Homenaxe a Jean-Paul Sartre (III)

Homenaxe a Jean-Paul Sartre (III)

0 comentários 🕔11:31, 30.Jun 2016

Este traballo só ten un dedicando, Luís Gonçales Blasco
«Foz»

Nos meus arquivos estaban estas traducións que quería publicar o pasado 2015 como homenaxe a Jean–Paul Sartre, aproveitando que se cumprían tanto 25 anos do seu pasamento como os 110 de que nacera. É dicir, facer un pouco de «literatura mortuoria», en certa maneira. O arquivo perdeuse polo disco duro e só foi hai uns meses (en maio pasado) que un ex-compañeiro de traballo, experto nestas cousas da tecnoloxía, recuperou diversos arquivos perdidos no disco duro do meu ordenador. O «texto» fica tal como fora escrito hai xa máis dun ano, e como non se produciron «novidades» no asunto, que eu saiba, como tal o publicamos.

III

AS MOSCAS no Théâtre de la Cité

É na lenda antiga que o Sr. Jean-Paul Sartre obtivo a súa inspiración para escribir As Moscas, a obra que nos presenta no Théâtre de la Cité, e é unha nova Electra o que nos ofrece.
O retorno de Oreste a Argos onde encontrará a Electra, tratada como escrava por Existo, esposo de súa nai Clitemnestra, despois de asasinar a seu pai Agamenón; o odio de Electra polos asasinos; a decisión de matalos tomada por Oreste, libre de calquera idea de vinganza; a cidade de Argos, infestada polas moscas que son as almas dos mortos a torturaren os vivos; o asasinato realizado por Oreste que será bastante forte para non sentir remorsos, a súa partida de Argos, arrastrando con el as moscas-Erinias… tales son os episodios dramáticos da obra do Sr. J.-P. Sartre.
Obra interesante, certamente, e dunha escrita sólida; mais o autor, ao tratar este tema quixo tamén tratar demasiados problemas á vez –os da liberdade do home, do remorso, do odio, da fatalidade, e aínda moitos outros…– e os longos pensamentos profundos. Sentímonos un pouco abafados por As Moscas, igual que os heroes de Argos.
Nos decorados, dun modernismo esaxerado e non obstante anticuado, o Sr. Charles Dullin realizou unha posta en escena viva, curiosa e bastante fermosa, e dá un releve «satánico» ao seu papel de Xúpiter. Ao seu lado, os Srs. Jean Lanier, Oreste seguro de si; J. F. Joffre, excelente, Henri Norbert, Paul Oettly; as Sras. Délia-Col, bela Clitemnestra; Olga Dominique, conmovedora e vehemente Electra, dan proba do seu talento.

Louis-Jean L. FINOT
SEMAINE: PARIS, 1-13 xullo 1943.

***

LE THÉÂTRE
por
GEORGES RICOU
THÉÂTRE DE LA CITÉ

LES MOUCHES
Obra en 3 actos e catro cadros de Jean-Paul Sartre

Jean-Paul Sartre achéganos unha concepción diferente do carácter de Oreste, do seu papel na traxedia dos Átridas. Exiliado, canso da súa vida errante, Oreste só pensa en regresar a unha patria que abandonou de neno, da que ignora as lembranzas mais coñece o nome. Non ten ningunha idea de vinganza, non pensa en se facer xusticeiro. Cando mate sucesivamente a Existo, logo a Clitemnestra, súa nai, empurrado por Zeus, farao sen cólera, sen temor, soamente porque o crime pide o castigo dos culpábeis. Dirixindo o brazo do xusticeiro, a xustiza dos Deuses protéxeo dos remorsos. Oreste, cumprido o seu deber, abandonará Argos, arrastrando na súa persecución as Moscas, Erinias zoantes, nacidas do podrecer dos cadáveres tanto como da descomposición das almas. Partirá sen medo, o espírito libre, cara a un destino descoñecido no que a ambición humana como o desexo de reinar non teñen ningún lugar.
Última das variacións sobre un gran tema, que vale exactamente a obra de Jean-Pal Sartre? É bastante difícil emitir unha apreciación xusta sobre unha obra, certamente interesante de ler e que deixa, na representación, unha pesada impresión de aburrimento.
As lentitudes dunha interpretación indolente, monótona, soporífera non son certamente alleas. Sobre todo, a presentación bloquéase por unha posta en escena que se quere orixinal, mais realízase cunha torpeza, cunha ausencia de estilo, cunha acumulación de procedementos barrocos, desde hai moito tempo felizmente abandonados, que a traxedia perde todo interese na zarangallada dos decorados, do vestiario, dos accesorios e das máscaras que mesturan desagradabelmente as decoracións inspiradas no estilo grego, os adornos da arte negra e as reminiscencias cubistas, dadaístas, futuristas. Todo isto no propio Argos… Como se entende a invasión das moscas nesta descomposición do gusto.
É imposíbel que As Moscas, na lectura, non deixen unha impresión menos angustiante. No entanto, os actores fixeron loábeis esforzos de dicción. Enténdense, compréndense. A Sra. Délia-Col (Clytemnestra) ten a elegancia da claridade, da forza. Jean Lanier (Oreste), Henri Norbert (Existo), Paul Eettly (o Gran Sacerdote), esfórzanse en expresaren os acentos do seu texto. Joffre, cunha espiritual bonhomía, dá ao Pedagogo un aspecto riseiro de vello fauno. Olga Dominique (Electra) a pesar dunha mala voz, dá probas de temperamento dramático. É natural. No que respecta a Charles Dullin, impulsando o paradoxo até a ironía, na desorde caricaturesca desta representación, móstrase no personaxe de Zeus, baixo a aparencia carnavalesca dun mago ou dun quiromántico, harmonizando os erros da súa posta en escena no lánguido aspecto dos seus andares e da súa dicción…
Non é certamente con espectáculos deste xénero que La Cité realizará a ambición lexítima e loábel dun gran teatro popular de arte.

France socialiste, 12 de xuño de 1943.

France socialiste, que antes se denominara France au travail, era un xornal colaboracionista no que se axuntaban homes e mulleres de extrema dereita, ex-comunistas como Pierre Benedix, algún que outro racista, ben que nunca caeu no antisemitismo, etc. O xornal, nos seus editoriais, pedía a liberación de pacifistas e comunistas, o control dos bancos e impostos sobre as grandes fortunas: estaba financiado pola embaixada alemá, xa que segundo esta o papel deste xornal era asegurar a colaboración dos medios obreiros. Georges Ricou, pola súa parte, autor e empresario teatral, ademais de crítico de tal materia, fora, tamén, secretario da Comèdie Française: non confundir co político socialista do mesmo nome e, case, mesmo tempo.

***

AS MOSCAS no théâtre de la Cité

É necesario dicirmos de contado que nos achamos diante dunha obra excepcional pola amplitude do desenvolvemento, a potencia cósmica, a resonancia metafísica.
As Moscas, de Jean-Paul Sartre, murmúrannos máis unha vez as desgrazas das Átridas coas que tantas obras familiarizaron ao público. Oreste regresa a un Argos que infestan as moscas e as estrañas supersticións inauguradas polo reinado de Existo. Existo tivo a idea dunha porta aberta entre os infernos e a terra e que fai retornar sobre a terra, un día determinado os mortos invisíbeis mais presentes: diante destes mortos, os vivos inclínanse e confésanse, e Existo e Clitemnestra, presas de remorsos, reinan sobre un pobo no que fixeron nacer o remorso. Mais Oreste, que inicialmente quería perdoar, deixarase persuadir para cometer o crime: cometerao sen lamentos; matará o rei e a raíña, liberará Argos das supersticións e das moscas que se levará con el, mais que zoarán en van arredor da súa cabeza lúcida.

*

A obra é case demasiado rica de significacións, de símbolos que se entrecruzan como lóstregos; o drama acontece entre os homes e os deuses, mais volvemos atopar ese pesimismo e esa angustia de vivir que atoparamos nos libros asombrosos de Jean-Paul Sartre.
Sei que se poderán dicir facer moitas bromas, xa que é doado abeberar na grandeza. Uns dirán que é molesta como o título, mais a obra é superior. Jean-Paul Sartre terá con el a todos os que pensan que o teatro nunca é demasiado grande.
A posta en escena ten a aparencia, a potencia, o clima irrespirábel da obra. É unha Grecia vista a través da angustia moderna. É preciso particularmente salientarmos Délia-Col, extraordinaria e terríbel Clitemnestra, que tivo o rostro, a voz, a voz dunha homicida asasinada, e Paul Lanier, que foi sen debilidades un Oreste de primeira orde. Hai que felicitar a Joffre, gran actor tan humano; Paul Oettly, cuxa potencia fixo verdadeiramente resucitar os mortos; Norbert, que foi un impactante Existo; Olga Dominique, que foi unha trémula Electra. A partitura de Jacques Besse, os decorados e o vestiario de Henri-Georges Adam completan a orixinalidade do conxunto e ao Sr. Charles Dullin pertencía por dereito o papel de Zeus, director do universo.

Maurice Rostand
Paris-hier, 7 de xuño de 1943.

Rostand, fillo do dramaturgo Edmond Rostand, o autor de Cyrano de Bergerac, e irmán do biólogo Jean Rostand, foi o único dos críticos teatrais que salvou a obra de Sartre e mais a súa posta en escena. Rostand era pacifista e anti-nazi, porque cabe lembrarmos que a maioría dos pacifistas francés de antes de 1939 acabaron colaborando, en nome da paz, cos nazis cando a ocupación. Rostand, despois de 1945, continuou a ser pacifista e antifascista.

***

AU THÉÂTRE DE LA CITÉ
LES MOUCHES

por Roland Purnal

Confeso que esperaba esta obra cun vivo interese. J.-P. Sartre é, con efecto, un escritor que coñece a sorte envexábel de facer de entrada nacer a nosa máis alta esixencia. Ensaísta a miúdo admirábel, conta ademais no eido da creación novelesca con diversos fragmentos que alcanzan o logro absoluto. O que nolo fai atractivo a este respecto, é a mestura de patético, de grotesco e de atroz rigor dos que a nosa literatura ofrece, en resumo, bastantes poucos exemplos. Semellante universo, pode ocupar un lugar nas táboas dun escenario? Velaí o que semella paradoxal. É no entanto o que J.-P. Sartre acaba de intentar facer retomando pola súa conta o drama da Orestíada. Argos, como debe ser, a cidade dos Átridas. A cidade? Digamos máis ben o osario. Porque, que outro nome dar a este conxunto de murallas que se carboniza ao sol nun fedor de podremia que produce náuseas? Comprendemos, por outra parte, que existan motivos. Esta cidade non foi a testemuña dun crime monstruoso? Ao caer Agamenón, o mesmo día do seu regreso de Troia, baixo o puñal do famoso Existo, etc. Velaí que cedo fará tres lustros que Existo reina no seu lugar en completo acordo coa viúva. Comprendedes mellor agora porque esta cidade está infestada polas moscas? Dalgunha maneira, as Furias, as Erinias, –as divindades do Remorso.
Unicamente, velaí, que sobre este fondo xurde un viaxeiro de doce rostro de rapaza, Oreste, o fillo do defunto rei, que desde hai tempo fermenta o desexo de volver ver a súa patria. Baixo nome prestado, chega até o palacio. Mais que penoso aspecto se presenta entón á súa vista. A súa irmá, Electra, reducida ás máis baixas tarefas e que non está lonxe de se compracer porque nelas encontra o alimento da súa necesidade de vinganza. Logo está súa nai, Clitemnestra, que leva aínda nas fazulas as pegadas da voluptuosidade que debe á especie de rufián que a fixo viúva.
Finalmente, este último, Existo, que ao tomar o poder metéuselle na cachola instituír un culto estraño grazas ao cal mantén ao seu pobo nun estado de indicíbel abxección. Que lección de cousas para alguén que, canso da súa vida errante, non aspiraba, en suma, máis que a encontrar a paz do corazón á sombra da súa cidade natal.
Mais velaí que é peor aínda: ao ser recoñecido pola súa irmá, Oreste vese rexeitado por ela con extrema violencia. Non é, ai!, o liberador que ela invocaba con todos os seus desexos, o que serviría o seu odio, o que castigaría sen medo. Vingar a seu pai? Oreste non pensa en tal cousa. A soa idea de verter sangue horrorízao. Por outra parte, non esquezamos que nunca coñeceu ese pai. Velaí sen dúbida o que lle impide actuar como o príncipe de Elsinor.
Seguro? De repente, Oreste descubre unha liberdade singular no máis fondo de si mesmo. Desde ese momento, nada será capaz de detelo. Matar a Existo? Por suposto, é o menos que pode facer antes de chegar a matar a súa propia nai. Matar estritamente como xusticeiro, sen odio de ningunha clase, e mediante este acto liberador que lle achega a total liberación fronte a si mesmo, exorcizar ao mesmo tempo a súa miserábel cidade de Argos. Ao non ter odio, non ten remorsos. Sábese puro como o xeo. Atrae sobre el a terríbel nube das Erinias. Arrástraas a continuación fóra das murallas e mediante isto restabelece o estado de cousas que existía antes do crime inexpiábel.
Ao substituír o problema da fatalidade polo da liberdade, J.-P. Sartre non fai máis que responder a algo que o atormenta desde hai moito tempo. A súa obra novelesca está aí para nos mostrar o que é necesario entender por «liberdade». En tanto que creador, J.-P. Sartre, con efecto, non postula nunca nada no fondo dos seus personaxes. Discute neles todo principio, despóxaos de calquera substancia, só os volve xulgábeis mediante o baleiro. Non se clame demasiado rápido. Porque por un estraño recurso é a través desta mesma nada que nace a súa liberdade. Na medida en que permite todos os posíbeis, semellante nada concede aos homes o poder de facer o uso que queiran das súas facultades.
Eu aquí só debo saber de teatro. Que pensar da obra que acabamos de ver? Déixame insatisfeito, a despeito dalgúns pasos dunha beleza innegábel. Entendo ben que, como Scarron ao travestir a Eneida, J.-P. Sartre deuse o luxo de travestir a Orestíada. Castigado tanto como o outro, aínda que o estilo macarrónico non sexa de maneira ningunha o seu, e que demanda, en desquite, os seus medios de intimidación ao que nos é preciso chamar o gusto pola pestilencia. Toda a súa rapsodia, en suma, tira a súa eficacia dun certo estado de obsesión escatofáxica –que non chega a compensar a fuxida, no entanto tan fermosa, que marca o desenlace. Por outra banda, as graves faltas na composición: as moscas, que inicialmente se atrapan dun reverso de man e que, sen que se saiba por que, se benefician dunha talla completamente semellante ao da criatura humana (Giraudoux, na súa Electra, sabe manexar a transición. As súas Erinias, vémolas inicialmente rapaciñas, logo adolescentes, finalmente mulleres feitas). Outro exemplo: porque ese apólogo das ratas que coroa o final da obra cando o espírito do espectador está tomado enteiramente polas moscas? Etc.
A presentación de Charles Dullin agrava aínda máis a impresión de contraste. Co pretexto de resucitar diversos elementos da traxedia antiga, desencadea todo un bestiario que desemboca sen remisión na zarangallada da que o expresionismo nos ofreceu o exemplo ao final da outra guerra.
Penso especialmente na cerimonia relixiosa que acaba de perturbar a xove Electra. É verdadeiramente necesario que o noso país non teña o menor sentido da danza para aceptar unha exhibición deste xénero. No Sur naufragaría baixo o riso xeral. En desquite, gustei moito do recitativo de conxunto que favorece o último acto. Mais porque é preciso aínda que aquí non se manexe mellor a transición? Esta ruptura de ton é demasiado pretensiosa. En todo caso, falsea gravemente a economía da obra.
Dun elenco que comporta non menos duns corenta nomes, hai que citar aos Srs. Lanier, Borbert, Oettly, Joffre e Dullin; Sras. Délia-Coll, Dominique, Hernatd, así como ás Sras. Vidal e Parodi.

Comoedia, 12 de xuño de 1943.

***

No Théâtre de la Cité «AS MOSCAS»

Decididamente, Jean-Paul Sartre 1967a lendaria familia dos Átridas non fallou o seu golpe. Ao se exterminar sen vergonza como o fixo, gañou a súa inmortalidade. Se Atreo non esganara a seu irmán Crisipo e dera festín a Tiestes os despoxos de seus dous fillos, se Tiestes non matase Atreo, se Agamenón non inmolase súa propia filla Ifixenia, se Clitemnestra non fixera asasinar Agamenón, seu marido, por Existo, se Oreste non asasinase súa nai Clitemnestra para vingar a seu pai, todos estes nomes probabelmente se «disolverían nunha ausencia espesa». Porque, sen dúbida posíbel, o seu único título de gloria é a acumulación do crime. Eran «granguiñolescos» avant la lettre.
É isto o que inspira aos máis grandes a se debruzar, alternativamente, desde Sófocles e Esquilo até ao Sr. Jean Giraudoux, a pasar por Racine, Goethe e Gerhart Hauptmann, sobre o seu atormentado caso? Sen dúbida, cada un a procurar móbeis diferentes a estes actos monstruosos.
Ao escribir As Moscas, o Sr. Jean-Paul Sartre tivo, pola súa banda, o mesmo propósito. Tomou como motivo de intriga a vinganza de Oreste, é dicir, o asasinato de súa nai Clitemnestra e de Existo, o usurpador. Pasaron quince anos desde o asasinato de Agamenón. Oreste, xa home, volve a Argos e encontra a Existo e Clitemnestra en plena gloria, e a súa irmá Electra, degradada ao rango de escrava. Mais para poder reinar, Existo instituíu «cultos estranxeiros que manteñen aos seus súbditos nunha abxecta humildade». Así Argos, infestada de moscas malvadas, vive no remorso. E os seus habitantes… cubertos de mel até o pescozo, non conseguen expulsar ni a uns nin a outras. Oreste, que se presenta como un home de carácter inofensivo, dubida inicialmente en consumar a súa vinganza. Zeus, que atravesa a peza, encóntrao. «Os homes son libres, di, ti sábelo e eles non o saben». Estas palabras son a liña axial da obra. É tamén a teoría máis cara ao autor. Oreste elixiu. Mata a súa nai e ao seu amante. Logo foxe de Argos, arrastrando detrás de si ás moscas a… os remorsos, liberando así os homes da servidume que xulgaban indispensábel á súa vida.
Hai no conxunto bastantes fermosos momentos coidadosamente pensados e escritos. Mais o Sr. Jean-Paul Sartre seméllame máis ensaísta que autor dramático. E é para nos dar a coñecer o froito das súas reflexións que, seica, abrazou o teatro. Así, gustaríame máis lelo que oílo.
A presentación do Sr. Charles Dullin, recargada a pracer pola inquietude dunha vangarda que ten o aspecto en realidade dunha retrospectiva, non volveu a audición máis palpitante. Mais quen non comete erros…
Do reparto salientamos os Srs. J. F. Joffre, Jean Lanier, Paul Oettly, a Sra. Délia-Col e sobre todo o Sr. Norbert, Existo cheo de autoridade.
Ah!, como prefería a refrescante Mamouret…

Jacques Berland
Paris-Soir, 15 de xuño de 1943.

***

A semana teatral
por
CHARLES MERÉ

THÉÂTRE DE LA CITÉ: Les Mouches

O ano teatral colócase decididamente baixo o signo dos Átridas. Despois de Dieu est innocente, do Sr. Lucien Fabre, despois do ciclo das Ifixenia –as de Racine, de Goethe e de Hauptmann–, despois da Electra do Sr. Giraudoux, velaí unha versión nova das «Euménides». O autor, o Sr. Jean-Paul Sartre, novelista de talento, non carece nin de imaxinación nin de potencia, mais unha e outra arrástrano lonxe! Trataríase para el de acordar o respecto dos feitos lendarios co desexo de facer algo novo. O Sr. Giraudoux conseguírao outrora. Mais o Sr. Jean-Paul Sartre carece das calidades maiores que aseguraron o éxito do autor de Electra: a mesura e o gusto. O Sr. Sartre rexeitou materializar, baixo un aspecto humano, as Erinias da mitoloxía. Transformounas en moscas!… As moscas, as horríbeis moscas xeradas polos osarios e que reviven as almas dos mortos, infestan Argos, a cidade dos crimes. Atmosfera sombría, abafante, agravada polo zoar das moscas… Unha música de teatro do Sr. Jacques Besse imita de marabilla o seu zunido; e os actores, polas máscaras que se administran sobre o rostro, completan a ilusión. As Erinias invisíbeis enchen o ar… Idea de poeta! Non se pode negar que é curiosa e audaz. Oreste, retornado ao palacio de Agamenón, é dubitativo, tímido. A súa irmá, Electra, como unha furia, excita o seu odio. Oreste, xa que logo, matará a Existo e esganará a súa nai. E velaí a hora das moscas! Védeas finalmente visíbeis e a escala humana… Son artistas vestidos de negro, alados como no music-hall ou nas fantasías que encarnan os insectos vingadores… Riríase a cachón se o momento non fose tráxico! Zeus exhortará en van a Oreste para que se arrepinta. Mais Oreste non curvará a cabeza. Preferirá abandonar a cidade, arrastrando tras de si o enxame lúgubre das moscas! Argos será liberada…
Esquecín dicirlles que Zeus, baixo os trazos de Ch. Dullin, estrañamente maquillado e vestido como mago, intervén en todo momento na acción, observando, aconsellando, ameazando e, despois de todo, afirmando a súa impotencia total para dirixir os acontecementos. É un Deus moi curioso! Non se pode dicir se é inocente ou culpábel. Mais aparece, na escuridade dos seus propósitos, como un maxistrado aburrido.
Algúns homúnculos hidrocéfalos –son os idiotas da cidade– engaden pola súa presenza, á rareza dun decorado heteróclito no que o bárbaro se alía ao monumental.
Hai un pouco de todo na obra como no espectáculo, do mellor e do peor, invención feliz e mal gusto, boa literatura e vulgar bazar. Sáese do teatro pasmado, coa necesidade simple de reler a Orestíada, de Esquilo, ou a Electra, de Sófocles; e, na nosa lembranza, as Erinias do humilde Leconte de Lisle semellan, de súbito, e por comparación, unha obra mestra.
No entanto, hai que homenaxear este orixinal e grande esforzo de posta en escena. O Sr. Charles Dullin non descoidou nada para montar con brillantez a peza do Sr. Jean-Paul Sartre. A Srta. Délia-Col encarna cunha sólida autoridade Clitemnestra. O Sr. Henri Norbert é un notábel Existo. Loemos a ardente sinceridade do Sr. Lanier (Oreste) e da Srta. Olga Dominique (Electra), a bonhomía do Sr. Joffre (o pedagogo), a maxestade do Sr. Paul Oettely (o gran sacerdote)…
Dito isto, ide ver esta asombrosa peza. Vale, como se di, a viaxe!

Aujourd’hui, 12 de xuño de 1943.

***

O TEATRO

Cando voan as Euménides

Non é un misterio para ninguén que no teatro de la Cité, cuxo edificio é propiedade do Concello de París, e para empregar a imaxe do defunto chansonnier Jacques Ferney, «batido» e «afundido» (3). Xa dixen as razóns. O novo espectáculo que se nos ofrece, As Moscas, paréceme que é, comercialmente, un novo erro e, desde o punto de vista puramente artístico, de natureza a suscitar serias reservas.
O Sr. Jean-Paul Sartre ten, talvez, talento como escritor. Seguramente ten. Desagradabelmente afundidas nunha redundancia verbal, algunhas das réplicas destas Moscas teñen cando menos, aquí e acolá, un son de fermosa amplitude. Mais esa especulación constante, eses recitativos orgullosos: ese neo-helenismo cúbico, non son máis que literatura. Era unha obra feita para ser lida, non representada. O Sr. Charles Dullin viu a ocasión dunha posta en escena, por outra parte suntuosa, e nalgunhas partes bastante fermosa, mais delirante, compartindo na nosa memoria a lembranza do filme do doutor Caligari e a das procesións exóticas da Exposición colonial de Vicennes, con máscaras, tam-tams, emblemas monstruosos e ritos fanáticos. O Sr. Jean-Paul Sartre quixo evocar unha Grecia antiga, na que o culto dos mortos, a crenza na súa supervivencia periódica, mais invisíbel, igualaría as supersticións das tribos negras e as feroces demostracións que inspiran aínda baixo certas latitudes.
Ese loito de Agamenón, levado durante tres actos, esa desolación de Argos, esas Erinias, convertidas en moscas turbulentas, que un encantamento abonda, polo demais, para adherilas ao chan, a dor de Electra, as súas probas, os seus desafíos, o verdadeiro acoso que realiza sobre Oreste, para enchelo a continuación de inxurias e de reproches, ah!, todo isto que aspira indiscutibelmente á beleza, á grandeza, é, xa que logo, poderosamente aburrido.
Volvendo sobre o que escribín o outro día, xulgo que sería xa tempo de que a literatura francesa, cando menos a literatura teatral, deixase un pouco de lado ao Sr. Agamenón, á Sra. Clitemnestra e a seus fillos! Que se nos deixase de pasear de Existo ao incesto, baixo o pretexto de nos instruír, de nos facer oír as sentenzas definitivas, que se renunciase a nos falar destes baños de sangue, destas vindictas furiosas, destes sacrificios bárbaros… É necesario xenio épico. Para os pequenos tremores, para os achados filosóficos ou as sátiras de envergadura, que se procure finalmente outra cousa!
O Sr. Jean-Paul Sartre non tomou das desgrazas dos Átridas máis que o pretexto de fustrigar unha humanidade que detesta, compracéndose nun desprezo negativo, mostrando o que hai de pouco apetecíbel no noso triste mundo. As súas moscas pégansenos na pel, aglutinándosenos, inzadas de lixo, fungándonos nos oídos como zoan arredor do esterco. Hai quizais algo de Céline no Sr. Jean-Paul Sartre, menos esa aspiración cara á saúde e a bela razón das cousas, menos ese bufido magnífico alén das sintaxes e a ordenación das palabras, menos ese grande alento que caracterizan ao autor da Viaxe ao cabo da noite. A linguaxe do Sr. Jean-Paul Sartre é sen dúbida máis firme, máis corrente, enriquécese de acentos particulares, ten, dixémolo, esa resonancia frecuente que desvela o talento. A inspiración fica anárquica. Hai inxenuidade en semellante odio do conxunto dos estragos sociais e o que quixera ser belo nesta mascarada estética, esta adoración epiléptica da morte, cae en realidade nesa elección de baixeza, de símbolos miserábeis, de negrura sen fin. O Sr. Charles Dullin propiamente convidounos a deleitarnos coa necrolóxica de Agamenón e a asistir ao sacrificio mortuorio dos seus asasinos. Se con isto o público non está contento, xulgue el que o público é moi difícil! Tomamos, segundo o noso costume, o partido do público e non aceptamos a responsabilidade de envialo a ver estas Moscas fúnebres, a menos que teña un gusto especial pola imaxinaría fantástica e as elucubracións macabras.
Electra, como na peza do Sr. Jean Giraudoux, e en recordo de Esquilo, é tratada como a última das últimas pola súa nai e o seu padrasto. Non falan de casala cun xardineiro, senón que lle fan lavar a vaixela e a roupa fedorenta, baleirar o lixo, en suma; no entanto, esta virxe desencadeada, alterada pola vinganza filial, espera febrilmente o retorno de Oreste. Este, anódino, fatigado, desilusionado, cargado de dúbidas e vacilacións, cumprirá non obstante o seu destino; golpeará até a morte a Existo, correrá axiña para esganar a súa nai e márchase finalmente dunha Argos aniquilada, privada da súa razón de ser, ao non ter xa o culto frenético da morte. É cando menos o que se xulga entender deste cúmulo pedante de intencións e de diatribas. O baile dos mortos e o seu luxo de apoteose, os decorados, vestiario e máscaras do Sr. Henri-Georges Adam, dunha fermosa riqueza inventiva, unha partitura musical bastante sensata e apropiada do Sr. Jacques Besse, cunha coloración polifónica interesante, merecerían outro texto e un argumento menos explotado. Deus de deuses, Zeus en persoa, baixo unha túnica de carnaval veneciano, o Sr. Charles Dullin non nos fai esquecer nin O Avaro, nin Mamouret nin o seu notábel Ricardo III, de L’Atelier. Os Srs. Jean Lanier, Henri Norbert, Paul Oettly, Jean Joffre; Sras. Olga Dominique, pertinente Electra; Délia-Col, Clitemnestra escultural, encadran, en medio dunha multitude de artistas, que foi necesario vestir, adornar, enmascarar, adestrar… Un grande esforzo, evidentemente, un esforzo inútil. Interesará a algúns durante uns instantes, non enriquecerá a ninguén. O Sr. Dullin decatouse? Que mosca, xa que logo, o picou para querer entregarnos isto?

Jean Sarment
Les nouveaux temps, 13 de xuño de 1943.

Les nouveaux temps foi o xornal, par excellence, da colaboración. Fundado o 1 de novembro de 1940 por Jean Luchaire e financiado na súa totalidade pola embaixada alemá. Luchaire foi un personaxe dun percorrido «espectacular», xa que, por exemplo, despois de asistir ao ascenso do fascismo, é desde unha posición de esquerdas que se opón ao tratado de Versalles, que ve como un resorte que poden usar elementos ultranacionalistas alemáns. E así en 1927 funda o semanario pacifista Notre temps, desde o que predica un achegamento entre Francia e Alemaña e no que colaboran grandes firmas do seu tempo. En 1930 coñecerá a quen logo será o embaixador alemán en París durante a ocupación, Otto Abetz, con quen ligará unha amizade duradeira. A partir de 1930 participa en diversos encontros franco-alemáns, encontros nos que participan escritores de ambas ribeiras do Rin de diferente pelaxe política, aínda que a maioría dos participantes acabará, despois de 1940, na colaboración ou apoiando ao mariscal Pétain. Luchaire, desde 1932 apoia a Léon Blum, e mesmo o apoiará cando a Frente Popular, mais en 1940, coa derrota de Francia fronte á Alemaña nazi, encóntrase de novo con Otto Abetz, quen o convence para fundar un xornal colaboracionista, o xornal máis colaboracionista de todos, e no que colaboraron amigos seus da vella Notre Temps.
Luchaire foi, ademais de xornalista e editor, un bon vivant e, segundo os seus biógrafos, tivo como amantes a diversas actrices francesas, e como amigos a moitos escritores. A partir de 1927 creou un salón de tertulias, no que, por exemplo, participou o surrealista René Crevel, un dos poucos surrealistas que se movía como peixe na auga entre a alta sociedade. Jean Sarment, quen asina a crítica d’As Moscas, xa que era o crítico teatral titulado do xornal, empezou a súa carreira literaria en Nantes, a carón de Jacques Vaché, o ídolo dos surrealistas, amigo de Breton, Aragon, Fraenkel, etc, e suicida como Crevel. O escritor Jacques Nels, que era amigo íntimo de Luchaire, traballou nun banco con Jacques Rigaut –outro dos suicidados, como Vaché, do surrealismo. O poeta Léon-Marie Briest, íntimo de Luchaire até 1940, foi cofundador de dous proxectos editoriais nos vértices do surrealismo, a revista Provence Noire e as edicións Pierre à Feu, onde Éluard publicou algúns dos seus máis fermosos poemas. Tamén tratou abondo a Robert Desnos e Thedore Fraenkel… por medio da súa irmá menor, Marguerite Luchaire, coñecida como Ghita. Esta, nos anos de liceo coñeceu a unha tal Lucie Badoul: fixéronse íntimas amigas; Lucie acabou casando co pintor xaponés Léonard Foujita, logo casará co poeta surrealista Robert Desnos e será coñecida como Youki Desnos (antes o fora como Youki Foujita). Ghita será confidente de Youki, de Desnos, de Antonin Artaud e casará en 1933 con Thédore Fraenkel, o amigo de mocidade de Breton e que participará tanto en dada como no surrealismo, etc.
Para acabarmos con Luchaire, gran colaborador dos nazis, foi fusilado en 1946, mais en 1943 seu pai, Julien, estaba… na Resistencia contra os nazis e era testaferro de Léon-Pierre Quint, xudeu, toxicómano, homosexual e de esquerdas, nas Éditions du Sagittaire, editorial que publicou a Gide, Valéry, René Crevel, etc., e contribuíu ao lanzamento do surrealismo, para que non fosen “arianizadas” polos nazis ou o goberno colaboracionista do mariscal Pétain; Julien Luchaire devolveulle a editorial a Quint 1944, despois da Liberación.

***

No Théâtre de la Cité

Non experimentei ningún pracer ao asistir á representación no teatro de La Cité da obra nova que acaba de ser creada: As Moscas. Non é que ache a obra do Sr. Jean-Paul Sartre sen interese, e penso que sen dúbida me compracería ao lela no manuscrito, mais a posta en escena así como os decorados e o vestiario non me parecen particularmente felices.
Hai no entanto unha fermosa idea nesta peza que se relaciona coa traxedia antiga e esta transformación en moscas vingativas das Erinias que se encarnizan sobre os infelices descendentes de Atreo e que perseguen a Oreste e Electra despois do duplo asasinato de Existo e de Clitemnestra, é dunha feliz inspiración, mais neste ambiente de simbolismo mesturado á arte negra ficase un pouco desconcertado.
Dos numerosos intérpretes da obra do Sr. Jean-Paul Sartre salientan os Srs. J.-F. Joffre (o pedagogo) e Jean Lanier (Oreste), as Sras. Délia-Col (Clitemnestra) e Olga Dominique (Electra), como da posta en escena salienta o coro das moscas cando se dispoñen a perseguir a Orestes e Electra mentres estes se refuxian no templo de Apolo.

L. B.
Le Matin, 16 de xuño de 1943.

NOTA
(3) Jacques Ferney xogaba coa expresión latina «Fluctuat nec mergitur»: batido polas ondas mais non afundido: o Concello de París era batido polas ondas e estaba afundido.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a foto de Jean-Paul Sartre procede da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *