Entrevista a Ramón Nicolás e fragmento de <em>O espello do mundo</em>

Entrevista a Ramón Nicolás e fragmento de O espello do mundo

0 comentários 🕔10:20, 21.Jul 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura (como crítico e também como criador)?

- Ramón Nicolás: A literatura acompáñame, como lectura, desde a infancia e a adolescencia. Nacín nunha casa con poucos pero escolleitos libros, onde a lectura da prensa galega e estatal era algo cotián. A literatura e os libros sempre exerceron algún tipo de atracción dificilmente definible e supoño que hoxe, na miña vida, cumpre un papel tan necesario como respirar.

Algo haberá, xa nun aspecto máis particular, da necesidade de comunicarse. No ano noventa do pasado século, dun xeito un tanto circunstancial, publiquei o meu primeiro artigo na prensa sobre Celso Emilio Ferreiro –unha ousadía, supoño– pero máis adiante un espazo crítico –o “Galicia Literaria” do Diario 16 de Galicia–, ofreceume ir incorporando textos e reseñas ao suplemento. Aí comezou a vinculación coa crítica, case parella a algún ensaio que foi nacendo na década dos noventa. Unha práctica, a do ensaio, e outra, a da crítica, que sempre entendín como creación. Cada día, ao meu ver, as fronteiras entre os xéneros están máis diluídas. Na crítica respecto, dalgún xeito, a estrutura máis canónica desta…, nos últimos tempos tanto no ensaio biográfico que publiquei sobre Celso Emilio Ferreiro como n´O espello do mundo quixen quebrar algúns moldes tradicionais.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação cultural?

- Ramón Nicolás: Son bastante anárquico respecto disto. Adoito ler cun caderno e un bolígrafo a meu carón para as críticas semanais…, por veces non resulta necesario: se o que leo me absorbe xa non o preciso e constrúo a miña lectura mentalmente. No ensaio si que cómpre ser máis metódico e a documentación previa, como dalgún xeito na narrativo, é fundamental. Malia todo, planifico escasamente.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?

- Ramón Nicolás: Os formatos son diversos mais o obxectivo de comunicar e crear vén sendo o mesmo. Pola orientación do meu traballo crítico poucas ocasións tiven de pór en práctica o que debería ser unha feliz harmonización dun proxecto artístico nas distintas linguaxes. Ver como se transforma un ensaio ou unha novela nun booktráiler, e comprobar o resultado final desa lectura noutra linguaxe, si que me pareceu fascinante.

- Palavra Comum: Que referentes tens, num sentido amplo -aquel@s que mais te marcaram-?

- Ramón Nicolás: Falo dos referentes galegos basicamente. No ámbito da crítica sempre admirei o traballo que se levou a cabo n´A Nosa Terra histórica e mais na revista Nós. Gustábame esa crítica construtivista que tentaba sempre enxalzar o máis positivo. Igualmente, anos despois, o traballo de Carvalho Calero e de Fernández Del Riego pareceume heroico polas condicións históricas en que se desenvolveu. Como ensaísta chámame a atención que nunca se cite o ensaio de María Xosé Queizán titulado A muller en Galicia (Edicións do Castro) publicado en 1977: un libro pioneiro no seu xénero por moitas razóns. Loxicamente gústanme os ensaios desta escritora viguesa como doutras moitas voces, contemporáneas ou non, que sería desatinado enumerar aquí.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?

- Ramón Nicolás: Realmente, no que atinxe á literatura, que é o máis podo coñecer, cómpre sermos conscientes do importante que é, para solventar atrancos, conxugar esforzos, procurar confluencias, construír unha linguaxe común. Un espírito como o das Irmandades, reformulado coas necesidades presentes, non nos viría nada mal.

- Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura e a crítica literária em Galiza?

- Ramón Nicolás: Pertenzo á Asociación Galega da Crítica desde os seus primeiros pasos. Os seus postulados, obxectivos e iniciativas en marcha son, a meu entender, plausibles e apóioos na medida das miñas posibilidades. Na nosa crítica hai variedade de puntos de vista e tamén se rastrexan diversas perspectivas, supoño que isto sempre resulta suxestivo e enriquecedor.

No que di respecto da literatura son optimista: nunca, talvez, houbo tanta variedade e heteroxeneidade de voces. Igualmente resulta enriquecedora esta diversidade e, probablemente, a batalla estea en fidelizar e aumentar a masa lectora en lingua galega…, algo fundamental para o futuro a curto prazo.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?

- Ramón Nicolás: Coido que a Lusofonía é unha porta que historicamente está aí e da que se lle tira pouco proveito. Por experiencia sei que o alumnado de portugués en Galicia regala os ollos cando se decata de que no Brasil, en Timor Leste ou en Angola falan unha lingua irmá. É un elemento de cohesión que nos debería internacionalizar máis pois a posibilidade de comunicarnos con millóns de falantes é fabulosa e penso que, dunha vez por todas, cumpriría estender a idea da extraordinaria vantaxe que supón a nosa situación, desde un punto de vista económico e cultural, polo factor de proximidade lingüística.

- Palavra Comum: Qual é a tua opinião e experiência sobre o ensino?

- Ramón Nicolás: Tras anos de docencia decátome de que o peor, sen dúbida, son as continuas reformas educativas que teñen pouco de educativo e que trouxeron canda si ben poucas medidas que podo valorar como positivas. Non teño dúbidas que o mellor do ensino é o contacto directo e cotián co alumnado, do que sempre aprendo, curso tras curso, e con certo profesorado cómplice na relevancia que ten un labor que socialmente está minusvalorado. Con todo síntome moi orgulloso de traballar no ensino público galego malia que as autoridades educativas actuais perseveren en actitudes coas que demostran que este ensino non é prioritario en atencións e recursos.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver? Fala-nos, mais em concreto, do que representa para ti O espello do mundo

- Ramón Nicolás: Agora mesmo traballo nun proxecto vinculado coas Irmandades da Fala para publicarse a finais de ano. Canto aos proxectos que me gustaría desenvolver, serían algunhas ducias, pero decátome de que moitos han quedar no camiño e, se cadra, virán outros que agora non sospeito. Sempre foi así.

Respecto d´O espello do mundo apenas dicir que representa un desafío que me propuxen realizar e que agora xa vai nas mans das persoas que quixeron, ou quererán, achegarse a el. Entendo que é o momento de coñecer as impresións que suscita as súas lecturas e tomar boa nota delas. Neste momento ando ás voltas con algunhas presentacións da novela fixadas para este verán e mais para setembro e non esquezo o proxecto de descansar un pouco.

***

FRAGMENTO D´O ESPELLO DO MUNDO

Recoñecía que os consellos da ona María Iáñez resultaran clave na súa aprendizaxe para desenvolverse neste complexo mundo con habelencia e con certas garantías. Como, se non, sería quen de distinguir bens que ían desde o monte, culto ou inculto, con augas ou sen elas, pasando por leiras de herdade ou simples, con ou sen casal; como valorar con equidade quiñóns de monte, matos, muíños, fornos, vides, casas, terreos de casas para construír, soutos, carballeiras, figueirais, cortiñas, searas, eiras e terras de labranza, levadas e presas, celeiros, dereitos de paso, medios lugares, terzos de lugares, cuartos de lugares…; como aplicar con xustiza a duración dos foros ou determinar as rendas anuais acaídas sen forzar de máis os foreiros; como marcar os soldos, denarios e marabedís, as proporcións xustas do cultivado e do roturable, do que se podería traballar, de como é de verdade a calidade do terreo e cal será a súa fertilidade, sen esquecer as rendas especiais en función, tantas veces, das festas relixiosas dos lugares… Lexións de capóns e galiñas a entrar no convento pola Pascua, polo san Xoán, polo san Martiño, no Aninovo, na Cinza, no Entroido ou na Coresma, polo san Pedro, por santa Mariña ou por santa María…, polos Santos Defuntos ou o Santo André, canta fartura transformando o convento nunha despensa grandiosa.

A clausura, como evidenciaban os textos que lía e relía, resultaba laxa, pois era preciso estar en contacto con cregos, servos e labregos; vixiar as terras, visitar casais e igrexas. Non negaba que lle gustaba chamar o seu mordomo e ver bulir a vida fóra, os días e os traballos, confirmar o bo estado dos privilexios rexios, percorrer a propia freguesía e as máis próximas de Santa María de Vilameá e Santiago de Rubiás; mais tamén, en ocasións, deixarse ver polas pertenzas de San Salvador de Penosiños, San Salvador de Redemuíños, Santa María e San Pedro de Leirado, e tamén as máis distantes –de aí o dereito de pousada que estendía cada vez que podía nos foros– en Acevedo, Milmanda, Cexo, Pao, Fustáns, Poulo, Valongo, Pontedeva e A Torre. Sabía que non debía esquecer os bens menores, pero dignos de atención, que lle cadrara en sorte administrar nas parroquias de Bangueses, Cadóns, Escudeiros, Freás de Eiras, Grixó, San Pedro de Mosteiro, Padrenda, Paizás, Penelas, Refoxos e Soutomel; igual que as tenzas de pertenza monástica en Melgaço, Ribeiro de Avia, Carballeda, Beade, San Cristovo de Eigón, Vieite e Osmos. Este era o universo terreal que lle fornecía o poder, eses os privilexios que traballaba por manter; o outro, aquel reino que está máis preto do ceo branquísimo da Fonte Branca, arriba de Silvaoscura, que sempre nos mira desde o outro reino –como gustaba de dicir–, polo de agora pode esperar.

***

NOTA: a foto do autor é de Anxo Cabada.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *