Entrevista ao autor de teatro galego Santiago Cortegoso

Entrevista ao autor de teatro galego Santiago Cortegoso

0 comentários 🕔11:45, 27.Jun 2016

- Palavra Comum: Que é para ti o teatro?

- Santiago Cortegoso: Moitas cousas ao mesmo tempo: un oficio, unha forma de vida, unha vía de expresión, unha arte moi complexa que supón un reto diario, un sector da cultura en permanente crise que cómpre defender, un motivo para tirar para adiante cada día…

- Palavra Comum: Como entendes (e levas adiante, no teu caso) o processo de criação literária -e dramatúrgica-?

- Santiago Cortegoso: Cada vez máis, vexo a miña evolución dentro do teatro como unha carreira de fondo, ao longo de moitos anos, na cal unha etapa non se pode entender sen ter en conta todas as anteriores. Neste momento estou moi centrado na creación dramatúrxica e, sobre todo, na produción de espectáculos, que é algo que se menciona pouco pero é ao que lle dedico máis tempo (xestionar unha compañía dá moito traballo), pero noutros momentos teño traballado moito máis como actor.

En canto á dramaturxia, sigo dous modelos de creación básicos. Por unha banda, a escrita de textos teatrais desde a soidade do estudio, nos cales a dimensión literaria é a que prima. Se logo se van poñer en escena (dirixidos por min ou por outro), é unha cuestión que non teño demasiado en conta á hora de escribir. Por outra banda, teño xerado espectáculos a partir de procesos de creación colectiva nos cales a escrita é unha parte máis, e non necesariamente a máis importante, ou cando menos a que vai en primeiro lugar. Trátase de construír desde uns puntos de partida, tanto temáticos como de posta en escena, un espectáculo no que todos aportan: actores/actrices, deseñadores/as de escenografía, vestiario, etc. Encántame poñer a actores e actrices en situacións nas que eles mesmos van escribindo o texto enriba do escenario, a partir de improvisacións, sen case decatarse. O meu traballo como director ponse ao servizo da creatividade dos actores e das actrices, e, como autor, o traballo fundamental é rexistrar e darlle forma a todo o material que xorde nos ensaios ata chegar ao texto final.

Nunca chegaría a desenvolver este xeito de traballar, nin ao feito de producir os espectáculos eu mesmo (xunto con Marián Bañobre, que é a miña compañeira en Ibuprofeno Teatro), se antes non tivese a experiencia de traballar como actor en compañías grandes, que levaban adiante producións de gran formato con moita rigorosidade, con moitos actores e actrices. Aí aprendín o oficio, tanto no sentido artístico como no empresarial. E tiven o tempo e a oportunidade para formarme como dramaturgo, para facer obradoiros e escribir pezas moi malas para aprender. Tamén cabe dicir que os meus textos non terían unha dimensión socio-política tan marcada se non estudase Ciencias Políticas, aínda que nunca cheguei a facer nada relacionado coa carreira.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre o teatro e a dramaturgia e outras artes (música, artes plásticas, audiovisual, etc.)? Que experiências tens neste sentido?

- Santiago Cortegoso: O teatro engloba moitas das outras artes no seu interior, por iso dicía antes que é complexa. A música e a dimensión plástica do espazo son fundamentais en calquera espectáculo. Cada vez é maior a presenza do audiovisual no teatro: nós empregamos ese recurso nunha das obras de Ibuprofeno (Pequenos actos pseudorrevolucionarios), e agora ando empezando cun proxecto que incorpora o mapping. A min como director encantaríame contar sempre con músicos, artistas, etc.. dentro dos equipos. Penso que a maioría das compañías están abertas a compartir experiencias e encantaríalles contar con máis profesionais de todas as facetas, pero as limitacións de produción impiden que os espectáculos sexan máis multidisciplinares. En todo caso eu procuro ter sempre alguén do mundo da danza ao meu carón (é a disciplina coa que máis me gusta interrelacionarme). E teño a sorte de ter un artista de man que me acompaña desde sempre: Diego Seixo. El xoga un papel fundamental na estética dos espectáculos e tamén na imaxe da compañía.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- Santiago Cortegoso: Hai dous autores teatrais que me fascinaron en momentos concretos e me empuxaron a escribir: B. M. Koltès e Rodrigo García. Son moi diferentes, pero ambos están presentes dalgún xeito en todo o que escribo. Logo hai moitos outros que sigo con interese e me aportan cousas: Angélica Liddell, Thomas Bernhardt, Wajdi Mouawad, Lluisa Cunillé, Sergi Belbel… Tamén me gusta ler os clásicos, a obra de Valle Inclán paréceme incriblemente potente e contemporánea. Pero tamén vexo moito cine (Michael Haneke e Robert Guédiguian son exemplos de directores que sigo), leo narrativa… Procuro empaparme de moitas cousas dispersas e deixar que sexan as que, por algunha estraña razón, me quedan resoando na cabeza, as que pasen a ser material de referencia da miña escrita.

En calquera caso, o referente máis importante co que traballo é a observación da realidade, dos seres humanos e situacións que me rodean nos lugares aos que vou. O dominio da linguaxe e a habilidade para crear diálogos son moi importantes para un dramaturgo, pero a capacidade de escoita é a ferramenta fundamental. Esa é a clave.

- Palavra Comum: Que parte do trabalho teatral reivindicarias por não ser suficientemente valorado ou (re)conhecido?

- Santiago Cortegoso: O de produción. En xeral, non se valora o esforzo que facemos moitos teatreiros como empresarios. E é lóxico, porque se lle dá máis importancia ao traballo creativo.

Por outra banda, agora mesmo estou loitando para que se me recoñeza como director de escena, que é a faceta que empecei a desenvolver máis tarde, e é o gran reto de cara ao futuro.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, do teu ponto de vista, entre arte(s) e Vida?

- Santiago Cortegoso: Todos. O teatro é un pedazo de vida que se mostra enriba dun escenario cunha linguaxe artística elaborada e complexa. A nosa experiencia vital é a que trasladamos á escena, inevitablemente. Quen busca inventar outra cousa ten moito risco de caer na mentira, na impostura, na falsidade, que é un dos maiores perigos do teatro.

Ademais dedicarse a isto implica un xeito de vivir, de observar o mundo e de estar dentro del. É unha aposta vital moi forte que ten moitas consecuencias, para ben e para mal.

- Palavra Comum: Que perspetiva tens sobre a língua e a cultura galegas, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)?

- Santiago Cortegoso: Son moi pesimista con respecto ao presente e ao futuro da lingua, porque foron e son os propios galegofalantes os responsables de que o galego non se estea transmitindo ás novas xeracións. É dramático que un pobo sexa indiferente cara ao seu idioma; e culpabilizar aos de fóra (de colonialismo e opresión) é en gran medida, hoxe en día, unha postura de autocompracencia e vitimismo que habería que superar.

Dito isto, a nivel de expresión e creación cultural, Galicia está nun nivel altísimo, en todas as facetas: literatura, teatro, artes plásticas, audiovisual… Pero traballando na precariedade e para un público moi limitado. Neste país consome cultura propia unha porcentaxe mínima da poboación. Neste sentido, sempre é interesante ver cara fóra, para dar saída ás iniciativas lonxe de Galicia, e establecer conexións con outros espazos. A lusofonía é un asunto histórico pendente no que se está traballando, pero no cal habería que profundar moito máis. Pero tamén con outras culturas e países: hai cousas que se fan aquí que serían doadamente exportables, pero nunca se dan as condicións, pola indiferenza das administracións e pola propia febleza dos axentes de produción.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que partes dessa Galiza existem já, do teu ponto de vista?

- Santiago Cortegoso: Non son moito de soñar nin de crear utopías. Fun perdendo ese vicio cos anos. Penso que aquí cómpre dar un salto xeracional e modernizador, que deixe atrás ideas e hábitos propios do franquismo que parece que nunca se van dar superado. E este salto débese dar na política e a nivel sociolóxico (sobre todo en relación co universo do ámbito rural).

- Palavra Comum: Que projetos tens (Ibuprofeno Teatro, etc.) e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Santiago Cortegoso: Ibuprofeno acaba de estrear Raclette en xaneiro, e agora mesmo estamos traballando moi duro na súa distribución por Galicia e o resto do estado. Ademais mantemos en cartel O Furancho e A filla de Woody Allen, que xa cumpriu 6 anos e está facendo a xira de despedida. É posible que coa compañía non volvamos estrear ata finais do 17 ou principios do 18. Ademais o proxecto que temos en mente é moi complexo e precisaremos moito tempo para xestalo. Preferimos producir pouco pero que ese pouco sexan apostas fortes, proxectos vitais.

Estou arrancando dous proxectos fóra de Ibuprofeno. Por unha banda, un novo traballo coa compañía Lucecús teatro, de Lugo, cos que xa fixen A órbita do lucecú o ano pasado. Chámase Logos e é unha comedia de sátira político-social a partir da creación dun mundo distópico, inspirada na ciencia ficción e na estética dos cómics. Por outra banda, tamén está en fase de preprodución Desconexión, un solo de Xurxo Cortázar: unha comedia aceda que parte dos anceios do monifate dun semáforo de peóns (que cambia continuamente do verde ao vermello) por converterse nun ser humano. Ambos están turrando, coma sempre, coa financiación.

E, por último, teño moitas ganas de escribir algo novo. Un texto que recupere o alento máis poético doutras pezas anteriores (0’7% Molotov ou O charco de Ulises), despois de varios anos de realismo (Smoke on the water e Raclette).

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *