Entrevista a Alba Nogueira

Entrevista a Alba Nogueira

0 comentários 🕔11:15, 29.Ago 2016

- Palavra Comum: Que é para ti o Direito?

- Alba Nogueira: Unha ferramenta para resolver problemas sociais. É evidente que o Dereito como construción social responde a intereses políticos e, se xurde de institucións democráticas, a maiorías determinadas, polo que esas solucións aos problemas que se atopan na sociedade poden adoptar formas diversas e ser máis ou menos xustas ou representar mellor ou pior os intereses das maiorías sociais.

- Palavra Comum: Que aspectos do Direito galego reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos?

- Alba Nogueira: Se exceptuamos o Dereito civil propio, a maior parte do que poderíamos chamar “Dereito galego” é o que nace despois de 1981, emanando das institucións propias unha vez aprobado o Estatuto de Autonomía. Son normas para desenvolver o marco competencial existente e para regular os espazos nos que Galiza ten capacidade normativa (educación, sanidade, agricultura, medio ambiente, servizos sociais, ordenación do territorio, lingua…).

Unha análise global podería levarnos a concluír que non se aproveitou toda a marxe normativa que daría de si o Estatuto, mesmo aínda que consideremos que este non é o marco político ao que aspiramos, e que os gobernos case ininterrompidos do Partido Popular impulsaron un Dereito galego de mala calidade, pouco innovador e con escasísima vontade de consolidar un marco institucional, territorial, cultural e lingüístico que recoñecese a singularidade nacional de Galiza e canalizase un proxecto de país. Tamén houbo incapacidade e falta de vontade de defender ese cativo espazo de autogoberno permitindo continuas invasións competenciais que se agudizaron nos últimos anos. A reinterpretación á baixa do espazo estatutario experimentada nos últimos anos mostra ata que punto o “consenso constitucional” está construído sobre unha premisa de desigualdade entre o centro e as nazóns do estado.

- Palavra Comum: Que perspectivas são hegemónicas no Direito hoje, em geral, e como influem nas vidas das maiorias sociais?

- Alba Nogueira: Como dicía, o Dereito responde ás maiorías políticas dominantes en cada momento. O certo é que o pensamento neoliberal dominante ten impregnado o ordenamento xurídico e esa é a lóxica que apuntalan as normas nos últimos tempos. Esas normas inflúen nas maiorías sociais impoñendo medidas agresivas de precarización e imposición dun modelo económico determinado. No noso caso, a recentralización normativa ten servido para impoñer ese padrón uniforme neoliberal de forma máis homoxénea. Lembremos os cambios no modelo sanitario, de pensións e educativo, que en todos os casos abriron novos mercados para as grandes corporacións e reduciron as prestacións públicas. O recoñecemento do déficit tarifario para engordar ás empresas eléctricas mentres se combatían as normas autonómicas contra a pobreza enerxética. A aprobación da Lei de Garantía de Unidade de Mercado que actúa como unha LOAPA do século XXI recortando espazo competencial autonómico para garantir un mercado único non obstaculizado por medidas autonómicas de protección de dereitos (ambientais, lingüísticos, sociais…).
 Frente a ese panorama desolador de normas regresivas tamén é certo que comeza a agromar un certo activismo xudicial que busca a protección das persoas máis vulnerábeis (ex. desafiuzamentos, cobertura sanitaria, dependencia) e que houbo algunhas comunidades autónomas (País Vasco, Cataluña, Andalucía…) cunha sensibilidade social e de defensa do autogoberno maior.

- Palavra Comum: Sentes que há vínculos ocultos ou explícitos entre o mundo do Direito e as artes? Quais seriam, nesse caso?

- Alba Nogueira: Hainos explícitos, xa que a arte non é un ámbito vedado ao Dereito. Existen normas para a protección dos creadores e das súas obras (propiedade intelectual, protección do patrimonio…). Poden aprobarse normas coa intención de promover determinadas industrias culturais (libro, cine…). Mesmo existen normas desde hai moito tempo para regular as relacións de propiedade sobre tesouros artísticos, que por unha banda regulan os aspectos máis propiamente civis de propiedade, pero tamén introducen vías para asegurar o goce colectivo das obras de arte ou para garantir a súa permanencia. Aínda que sempre hai quen intenta resistirse a esas normas de protección e goce colectivo (ex. a familia Franco co Pazo de Meirás).

Poderíamos tamén falar da “arte” de facer boas normas, do que se chama tamén boa técnica lexislativa, no sentido de facer normas accesíbeis, sistemáticas, entendíbeis polo común das persoas. En certo modo isto é un elemento máis de garantía democrática, facilitar que as normas que regulan a vida social non precisen unha intermediación de especialistas para facer un primeiro achegamento e saber o que pretenden ou como nos afectan.

E xa como unha chiscadela de humor pode haber mesmo normas feitas por “bardos inspirados” nos que se deixa fluír a épica, achegándoas a pezas literarias, de maior ou menor acerto.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua galega e as suas relações com a Lusofonia (e com o resto do mundo)?

- Alba Nogueira: A lingua galega precisa dunha acción positiva para frear o devalo de falantes nun mundo crecentemente globalizado e aberto no que a presión sobre as linguas sen estado (e polo tanto sen as medidas que todos os estados prestan ás súas linguas dominantes) e cun número de falantes non moi extenso é moi forte. Desde o punto de vista da protección normativa hai moito camiño por andar. O primeiro chanzo que deu a Lei de Normalización Lingüística no ano 1983 foi moi semellante ao que deran inmediatamente antes Euskadi e Cataluña. Mesmo a inclusión do deber de coñecer o galego, tumbado polo Tribunal Constitucional, fora máis alá. Non obstante, fallou o traballo posterior de normalización e de impulso progresivo e crecente da lingua en todos os ámbitos que en cambio fixeron en Euskadi e Cataluña por contar con gobernos nacionais que traballaron para recuperar falantes e asentar a lingua.

O portugués, efectivamente, é unha vía de proxección dos falantes de galego no mundo, pois coa nosa lingua temos acceso doado a un amplísimo número de persoas, a produtos culturais e a ámbitos de traballo nos que a nosa competencia lingüística abre portas. Asentar no ensino ferramentas para que as rapazas e rapaces poidan aproveitar toda a potencialidade desa riqueza que temos sería moi importante. A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, precisamente, pon o acento en que naquelas relacións entre comunidades de falantes entre os que median fronteiras non se impidan os intercambios culturais, as comunicacións televisivas ou partillar recursos.

- Palavra Comum: Trabalhas no ensino universitário. Qual é a tua opinião sobre a sua situação e para onde deveria caminhar, do teu ponto de vista?

- Alba Nogueira: O ensino universitario foi un dos ámbitos aos que atacaron as políticas neoliberais buscando abrir o mercado do ensino superior. Para iso adoptáronse medidas de degradación das universidades públicas (recorte nos investimentos, redución dos anos de formación dos estudantes que levaba a un recorte de persoal, empeoramento das condicións de traballo do profesorado, burocratización extrema). O discurso “profesionalizante” tan habitual tamén é un cancro para unha universidade que debería ensinar a pensar, impulsar o pensamento crítico e non só ser un ámbito de formación profesional avanzada. Ao meu xuízo, é preciso recuperar o investimento no ensino público. Non pode haber calidade a custo cero. Tamén é necesario desvestir os estudos universitarios da faramallada burocrática ritual que nos asolagou cos plans “Boloña” (hiper-planificación formal desligada da calidade dos contidos impartidos), que en grande medida infantiliza o acceso ao coñecemento por parte dos estudantes.

- Palavra Comum: Como é a tua visão de Galiza e do mundo actual? Que caminhos achas conveniente transitar nestes tempos para a sociedade em que vivemos?

- Alba Nogueira: Son optimista con que as persoas que cremos no noso país e traballamos pola xustiza social saibamos atopar vías para mellorar Galiza e o mundo. Traballo desde sempre en diversos ámbitos sociais (lingua, movemento estudantil, Nunca Máis, activismo sindical, medio ambiente…) e fágoo no convencemento de que o traballo social transforma a sociedade. É preciso dar un paso máis e conseguir que ese traballo social chegue aos gobernos. As grandes transformacións sociais requiren un apoio institucional forte. Ese debe ser o grande empeño que teñamos con toda a xenerosidade que é preciso para o conseguir. Os adversarios son poderosos e por iso o corpo social que é preciso para combatelos non pode ser miúdo.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Alba Nogueira: En 2012, tres compañeiras (Marta Lois, Isabel Diz e Tona Arias) e eu decidimos sumar forzas e crear a Rede Armela de Investigación, da que sou investigadora principal. Traballamos en cuestións de dereitos sociais e igualdade desde unha perspectiva pluridisciplinar. A esa Rede fomos achegando a outras compañeiras e compañeiros doutras universidades de dentro e fóra de Galiza e a profesionais que colaboran connosco desde unha perspectiva de facer unha investigación social comprometida e crítica. A nosa idea é afortalar o grupo de investigación e seguir abrindo camiños de análise crítica e propostas no ámbito do Dereito e das políticas públicas.

En paralelo seguirei meténdome nas pozas que vaian presentándose como sempre fixen. As liñas de investigación en lingua ou medio ambiente, por exemplo, naceron de demandas de colectivos sociais que me pediron unha achega inicial sobre algún problema e tirando do fío pasaron a ser parte central do meu traballo profesional.

Por outra banda, gústame moito dar clase. Poder axudar a que os e as estudantes desenvolvan un espírito crítico e aberto sobre a nosa disciplina é algo que me resulta moi gratificante. Cando vexo que iso prende neles dáme unha grande alegría e teño o maior orgullo cando vexo que podo contribuír algo a que sexan bos profesionais e persoas cunha implicación social no seu traballo.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *