Estaleiros de ribeira, por Xosé Iglesias

2 comentários 🕔11:00, 25.Jul 2016

Canto me presta ir a Lorbé e aparcar o coche frente ó peirao. Neste porto aínda se resiste á modernía un estaleiro de construción e reparación de barcos de madeira. O seu propietario, Pepe, alza o martelo e báixao coa precisión dun músico a sacar a nota máis perfecta. E soan os martelos de calafatear en Lorbé. E soan as serras e o cepillo. Tamén se sente no chan ese piso brando de terra mesturado coa serradura. Sempre que vou está acompañado de persoas que, de seguro que coma min, non deixan de ser espectadores da simbiose da natureza cos medios de vida do home.
En San Cibrao todas as mañás abre a porta do seu estaleiro-museo Francisco. Cando entra nel atrás deixa as rúas, a xente, os coches, a tecnoloxia punta, e se intrega no seu medio natural. Madeiras de carballo, de pino, de castaño, incluso madeiras nobles de outros países de moi lonxe. Creo que Francisco ten dentro de si un bosque de diversas árbores que espallan a través das súas mans pezas de madeira que el vai encaixando ate construír navíos. Ese cheiro a ferramenta de construír deuses só pode atoparse entre esas paredes aínda fortes e en alto da súa catedral de pino e cravos. Dádeme unha árbore e navegaredes!!!!
Xerardo Triñanes ten a mirada en branco en negro. E falo con el en branco e negro. Descríbeme o proceso de construción dun galeón dende o primeiro milímetro ate os últimos metros cadrados de velame. En “O Chazo” ten unha trincheira de homes que non abandonan nunca as súas armas. Poderíamos chamalas armas brancas, eixolas, trenchas, serras, cepillos… sempre teñen as armas nas mans, afíanas, e danlle uso para poder sobrevivir. Loitan por sobrevivir. Xerardo empuña unha bandeira que contén a sabedoría das xeracións de carpinteiros, e todo a ansia para poder sacar adiante esa interacción coa natureza, na que nós os mariñeiros somos copartícipes. Dádeme un lapis, e serei capaz de pintar o voso deus!!
Martín Senande descubriume outro chan onde pisar é case un sacrilexio. Seguro que o chan máis sagrado do mundo, o Chan de Madeira. O chan onde se proxectaban os planos, onde as cadernas medraban ou revían segundo a eslora do barco. No seu estaleiro na mítica Telleira facíanse barcos que asustaban o mar. Agora o seu traballo é desfacelos. Coller unha maza e romper a súa suor. E a iso se adica na actualidade: a reparar o que queda e a romper o que ninguén quere.
Póñome a pensar en todos eles e vénseme á mente unha palabra. AMOR.
Amor a un Deus?, non. Amor a un ser humano?, non. Si amor a este traballo seu, a esas horas de esforzo que se amortizan en distintas formas, en distintas técnicas de construír, e que saen ate o exterior como un espello no que se reflexan a si mesmos.

Como nos gusta sentir o seu amor, e digo “nos gusta” porque sempre están rodeados de espectadores. Construír un barco é construír un Deus, un Deus guerreiro sobre un cabalo que terá que batallar contra o océano. E para un humano o feito de ollar como se constrúen deuses é como unha chamada do Cosmos, o máis aló.
Nembargantes, estamos a deixar que moitos deles desaparezan. Como doe chegar a Outes e non escoitar o martelo do calafate de Antón Avilés. Comprobar in situ como os muros de madeira se derruban, como as anguías quedan soterradas baixo a área, como no interior se desfán os modelos das cadernas, os medio cascos e o óxido que o contamina todo.
O martelar dos calafates, resoa na mañá… di o poema. E resoa o vento, os motores multiturbo, as melodías dos teléfonos móbiles, os golpes contra os pantoques das planeadoras do marisqueo, as voces da xente que baixa pasear, pero o que máis resoa é o silencio. Silencio acompañado de raiolas de sol que fenden a través das paredes de madeira a soidade da morte. Ou o silencio da choiva que penetra polos centos de pingueiras que ten o teito a medio destellar.
Deixar que isto se difumine co paso do tempo é unha aberración. Cada un destes estaleiros é un museo propio. Un museo mariño onde caben todas as palabras que fixeron falta para conquistar os caladoiros, a forza do vento, os miles de illas de todos os mares. Un lugar de reencontro coa historia, a historia dos homes que plantaban xardíns no mar. Que lograban dar alento á madeira nun quirófano onde, entre planos, compases e infinidade de ferramentas daban vida a un novo ser.
É preciso non deixalos en abandono. E temos exemplos claros que de xente que está a loitar cada día para que isto non ocorra, como sucede en Moaña coa asociación Sueste. Alí teñen dous pequenos estaleiros, o de Casqueiro e o de Carlagho, auténticos animais prehistóricos que si senten a necesidade de sobrevivir entre os edificios modernos que os rodean. Facer actos de tipo cultural neles é como voltar á pluma e á tinta. E recitar versos pisando ese chan cheo de faisucas coas velas de relinga colgadas no teito é emitir poesía para o mesmo deus.
Agora pecho os ollos e simplemente volto á miña infancia. No Pindo, o Ceguiño construíu barcos toda a súa vida. No Ézaro, o Tuíño construía chalanas e botes. Na Anchoa en Fisterra facían as proas máis lanzadas da Costa da Morte. Incluso o meu pobo, Cee, gozaba no seu tempo dun pequeno estaleiro onde se construían pequenas embarcacións de pesca. Embarcacións que, por certo, tiñan unha fasquía verdadeiramente fermosa. Apenas pasan pola miña memoria vagas imaxes do seu propietario traballando nel, pero intento non esquecelas nunca. Si teño gravado para sempre unha frase: “Morreu Pedro da Montañesa”.
E con Pedro, morreu o estaleiro. A súa fasquía única. E levou consigo as puntas galvanizadas, as fías de estopa, os sarxentos, e esas mans que trazaron no chan de madeira os latexos do seu corazón. O meu pobo quedou sen máis sen ese museo mariño das árbores.
Canto estamos a perder se non somos capaces de conservar o noso pasado. Humilde pasado sen máis ánimo que o de sobrevivir. Sen máis material que madeira e ferro. Escalas e números. Lapis e mans. Aceites e pinturas. E todo o desexo do mundo para poder transformar os soños dos mariñeiros e navegantes nos seus cabalos de batalla, nos seus deuses.

2 comentários

  1. 🕔 16:52, 10.Ago 2016

    magalhaes

    Parabéns!… Texto muito bom sobre o nosso património: de ribeira, costeiro, marítimo, etnográfico, antropológico, naval…cultural.

    Responder comentário
  2. 🕔 23:50, 07.Ago 2016

    joao marinheiro

    fantástico. parabéns.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *