusea e O Muro. É, ademais, profesor de filosofía de bacharel superior no liceo Condorcet. Védeo aí, xa que logo, chegado ao teatro. Mais non se trata dunha evolución. Atraído por todos os medios de expansión (sic), recorre agora ao da arte dramática. Mais tamén puido empezar como dramaturgo. Só o azar e a inspiración decidiron.
Non cometemos ningunha indiscreción ao revelar que Jean-Paul Sartre retomou pola súa conta un dos grandes mitos antigos, e que é mediante personaxes que teñen un lugar definitivo na lenda do teatro desenvolveu os temas novos que nos quere facer oír.
– Quixen, di, tratar da traxedia da liberdade en oposición coa traxedia da fatalidade. Noutras palabras, o tema da miña obra podería resumirse da seguinte maneira: «Como se comporta un home fronte a un acto que cometeu, do que asume todas as consecuencias e responsabilidades, mesmo se, por outra parte, este acto o horroriza?»
«É evidente que o problema formulado así non se pode acomodar ao principio da liberdade interior na que algúns filósofos, e non menores, como Bergson, quixeron achar a orixe de toda liberación con respecto ao destino. Semellante liberdade fica sempre teórica e espiritual. Non resiste os feitos. Eu quixen tomar o caso dun home libre, mais que se libera ao prezo dun acto excepcional, por monstruoso que sexa, porque unicamente el lle pode achegar esta definitiva liberdade con respecto a si mesmo.»
«A risco de situar a traxedia clásica da que tomei a armazón e conservei os personaxes, direi que o meu heroe comete o crime aparentemente máis inhumano. O xesto é o dun xusticeiro porque é para vingar o rei, seu pai, asasinado por un usurpador, que á súa vez el mata. Mais estende o castigo a súa propia nai, a raíña, que sacrifica igualmente porque foi a cómplice do crime inicial.»
«Mediante este xesto, que non se pode illar das súas reaccións, restabelece a harmonía dun ritmo que supera en alcance a noción do ben e do mal. Mais o seu acto ficará estéril se non é total e definitivo, se debe, por exemplo, entrañar a aceptación de remorsos, sentimento que non é máis que unha volta atrás, xa que equivale a un encadeamento co pasado.»
«Libre en consciencia, o home que se alzou até este punto por riba de si mesmo só se fará libre en situación se restabelece a liberdade para os outros, se o seu acto ten como consecuencia a desaparición dun estado de cousas existente e o restabelecemento do que debería ser.»
E Jean-Paul Sartre conclúe:
– O atallo do teatro esixía unha situación dramática dunha intensidade particular. Se imaxinase o meu heroe, o horror que inspirase condenaríao sen remisión a ser descoñecido. É polo que recorrín a un personaxe que, teatralmente, estaba xa situado. Non tiña elección.

YVON NOVY
Comoedia, 12 de abril de 1943

***

O mesmo día da estrea, o seu montador e director do local en que se representaba a obra, o Théâtre da Cité, antes Sarah-Bernhardt, mais como esta era xudía e había que «arianizar» Francia, o seu nome desapareceu da fachada, Charles Dullin publica unha «ante-estrea» no xornal Le Gerbe. Le Gerbe fora fundado e dirixido, despois da caída de Francia fronte a Alemaña, polo escritor pro-nazi e colaboracionista Alphonse de Châteaubriant, estaba financiado pola embaixada alemá en París. Segundo Sartre, véxase a entrevista con Bernard Dort que se entrega ao final de todos estes documentos, Dullin non era un colaboracionista. O certo é que Dullin desde 1940 mantiña unha colaboración no devandito xornal. Nun dos seus artigos, Dullin escribía cousas como a seguinte: hai que acabar con “la mainmise de la conception juive et étrangère sur les planches et le cinéma” (dominio da concepción xudía e estranxeira no teatro e no cine; ver: Chantal-Meyer-Plantureux, Bruxelas, Ed. Complexe, 2005, p. 60 e ss.). Talvez non era «colaboracionista», mais moito se parecía a estes. O certo é que a depuración en Francia, como en Italia ou Alemaña, de elementos fascistas foi máis ben penosa. Talvez máis en Italia que en Francia, sobre todo debido á xenerosa amnistía ditada en 1945 por… Palmiro Togliatti.

En fin, velaí o texto de Charles Dullin:

ESTA NOITE «AS MOSCAS», por CHARLES DULLIN

Non se pode xulgar un espectáculo antes da última proba que sofre ao contacto co público. Nese momento suscita correntes de simpatía e de hostilidade que achegan unha parte viva neste xogo que é unha representación teatral.
A obra de J.-Paul Sartre non ofrece moitos problemas escénicos a resolver. O tema é simple, a acción rápida e directa.
A obra cambiou varias veces de aspecto, mais a súa forma moderna impón ao actor un xogo matizado en que o tráxico se enmascara a miúdo baixo a ironía. Numerosos papeis constituídos arredor dos principais personaxes, un coro en que a música, a plástica teñen unha parte importante. O coro está constituído por elementos da nosa Escola, adestrados nestas esixencias e encadrados por actores que souberon comprender este traballo e se pregaron de bo grado ao adestramento particular que necesita o emprego da máscara, recitativos e movementos de conxunto.
Achei no Sr. Henri-Georges Adam un decorador que percibiu moi ben o sentido da obra.
O Sr. Jacques Besse compuxo unha partitura musical de teatro, é dicir, máis preto do comentario musical que da música pura. Estes esforzos conxugados son honestos, sen outra pretensión que servir ao teatro. É todo o que podo dicir.

Le Gerbe, 3 de xuño de 1943.

E aos poucos días da estrea empezaron as recensións. Non comentaremos nada, o lector pode xulgar por si propio do que opinaba a prensa (toda colaboracionista) sobre a peza de Jean-Paul Sartre e sobre a súa posta en escena.

LE THÉÂTRE

THÉÂTRE DE LA CITÉ: As Moscas, obra en tres actos e catro cadros do Sr. Jean-Paul Sartre.

Aínda Jean-Paul Sartre 1967unha Electra máis! Cando cheguemos a cen… Mais esta ofrece unha particularidade. Aínda que a última nacida e a última chegada, dános a impresión de que é a máis vella de todas, a máis anticuada. Isto débese á obra, sen dúbida, que busca a súa orixinalidade sen encontrala, entre catro ou cinco imitacións, mais sobre todo ao espectáculo que nos restitúe, nunha zarangallada cubista e dadaísta, unha vangarda desde hai moito tempo situada na retagarda. A súa tecnoloxía, que remonta ao descubrimento da arte negra e ás exposicións de debuxos de loucos que nos anos de posguerra, baixo a lei de ociosos diletantes do analfabetismo, rexistraron a moda efémera, hoxe é máis caduca e decrépita que as trapalladas modern-style de 1900. O que fai que a traxedia do Sr. Sartre, na formulación revolucionaria de hai vinte anos do director, está miles de leguas máis afastada de nós que Esquilo, Sófocles e Eurípides.
Coñécese o tema d’As moscas: Oreste regresa a Argos onde Existo, despois de asasinar a Agamenón, se apoderou do seu trono e de Clitemnestra, a súa muller. Electra, a filla de Agamenón e de Clitemnestra, foi rebaixada por Existo ás máis viles tarefas, mais o desexo de vinganza rilla o seu peito furioso. Cando aparece Oreste baixo nome falso, a cidade está devastada polas moscas. Estes horríbeis insectos, nacidos dos corpos a apodrecer dos mortos, representan as súas almas e o berro sen fin que exhalan. O autor, é o seu achado, identifica nelas as terríbeis Erinias. Elas asubían preto dos vivos o incesante encantamento dos seus remorsos. Existo ordena unha cerimonia propiciatoria durante a cal Oreste será recoñecido pola súa irmá. Electra intentara insuflarlle o seu odio polos asasinos de seu pai. Mais Oreste non é un verdadeiro xusticeiro: non odia. Matará a Existo e logo a Clitemnestra simplemente porque Xúpiter llo ordena. Despois disto, refúxiase no templo de Apolo, onde as moscas Erinias o perseguen. Mais é insensíbel á súa voz. Ao non odiar, non ten remorsos. Semellante a Hans, o frautista que liberou a súa cidade das ratas que a infestaban precipitándose con elas no mar, abandonará Argos arrastrando con el as zoantes furias.
Non se pode dicir que As Moscas do Sr. Jean-Paul Sartre sexan moscas de mel ático, aínda que as naturalizase gregas e a súa obra, pesada e longa, se desenvolva nun estilo deliberadamente literario no que se achan máis Atreo que atractivos [plus d’Attrée que d’attraits]. Requíreo a elección das súas heroínas? Deita un cheiro a esterco abondo penoso, e nós escoitámola nun silencio opresivo no que non se oía soamente voar as moscas.
A interpretación, como a posta en escena, envellécenos vinte anos, aínda que fose sobre todo confiada a xente nova. Sinalemos no entanto o talento da Srta. Délia-Col (Clitemnestra), do Sr. Henri Norbert (Existo) e do Sr. Joffre (o pedagogo). O Sr. Charles Dullin reservárase o papel de Xúpiter. Este amo do Olimpo, tal como o encarna, dá a impresión de que tivo a estraña idea, para descender canda os humanos, de se vestir co aspecto de Esopo disfrazado de mago futurista.

Alain Laubreaux
Le Petit Parisiene, 5 de xuño de 1943.

Alain Laubreaux, que proviña do radical-socialismo, pasárase ao fascismo e era un dos máis activos intelectuais colaboracionistas. En 1945, condenado a morte, fuxiu de Francia e refuxiouse en…. España, onde morreu en 1968.

***

O QUE VIMOS ESTA SEMANA
Théâtre de la Cité. – Se non experimentei ningún pracer ao asistir á representación no teatro de la Cité da peza que acaba de montarse: As Moscas, non é porque ache a obra do Sr. Sartre sen interese, e penso que sen dúbida que sentirei, ao contrario, pracer ao ler o manuscrito, mais a posta en escena así como os decorados e o vestiario non me semellaron particularmente felices.
Hai no entanto unha fermosa idea nesta peza que se relaciona coa traxedia antiga e esta transformación en moscas vingadores das Erinias, que se encarnizan cos desgraciados descendentes da Atria e perseguen a Oreste e Electra, despois do dobre asasinato de Clitemnestra e Existo é dunha feliz inspiración, mais neste ambiente de simbolismo mesturado á arte negra un fica un pouco desconcertado.
Do numeroso elenco da peza do Sr. Jean-Paul Sartre salientan os Srs. J.-F. Joffre (o pedagogo) e Jean Lanier (Oreste), as Sras. Délia-Col (Clitemnestra) e Olga Dominique (Electra), como na posta en escena salienta o coro de moscas cando se dispoñen a perseguiren a Oreste e Electra cando estes se refuxian no tempo de Apolo.

L(ouis) B(lanquie)
Le Matin, mércores, 16 de xuño de 1943.

***

No Théâtre de la Cité
«AS MOSCAS»

Quen falará dos estragos de Jean Giraudoux na arte dramática contemporánea! El, ao ter moito talento e case demasiadas ideas, pode permitirse todo. As súas obras conservan sempre o aspecto altivo. Mais os seus discípulos! Mais os que lle reviraron a cabeza! Os sub-Giraudoux que, co pretexto de estaren influídos por un mestre inimitábel, descoidan todas as calidades necesarias á escena –a acción, a credibilidade, a emoción– para non achegaren máis que un estilo complicado e imaxes traídas polos pelos, estes realizan un gran dano ao desenvolvemento da arte dramática contemporánea e mesmo corren o perigo de afastar do teatro un público que se contentará co cine.
A nova obra de «la Cité» é un exemplo típico do mal giraldesco que padecemos. O Sr. Jean-Paul Sartre, que é o autor e que xa publicou unha novela notábel, escribe ben, mais nunha lingua científica e filosófica. Por outra parte, semella querer esquecer deliberadamente que no teatro é necesario que nos apaixonemos polos personaxes e polo que fan.
El, máis unha vez, tratou o tema de Oreste e de Electra. Decididamente, esta familia dos Átridas abusa un pouco! Só se fala dela, hoxe como na antigüidade! Sófocles, Eurípides, Racine, Goethe, Hauptmann, Giraudoux xa nos falaron abondo da morte de Agamenón, do sacrificio de Ifixenia, das inquietudes de Electra, e dos remorsos de Oreste. Se queren que nos interesemos aínda pos eles, cando menos que acheguen o mesmo xenio porque –aviso a viandantes – estamos saturados!
Por outra banda, xa coñecemos As avespas. Velaí que nos entregan As Moscas. Decaemos. Mais mentres Aristófanes tiraba do seu coro de insectos un partido cómico, o Sr. Sartre agacha baixo as súas máscaras zoantes nin máis nin menos que as Erinias. Aínda que, se temos que tomalas a serio, preferimos as de Leconte de Lisle. Porque, a dicir verdade, no Sr. Sartre, falta a gran música das óperas de Gluck ou os fermosos versos de traxedia.
Pola miña parte, estimo moito a Charles Dullin. Aprecio desde hai moito tempo o seu magnífico esforzo. Aplaudía aínda recentemente as fermosas realizacións que nos ofrecía con Ricardo III e Mamouret. Esta vez pregúntome que lle puido agradar tanto no manuscrito do Sr. Sartre, así como no decorado absurdo e «curiosoide» en que nola presenta. (Non falemos das máscaras de marcianos con que se visten os personaxes!) Temo que o público de pago fuxa en desbandada por este conxunto. Este espectáculo paréceme o erro dun home de gusto e proba que os mellores xuíces poden ás veces equivocarse.

Edmond Sée
L’Oeuvre, 7 de xuño de 1943.

***

Le Théâtre
André Castelot

As Moscas, no Théâtre de la cité

O teatro de la Cité está situado na mesma praza que o teatro do Châtelet. E non é raro, dinme, ver habituais «da casa de enfronte» equivocarse de estabelecemento e penetrar por erro no do Sr. Charles Dullin. Volven saír inmediatamente, incluíndo o seu desprezo! Esta vez, penso que o espectador retardado que chegase ao final do primeiro acto d’As Moscas, durante a cerimonia do culto aos mortos en Argos, estaría seguro de se achar no seu teatro favorito, e sentaríase tranquilamente na súa butaca, pensando asistir a algunha escena de bruxaría en Malicoco, rei negro. Como moito, suspiraría, se por casualidade levase con el ao seu pequeno fillo:
–É molesto, isto produciralle pesadelos ao pequeno!
Como definir As Moscas do Sr. Jean-Paul Sartre? Escribiremos que é a Electra de Jean Giraudoux representada por un dadaísta ou un surrealista tardío… por non dicir algo máis neurótico!
Lembremos o tema de Electra: Oreste volve a Argos e, despois de ser recoñecido pola súa irmá, mata a súa nai Clitemnestra e o seu amante Existo, asasinos de Agamenón. Todo alí era beleza, harmonía. Aquí, pola vontade do Sr. J.-P. Sartre e do Sr. Charles Dullin, todo é fealdade e horríbel confusión. Electra é metamorfoseada en marrá. Baleira os lixos do palacio. O querido mendigo de Giraudoux converteuse nun Zeus de mercado. Ten as características do morcego e do mago de feira do Trono! Para achaiar as dificultades pronuncia de cando en vez palabras máxicas que acaban en «tsé-tsé» –a causa das moscas, sen dúbida! Os gardas de Existo teñen xigantescas cabezas de fetos. Argos é a cidade da putrefacción. A cidade está infestada polo remorso… estes remorsos son trillóns de moscas a xiraren e contaminaren as casas malditas. A fin de nos mergullar aínda máis no abxecto, Existo someteu os seus súbditos a ritos estranxeiros: os cultos do remorso e da morte.
Déixanos vivir, aínda que ti esteas morto!, ouvean os habitantes ao se menearen pesadamente enriba das tumbas. É un carnaval plutonesco montado ao Gran Guiñol! A náusea vénnos ao corazón!
Oreste chega a este osario. É un home tranquilo que quere simplemente volver vivir unha vida apracíbel de familia. Vai ser servido! Para el, Argos é o claro e asollado pequeno Liré de Joachim du Bellay! Compréndese a súa decepción! Electra, no entanto tan fina mosca, se me atrevo a expresarme así, rexeita recoñecelo até o instante en que este irmán, doce e tímido como unha rapaza –picado por Deus sabe que mosca! – mata a Clitemnestra e Existo, mentres que a súa irmá, a facer, como se debe, a mosca cocheira, anímao coa voz e o xesto!
Durante este tempo, nos bastidores, retumba sen descanso o xordo zoar das moscas… e sáese do teatro de la Cité cunha furiosa necesidade de beber un vaso de Fly-Tox!
Diaño de moscas!, como exclama con algunha familiaridade un dos gardas de Existo!
No entanto, existe aquí unha idea interesante: as malvadas Erinias, furias do remorso –grosas moscas de carne– por moito que viren arredor de Oreste… non o tocarán, porque rexeita arrepentirse. Sabe que é libre. Asume libremente o seu crime. As Erinias non terán ningún poder sobre el! Abandonara a cidade, arrastrando todas as moscas no seu rego, como Hans, o frautista do conto, debía levar detrás de si as ratas que infestaban a súa vila.
Existen, con efecto, de cando en vez, instantes ásperos e salvaxes que me pareceron bastante sedutores: cando Electra cuspe o seu noxo á cara da súa nai, por exemplo. Amo tamén as escenas entre o irmán e a irmá; infelizmente, algúns minutos máis tarde todo se afunde de novo nos pensamentos que son o propio caos.
O noso amigo H.-R. Lenomard evocaba a semana última, co talento que lle coñecemos, a época do dadaísmo de Tristan Dzara (sic): esta arte de alienados que, felizmente, naufragou no vaso do que nunca debeu saír! A posta en escena, os decorados e o vestiario d’As Moscas incríbense dentro do defunto e achacoso surrealismo. Que zarangallada demodé toda esta dipteroloxía!
Hai que recoñecelo, o Sr. Charles Dullin equivocouse. Escribo esta confesión con infinita tristeza porque os nosos lectores saben a fonda admiración que temos a este gran servidor da arte dramática que é Charles Dullin. Dubido bastante que o público poida apreciar esta velada escapada dalgún horríbel pesadelo. Non se atraen as moscas –quero dicir os espectadores – con vinagre!
Non obstante déusenos unha alegría na persoa da Srta. Olga Dominique, que interpretaba o papel de Electra. Aínda que inexperta, todo o que interpreta desborda verdadeiras calidades! Esta actriz moza posúe grandes condicións que raramente se encontran. Felicitamos tamén a Délia-Col, Charles Dullin, Jean Lanier, J.-F. Joffre e Henri Norbert.

André Castelot
La Gerbe, 17 de xuño de 1943.

André Castelot, despois da liberación dedicouse a facer libros de historia (mais ben sub-historia) e varios deles están traducidos ao español: non se recomenda a súa visita: é ese tipo de historia na que só contan os grandes reis e os grandes feitos. Digamos, como curiosidade, que a secretaria xeral da dirección do xornal no que Castelot argallaba as súas críticas teatrais era a amante do seu director, Alphonse de Chateaubriant, e nai deste Castelot; sempre vén ben un pouco de «cotilleo», sobre todo no mundo do teatro.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a foto de Jean-Paul Sartre procede da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *