Despois do xuízo final

Despois do xuízo final

0 comentários 🕔12:30, 11.Jul 2016

No planeta amañecía. Era a derradeira mañá. Con moito balbordo, a apocalipse estábase a fraguar. Os anxos, coas súas túnicas da cor do lapislázuli, afinaban as trompetas por entre as nubes, dispostos, en cando Deus lles mandase, a anunciar o Xuízo Universal. Sol, lúa e estrelas, mesturáronse en caótica desorde, e nun intre, montouse no espazo a gran coreografía do Xuízo Final.

Xuíz e xurado, estaban representados por unicamente Deus, que, acostumado a mandar, dispuxo sen demora a resurrección en masa dos defuntos.

Ao escoitar o son estridente das trompetas, non lles quedou outra aos mortos que espertar… A moreas, preguiceiros, saíron das tumbas. Eva e Adán, foron os que máis se lamentaron dunha resurrección non desexada e ata dolorosa. Non foi doado volver da nada; e por riba teren que pelexar coma cans co veciño de fochanca pola propiedade deste ou daquel óso, para recompoñer de novas o esqueleto.

- Non vos alegrades de verme? -preguntou Deus aos nosos primeiros pais.

- Pois non!! Díxolle Eva. -Dende o momento en que abrín os ollos, perdiches o control sobre min. Como nai da humanidade, pregunto: que queres agora de nós?

- Xulgarvos! -respondeu Deus.

- Xulgarnos!! -berrou Eva-. Erros e pecados pagámolos xa con creces. Déixanos agora durmir en paz!

- Criatura deslinguada! Respondona! -bramou o Creador- Como te atreves a falarme dun xeito tan irreverente! Xamais consentín que ninguén se me subise ás barbas, e menos unha muller! Podería fulminarte nun intre… aínda que ben mirado, farei algo peor… A ver, vós, os homes! Este xuízo vouno resolver sen máis dilación. Estades arrepentidos dos vosos pecados e xurádesme fidelidade eterna?

- Sii!! -proclamaron eles.

- Pois andando! Tede por certo que dende xa, coñeceredes as ledicias do meu reino! Acabáronse as vosas preocupacións! (engadiu sinalando ás féminas). En canto a vós, Eva, ides saber o que vale un supremo peite… Axiña! Todas de cabeza ao inferno! Dende agora, pertencedes a Lucifer!

As mulleres, guiadas por un heraldo de Luzbel, descenderon ao mundo das sombras. Con valentía, ían dispostas a enfrontarse ao tan cacarexado horror… – Pensade -dicía Eva por darlles ánimos- na maldade deses homes que deixades atrás, a mans dos que moitas de vos morrestes, cando non aguantastes malos tratos de todo xénero… O que atopemos aló embaixo, non ha ser peor…

Os demos, que un día foran anxos desceados por Deus, eran seres intelixentes, dotados dunha inquietante e sedutora beleza…

- Sede benvidas, fillas de Eva, ao mundo do libre albedrío! -falou un dos caídos en desgraza, o chamado Príncipe das tebras e á vez Luzbel. – Non temos por costume xulgar, para non ser xulgados. Nin o noso pecado é tan grave como arriba volo pintan… Os de arriba, sempre dominados polo terror, especialmente vós, eternas vítimas dun machismo visceral. Facede memoria: Diluvio, pestes, pragas, guerras, Inquisición… Queredes máis? Pois aínda, hai máis. Moito máis…

Admiradas da sabedoría dos seres proscritos, de quen sempre tiveran unha errada opinión, as mulleres aprenderon a amalos e compartiron as súas vidas. Dese amor naceron os fillos dos anxos, e este veneráronas e respectáronas, porque grazas a elas perpetuaron unha nova especie.

Namentres, no ceo, Deus, aburríase moito; e con el, todo o xénero masculino.

- Estou perplexo… -dixo un día o Señor- ¿Pois non sinto dentro de min unha grande arela? Logo, con nostalxia, crendo que ninguén o escoitaba comezou a murmurar entenrecido: ¡Eva, Eva, Eva!

E o nome de Eva, o primeiro nome, voou dende os beizos de Deus ata o corazón dos homes, que en oíndoo, experimentaron un gran gozo, acompañado dun sentimento de morriña… E, soñando con mazás, única froita que Deus vetara do novo paraíso, clamaron con voces conmovidas: Eva, Eva, Eva!

E o nome de Eva, como unha brisa fresca, percorreu cada recuncho do Novo Paraíso.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *