Cuestión de couzas

Cuestión de couzas

0 comentários 🕔11:30, 22.Ago 2016

Perdera a conta dos anos que botou pechada na casa sen querer ver a ninguén, onde se recluíu por propia vontade, unha tarde de primavera. Para ser exactos, un 16 de maio, de 1970, ás sete en punto da tarde, e brillando o sol. Afundíraselle o mundo ao redor… Entón deixou de crer no amor. Incluso colleulle xenreira ao ramo inocentes de perfumada lilas, que el lle enviaba cada mañá…

O noivo, que era moi esperado aquela tarde na casa, non se presentou a pedirlles aos pais, que aínda vivían e eran moi clásicos, a man da súa única filla.

A mesa isabelina de caoba do comedor, cuberta cun mantel de liño antigo e encaixes, a mellor vaixela, os cubertos de prata, a elegante cristalería (o champán arrefriándose), o novo e vistoso uniforme da doncela; e as delicadas viandas, que se encargaron para a ocasión, evidenciaron tamaño desplante…

Celia, conmocionada, non volveu ter noticias de Roman…

Todo nel, ata o nome, era falso. Unha gran mentira.

Dende aquela tarde non quixo ver a ninguén, e menos que a ninguén, ás amigas íntimas… Vestida de loito, mergullouse nun pozo de aflición.

Gardaba no seu armario unha caixa… O que contiña, non se atrevera a mostrarllo nin sequera á nai. Dáballe reparo… Evidenciaba aínda máis a burla del…

Pechada na súa alcoba, pensaba furiosa no falso prometido… E asaltada por contraditorios sentimentos, abría a caixa con mans trementes, para contemplar, hipnótica, o seu traxe de noiva; logo vertía unha man de lágrimas, sobre a nube de branco organdí, que ano tras ano foi perdendo a brancura orixinal; amarelecendo, ata acabar rillado polo escote por unhas cantas couzas…

Corenta anos despois, Celia e a caixa, aínda seguían alí.

Contemplar o traxe de noiva de ninguén converteuse nun doloroso e imprescindible ritual… O reseco organdí non era máis ca un amarelo e acartonado cadáver… Co tempo, as couzas, multiplicándose, roían sen descanso a que no seu día fora delicada tea. O que quedaba daquel traxe de voda alimentaba a súa pena. Celia compracíase envolvéndose nun reseso e estéril papel de dor.

Casualmente escoitouno na radio, que acendía en moi contadas ocasións.

“A temperatura no exterior é de 32 graos, os ceos limpos. Hoxe, a noite de san Xoán, entre outras moitas cousas, promete luz e estrelas!” –dicía a voz da locutora.

Pareceulle que a través das ondas, aquela voz falaba só para ela…

“Teño que atreverme… –pensaba- Hoxe é un bo día para me desfacer da tristeza… Achegareime á praia, onde ás doce da noite, en medio da alegría xeral, prenderanse centos de lumes. Escollerei o que arda mellor, para botar nel, toda a miña pena. Ah! Tamén a caixa! Non quero vela máis”.

Con sixilo e pasos inseguros, a caixa baixo o brazo, baixou as escaleiras do antigo e señorial edificio, herdado dos pais. Nos relanzos había pouca luz.

Tropezou… A caixa caeulle e abriuse…

As couzas, liberadas, cheas de optimismo, foron pousar na súa cabeza gris.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *