Brexit: a campaña, as repercusións e o futuro

Brexit: a campaña, as repercusións e o futuro

0 comentários 🕔11:00, 04.Jul 2016

A campaña do Brexit

A campaña do referendo británico sobre se sair da Unión Europeia ou ficar nela foi levada principalmente polo Partido Conservador, que se dividiu en dous bandos, un partidario de ficar e liderado polo Primeiro Ministro, David Cameron, e outro liderado por figuras de importáncia dentro do partido como Boris Johnson, Michael Gove e Ian Duncan Smith. O Partido Conservador levaba décadas dividido pola metade na cuestión europeia, e seguramente de aquí en diante funcionará forte e unido, cando menos para fora, ainda que se maten entre eles. Non así o Partido Traballista, que fixo unha campaña deslucida en favor de ficar na UE e logo quedou desarranxado e desnorteado cando descobriu que foran as antigas fortalezas do laborismo as que mais votaran o Brexit.

David Cameron, que xa anunciou a sua dimisión como Primeiro Ministro para antes do outono, convocou o referendo para frear con iso o éxito do partido antieuropeísta UKIP e coa promesa de renegociar en Bruxelas varios asuntos que sabía que preocupaban muito e provocaban reacción contra a UE. A promesa de convocar un referendo sobre a UE valeulle cuase seguro para gañar por surpresa as últimas eleicións. Convocouno antes do que se esperaba e fixo tamén un intento de renegociación con Bruxelas que non tivo éxito e probou a imposibilidade de reformar a Unión Europeia. Podía ter escollido non participar na campaña, sobretudo tendo en conta que a metade do seu partido estaba nun bando e a outra metade no outro, mas liderouna con ferocidade en favor da UE e por iso tivo que dimitir de imediato ao se saberen os resultados. A campaña en favor de ficar na UE, chamada polos opoñentes o ¨proxecto medo¨, estivo apoiada ao máximo por todo o establishment nacional e internacional, desde Obama e Hillary Clinton até as institucións como o FMI, que cuase non houbo semana que non intervise avisando da catástrofe económica que viría se o Reino Unido saía da Unión Europeia, e os servizos secretos, os ¨espías¨ do MI5 e o MI6. Foi tal o grau de ameaza, intimidación e aviso de castigo que iso fixo mais notável ainda o resultado.

A campaña do Partido Traballista estivo liderada por Jeremy Corbyn e foi apagada e típica da esquerda elitista e autoritaria que fala do povo e a clase traballadora e non escuta nada do que din. Corbyn, que pasou a vida manifestándose en contra da UE, debía ter ficado á marxe da campaña se pensaba que o partido traballista quería seguir na UE, ou, se mudara de opinión respeito á UE, debía telo dito. Se seguía pensando como antes, o que fixo non foi un exemplo de probidade, non só por ir contra as suas conviccións, senón tambén porque había muitos no seu partido que querían o Brexit e deixounos silenciados para, en definitiva, apoiaren ao establishment. Por indiferenza talvez, ou por querer quedar ben, quedou mal con todos.

A campaña dos que querían ficar na UE estivo centrada na economía e a dos do Brexit na soberanía, a democracia e a inmigración. Os da economía apresentaron un panorama apocalíptico no que, se o Reino Unido saía da UE, cairían sobre a nazón todas as pragas bíblicas, e apoiáronse en ¨expertos¨ individuais e institucionais para transmitir a mensaxe de que o Brexit sería irracional e suicida desde o ponto de vista económico. Visto o resultado, semella evidente que os votantes optaron por non facer caso do que dicían eses ¨expertos¨que non viran vir, ou non quixeran ver, a crise económica do 2008 e que non saíran prexudicados por ela, senón favorecidos. Os do Brexit falaron da inmigración, ainda que non foi o tema central. O argumento principal foi o da soberanía e a independencia, o de non poder controlar nada, inmigración europeia incluída, porque os burocratas de Bruxelas mandaban en todo e socavaban a soberanía, e mandarían mais cada vez porque ese era o obxectivo da UE.

O Partido Traballista negouse a falar da inmigración europeia porque facelo sería ¨racista¨, e impediu así un debate lexítimo que non tiña nada que ver co racismo. Inglaterra é un país fisicamente pequeno e con muita povoación, e os inmigrantes non queren ir para a Escócia, aínda que a Primeira Ministra de Escócia os convidase, nen para a Franza, senón para países nos que haxa traballo e os traten ben, que son poucos. Os do Brexit afirmaron que non estaban contra a inmigración de seu, senón contra o de non poder controlar a procedente da Europa, e que sería mellor para o país poder controlar esa inmigración e abrirse mais en cambio á inmigración procedente da Conmonwealth ou de cualquer continente. Propugnaron un Reino Unido mais aberto ao mundo inteiro e mais en consonancia coa política que sempre seguira antes de entrar na Unión Europeia.

O resultado do referendo demostrou que o Reino Unido prefería forxar o seu proprio destino e conservar a independencia e a democracia a pesares da catástrofe económica que predicían os ¨expertos¨. O mais surprendente foi que só votasen pola ¨prosperidade¨ Londres e Escocia, e que todos os demais sitios escollesen a liberdade. Mais notável ainda foi o caso de Gales, unha nazón muito empobrecida que, como todo o norte do país, quedou sen industria e recebe muitos fundos da UE. Caberia pensar que, sendo tan lucrativa a UE para Gales como é, e dado que ten poucos inmigrantes, votaría en favor de ficar, mas xa nas últimas eleicións votou muito ao antieuropeísta UKIP e agora escolleu o Brexit.

Repercusións na Unión Europeia

As repercusións do Brexit na UE serán imensas. Non tería por que ser así se o edificio estivese ben construído, mas mover unha peza trae o perigo de que se esborralle todo. O primeiro que pode suceder é que o Brexit anime a outras nazóns e que haxa un Francexit ou un Escandinavexit, e o que sen dúbida sucederá é que animará aos partidos antieuropeístas que están collendo forza no norte da Europa e tambén no sul, na Italia por exemplo. Haberá eleicións xerais o ano que vén na Alemaña, na Franza e na Holanda e é posível que suba o antieuropeísmo neses tres países. Os países do norte da Europa sempre viron na Inglaterra unha aliada importante. Sen ela, o mais provável é que se unan mais entre eles e se agrande a división e incompatibilidade que xa hai entre o norte e o sul, e que os países do norte se resistan a seguir con o que eles ven como un sistema de distribución inxusta no que eles subvencionan aos do sul ou ás elites deses países.

A Unión Europeia estivo sempre pensada, como xa se ve con claridade agora que se divulgaron alguns segredos, para que Alemaña e Franza dominasen un bloco que formase parte da Guerra Fría. A entrada de Inglaterra, á que se opuxo Charles de Gaulle dicindo que sería o cabalo de Troia dos americanos, suavizou a relación entre Franza e Alemaña, duas nazóns de ideias e atitudes diferentes e con pouca afinidade. A política inglesa respeito a Europa foi sempre a de porse no meio e impedir que nengunha das potencias acadase poder absoluto, atitude que os alemáns aprecian mais que os franceses, para os que ¨a pérfida Albión¨ é un atranco. Alemaña quedou desolada e preocupada con o Brexit e Merkel xa dixo que fará todo o que poda para axudar na negociación da saída, cunha reacción mais política e civilizada que a dos burocratas de Bruxelas, mas Merkel está tambén preocupada polas próximas eleicións alemás, nas que é posível que non gañe o seu partido. Os países da Europa Central tambén vían como aliada importante a Inglaterra, sobretudo os que temen a Rusia, e vanse sentir desprotexidos. E no sul está a Italia en plena efervescencia e na que pode suceder cualquer cousa.

O Reino Unido é contribuinte neto á UE, e a saída vaise notar muito na economía da Unión. O forte desacordo que hai na Alemaña entre os partidarios da política de ¨flexibilidade económica¨ do Banco Central Europeu e os que pensan que é desatinada, que son muitos nun país que o que mais teme é a má administración económica, vaise acentuar ainda mais cando falten os fundos que aportaba o Reino Unido. E atreverase agora a UE a seguir co seu proxecto, até hai pouco segredo e que, segundo se descobriu, tambén estaba pensado desde o principio, de criación dun exército europeu e de facer unha política de expansión europeia? Inglaterra tería estado no meio entre Franza e Alemaña, e Alemaña, que non quer militarizarse nen armarse contra Rusia, vai sentir a falta dela.

O futuro

O Reino Unido abriu un novo capítulo na sua historia e entrou nun camiño que concorda mais có seu espírito coraxoso e de amor ao descoñecido. Os británicos prefiren tratar con xentes de outros continentes e razas, e a UE sempre lles quedou pequena e resultoulles abafante.

A negociación da saída vai ser longa. De momento o Reino Unido segue na UE e o mais provável é que siga alguns anos. Semella que a única disposición que rexe a saída dun membro da UE é o artigo 50 do Tratado de Lisboa, que estipula que corresponderá ao país que queira sair o de notificalo á UE. E semella que hai acordo xeral en que hai que pensar ben como se vai facer sen apresurarse indebidamente. Antes da eleición dun novo líder do partido conservador e Primeiro Ministro non se poderá facer nada, e iso non se espera que suceda antes de primeiros de setembro. Haberá varios candidatos para liderar o partido conservador e alguns talvez sexan dos que fixeron campaña contra o Brexit. Agora xa están todos unidos en aceitar o resultado da votación e en que haberá que facer todo o mellor posível, ou cando menos iso din, e non vai ser fácil, pois non só haberá que negociar coa UE senon tamén negociar tratados con outros países, pensar nunha nova política nacional e internacional e extrair da lexislación británica toda a lexislación da UE que entrara nela. O Partido Traballista tamén terá que empezar un novo capítulo da sua historia se non quer desaparecer do mapa político. O resultado do referendo foi unha pancada coa que non contaba e talvez o sobresalto o leve a saír da complacencia e o elitismo que o caracterizaron nestas últimas décadas. Existe a posibilidade de que se convoquen eleicións xerais no futuro próximo, dado que o Primeiro Ministro que elixa o partido conservador non será o que fora escollido como tal nas últimas eleicións. E fálase de que será preferível comezar a negociar tratados dentro e fora da Europa antes de notificar oficialmente a saída, porque depois haberá menos liberdade para negociar. Así que é posível que o proceso sexa longo, ainda que Bruxelas queira que sexa curto e rápido.

O Partido Nacionalista Escocés leva tempo ameazando con convocar outro referendo sobre a separación de Escocia do Reino Unido e talvez o convoque, ou talvez non. Non o vai facer se non está seguro de que o resultado vaia ser en favor da separación e neste momento non pode ter esa seguridade. Cuase o 40% dos escoceses votou o Brexit e de aquí a dous ou tres anos ninguén sabe o que vai suceder nen como van estar nen o Reino Unido, nen a UE nen a propria Escocia. O discurso da ¨independencia de Escócia¨ que a pintou como se fose unha colonia de Inglaterra submetida contra a sua vontade xurdiu en parte da incomprensión do que significaba a devolution e de que se deu por feito que esa palavra significaba ¨devolución¨, devolver o que se tiña roubado, mas devolution é un conceito xurídico que significa desconcentración, descentralización, traspaso de direito de dominio ou transferencia de competencias. Tería sido mais exacto falar de ¨a separación de Escócia do Reino Unido¨, porque o Reino Unido é unha unión voluntaria das nazóns que o constitúen e cualquer delas pode deixar a Unión cando queira, como fixo a parte da Irlanda que logo se chamou a República da Irlanda e non fixo en cambio a parte de Irlanda, a Irlanda do Norte, que escolleu ficar no Reino Unido. No último referendo que houbo na Escócia os escoceses votaron por seguir no Reino Unido e non escolleron a opción de xuntarse mais coa Unión Europeia. É lexítimo afirmar que o Reino Unido estaba na UE cando votaron daquela e que agora iso mudou, mas tampouco se sabe como se van sentir os escoceses se teñen que escoller entre un Reino Unido independente e a Unión Europeia.

Ábrense grandes incógnitas, mas do que non poder haber dúbida é de que o Reino Unido foi valente e ¨irracional¨, como din agora muitos dos que non poden crer que tal cousa sucedese, e escolleu democracia, independencia, liberdade e responsabilizarse dos seus asuntos e o seu destino. Elexiu sair do que sempre sentiu como unha camisa de forza para abrirse ao mundo, ainda sabendo que nada garante que lle vaia ir ben. Un país comerciante, negociante e moi consciente do valor do diñeiro escolleu a liberdade por cima do diñeiro e non fixo caso do ¨mercado¨. E o de que o voto do Brexit fose mais forte nos sitios que mais fundos recebían da UE proba que a xente prefire que haxa traballo a que lle regalen diñeiro.

O que dixeron todos os comentaristas que estaban seguindo a votación do referendo nun programa da BBC, cando se soubo o resultado arredor das cinco da mañá do día vinte e catro e o presentador do programa anunciou: ¨We are out¨ (saímos)¨, foi que era un movimento sísmico e un pontapé aos expertos, os bancos, as elites, a esquerda políticamente correcta, os líderes sindicais que anunciaran que estaban contra o Brexit sen escutar aos membros dos sindicatos que lideraban e a todo o establishment.

Pode que a saída da Unión Europeia traia muita incertidume e dificuldade e nada garante que o resultado sexa bon, mas tampouco é como se a escolla fose entre a estabilidade e seguranza nun bando e a aventura e o perigo no outro. A Unión Europeia xa está muito fragmentada e cuase non funciona, e non se ve que poda funcionar mellor. Nestes momentos saír dela é como saír dun barco que colle água por todas partes e no que xa non se dan tapado os buracos. E iso sucede nun marco mundial no que tudo indica que está terminando, ou xa terminou, a época da globalización e está comezando unha revolución industrial tan forte como a primeira, que mudará todas as pezas e traerá turbulencia e grandes mudanzas económicas, sociais e de todo tipo. Iso explica que algo que en principio tería que ser un episodio sen importancia a nível mundial, como é o de que un membro da UE queira sair dela, teña repercusións tan grandes e provoque tanto interese e sobresalto.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *