Homenaxe a Jean-Paul Sartre (IV)

Homenaxe a Jean-Paul Sartre (IV)

0 comentários 🕔11:31, 07.Jul 2016

Este traballo só ten un dedicando, Luís Gonçales Blasco
«Foz»

Nos meus arquivos estaban estas traducións que quería publicar o pasado 2015 como homenaxe a Jean–Paul Sartre, aproveitando que se cumprían tanto 25 anos do seu pasamento como os 110 de que nacera. É dicir, facer un pouco de «literatura mortuoria», en certa maneira. O arquivo perdeuse polo disco duro e só foi hai uns meses (en maio pasado) que un ex-compañeiro de traballo, experto nestas cousas da tecnoloxía, recuperou diversos arquivos perdidos no disco duro do meu ordenador. O «texto» fica tal como fora escrito hai xa máis dun ano, e como non se produciron «novidades» no asunto, que eu saiba, como tal o publicamos.

IV

ORESTES E A CIDADE

As moscas –pola cales entendo aquí: as verdadeiras, as policiais, as que pululan nos xornais subvencionados– zoaron moi forte no verán pasado contra esas outras Moscas, obra cuxo tema é o da Orestíada de Esquilo e que acaba de ser reposta no Théâtre de la Cité.
Con efecto, a sorte era excelente, pois nesa obra –con cuxa forza non ser vira ningunha en Francia desde hai moitos anos– se aborda un problema crucial: o da liberdade como fundamento mesmo do home ou como condición sine qua non para que, no sentido estrito da palabra, haxa Ӻhumanidade».
Inútil lembrar aquí, como non sexa nunhas poucas palabras, o tema da Orestíada: tras o asasinato de Agamenón, rei de Argos e de Micenas, a mans da súa esposa, Clitemnestra, secundada polo seu amante Existo, Oreste, fillo de Agamenón, axudado pola súa irmá, Electra, a quen os dous asasinos reduciron á escravitude, mátaos e libra ao mesmo tempo a Argos da súa tiranía; refuxiado en Atenas e protexido por Apolo e por Minerva, Orestes fai a paz coas Erinias, que o perseguían como encargadas polos deuses de vingar o sangue materno.
Da Orestíada tomou As Moscas o tema central: castigo de Clitemnestra e de Existo por parte do xove Oreste, quen logo debe enfrontarse ás Erinias, representadas aquí en forma de moscas, insectos efectivamente obsesivos como o poden ser os remorsos. Mais da traxedia antiga ao drama contemporáneo a orientación cambiou completamente: de vítima da fatalidade, Oreste constituíuse en campión da liberdade. Se mata, xa non é impulsado por forzas escuras senón con pleno coñecemento de causa, para facer acto de xustiza e, mediante esa deliberada toma de partido, existir finalmente como home no canto de ser o vago adolescente que as flores da máis fina cultura libraran sinxelamente dos prexuízos comúns sen lle ofrecer ningún medio de alcanzar a virilidade (case pensariamos aquí no asasinato iniciático que, en certas sociedades chamadas «primitivas», está obrigado a realizar o mozo antes de tomar o seu lugar entre os adultos). Se Oreste respecta as Erinias, xa non é debido ao desenvolvemento dun ritual e dun procedemento senón porque, ao asumir a total responsabilidade do seu acto, non debe ter remorsos e pode presentarse co fronte erguido perante esas sereas, ás que se nos mostra terríbeis e á vez cargadas de toda a sedución que, para os débiles, teñen deleitación morosa e autoacusación.
Ao rigor da actitude de Oreste oponse a inconsistencia da disposición de Electra, vehemente e sacrílega mais que, incapaz de saír do círculo pasional, de escapar ao ciclo de rancores familiares, aparece confinada entre o erotismo e unha especie de contra-relixiosidade que en suma non é máis que unha piedade á inversa e, xa que logo, se sitúa aínda no campo da relixión. Rillada polo odio, como a xente de Argos o esta polo medo, Electra, que por falta de lucidez e de valor non actuou libremente –no que se semella á súa nai Clitemnestra tanto como se lle parece no físico– , será vítima do remorso e só escapará ás Erinias mediante o arrepentimento, chegando mesmo a renegar da furia que a animaba cando incitou a seu irmán a cobrar vinganza.
A estas achegas enteiramente novas ao tema clásico da Orestíada é preciso xuntar a conduta do Oreste d’As Moscas respecto ao pobo ao que librou dos seus tiranos. Mentres que ao final da Orestíada Oreste volve a Micenas para tomar posesión do herdo paterno, n’As Moscas Oreste négase a reinar e abandona a súa cidade natal sen intención de volver, arrastrando tras de si á moscas ou Erinias que infestaban a cidade.
Á pasividade de Existo (tan canso do seu poder, tan abafado pola repugnancia, que por si mesmo se ofrece, en calidade de vítima sacrifical, ao puñal do asasino) oponse, como o que vive ao que xa está morto, a actividade do mozo Oreste. Con efecto, a tiranía encerra a Existo nun círculo vicioso: converteuse en asasino por amor á orde, para que a orde reine por el; mais cedo resulta que esa orde é tan só a rede de crenzas e de ritos que el mesmo debe crear para se facer temer dos demais, para lles facer compartir a súa conciencia culpábel; finalmente, como o propio Existo di, é vítima da imaxe de si mesmo que impón aos seus súbditos. Nel xa todo é medo: medo dos espectros que el mesmo inventou para aterrorizar aos outros mediante esas personificacións dos seus remorsos, medo de que soe a hora en que xa non infunda medo de abondo, medo do baleiro que sente dentro súa.
Ao contrario de Existo, Oreste comete un crime que non lle produce remorsos e lle confire certa plenitude, xa que para el non se trata nin de vinganza nin de ambición persoal, senón dun acto realizado libremente e encamiñado a castigar á parella que matiña na abxección á colectividade na que el quería introducirse. No canto de esmagar, como Existo, ao próximo baixo o peso dun remorso polo que primeiro sería esmagado el, no canto de ter odio cara a si mesmo e polo tanto odio cara aos demais, libéraos e encontra mo seu lugar e a súa función cargando sobre o seu propio lombo, co sangue do que non vacilou en se lixar, toda a culpabilidade latente da sociedade. De maneira que os libera por partida dupla: por un lado, ao suprimir ao seu tirano e ensinándolles que a natureza humana é liberdade; polo outro, desempeñando o papel de bode expiatorio sobre o que os outros poden descargar os seus pecados (no propio horror con que revisten a imaxe dese asasino sen remorsos) ou, pola contra, o dun chamán curandeiro cuxo pode se apoia no feito de ser o único con aptitudes para levar sobre si, sen sucumbir, o demo que causaba a doenza.
Rebelde contra o poder espiritual que representa un deus cauteloso e o poder temporal que encarna Existo o militarote, o acto de afirmación de si realizado por Oreste fai as veces de revolución. Tan afastado do cómodo escepticismo, que deita da súa cultura humanista e liberal, como da rebeldía elemental de Electra, que non é máis que desenfreo cego, desdeñoso por igual ante a vida demasiado fácil que se leva nunha cidade como Corinto e a devoción tremente aos mortos en que se compracen os habitantes de Argos, Oreste rompeu o círculo fatal, aplanado o camiño que leva do reino da necesidade ao da liberdade. Mais el non pretende tomar o poder; liberado das cadeas, non necesita encadear. Ademais, non está un xefe necesariamente ligado ao seu pobo por lazos de dependencia recíproca, de maneira que no campo das relacións que implican escravitude pode haber, para quen queira que sexa, verdadeira liberdade? A liberdade que Oreste deixa aos outros é corolario da súa propia liberdade, xa que el non podería imporlles leis sen á vez enganarse el mesmo con elas.
Logo de liberala dese profundo medo que é preciso ter porque «así se é home de ben», Oreste limítase a legar á xente de Argos o seu exemplo: toca a cadaquén actuar como el e dar o salto, perigosamente e pola súa propia decisión debe tomar o árido camiño así inaugurado e ir ao encontro dun ben que non é outro que «o seu ben», o dos homes alleados a si mesmos polo respecto á orde estabelecida: «Non son nin amo nin escravo, Xúpiter. Son a miña liberdade», di Oreste, quen declara máis ou menos que «cada home debe inventar o seu camiño». Revelada a si mesma polo xesto de Oreste, é posíbel pensar que, no canto de ser un conglomerado de amos e de escravos, a cidade de Argos transformarase nunha asociación de homes xa conscientes das súas responsabilidades e que, emancipados tanto do xugo relixioso como do xugo político, se manteñen á súa propia altura, por enriba da felicidade e da desesperanza.
Esa é, a grande trazos, a enorme lección moral que ao parecer debe tirarse d’As Moscas no ámbito da cidade.

Sen asinar.
Les lettres françaises, núm. 12, 1943

O texto é do gran Michel Leiris, aínda que, equivocadamente, no volume Les Lettres Françaises, clandestines (París, 1947), foi atribuído a Jean Lescure. Leiris, que pertencera ao grupo surrealista e logo ao Colexio de Socioloxía, con Georges Bataille e Jules Monnerot, coñeceu a Sartre cando o regreso deste de Alemaña e introduciuno nos círculos intelectuais parisienses, sobre todo o de Picasso, xa que a muller de Leiris, Louise, era filla natural da muller do gran marchante do cubismo Daniel-Henry Kahnweiller, xudeu de nación. Cando as leis antixudías do goberno de Pétain, Kanhweiller traspasou a galería a Louise. Louise cambioulle o nome á galería (Galerie Louise Leiris) mais continuou cos representados do seu padrasto, entre eles, claro, Pablo Picasso e engadiu á maioría dos surrealistas. Despois da Liberación, Leiris colaborou un tempo na revista de Sartre Les temps modernes, mais afastouse deste debido aos ataques que se lanzaba desde a revista sobre o seu íntimo amigo Bataille. No entanto, a filosofía de Sartre nunca influíu en Leiris quen, pola súa banda, si influíu Sartre: As palabras débenlle moito a A idade de home do ex-surrealista que nunca renegou do surrealismo. A tradución está tirada da versión publicada en Brisées, París, Gallimard, col. Folio, núm. 1880, 1992. A primeira edición de Brisées é de 1966.

***

Recensións d’As Moscas
NA VITRINA DA LIBRARÍA
Les Mouches, PIÈCE EN TROIS ACTES par Jean-Paul Sartre (N.R.F. éditeur)

Presentada no teatro da Cité por Charles Dullin, esta peza fixo, segundo a expresión corrente, deitar moita tinta. Unha tinta na que había moito fel, especialmente en París. Palabras políticas? Pouco importa…
Despois de a ler, semella que algunhas escenas son dificilmente interpretábeis, que algúns [palabra ilexíbel], algúns desenvolvementos non poden ser realizados como o merecen. Mágoa.
O lector non deixará de apreciar a maneira en que Jean-Paul Sartre escribiu o que el denomina «unha traxedia da liberdade».
Esta maneira non é sempre comprendida facilmente. Mais todo o mundo non pode resignarse a escribir para ser entendido polos traficantes enriquecidos, senón incultos, que enchen nos seus tres cuartos os teatros parisienses.

(sen asinar).
Le Petit Parisien, mércores 8 de decembro de 1943

Maurice Blanchot, de 1933 a 1940, militou nos movementos de extrema dereita que naceran ao abeiro do movemento L’Action Française, de Charles Maurras, á que acusaban de «pouco revolucionaria». Foi redactor do semanario Combat, non confundir co xornal do mesmo nome nacido na Resistencia e do que Albert Camus foi un tempo redactor xefe. Os textos que publicou durante eses sete anos, nunca foron reeditados. Eran textos sobre todo políticos, caracterizados por un anticomunismo, antisemitismo, antiparlamentarismo e anticapitalismo máis ou menos furioso, é dicir, as características de todos os movementos fascistas europeos e non europeos. Textos, por outra banda, nos que mesmo se chegaba a pedir unha rebelión armada contra a Frente Popular. Cando a desfeita de Francia fronte a Alemaña nazi, o escritor Pierre Drieu La Rochelle ofreceulle a secretaria da Nouvelle Revue Française, a gran revista cultural francesa de entreguerras. Mais empecemos polo inicio. Unha vez instalados os alemáns en París, o embaixador alemán, Otto Abetz, que era un gran coñecedor da cultura francesa, decidiu que a revista debía volver publicarse, xa que era unha das grandes «institucións» francesas, mais, iso si, baixo o signo da colaboración. O seu director, Jean Paulhan, un dos primeiros resistentes intelectuais, negouse, polo que a dirección lle foi ofrecida a Drieu La Rochelle, que se fixera fascista despois de coquetear con diversos movementos políticos, entre eles o comunismo. Como dixemos, La Rochelle ofreceulle a Blanchot a secretaria da revista, mais este rexeitou tal posto. Pero se ben non colaborou cos alemáns, entrou a formar parte do movemento das mocidades petainistas, Jeune France, para, desde dentro, intentar facer unha política de resistencia e ao mesmo tempo loitar contra Pétain, cando menos iso é o que afirmou posteriormente o autor de Le livre à venir. Ao mesmo tempo que militaba no movemento petainista, empezou a colaborar como crítico literario no moi colaboracionista e petainista Le Journal des débats politiques e littéraires (véxase: «No centenario de Maurice Blanchot», in XGG, Incitacións, Santiago de Compostela, Ed. Laiovento, 2009, pp. 147-150): foi o inicio da carreira de Blanchot como crítico literario; un inicio que naceu baixo o signo dunha modernidade moderada e acabou por se converter no profeta do terror na crítica literaria. Neste xornal, Blanchot comentou centos de libros, as recensións están recollidas en Chroniques littéraires, París Gallimard, 2007 e, outras, refeitas, no libro Faux Pas, o primeiro volume da autoría de Blanchot, publicado durante a ocupación. Libro recomendado á Gallimard polo resistente e comunista, e segundo marido de Marguerite Duras, Dionys Mascolo. Velaí o que escribía Blanchot, a quen, por outra parte, en Que é a literatura? Sartre denunciara como proveniente da extrema dereita, o que era certo.

CRÓNICA DA VIDA INTELECTUAL
O mito de Oreste

A peza de Jean-Paul Sartre, As Moscas, que é dun valor e unha significacións excepcionais (posta en escena por Charles Dullin, no Théâtre de la Cité. Acaba de ser publicada por Éditions Gallimard), baséase bastante exactamente no mito de Oreste. Coma na traxedia antiga, Oreste volve a Argos, mata a Existo e a súa nai Clitemnestra e por este duplo asasinato entra en conflito coas divindades das represalias, as Erinias. Como a traxedia de Esquilo, a peza de Sartre é a traxedia da liberación ou da liberdade. Hai, con efecto, que lembrarse que o drama grego da Orestíada non é o drama da fatalidade. Sen dúbida, Oreste, presa da engrenaxe da lei do talión, asasina a súa nai para obedecer o deus que non quere deixar impune o asasinato do rei. Oreste é culpábel por obediencia. Non é amo do seu crime. Non é máis que o elo indispensábel na cadea dos crimes. Mais esta violencia que se exerce sobre el e que o conduce á obriga absurda de matar a súa nai para vingar a seu pai, non é en Esquilo nin o centro das «Coéforas» nin mesmo o das «Euménides». O xove xusticeiro, perante esta situación insolúbel que, faga o que faga, se absteña ou mate, o transforma en culpábel, non se lamenta do seu inmerecido destino. Sométese a el e acéptao. Todo o drama das «Coéforas», a preparación do crime, o chamamento do fillo a seu pai non significa senón o consentimento cada vez máis profundo do acto sanguento da vinganza, o esforzo de Oreste para se cambiar el mesmo nesta noite do mal e do horror que representa a morte de Agamenón, en suma, a vontade de Oreste de devir inferior á súa propia fatalidade. O drama grego non é o drama persoal do heroe cuxo desexo se enfronta a unha orde cega e indiscutíbel. Ilustra o paso dun mundo a outro, do mundo das divindades subterráneas ao dos deuses do día, das sombras poderosas do medo e do sangue que desgarran o home aos poderes superiores cuxa soberaneidade supón co home unha verdadeira unión subxectiva. Que acontece despois do matricidio ordenado por Apolo? Sen ter en consideración a orde divina, as cadelas da vinganza lánzanse sobre o culpábel; Apolo toma partido polo seu cliente; protéxeo mediante astucias, logo, como é necesario que o asunto se solucione non mediante estratexia, senón mediante un xuízo definitivo, a causa finalmente é convocada diante dun tribunal no que os novos e os antigos deuses se enfrontan. A sentenza restitúe a Oreste a súa inocencia, pero máis aínda consagra o novo poder dos novos deuses, confirma a súa amizade co home e anuncia un novo equilibrio que a submisión aos poderes da noite xa non ameaza con romper.
É por tanto a traxedia da liberación que evoca o mito de Oreste, a liberación do Ben a respecto do Mal, os homes dos deuses a respecto da inflexibilidade das leis, dos valores da xustiza viril fronte ás inextricábeis escuridades da filiación, e é tamén o tema da aurora, do advento, unha mensaxe que, pola proba do crime, do crime impulsado até o fin, fai presentir a posibilidade para o home dunha inocencia nova. Hai, seica, acordo suficiente entre o sentido que Sartre quere introducir no mito antigo e os símbolos tradicionais que se lle atribúen. Este acordo é un dos valores da peza. A situación que o autor moderno quixo representar e que é, en moitos aspectos, completamente estraña ás realidades antigas, cadra de marabillas non soamente co esquema, senón cos temas que a tradición nos transmitiu. Se, en certos momentos, se percibe unha disonancia entre a obra e o mito en cuxo interior resoa, esta ruptura, que por outra parte probabelmente foi desexada polo escritor, non provén da ausencia dunha unidade inicial, dunha adaptación superficial dos temas, novos á historia lendaria, senón pola contra á coincidencia extraordinaria que permitiu confluír, cun mínimo de cambios, un pensamento completamente novo e a verdade antiga, que fai, a continuación, máis sensíbeis os desacordos e as diferenzas de expresión.
En As moscas, como nas pezas de Esquilo, a antiga orde está representada polo reinado das Erinias. Despois do asasinato de Agamenón, a cidade de Argos conságrase aos remorsos. Foi cómplice do crime que sancionou e entregouse, nunha febre bestial, ao horror dun pasado co que non quere xa romper. Todo é agora crime, pensamento de crime, inquietude, asfixiante expiación. O medo é soberano. As moscas, especie de redución homeopática das Furias, non cesan de fungar por riba deste osario monumental. Os mortos mandan. Cando menos unha vez ao ano apodéranse dos vivos e, saídos das súas profundidades inferiores, espertan mediante a ilusión das súas represalias o desexo de servidume que mantén a orde popular. O poder real, o poder sacerdotal, o poder divino están de acordo para garantir a soberaneidade das forzas da noite. Toda unha cidade podrece baixo a fatalidade da lembranza. É entón que aparece Oreste. Oreste, consonte á lenda, é estraño a esta memoria infestada do crime, foi educado lonxe dos seus, non tomou parte nin nos rancores que rillan á súa irmá Electra nin nas cerimonias cómplices que prolongan a culpa polo remorso. É o inocente, mais o inocente pasivo e inconstante de algo que non existe. Está, dalgunha maneira, fóra do mundo, e se vén a Argos é para vincular ás condicións da súa existencia. Naturalmente, sente pola usurpación Existo, pola abxección do reino das Moscas, un noxo que o conduce a se indignar, que o compromete a veleidades de acción, mais o seu noxo só é un movemento psicoloxicamente sen valor, e as súas tentativas fracasan diante da indiferenza desgraciada á que se sente condenado pola súa natureza estranxeira. Non obstante, mata a Existo e mata a Clitemnestra. Comete o duplo crime fatal. Mídese, tamén, coa lei inviolábel da maldición e do castigo. É nese momento, despois do espectáculo da súa cidade entregada sordidamente aos mortos; durante os vans debates que o opoñen á súa irmá, coa que non pode compartir fondamente o espírito de vinganza, mentres que el se perde entre as dúbidas e o lixeiro desespero da súa natureza aínda irreal, que encontra repentinamente, mediante unha revelación íntima que é unha réplica da revelación exterior dos deuses, un sentimento completamente á parte, que é o de ser libre. É libre e expresa, realiza a súa liberdade cumprindo o acto máis cargado de fatalidades, libérase facéndose responsábel. No crime, dáse a posibilidade de ser verdadeiramente inocente. Libera os outros asumindo sobre el o castigo das Erinias e privándoo do seu valor de dereito para non deixarlle máis que unha realidade de feito.
É necesario considerar máis precisamente o que significa esta situación de Oreste. A liberdade, da que é mensaxeiro fronte á orde antiga, exprésase baixo tres formas que todas as tres son necesarias para a súa realización. Primeiramente, Oreste descubre que é libre en si mesmo. Deste descubrimento –que a expresión teatral dificilmente pode traducir– non ten que dar xustificacións. Oreste encontra a liberdade ao mesmo tempo que a existencia e ambas son a absoluta gratuidade, o baleiro; maniféstanse nunha experiencia extremadamente pesada que A náusea describiu, mais que o movemento da peza só deixa entrever. É aí que Oreste, desta liberdade completamente interior, apresurouse a pasar á liberdade dun acto, dun acto que sería a garantía e o fundamento, se o abismo puidese ser algunha vez garantido. O sentido do seu duplo homicidio é que só pode ser verdadeiramente libre mediante a confrontación cunha acción que acepta e soporta todo o que ela ten de insoportábel nas súas consecuencias. Pódese estar tentado de comparar o xesto de Oreste co crime gratuíto de Lafcadio (4). En realidade, só existe gratuidade na consciencia do baleiro; liberada de todo onde o acto ten a súa orixe. O heroe reivindica toda a responsabilidade do que fixo; para el, o acto perténcelle absolutamente; el é este acto que é tamén a súa existencia e a súa liberdade. Non obstante, esta liberdade non é aínda completa. Non somos libres se só somos libres nosoutros, porque o feito da liberdade está ligado á revelación da existencia no mundo, Oreste non debe, xa que logo, soamente destruír para si mesmo a lei do remorso, debe abolila para os outros e establecer mediante a soa manifestación da súa liberdade, unha orde na que desaparezan as represalias interiores e as lexións da xustiza medorenta.
O encontro de Oreste e das Erinias é un dos momentos máis notábeis da peza. Como nas “Euménides”, o mozo achou asilo xunto á estatua de Apolo. Durmiuse baixo esta protección ilusoria e as divindades perversas, monstros que alimentan a súa vinganza polo sono, dormen tamén á espera desta presa que lles reserva unha recompensa magnífica. Estas potencias son aínda máis elementais que as antigas Furias. De realidade só teñen o terror e se liberan sobre un fondo baleiro de angustia. En presenza do heroe da liberdade, que poder teñen? Sería infantil acreditar que co seu terríbel asasinato se liberaría de todo, que libre de remorso e continuando a desexar o que fixo mesmo despois de facelo, ficou liberado do seu acto e estraño ás súas consecuencias. É pola contra agora que vai sondar o sorprendente abismo do horror, do medo nu que non agachan xa as crenzas dogmáticas, da existencia núa, libre, pura das supersticións indulxentes. Que é o reino das Moscas? É o rescate mediante o cal os homes, incapaces de aturaren o horríbel, o cambian contra un sentimento de remorso; é o mercado abxecto que os conduce, na esperanza de seren liberados, a estaren satisfeitos, a non se aceptaren xa eles mesmos, a transformaren o movemento do tempo nunha perpetua recaída do pasado sobre si. É este rescate do horríbel polo remorso que Oreste rexeitou. É libre, a reconciliación co esquecemento e o descanso non lle está xa permitida, de agora en adiante non pode senón ser asociado á desesperación, á soidade ou ao noxo. A grandeza do heroe libre non é, xa que logo, ser liberado das incomodidades das outras leis ou, grazas ás negacións do humanismo escéptico, acceder tranquilamente ao mal, senón é ser excluído de todos os consolos e de todos os falsos pretextos e cargado co peso máis pesado que é a inocencia no mal. Cando ao final da peza Oreste abandona o asilo de Apolo, seguido polas Erinias que o perseguen ouveando, sabemos que a súa existencia será a partir de agora a dun home que deberá vivir colocándose ao nivel do horror, ao que lle quitou toda lei e toda significación, mais non toda realidade. Porque a súa tarefa non é abolir a angustia por un vínculo máis puro, o da liberdade, substituír ás Erinias, deusas da vinganza, logo do remorso, as Erinias que só reinan nun ceo baleiro.
Un dos temas de As moscas é que non abonda que un home se saiba libre para que todos os outros o sexan. A orde e os deuses morren desde o momento en que un só home empurrou a súa consumación até o termo da liberdade. Tal é a verdadeira razón pola que o libre crime de Oreste libera os seus compatriotas e ten para os outros o mesmo sentido que para el. Para comprendermos a autenticidade deste tema, hai que lembrarse de que Dostoievski deu en Os Posuídos unha interpretación case que idéntica. Que quere Kirilov? Quere matarse para afirmar a súa liberdade, e sabe que ao se matar vai rescatar os homes da mentira do antigo deus e da maldición do medo. «O home, di, foi sempre pobre e infeliz porque temeu realizar a forma suprema da súa vontade (a súa independencia)… Mais eu proclamarei a miña vontade… Só isto salvará os homes e transformaraos psiquicamente a partir da seguinte xeración… Mátome para probar a miña insubordinación e a miña liberdade nova». Tamén Kirilov descubriu que era libre. Mais, como Oreste, sabe que esta liberdade só pode ser realizada por un acto paradoxal do que debe aceptar todas as consecuencias, e sabe que esta liberdade afirmada completamente por el propio vai converterse en liberdade para outros e liberdade de outros. «Só un debe matarse, o primeiro; senón, quen empezaría e que probaría? Son eu que me matarei para empezar me probar». Igualmente, Oreste só pode acadar a liberdade mediante o crime, mais este acto monstruoso permite o desgarro do ceo e diante do baleiro que revela, deixa ao home libre e só consigo mesmo.
Neste sentido, a gran forza tráxica de As Moscas debería ser o seu valor de sacrilexio. Oreste é o heroe prodixioso, é dicir, un home que decidiu atacar o sagrado, pesar audazmente na súa balanza o mundo superior. A súa existencia é unha culpa, un pecado permanentes. Podémonos preguntarnos por que esta impresión de sacrilexio falla na peza cando debería sostela. É porque Sartre deu unha expresión paródica do mundo dos deuses e dos remorsos ou ben non levou bastante lonxe a abxección que narra? Semella que a orde amañada é a de Xúpiter e de Existo, baseada na hipocrisía e a explotación groseira da credulidade, sexa tan mediocre e tan mesquiña que non poda ter como adversario senón a sombra dun racionalista e non a dun heroe nin dun home. Á grandeza de Oreste fáltalle ser impía contra unha piedade verdadeira, aldraxar deuses que sexan verdadeiramente deuses e provocar o afundimento dun mundo titanesco que a súa liberdade poderá destruír xustamente porque non é nada

Maurice Blanchot
Le Journal des Debats politiques et littéraires, 22 de xullo de 1943.

***

AS MOSCAS por Jean-Paul Sartre

AJean-Paul Sartre 1967 publicación d’As Moscas é oportuna. Sábese que un texto escrito para o teatro está feito para ser interpretado e que o espectador é o único xuíz. É necesario que olle e escoite. Entre os espectadores atentos, sen relación nin ambición no mundo do teatro, somos moitos os que pensamos que certo número de críticos non ollaron nin escoitaron. Como asombrarnos se dan signos de inquietude pola súa publicación? Fronte ao texto publicado é menos fácil a hipocrisía. O público ten nas mans as pezas do proceso. Ollémolas con el.
Primeiramente, no teatro como na lectura salta á vista que o crítico equivocouse ao procurar o tema d’As Moscas no carácter de Oreste. No «estado de espírito» de Electra ou na famosa vinganza dos orfos. Non hai moita psicolóxica en Esquilo ou mesmo en Sófocles e non é a intriga, tirada de lendas coñecidas por todos, que podía vincular os seus espectadores. Os Gregos fundaron un teatro que está feito para mostrar un heroe en situación tráxica, é dicir, unha liberdade en perigo. «Outra Electra máis?», di o crítico. Por que non, se as lendas gregas son o mellor guión para un drama da liberdade?
Velaí unha palabra que figura máis de dez veces na peza e ningunha na maior parte das recensións que se lle dedicaron. Non ten, xa que logo, valor dramático? Pódese acreditar, e o propio Oreste acredítao durante moito tempo, que ser libre é non comprometerse en ningunha parte. Sen patria, sen familia, informado polo Pedagogo e polas viaxes da relatividade dos costumes, Oreste flota no ar, impalpábel, sen convicción, dispoñíbel. Chega un momento, porén, en que está canso desta liberdade. Gustaría existir de verdade, sentir a terra baixo os seus pés, contar entre os homes. Vai, por tanto, a renunciar á súa liberdade, volver á súa raza maldita, retomar pola súa conta a vella herdanza criminal dos Átridas? Cando non se quere xa estar dispoñíbel, só se pode servir á Orde? É aquí que Oreste descubre un terceiro camiño, entre a liberdade da indiferenza e a fatalidade das tradicións. Matará a Existo e matará á súa nai, converterase nun home de Argos, todo o mundo saberá que é el. Non se é libre cando non se é nada, ése libre cando se escolle ser. Oreste comprometerase. Mais non a medias, como Electra, na humillación e na envexa. Os homes ordinarios só queren a metade do que fan, non son dunha peza, non son nunca o seu acto, están divididos de si mesmos, ódianse, non intentan vivir, son cómplices da morte, escondéndose na Orde, no remorso e baixo a protección dos deuses porque teñen medo da liberdade e só queren dimitir de si mesmos; mentres que, pola contra, un home quere verdadeiramente o que fai, que actúe sen reservas –as paixóns as leis e os deuses son impotentes contra a fidelidade a si mesmo, o amor de si e a vida. Oreste racha o vello ciclo pasional no momento en que semella entrar nel. E non o racha para el só. Porque o seu crime é un crime puro e procede da liberdade, só vai cara á liberdade. Oreste non mata para reinar, mata para dar aos habitantes de Argos a coraxe de vivir. Mais este acto exemplar é o único don que el pode entregarlles. Ninguén pode no seu lugar tomar partido pola vida e cada home está só nesta tentativa. Mesmo se Electra seguise a Oreste até o fin do crime, cada un deles sentiríase pola súa parte responsábel. Hai, pois, en todos os casos «lembranzas que non se comparten». Cando Oreste é invadido pola verdadeira liberdade, abandónano unha certa facilidade, unha certa felicidade animal –precisamente esa paz que os homes procuran na terra e nos mortos, no esquecemento da súa propia novidade e da súa propia vida. Unha vez tomada a decisión, sente que a súa mocidade fuxiu del ou, máis ben, a súa infancia. Ten frío. A liberdade é contra natura, rebate no home as forzas que tenden ao repouso, sepárao violentamente do mundo en que todas as cousas van ao seu fin, a planta cara á forma da planta, a colleita cara á forma da colleita. Toda a Creación, como di Xúpiter na sublime escena do último acto, está contra Oreste. Ademais, a súa propia carne está contra el. Pensas que esquecerei a cara da nosa nai, di a Electra. Erguido contra as doces forzas que o convidan ao sono, o home libre é como un defecto no diamante do mundo, como unha acha na carne da natureza. É torpe, xesticulante e sen apoio na superficie do mundo perfecto. Mais é así. A inocencia e a graza da natureza son imposíbeis no home. Se non é libre, será escravo das paixóns e dos remorsos. É preciso, xa que logo, querer o home libre. Tal é o patético d’As Moscas. Os naturalistas e Dostoievski, que un crítico acha debe nomear, non existiron evidentemente para nada. Ten as súas cartas de nobreza. É se se quere. Socrates rexeitando fuxir e probando a súa liberdade ao prezo da súa vida, ou o conde Mosca n’A Cartuxa probando a súa liberdade contra a vertixe dos celos. O prexuízo é para el, que non entende este patético.
Como comprendermos finalmente a representación se non se comprende nada dun drama? Nunha moi fermosa escena do segundo acto, o Gran Sacerdote chama aos Mortos que, unha vez ao ano, se esparexen pola cidade a acompañar aos vivos. A posta en escena concíbese na Cidade no estilo das cerimonias negras. E o crítico ri: é unha retrospectiva da arte negra, é a estética de 1925. Esquece que as cerimonias negras non datan de 1925, que continúan a celebrarse en país negro, que están por todas as partes, até nos nosos costumes, e que sen dúbida existían en Argos. Non é necesario ser «realista», abonda pararse unha hora en Tebas, por exemplo, no estupor dun serán de agosto, despois de sentir riba de nós as armas do sol, lembrarse da sucidade, o cheiro e as moscas do mercado, para comprendermos de repente, como o vira Nietszche, sobre que fondo de terror e de crueldade os Gregos fixeron aparecer a liberdade. Despois disto que un crítico fale de cloaca e compare Sartre a Zola, –consolaranos lembrando que en 1905 outro crítico trataba a Cézanne de «vendimador bébedo».
Mais, por ser frecuentes e moi coñecidos os fallos da crítica, non por iso deixa de pór unha pregunta. Como pode a obra darse un publico que o crítico quixera rexeitarlle? Cómpre acreditarmos que hai por riba da cabeza do crítico «cultivado» unha feliz complicidade entre o escritor sincero e o espectador inxenuo. Unha certa cultura menor –habilidade, ben dicir, vivacidade de pluma– non predispón a comprender e, pola contra, o espectador que se presta ao drama pode «percibir» a grandeza dun tema e alcanzar de golpe as intencións do escritor.

Maurice Merleau-Ponty

Esta recensión d’As Moscas, de Sartre apareceu na revista Confluences, de Lyon, no número 25, correspondente a setembro-outubro 1943, pp. 514-516. Confluences era unha revista de «oposición» que se publicaba na zona non-ocupada de Francia e na que colaboraban, maiormente, nomes ligados dunha ou outra maneira á resistencia, aínda que tamén colaboraban escritores ligados ao goberno do xeneral Pétain. Como comprobará o lector, a recensión de Merleau-Ponty aparece a raíz da publicación do libro, non representación da obra, á vez que lles dá un «repaso» ás críticas aparecidas nos xornais a raíz da representación da obra e tamén ao propio Blanchot. Por outra parte, non imos ser tan pedantes como para presentar Merleau-Ponty ao lector galego, nin a ninguén. E menos aínda falar das relacións/rupturas entre este e o noso autor, relacións e ruptura que encheron miles de páxinas, as máis penosas de todas escritas por Simone de Beauvoir (ver Sartre versus Merleau-Ponty, Buenos Aires, Ed. Siglo Veinte, 1963). Sobre as «causas» da ruptura entre os dous filósofos, amigos desde a mocidade: As cartas da ruptura.

NOTA
(4) Personaxe, protagonista (sic), de Les caves du Vaticain, de André Gide.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a foto de Jean-Paul Sartre procede da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *