<em>Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX</em> (IX), Gustave Kahn, segunda parte

Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX (IX), Gustave Kahn, segunda parte

0 comentários 🕔11:30, 08.Ago 2016

A NOVELA SOCIALISTA

É bastante particular que a novela francesa, unha vez entrada na súa fase experimental, non fixase, a continuación, a súa atención sobre o socialismo, sobre as cuestións obreiras, sobre a rebelión armada ou a organización militante do proletariado. Xulgaríase que os nosos novelistas foron máis hábiles en observaren feitos, en constataren acontecementos que en prevelos. Unicamente Stendhal, nunha novela recentemente reeditada polo Sr. de Milly, Lucien Leuwen, sitúa, nas preocupacións desagradábeis dun mozo oficial destinado en Nancy o temor de ser un día forzado a cargar contra obreiros famentos e descontentos nas aldeas industriais de Lorena.
Balzac, tan atento na súa Comedia Humana a describir o xogo das institucións da monarquía de xullo, se ben fala das honras e da fortuna da burguesía, non é capaz de predicir o proletariado. Evidentemente, as ideas reaccionarias e católicas deste grande escritor, que estrañaba o dereito do vinculeiro, os pares e, en suma, o conxunto da aristocracia, enmascáranlle este futuro que, no entanto, estoupaba no presente, moi preto del, con disparos de fusil ou co ruído das máquinas infernais.
Hai que dicir que, como moi ben demostrou o Sr. Paul Louis na súa Histoire du Socialisme Français, o proletariado só toma a súa forma completa despois da instalación en todos os centros industriais da máquina. Non importa, os motíns de Lyon de 1832, a rúa Trasnonain (3), a viva lembranza en tantos grupos da conspiración de Graco Baboeuf, debeu espertar a atención de Balzac. O grande analista que tanto estudou os modos de poder e as modalidades xeradoras do diñeiro, non tivo consciencia nin coñecemento de todo un substrato da historia que se concretaba baixo os seus ollos. O Sr. Paul Louis indícanos que antes de que o obreiro fose o principal actor do drama socialista, toda a atención dos reformadores dirixíase cara aos campesiños. Aquí, Balzac, por moi discutíbel que sexa a súa teoría da gran propiedade, lanzou a súa sonda, e a pequena burguesía rural que, en medio des campesiños, expropia mediante a forza e a astucia o xeneral Moncornet, é definida con man de mestre. Mais é sobre todo a defensa da gran propiedade que emprendeu aquí Balzac.
Viu un drama de multitude, unha avalancha deste heroe de mil cabezas, un cantón, contra esta entidade: o Castelo. Esta excepción na súa obra non impide que, completamente preocupado polo enredo presente da política, polo cambio de rumbo de xullo, para adaptar a súa expresión ao rumbo da Restauración, Balzac descoidou engadir á súa ampla comedia un acto social, e se a súa reputación de historiador fica intacta, a súa gloria de intuitivo e de vidente non acrecentou.
Nin Champfleury, nin Duranty, os xefes, despois del, da novela de observación, tampouco lle dedican a súa atención. Flaubert, no seu xenio sintético, percibiu este movemento. Flaubert non era home a atravesar a tormenta de 1848 sen nos conservar unha observación, e no tempo en que Théophile Gautier se dedicaba a compor eses admirábeis aros poéticos que é Eaux et Camées, Flaubert gardou as páxinas que se converteron n’A educación sentimental. Mais Flaubert, pouco sociólogo (a palabra desgustaríalle), viu a revolución de 1848 á maneira dun Daumier. Cun ollo tan experto como o xenial caricaturista, cun útil máis ou menos aceirado, engastounos todos os fantasmas parvos e crueis, versátiles, cobizosos, ambiciosos, que foron os camaleóns desta época, e deixounos un fresco admirabelmente bosquexado dos terrores da burguesía e da ferocidade da represión durante os motíns, desde a caída do Rei ao restabelecemento do Imperio.
Do lado da novela idealista, houbo máis clarividencia. Georges Sand, esa grande lagoa tranquila onde se contemplaron tantos reflexos, traducía as ideas de Pierre Leroux. A intención da novela social e da novela socialista existía nela, despois de rematar a súa serie de novelas feministas. Hugo dera, n’Os miserábeis, páxinas de historia, en verdade, polo modo de presentación e a amplitude voluntariosa da frase, un pouco visionarias.
Mais é en Zola que por primeira vez a novela social, descoñecida a Goncourt, cerrada a Daudet, toma amplitude. Novela política aínda cando fala da resistencia dos insurrectos de provincia ao golpe de Estado, a súa novela elévase a novela social con Germinal, onde estuda moi pintorescamente, é verdade, mais con fondura, o estado da mina e a historia da folga. Achamos un corolario ao mesmo estudo en Le Happe-Chair, de Camille Lemmonier, nalgúns relatos de Léon Cladel. E moi recentemente n’O Traballo, Zola aborda a novela puramente socialista, unha das maneiras de ser da novela socialista, a hipótese da felicidade para todos n’O Traballo.
Non foi o primeiro en desenvolver este tipo de novela. Existe un certo número de novelas utópicas cuxo tema, xeralmente tratado de maneira similar, supón que un home do século XIX, que ficou durmido unha noite do século XIX, esperta unha boa mañá no ano 2000 e asiste a unha vida completamente renovada coa que confronta todas as súas lembranzas de civilizado atrasado do noso tempo. Así o americano Bellamy fai asistir o seu heroe a unha vida corporativa e comunista da que (a súa imaxinación non era dunha desbordante riqueza) coñecemos todos os seus elementos. Teatros gratuítos, teatrofono na súa casa, almacéns xerais onde se paga con bonos de remuneración de traballo, grandes xardíns nos que se relaxan os alistados do exército industrial e nos que se quentan ao sol, mentres o queiran, os inválidos, os xubilados deste exército, no que o servizo é obrigatorio para todos os cidadáns e tamén a unión libre agora xeneralizada, tal é o programa.
O inglés William Morris, artista doutro talento, poeta, deseñador, industrial, fainos asistir a un espertar semellante nunha cidade verde, xenerosa, de riqueza xeneralizada; a tese contraria foi desenvolvida, co seu gran talento, polo inglés Wells, a tese pesimista, que pon todos os capitais en mans dalgúns trusts e interna en galerías subterráneas a poboación obreira iliotizada e mesmo idiotizada. Non é a cadea capitalista, é o Inferno capitalista.

***

Nestes tempos escritores mozos conságranse á edificación da novela socialista. Non é que, entre os seus maiores inmediatos, a novela política non recibise excelentes achegas, en cuxo primeiro rango colocaría Bonnet Rouge, de Jules Casse, que tamén, en Ame en Peine, tratou con man delicada e forte o problema relixioso. Paul Adam, en Le Mystère des Foules, deu igualmente unha visión, en varios aspectos remarcábel, da vida electoral, política, militar, e deu, ben que pintorescamente, aspectos das eleccións e das tempestades políticas. O grande esforzo histórico e novelesco de Maurice Barrès, Les Déracinés, debe ser sinalado. É deslucido pola inserción de artigos de xornal, pola política demasiado usual, polo panfleto contra os parlamentarios, que cheira á súa humilde prensa, e tamén pola tese do desarraigo, por unha especie de federalismo nebuloso. Non abondo histórica, tampouco é abondo política, e o atractivo da forma non é bastante considerábel para adobiar os defectos das ideas fundamentais. Os novelistas novos que abordan estas cuestións son máis libres e dunha adaptación completa, o que se explica pola súa mocidade e por unha contemporaneidade máis exacta dos seus anos de aprendizaxe e de formación intelectual, co movemento socialista, tal como se presenta, teorizado e urxente, escollendo os seus medios, en vías de execución de diversas partes do programa socialista.
O Sr. Louis Lumet cóntase entre este novo grupo de novelistas. O Sr. Lumet é un militante da arte social e da arte para todos. Nos diferentes recantos do París popular, convida, mediante a máis barata entrada, para pagar o aluguer da sala escollida e a luz, as xentes do cuarto Estado, desexosos de oíren versos, fragmentos de novelas, e esta tentativa de educación popular, pola obra de arte, dá fermosos resultados morais. Nas novelas, das cales dúas foron acollidas con éxito, La Fièvre primeiro, e Chaos despois, explica a vida do mozo actual cuxa ambición é vivir para un fin elevado, facer arte baixo forma creadora ou baixo forma aplicada, ser un promotor de ideas, ou cando menos un axitador de ideas, ou un produtor intelixente da orde artística e industrial, e tamén contribuír a espallar arredor del a maior suma de felicidade e de luz posíbel.
Louis Léclat (4), o heroe do Sr. Lumet, nace nunha pequena vila, dun avoengo de viñateiros que naceron política e intelectualmente durante a Revolución, durante a creación das maxistraturas municipais e a creación dos xuíces de paz. A familia Léclat é republicana e as proscricións cebáronse nela. Atavicamente, Louis Léclat é republicano. En La Fièvre, bate contra os malos costumes da nosa vida política, na súa pequena vila de provincia, semellante a todas. Fai campaña electoral no xornal republicano para o seu candidato, ou cando menos o candidato do seu partido, porque este candidato non o satisfai moito. Dáse conta, nesta pequena escena, de que a vida política está tarada por todas as competicións particulares, por formas novas de candidatura oficial, por todas as ambicións e todas as manobras sospeitosas que axitan a obtención da acta, das funcións de deputado, e marcha desanimado para París, para a grande vila, co maior desinterese.
Chaos descríbenos, e é a súa mellor calidade, da maneira máis viva, máis clara e máis coloreada, os novos medios que creou na vida política o movemento obreiro. Son, nos novos barrios que se ergueron no emprazamentos dos antigos solares e dos illotes de construcións poeirentas e malsás, reunións políticas. Preséntanos, ademais, esta nova clase de obreiros experimentados, liberados, aptos para apreixaren o movemento de ideas xerais en tanto que atinxen á súa situación e ao seu papel político, os líderes dos pequenos centros: pequenos patróns elucubradores, empregados que utilizan o seu tempo de lecer para leren os filósofos e os economistas. Dá unha idea xusta desta clase que se forma, resultado da difusión dos estudos primarios, nos lindeiros do proletariado e da pequena burguesía. Os seus personaxes están deseñados con contornos moi claros; teñen vida, están marcados cun trazo característico, no vello obreiro observa unha amalgama de vello fourierismo, dun pouco de saint-simonismo, cimentado coas opinións que espallou O Capital, de Karl Marx, ou revélanos os novos activistas, os de mañá, os que se preparan nas reunións e nos comités electorais, diante dos sindicatos reunidos, a aparecer no congreso socialista e nas grandes asembleas deliberantes que comeza a ter o cuarto Estado.
Sen nos ocuparmos aquí do valor nin das oportunidades de éxito das diversas teorías sociais en presenza, neste tempo que perturba precisamente a indecisión que fai oscilar entre tantas panaceas e paliativos propostos, hai que recoñecer o completo interese que se vincula a estas cuestións. É moi curioso asistir así á xénese de grupos novos e á chegada dun amencer político dos que contribuirán a facer a historia de mañá.

* * *

Symbolistes et Décadents, por Gustave Kahn (Léon Vanier Éditeur) – En razón da participación incesante de Gustave Kahn no desenvolvemento dun período literario xeralmente designado co vocábulo especioso de simbolismo, podíase contar que o estudo asinado por el sobre as orixes desta estética sería fértil desde todos os puntos de vista, tanto pola consciencia e a exactitude das ideas que foron o seu fundamento, como polo interese anecdótico con que aumenta a historia das primeiras tentativas dun agrupamento. As nosas esperanzas xustificáronse plenamente neste sentido, o mesmo que a sinceridade dos feitos relacionados nos autoriza a persistirmos no xuízo que lanzamos sobre unha época en que os talentos non faltaron, mais na que a relación dos seres coa sensibilidade e as facultades que condicionan a vida social fallou completamente. A nosa crítica esencial contra os simbolistas resulta dunha concienzuda e necesaria análise do individuo considerado no exercicio da súa actividade individual. Non podemos concibir que un escritor teña a idea de repudiar, a priori, como elementos inútiles á súa creación, as emocións fornecidas pola sensibilidade, emocións que, só elas, lexitiman a continuación a ideoloxía que conteñen virtualmente. Como situarmos un escritor que, desde o inicio, abole nel todos os instintos, non pensa en substituílos na súa obra por abstraccións cuxo uso nos parece con razón limitado aos filósofos, excluídos os sociólogos, e reducen a fin de contas a sensibilidade, órgano da nosa relación co mundo, a non ser máis que un documento para a imaxinación?
Unha literatura que se inspira en semellante concepción das potencias do escritor asegúrase non ofrecer no seu conxunto ningunha unidade, ningún lugar que se poida, cunha facilidade relativa, considerar orientación xeral das obras polo medio dunha síntese rápida. Unha estética tan estrañamente rigorosa e cuxos dogmas encerran as individualidades que a ela se someten en medios de expresións tan particulares, debe contar con circunstancias fortuítas ou temperamentos dotados de excepcional maneira para presentar a indispensábel variedade das obras e as súas relacións sólidas, no que respecta ás tendencias.
Non foi o caso do simbolismo. A diversidade fundamental dos temperamentos, as súas diverxencias sobre as solucións a dar a problemas de importancia esencial, a lasitude pasiva duns, a febre doutros, a súa heteroxeneidade, nunha palabra, proban cantode superficial foi a súa adhesión a principios que a maioría deles axiña transgrediron. E lonxe de nos inducir a outras certezas, o exacto relato que nos fai Gustave Kahn das correntes de ideas, das modas, das tendencias que atravesaron estes medios literarios reafirma da forma máis elocuente o que xa pensabamos nós.
A pesar de detalles circunstanciais, a anécdota numerosa e a precisión analítica dos xuízos emitidos por Gustave Kahn sobre as enerxías incertas dos primeiros agrupamentos nos que participou, as orixes do simbolismo non semellan radicar na febre inquieta dos espíritos, na superabundancia e nas variedades dispares de actividade intelectual, na confusión xorda, na xénese escura, nos conflitos múltiples rapidamente exasperados que son como os pródomos das revolucións estéticas. Os primeiros agrupamentos simbolistas semellan, pola contra, formarse á marxe da vida intelectual contemporánea; a agrupación realizouse de maneira bastante curiosa, sen que sexa posíbel determinar as correntes pola expresión dunha idea xeral que corresponda máis ou menos ao conxunto das tendencias máis ou menos conscientes. Non houbo, seica, proclamación que inaugurase os primeiros esforzos simbolistas. Viñeron soamente un pouco máis tarde, no tempo en que xa, constituídos os cenáculos, novos escritores xulgaron útil anunciar ao público moito tempo desprezado os obxectivos cuxa realización meditaban. O Parnaso non tiña, hai que confesalo, a violencia necesaria para suscitar cando menos por reacción as producións de individualidades disidentes; os escritores que axuntaba conquistaran en suma facilmente a máis oficial das estabilidades e non conservaban esas aparencias fogosas en que se compraceron os derradeiros románticos no instante mesmo en que non se pensou xa en discutir a forza da súa maneira. Así, o simbolismo non é unha especie de reacción contra o poder parnasiano, aínda menos unha revolución. Parece formarse no rabo do Parnaso, reunindo inicialmente as personalidades máis heteroxéneas, agrupando estéticas audazmente codificadas, xefes de escolas cuxas tendencias non deixan a miúdo de se oporen coa máis grande violencia.
Nunha moi loábel preocupación, Gustave Kahn esfórzase en dar ás orixes do simbolismo fundamentos menos discutíbeis que nos que nós pensamos colle raíces. Sería necesario segundo el considerar que os acontecementos políticos, unha lasitude dos espíritos, razóns sentimentais profundas, determinaron estes primeiros agrupamentos sen cohesións orixinais dos que debían axiña desprenderse personalidades xa precisas. Darémoslle a razón nunha certa medida, no que respecta a esas reivindicacións das que debe asegurar o triunfo. Mais non é menos verdade, e o que unicamente queremos conservar, que as causas escuras dun movemento contemporáneo non deitan en absoluto dunha necesidade confusa e xeral dos espíritos, dunha desas perturbacións anónimas e profundas que caracterizan tan claramente o inicio dos grandes períodos da historia do noso pensamento.
O libro do Sr. Kahn, fértil en documentos sobre anos que semellaban realizados mesmo para o retroceso da historia, contén lembranzas persoais contadas nun estilo vivaz que reduce unha certa parte da obra a non ser máis que o relato da participación dun escritor no desenvolvemento dun determinado movemento literario, no canto dun ensaio crítico sobre os verdadeiros fundamentos do período tratado.
Entre outros capítulos curiosos, o Sr. Kahn protesta en varios lugares, non sen razón, contra as confusións voluntarias e as definicións vagas á que se entregaban con alegrías bondadosos cidadáns pouco maliciosos, nos seus xuízos seguramente bastante lixeiros sobre os decadentes. Non hai que se asombrar disto; é unha calidade particular do espírito burgués esta facultade de xulgar con tanta idiotez como impudencia conxuntos abondo complexos segundo consideracións da máis notoria insuficiencia. Hai poucos, entre os que se preocupan por escapar do ambiente da estupidez capitalista, que tomarán con pracer a Verlaine por un decadente ou a Mallarmé polo máis exacto dos Parnasianos.
Finalmente, e este non é un dos menores méritos deste libro, o Sr. Kahn non é sospeitoso de indulxencia cara a algúns dos que se iniciaron con el; colócaos no seu xusto lugar, restabelecendo así nas súas xustas proporcións tentativas a miúdo torpes, os ruidosos esforzos realizados. Tiven ocasión, hai algúns anos, de escribir o meu sentimento sobre a obra e as tendencias do Sr. Ghil (5); loaba as tendencias, reservando para a obra críticas que formularía aínda hoxe. O libro do Sr. Kahn semella resumir todas moi excelentemente.
Por outra parte, coidei entrever algunha indulxencia cara a Anatole Baju e as bromas patéticas e pseudoliterarias en que pareceu compracerse. Entre os peores erros dalgúns simbolistas sinceros e os incoherentes chistes que enchían as efémeras páxinas de Le Décadent, hai todo un abismo que non penso sexa posíbel lexitimar autorizándoas a participaren na historia do simbolismo.
Teño diante de min números de Le Décadent que datan dunha ducia de anos. Abondan as obras interesantes, mais se fose necesario exhumar integramente o contido destes folletos, teriamos dificultades para consideralo seriamente.
Por outra parte, o libro do Sr. Kahn contén, sobre períodos máis abertos, liberados deses tatexos escuros, estudos exactos e espirituais sobre verdadeiros escritores. Lafargue, Rodenbach, Mallarmé, Rimbaud, Villiers de l’Isle Adam reviven en páxinas emocionantes publicadas no seu día e reunidas neste volume. Finalmente, diversos ensaios críticos sobre as orientacións das xeracións novas permiten ao Sr. Kahn formular proposicións sobre a evolución do tempo presente que non deixan de diferir radicalmente coas que el depositaba noutrora toda a súa fe. Velaí que durante varios anos, o Sr. Kahn, por unha visión segura de artista e unha grande comprensión dos ambientes e da súa forzas, renovou a súa maneira. Despois de libros sólidos e cheos de consciencia, ten agora o poder de realizar belas obras, esclarecidas por esa intelixencia da vida que é para min o máis forte zume do xenio humano.

PAUL-LOUIS GARNIER
La Revue socialiste, tomo XXXV, xaneiro-xuño 1902.

NOTAS
(3) Masacre dos habitantes dun edificio desta rúa de París durante as revoltas de abril de 1834 polas forzas de orde da “monarquía burguesa” de Louis Philippe.
(4) L’éclat = resplandor (Ndt.)
(5) O poeta René Ghil (Ndt.)

NOTA DE PALAVRA COMUM: a foto provém da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *