Andrea Fraser: a crítica institucional desde a psicanálise e o feminismo

Andrea Fraser: a crítica institucional desde a psicanálise e o feminismo

0 comentários 🕔13:30, 11.Jul 2016

Que move aos galeristas a favorecer un determinado tipo de artista? Que criterios imperan no quefacer dos museos para comprar ou exhibir unhas obras concretas? Que intereses e visións da realidade dirixen a produción dos artistas? A estas preguntas trata de responder Andrea Fraser, muller e crítica. Son tan fortes estes pecados que non se lle poden perdoar?

Lito Caramés

Andrea Fraser. Que lle pedimos á arte?
O Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA) aposta este ano 2016 polas mostras temporais reivindicativas. Non é a primeira vez, desde logo, pero ao pé da exposición PUNK. Els Rastres en l’Art Contemporani, que tan ben recolle a rebeldía dos anos 70, instalaron agora outras dúas que converxen na mesma dirección. Desde hai un mes é doado contemplar nas salas do MACBA unha mostra excepcional. A orixinalidade radica en que as creacións audiovisuais non teñen por obxectivo a pescuda da beleza ou a persoal interpretación da realidade. Non. Trátase dunhas 30 obras, mormente con formato de vídeo, que percorren os traballos e as propostas de crítica institucional que a artista e teórica e profesora de arte, Andrea Fraser, ofrece baixo o epígrafe L’1%, c’est moi, título con evidentes referencias á frase de Luís XIV (L’Etat c’est moi). Aquí un percorrido polas salas, con declaracións da propia artista. Vendo os intereses e o resultado das indagacións de Andrea Fraser pódese concluír que o compromiso venlle de anos atrás; de certo dos artigos que a tamén profesora Linda Nochlin escribía polos anos 70, cheos de ácida ironía e denuncia. E tamén da militancia de tantas e tantas feministas, e da teima coa que traballaron ao longo das últimas décadas mulleres como María Lassnig, Carol Rama, Louise Bourgeois, Cindy Sherman ou Kiki Smith.
A exposición L’1%, c’est moi está organizada e producida polo propio Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA), xuntamente co Museo Universitario de Arte Contemporáneo, de Ciudad de México (MUAC). Os comisarios da mesma son Hiuwai Chu, comisaria asociada do MACBA e coordinadora para as exposicións de fotografía e de artes visuais da Columbia University, e Cuauhtémoc Medina, investigador do Instituto de Investigaciones Estéticas da Universidad Nacional Autónoma de México e Comisario Asociado de Arte Latinoamericana para as Coleccións da Tate Gallery (London).
É doado que un museo de arte contemporánea exhiba nas súas tripas a crítica á súa propia existencia. Moito se ten dito e escrito sobre a oportunidade dos museos de arte contemporánea. Se o obxectivo prioritario de calquera museo é conservar, a arte contemporánea debe estar aínda fóra dos muros de tales institucións. Ou haberá intencionalidades non declaradas na organización desta mostra?: o MACBA non só enfaixa as pezas coetáneas nosas, senón que tamén pretende pechar as críticas que á súa misión e funcionamento se fan. Que dirá a todo isto o Consello Internacional de Museos (ICOM)?

A. Fraser.Four Posters,The Most Important in the World.1983

Fraser. Four Posters. The Most Important in the World. 1983

L’Etat c’est moi. Trinta anos de indagacións
Andrea Fraser comezou a súa dedicación ás performances en Nova York, xa hai tres décadas, e sempre procura reverter as súas creacións cara o mundo interior da propia arte, os conflitos que xera e o rol que lle pertence aos axentes do ámbito artístico: que move aos coleccionistas e galeristas a favorecer un determinado tipo de artista?, que criterios imperan no quefacer dos directores de museos e dos seus propietarios para optar por comprar e/ou exhibir unhas obras precisas?, que intereses e visións da realidade dirixen a produción dos artistas? Fraser recoñeceu en Barcelona que nos seus periplos influíronlle moito a psicanálise, as teorías do sociólogo francés Bourdieu, o compromiso de Bertolt Brecht e a súa militancia feminista. Bourdieu, como teórico de socioloxía, acuña dous conceptos novos, o habitus e o campo, que usará logo Fraser na súa praxe na área artística. O primeiro son as maneiras de pensar e actuar que veñen provocadas pola posición que unha persoa ocupa na estrutura social na que vive; e campo é o ámbito social que se crea arredor de áreas sociais como a ciencia, a política, a arte. Hai axentes, donos de habitus, que compiten polos valores materiais e simbólicos de cada campo; este axentes contenden nos campos sociais e así reproducen as estruturas sociais (ás veces tamén as transforman). E esta contribución teórica aplicaraa Bourdieu principalmente á crítica da cultura, da que chega a dicir que as diferenciacións culturais que o poder se encarga de establecer son un xeito máis de dominación. Todo este xogo social, de recursos, de segmentacións do prestixio social, está perfectamente reflectido nas performances provocadoras e críticas de Andrea Fraser. Cómpre non esquecer que os museos -por exemplo, aínda que non exclusivamente- son elaboradores de discursos ideoloxizados. Segundo de que materia se encargue a institución, un museo de historia confecciona a Historia Oficial que se ten que ter do pasado, ou que Historia Nacional é a correcta; e no caso da arte, que estilos artísticos e tendencias son as que se sacralizan. Terá moito que ver nisto o Consello Internacional de Museos?
Que lle pedimos á arte? Esa é a pregunta que se fai de xeito xeral a artista e estudosa tanto para que os visitantes comprendan o contido desta exposición (L’1%, c’est moi) como para usala de fío condutor nas súas pescudas sobre os museos e sobre o mundo da arte en xeral. Andrea Fraser é artista plástica e profesora de arte, fai por tanto a crítica mordaz e ferinte desde dentro, desde as tripas do mundo artístico: Non se trata de ir contra a institución, nós somos a institución. Trátase de que tipo de institución somos, que valores institucionalizamos, que prácticas se premian e a que clase de premios aspiramos, afirmou con toda claridade Andrea Fraser. Este pronunciamento é decisivo no traballo de Fraser: “a institución somos nós”, por tanto criticar a arte desde a arte, non contra a arte (a crítica institucional é para min unha traxedia, aínda que intento representala como unha farsa, Fraser). Ser crítico coa mercantilización, coa banalización, non comporta buscar a morte da arte. Quen mellor coñece o poder das imaxes son os iconoclastas.

Andrea-Fraser.On Taking a Normal Situation.1993

Fraser. On Taking a Normal Situation. 1993

Four Posters, comezos críticos
Unha das primeiras accións que acometeu Fraser foi elaborar a serie de pezas que titulou Four Posters. A intervención da artista consiste en comprar pósters de obras ben coñecidas da historia da arte occidental na tenda do propio Metropolitan Museum of Art (MET) de Nova York, e logo despois sobrepoñer no mesmo póster, con serigrafía, citas que a propia Fraser atopaba repartidas polas salas das paredes do museo, e que facían referencia concreta á peza reproducida na lámina por riba da que copiaba as frases. Pódese apreciar, por tanto, que se trata dunha intervención sinxela, ata inxenua, que só utiliza materiais, linguaxe, formatos e intencionalidades da mesma institución, do museo mesmo. Semella a simple constatación de como o MET usa as obras como publicidade e como mercancía. U-la crítica institucional?
A crítica consiste en procurar evidenciar a mensaxe que exporta o MET: no museo é doado contemplar algunhas das cousas máis atractivas, as obras de arte máis importantes do mundo. Nun apartado desta reseña insístese na dirección da crítica de Fraser; a crítica da institución desde a institución, a crítica do museo desde os materiais do propio museo. O museo como organización que lexitima a validez do que é e non é estético, e o seu rol de “educador” de masas, de definidor dos gustos estéticos da sociedade. A actuación e a sutileza irónica de Fraser ben se poden apreciar, por exemplo, na peza The Most Important in the World (1984), intervención sobre o póster do cadro de Vermeer Moza con Almofía (1662).

Andrea-Fraser.Museum Hightlights.A Gallery Talk,1989

Fraser. Museum Hightlights. A Gallery Talk. 1989

May I help you?
É moi evidente como se interiorizan os códigos, os xestos e os comportamentos que definen o pertencer e o sentir dunha determinada clase social (…) Tanto se actúo como se dirixo sempre traballo con guións pechados; como se escribise unha partitura (Andrea Fraser).
Estas declaracións de Fraser indican que foi o que pretendeu evidenciar na performance May I Help You? (1991) que está dentro do apartado “É unha exposición bonita, verdade?” no que se inclúen pezas audiovisuais que convidan á reflexión sobre a estratificación social e o condicionante que pode ser a posición de alguén nun ou noutro estrato social para que acceda, ou non, a determinadas manifestacións artísticas (non xa a comprendelas e a integralas no seu vivir). A arte é elitista. May I Help You? examina o funcionamento da arte como lexitimadora de xerarquías sociais. Recolle opinións de artistas, coleccionistas, marchantes; presentouse en 1991, interpretada por actores, na American Fine Arts Co. (Nova York) na exposición Plaster Surrogates, de Allan McCollum; despois adaptouse para que a propia Fraser puidese interpretarla.
En May I Help You? Fraser transfórmase nunha sedutora e elegante vendedora de pinturas dentro dunha galería de arte. Segundo sexan as persoas que entran a observar as obras, a artista dirixirase a eles dun xeito ou de outro buscando en todo os casos lograr vender a peza que teñen diante. Moi interesante a linguaxe refinada que usa, os diferentes modais cos que se relaciona con cadaquén. Acaba asumindo a personalidade de seis personaxes distintas; seis axentes de venda que varían as súas técnicas segundo o potencial comprador que teñen diante. Queda en evidencia a variación de códigos e comportamentos que catalogan os roles sociais, a mercantilización da arte e tamén a preparación das actuacións que efectúa Fraser.

Andrea-Fraser.Little Frank and his Carp.2001

Fraser. Little Frank and his Carp. 2001

Little Frank and his Carp
Outras obras recollidas agora no MACBA van por vieiros similares. En 1997, Andrea Fraser efectuou a happening Inaugural Speech, dentro da inauguración do inSITE97 (un encontro internacional que se celebra periodicamente entre San Diego e Tijuana). Despois de tomaren a palabra as autoridades pertinentes, organizadores das mostras artísticas e mais dos políticos locais e departamentais (seica isto acontece en calquera lugar do planeta), tomou a palabra Andrea Fraser. Comezou actuando como artista, dando as grazas aos organizadores por ter realizado tan bo traballo, e logo pasou a asumir os roles dun comisario artístico, dun membro da xunta de goberno do museo, dun funcionario, para rematar representando a un patrocinador empresarial. Deste xeito vai creando contradicións entre as diversas formas de achegamento ao mundo artístico. No seu parlamento (que se pode ver aquí) pasa por espirse completamente diante daquela distinguida concorrencia, sen deixar por iso de continuar co seu elaborado e culto discurso.
Para máis ilustrar este xeito de crítica, está a peza audiovisual Official Welcome, que foi, por contra, un encargo que a MICA Foundation (institución radicada en Baltimore e dedicada á promoción educacional de artistas e deseñadores para a súa incorporación á sociedade do estado de Maryland) lle fixo directamente. A súa primeira representación aconteceu en 2001, diante dos invitados e a recepción oficial na casa privada dos promotores da fundación. O proceso segue algúns riscos que asemellan a performance á anterior. Comeza dando as grazas aos mecenas, para logo encarnar nove artistas diferentes que van acompañados dos seus respectivos protectores. O resultado non defrauda.
Insistindo na súa laboura de furafollas do mundo artístico, sen deixar ningunha área sen explorar e someter a crítica, é de exemplar interese a performance Little Frank and His Carp, 2001. Neste caso Andrea Fraser entra no Museo Guggenheim de Bilbao e faise cunha audioguía das que facilita o museo para seguir as explicacións. Toda a intervención foi gravada con cámaras ocultas. O resultado é que Fraser, audioguía pegada á orella, pasea pola impoñente arquitectura, admirando precisamente esa arquitectura, e esquecendo as obras de arte que pode haber alí dentro. No vídeo compróbase como Fraser acaba tan emocionada coa arquitectura que percorre o mármore dunha columna como se fose un corpo, ergue o vestido e remata por ter case case unha relación sexual cos materiais que Frank Gehry escolleu para o interior do museo. Como complemento o sorprendido público que a aquela hora entra no Guggenheim. Por descontado a ironía e o sarcasmo de Fraser alcanzan, neste caso, aos arquitectos estrela e os museos espectáculo, que para nada teñen en conta os intereses dos artistas para expoñer alí as súas obras. O título, Little Frank and his Carp, fala por si mesmo. Nos seus estudos e prácticas (como esta de Little Frank and his Carp) Fraser quere deixar claro que os museos -como parte fundamental da institución artística- instrúen seducindo. Instrúen sobre o que é doado coñecer e o que se debe aceptar como san e positivo, e seducen con diversas tácticas (unha delas, as visitas organizadas e guiadas), onde se pautan aqueles valores que as institucións proclaman como “politicamente correctos”.

Andrea-Fraser-Soldadera.2001

Fraser. Soldadeira, 2001

Untitled. 2003
Dixéronse moitas mentiras sobre esta performance, como que o coleccionista pagou 20.000 dólares por participar. Non é certo, pero non revelarei o prezo da obra. O obxectivo é explicitar a relación de explotación entre o coleccionista e a artista. Eu non funcionaba como unha prostituta, senón máis ben como unha pornógrafa ou unha actriz porno e non me preocupaba en absoluto ser explotada polo coleccionista, todo o contrario, eu tamén o estaba explotando a el (Andrea Fraser).
Quizais a peza que provocou máis expectativas de todas as expostas agora no MACBA é a que a propia artista chama Untitled, 2003. E máis cos antecedentes que o MACBA vén de favorecer nos últimos tempos. Hai xusto un ano que o museo viviu un soado escándalo, provocado por un conxunto escultórico no que se presupuña que o rei Juan Carlos I era sodomizado por unha dirixente sindical boliviana. A exhibición desa peza (dentro da exposición La Bèstia i el Sobirá) tivo como consecuencia, primeiro, o peche temporal da exposición, e posteriormente o cese fulminante do director do MACBA, Bartomeu Marí. A obra da artista austríaca Ines Doujak, chámase HC4 Transport e mostra un can sodomizando a unha dirixente mineira boliviana (Domitila Barrios) e esta a un home cunha face similar á de Juan Carlos I. Para algúns críticos Untitled, 2003 é moito máis forte co grupo escultórico de Ines Doujak. Haberá destitucións?
Seguindo na súa liña de análise e denuncia da mercantilización da arte, neste momento de globalización e de dilapidación e de desprezo absoluto polo planeta no que temos que vivir, a artista Andrea Fraser pediulle ao marchante Friedrich Petzel que lle buscara un coleccionista de arte que quixese ter relacións sexuais con ela, e que logo lle comprase a primeira copia do vídeo que saíse desa relación. O vídeo de Untitled, 2003, que agora se pode ver no MACBA, dura unha hora e nel vese (a través dunha cámara fixa, situada na parte alta do cuarto do hotel onde concertaron a cita) o acto sexual que mantiveron Fraser e o coleccionista, íntegro (agás o son): primeiros contactos, felacións, coitos, etc. Esta peza, evidentemente, compara o traballo de algúns artistas, e certas pezas de arte, coa prostitución. Como dixo Fraser na presentación de L’1%, c’est moi moito se esaxerou arredor deste vídeo dunha hora: o prezo que o coleccionista pagou por el, a actitude próxima á dunha prostituta da artista, a inconveniencia de exhibila nun centro público e con acceso libre, …
Á marxe da polémica, a instalación deste happening non provocou polo de agora consecuencias como as que si tivo a mostra hai un ano da peza HC4 Transport. Será porque, nesta ocasión, non se ataca ou ridiculiza a un Borbón? O que si cómpre salientar é a valentía desta muller que racha esquemas e convencionalismos ben pensantes.

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: L’1%, c’est moi
MACBA
ata o 4 de setembro de 2016

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *