Pequena escolma de <em>Poemas de ruxido e barruzo</em>

Pequena escolma de Poemas de ruxido e barruzo

0 comentários 🕔13:15, 15.Ago 2016

Recentemente foi publicado por Alvarellos Editora o livro “Poemas de ruxido e barruzo“, de Paulino Pereiro, que obtivera o segundo prémio do XLI Certame Literario Concello de Vilalba no 2015.

Agradecemos enormemente ao seu autor a escolha destes cinco poemas para serem publicados na Revista Palavra Comum.

*

VIII

Barruza noite e estrelas, negrura e migalla de brillo,
a caeren a modo, a malgastaren o tempo
na construción do meu vestido penetrante e delicado.
Envólvome na leve capa de noite e incerteza,
incumbencia do meu corpo transparente,
para instalarme na derrota da chaira,
demorada rendición da efusiva enerxía tardega
que as carricantas adían guindando o seu ruxido
contra o ceo implacable.

*

XVI

Sería do meu agrado esparexerme nos outros,
como a semente da fervenza,
que promete torrentes de estrelas.
Querería sentir a cotío
a solidariedade das gallas do freixo,
brazos a pedir esmola á brisa da tardiña
que trae desde o outro lado da paisaxe
o barruzo de capa de veludo.
Arelaría furtar a cerna de alleas vidas
para repartila con indiferenza
entre a miña boca e os meus oídos,
entre os meus ollos e as miñas pernas,
mais tu sabes, outredade miña,
que o tamaño do meu ser
non admite arrimos,
que a miña quinta é de laxes mortas,
que o lintel das miñas cellas
limita a esculca celeste
a un incomprensible enigma solitario
sen tripulación nin confidentes.

*

XXIX

Comparar de nada serve, para min,
sempre a rastras coa teima do símbolo poético,
coa palabra cómplice
e traidora
que inventa o real
para traficar co meu esforzo.

Que o barruzo sexa a impotencia,
que o ruxido o grito natural e inevitable
de nada serven
porque non pertencen a este mundo,
que me rodea
para adxudicarme o papel de intruso
nunha familia de prisións establecidas
polo fuscallo persistente e protector:
escravos que toman o amo
como benefactor,
que acatan a lei perversa
de que o mundo sempre é dos outros.

A escisión en auga e voz,
en mar perturbador e música reprimida,
é a comparación inútil que establezo
entre a miña ialma e o meu corazón,
entre o pensamento que me foxe
no interior das ondas de multitude
e a garganta solitaria,
sempre solitaria,
que non é quen de evadirse
asasinando o símbolo.

*

XXX

Natureza,
se me atas
átame coas raíces,
non co ruxido do vento
de destino
incerto,
nin coa iauga do río,
desemellante
a cada momento que pasa
co seu desfile altivo.
Átame con firmeza,
premendo o órgano do olvido
con mao de árbore,
con dedos que se aferran á terra
para comprendela,
con membros invisibles
que cesarán, coa morte,
na loita contra a disolución
na terra por fin comprendida.

*

XXXI

Cando enceto o movemento
de cerrar as pálpebras
sinto a noite a caer
sobre a beleza do mundo.
No meu pensamento féchoa
coa chave do sono,
coa chave de frío metal do soño,
que a reinventa en chuvieiras
de beleza paralela e indiscutible.
Xorde a imaxe única e íntima,
a luz no interior da casa
que o camiñante ve tras os vidros
e que envexa porque non é súa.

Cando abro os ollos
sinto fuxir a beleza,
que se espalla polos campos
escorrentada por guerreiros
que defenden coa súa vida
o castelo que habito,
a beleza de meu
por ninguén compartida,
o impredecible ruxido
con que afasto o barruzo
laido, común,
tal vez alleo.

*

Paulino Pereiro Poemas-do-ruxido-e-barruzo-alvarellos-editora-capa 300

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *