5 poemas de <em>Soño e vértice</em>, de Eva Veiga

5 poemas de Soño e vértice, de Eva Veiga

0 comentários 🕔10:00, 21.Jul 2016

“Soño e vértice”, da poeta Eva Veiga, conseguiu o Concurso de Poesia Concello de Carral de 2015, e foi publicado recentemente por Espiral Maior.

Agradecemos à autora o envio destes 5 poemas pertencentes à sua obra para serem publicados na Palavra Comum.

NOTA: a fotografia é de Alfonso Costa.

***

Hai un lugar con auga e canaveiras
na miña imaxinación.

É un lugar de difícil acceso
e non sei realmente o que alí acontece.

O meu corazón detense
a unha distancia prudencial
e vólvese xa remando.

Sen afondar.

***

Adoitábase esparexer millo ou alpiste sobre as tumbas
para alimentar aos mortos que voltaban con disfrace de paxaros

Czeslaw Milosz

baixo por onde adoito te ergues
escaleira de sangue e soberbia

eu tal vez un desamparo armándose
delicada pel para as horas máis infames

mergullo dedos entre restos calcinados
extraio certos vómitos da desmemoria
no afán seguramente de acalmar o remorso

ferida incurable da nosa propia coitelada
sabor de fume amargo dicir das augas
polos ollos que descenden até o simulacro

porque quizais o real é só a greta e aniña fóra
alí a vinganza do que existe

luz da rosa aaaaaa déixaa entrar

***

Eu era unha vasilla e os seus fíos desfacíanse coma o alabastro baixo a auga. Sobre todo eran fíos de sede e os doutores experimentaban vellas alegorías sobre a capacidade infinda do deserto. Pasaron así semanas e atravesamos as fronteiras onde a dor extrema se fai ao cabo territorio da dozura e amencimos sen máis defensa que a pel exhausta do camiño. Non te rindas, dicíasme, agora es a flor e a bolboreta, bailemos.

***

nacer
de novo
en formas
de flor
branca
enxameados
de silencio
os dedos
comparecen
e volves
na noite
corazón
ante o que
recóndito
se oficia
vacilante
derramar
o viño

***

se só puidese
achegar a ti este desexo…

sen ver ábresme de pedra
teño un corpo na luz

a súa escura palpitación
enraíza neste abismo

desvíveme
e nácelle as miñas ás ao vento

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *