Entrevista ao músico e escritor galego Paulino Pereiro

Entrevista ao músico e escritor galego Paulino Pereiro

0 comentários 🕔09:00, 18.Ago 2016

- Palavra Comum: Que significam para ti a literatura e a música?

- Paulino Pereiro: Son dúas maneiras de expresar os meus sentimentos de xeito creativo. As palabras e os sons permítenme inventar, crear algo que non formaba parte da natureza e acrecentar o catálogo de sensacións que todos experimentamos. Dalgunha maneira, coa literatura e a música alargamos o mundo, prolongamos a curva da espiral infinita das nosas vidas para sentir algo novidoso, que formaba parte da esencia do noso sentir e que só mediante artes afastadas da comunicación cotiá, como son a música e a literatura, poderemos expresar esa nova realidade.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação artística?

- Paulino Pereiro: Estímulo-resposta. A realidade, ou mellor direi a paisaxe, aguilloa os meus sentidos e esa percepción, disfrazada de música, de historias, ou da filosofía creativa da poesía, provoca unha resposta equivalente, proporcionada aos momentos interiores en que o pensamento sente. O meu proceso é coma min, con melancolía e con alegría, ás veces doe e, as máis das veces, esparexe a ledicia de vivir.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura e música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?

- Paulino Pereiro: Creo que a relación se encontra nas diferentes maneiras, moitas delas mixtas, en que o artista percibe a realidade circundante. Hai artistas que ven, outros oen, outros pretenden ser testemuñas da realidade. Son diferentes puntos de vista que se poden relacionar entre si, en igualdade ou non, pero que sempre aportarán novidade.

En canto á miña experiencia persoal, relacionei música e plástica, música teatral en diferentes estilos adaptados ao contexto (iso fixo que publicase A música teatral como reflexión da miña opción persoal sobre como debe ser a música para a escena). Mais as miñas relacións máis intensas e abondosas son a da música coa poesía (ben en forma de cancións ou ben como eco do recitado dun poema) e mais da música e/ou da poesía coa paisaxe natural.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, ao teu ver, entre arte(s), vida e conhecimento?

- Paulino Pereiro: A vida trágase os outros dous ou, dito doutro modo, non hai vida plena sen coñecemento nin arte.

- Palavra Comum: Que referentes tens, num sentido amplo?

- Paulino Pereiro: Demasiados dos escritores e compositores do pasado. Sería inapropiado enumeralos, mais direi que todos e cada un de cantos caeron baixo a esculca dos meus ollos ou dos meus oídos.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?

- Paulino Pereiro: A arte non debería facer nin a menor concesión a todo o que supoña saírse da expresión profunda do sentimento interior e creativo.

- Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura e a música feitas em Galiza actualmente?

- Paulino Pereiro: Variada e melancolicamente creativa, tanto a música artística como a poesía. Eu, que formo parte dos dous mundos, non debería opinar sobre a validez das propostas por falla de perspectiva. Iso será labor dos estudosos de anos vindeiros.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas?

- Paulino Pereiro: Negra. O mundo transita outros vieiros, de desaparición de linguas, de cultura centralizada e dirixida. A nosa lingua e a nosa cultura son como glaciais que se derreten polo quecemento climático.

- Palavra Comum: Qual é a tua opinião e experiência pessoal no ensino? Para onde consideras que deveria caminhar?

- Paulino Pereiro: Teño unha opinión negativa, debido a que os centros de ensino son tan só un espello da realidade e sobre ela son pesimista. O ensino fai que nos decatemos de como é a realidade que estamos a vivir. A opinión negativa é sobre a sociedade e os seus valores, na maior parte dos cales non creo.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária, e que aspectos delas achas que existem já neste momento?

- Paulino Pereiro: Nunca me parei a pensar niso. A bote pronto diría que un país que se respecte a si mesmo e que estea orgulloso da súa historia, da súa identidade, da súa fala, do seu carácter e da súa paisaxe.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Paulino Pereiro: Agora mesmo non teño proxectos. Improvisarei.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *