Entrevista ao arquitecto galego Iago Lestegás

Entrevista ao arquitecto galego Iago Lestegás

0 comentários 🕔13:30, 28.Jul 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a Arquitectura?

- Iago Lestegás: Non todo obxecto construído é Arquitectura. Son Arquitectura os edificios clónicos de apartamentos que invadiron, por exemplo, a Mariña e sobre todo os concellos de Foz e Barreiros na burbulla inmobiliaria? Para min iso é simplemente construción. Ou, máis concretamente, especulación. Dende os anos sesenta a inmensa maioría das construcións neste país responderon única e exclusivamente á procura do retorno inmediato dos cartos investidos, que, ademais, a partir da introdución do euro viñan do crédito. Crédito privado, isto é un matiz importante. Privado, aínda que despois se convertese en débeda pública por arte da austeridade e o rescate da banca. A vivenda converteuse no que o xeógrafo David Harvey chama “un caixeiro automático”. Eu diría, usando unha metáfora máis galega, que se converteu nunha vaca que muxir para tirar proveito económico. E a responsabilidade non radica só nos promotores inmobiliarios, nas entidades financeiras e nas autoridades que non regularon o que tiñan que regular (aínda que todos estes si teñen a maior parte da responsabilidade pola súa capacidade de incidencia na economía e na política); a clase media tamén subiu ao carro do investimento inmobiliario e mercou propiedades coa perspectiva da súa valorización rápida e infinita. Foi un proceso complexo no que participaron moitos actores diversos, aínda que obviamente quen creou activamente as condicións legais e económicas para a burbulla -e os que presionaron para que se creasen esas condicións- teñen moita máis responsabilidade da que teñen aqueles que se beneficiaron pasivamente dela.

- Palavra Comum: Que características próprias achas na Arquitectura galega e com que outros modelos nos comunica?

- Iago Lestegás: Nós temos un estilo arquitectónico propio, o Barroco de placas do Simón Rodríguez, o autor da falsa fachada de Santa Clara en Compostela, con esas volumetrías tan espectaculares. E temos o estilo máis sosegado do Casas Novoa nas fachadas da catedral de Compostela ou do fermoso mosteiro de Vilanova de Lourenzá. O Barroco galego foi dunha enorme calidade, en parte grazas á calidade do granito. Un profesor meu en Noruega estaba fascinado con Compostela e chamábaa “a cidade escavada na pedra” por ser toda dese material, fachadas e pavimento. Parecíame unha metáfora fermosa. Os galegos necesitamos elevar a nosa autoestima. Moitas veces os de fóra valoran moito máis ca nós as nosas cousas, incluído o noso patrimonio, que podería estar máis coidado, preservado e protexido.

Sobre os modelos… coido que a calidade do noso Barroco suxire paralelismos con Sicilia, onde tamén hai unha arquitectura barroca espectacular, sendo tamén un territorio periférico no espazo europeo, froito duns factores históricos específicos como é o caso galego. No eido da arquitectura popular, é obvia a continuidade alén do Miño, no norte de Portugal, onde as tipoloxías arquitectónicas e o modelo de ocupación do territorio son moi semellantes, a diferenza do que ocorre coa Meseta, onde a paisaxe natural é construída e muda radicalmente alén dos Ancares.

- Palavra Comum: Como é a tua visão da Arquitectura actual? Que caminhos achas conveniente transitar nestes tempos?

- Iago Lestegás: En xeral é frívola ou insípida, ou ambas, agás honrosas excepcións. Hai boa Arquitectura que se preocupa polo contexto físico e social, que coida os materiais, que busca dar resposta a necesidades concretas, incluso que se preocupa pola crise habitacional ou a ambiental… pero eses casos son excepcións, non son en absoluto a norma. Temos incluso casos de boa arquitectura contemporánea galega condenada á piqueta mentres moreas de construcións que constitúen atentados á legalidade, á paisaxe e á cidade, permanecen ad infinitum. A interpretación que se adoita facer da tan ultraxada legalidade urbanística neste país é difícil de entender sen ter en conta intereses moi particulares e poderosos que creo que son evidentes a todo o mundo e non é necesario especificar.

- Palavra Comum: Qual é a tua perspectiva sobre o urbanismo contemporâneo?

- Iago Lestegás: O urbanismo foi secuestrado polo interese económico particular. Só así se entende a destrución constante que deste país estamos a facer dende os anos sesenta, acelerada dende a creación da Eurozona co acceso fácil e barato ao crédito até o contaxio da crise do mercado inmobiliario dos Estados Unidos a partir de 2008. O urbanismo non é o que na miña opinión debera ser: unha ferramenta coa que ordenar e xestionar o marco das nosas vidas e dos que están por vir. As accións humanas sobre o territorio deberan ser pensadas con moito coidado, porque son dificilmente reversibles. O trazado dunha autovía ou dunha autoestrada, por exemplo, vai quedar aí. Non podemos permitir erros nisto, e moito menos cafradas como a que supón o trazado da A-76 a través da Ribeira Sacra. Estamos tolos? Lamentablemente, o urbanismo e a ordenación do territorio en xeral adoitan ser reducidos a unha mera estratexia na que un grupo reducido, ben definido e ben organizado de actores tentan repartir e acaparar os beneficios que xera a produción da cidade. Pode haber algunhas farangullas que deixan caer da mesa para que os pequenos propietarios (e no noso país hai un gran número deles) fagan algún negocio, pero a inmensa maioría do pastel queda no seu papo, evidentemente. Ás veces (poucas) a mobilización social obstaculiza os seus obxectivos.

- Palavra Comum: Que relação existe entre esse urbanismo e a economia e a sociedade?

- Iago Lestegás: O urbanismo é economía, tendo en conta os enormes intereses e cartos en xogo. É imposible entender o urbanismo sen entender a economía. Por exemplo, no noso caso, sen entender a cuestión da inserción de España na Eurozona, que é curiosamente un tema tabú no debate político dominante. A creación do euro e a súa adopción inmediata polos países do Sur xerou un fluxo moi abundante de crédito do centro cara á periferia da unión monetaria. Este crédito foi canalizado por parte do sector financeiro desregulado cara aos chamados sectores non transaccionables, que son aqueles que están máis protexidos da crecente competencia internacional no marco dunha economía cada vez máis globalizada. Entre eses sectores non transaccionables destacan a construción, o sector inmobiliario, as infraestruturas… e foi exactamente cara a eses sectores, e non por exemplo cara á industria manufactureira que si estaba exposta á competencia das importacións alemás ou asiáticas, cara a onde foi dirixido ese crédito, estimulado evidentemente por unha lexislación urbanística, simbolizada na Lei do Solo de Aznar de 1998, que era moi favorable á especulación inmobiliaria. Foi unha conxunción de factores e responsabilidades que ninguén se atreveu a parar mentres daba cartos até que nos rebentou nos fuciños.

Sobre a relación do urbanismo coa sociedade, o urbanismo é deliberadamente un proceso excesivamente burocrático e nada participativo. En consecuencia, a sociedade é excluída totalmente da toma de decisións sobre os espazos que habita, que son feitas en base a intereses diferentes dos da maioría. O proceso habitual consiste na publicación de textos técnicos infumables que presentan a construción da cidade como algo científico e obxectivo, cando é un proceso onde se poñen en xogo moitos intereses, e un breve período para formular alegacións por escrito no que normalmente só se implican aqueles propietarios que teñen intereses económicos moi particulares que queren promover ou protexer. Pero é moi difícil mobilizar o interese público con estes mecanismos. Estaría ben pensar nun debate plural e aberto, o que queremos facer co territorio. E despois, en base a iso, definir un marco legal que leve á súa materialización.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua visão do mundo… Onde estamos e para onde deveríamos ir…

- Iago Lestegás: Vivimos nun mundo onde moitos millóns de persoas pasan fame. Deses moitos millóns, a inmensa maioría viven en Asia, África e América Latina e o Caribe. Isto temos que telo en conta cando falamos dos nosos problemas no sur de Europa. Non perdamos a perspectiva. Como me dixo un amigo na Arxentina, o reparto da riqueza do mundo foi feita hai 500 anos e os europeos estamos no lado gañador. Durante os dous anos que vivín en Buenos Aires mudou bastante o meu xeito de ver o mundo. Creo que comecei a entendelo dende outras perspectivas. Os europeos en xeral temos unha visión moi limitada do planeta e hai un descoñecemento brutal, alimentado polos medios de comunicación, de todo o que acontece fóra do noso contexto máis inmediato. Onde estamos? Nun momento histórico de concentración do poder e da riqueza e de aumento brutal das desigualdades sociais e territoriais. A globalización reduciu as distancias pero aumentou as diferenzas. Esta dinámica só poderemos mudala se actuamos con cooperación entre pobos, sempre dende a autonomía e a soberanía de cada un deles, pero con solidariedade e recoñecemento mutuo, porque o capital global está cada vez máis concentrado e unificado no seu accionar, como se ve agora en América Latina co proceso de restauración conservadora a escala rexional que están a sofrer varios dos seus países de xeito simultáneo. A nivel europeo, é fundamental a colaboración entre os pobos do Sur para democratizar o continente no seu conxunto. Hoxe, a elección é entre democracia ou oligarquía. Eu véxoo así.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver? Fala-nos, também, de Strelka.gal.

- Iago Lestegás: Estou a rematar a miña tese de doutoramento sobre urbanismo e desenvolvemento económico, con Lisboa como caso de estudo. Ese é o meu proxecto principal agora mesmo, ao que adico a inmensa maioría do meu tempo mentres estou en Lisboa como investigador visitante. Cando entregue a tese abrirase un novo período da miña vida que aínda non sei exactamente en que consistirá nin onde transcorrerá. Strelka.gal é un proxecto que comecei en xaneiro deste ano co economista Adrián Dios. Había tempo que falabamos de facer algo así, un videoblogue de divulgación sobre cuestións que nos parecen importantes e que vemos que non teñen a presenza mediática que deberían ter. É algo totalmente amateur que imos facendo na medida das nosas capacidades e posibilidades, pero vai indo ben, ou polo menos eu estou bastante contento co resultado até o de agora. Oxalá teña moito futuro!

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *