Entrevista à escritora galega María Canosa

Entrevista à escritora galega María Canosa

0 comentários 🕔12:30, 01.Set 2016

- Palavra Comum: Que representa para ti a literatura?

- María Canosa: É complicado de explicar, porque vexo a literatura como unha parte de min, que quizais é moito máis ca representar algo, é formar algo, e ese algo é un “eu”, e polo tanto, tamén unha comunidade, unha sociedade, un xeito de comprender e valorar, supoño.

A literatura é unha necesidade para min. Un xeito de sacar os sentimentos fóra e tamén gardalos dentro. Un xeito, ademais, de perdurar ao longo do tempo, porque a literatura transmite saber, datos, sentimentos… dunha maneira individual ou colectiva.

Complicado resumir o que é a literatura, que ata pode crear e inventar universos diferentes, gardar ou descubrir segredos, unha plataforma para a loita e a denuncia, un espello da realidade e dos soños… A literatura sobrevívenos.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária?

- María Canosa: Carezo de método. Son excesivamente esquematizada para moitas facetas da vida, pero na creación déixome ir. Quizais porque é a miña vía de escape, un xeito de liberación en moitos sentidos.

Máis ca un método, diría que teño moitos métodos, moitas estratexias que se van creando e adaptando para cada unha das historias. Elas mandan, piden, esixen… e eu sígoas, con certa orde pero tamén con moita flexibilidade.

O que é común a todas elas é que a semente da que parten pasa moitísimas horas dentro de min. Vai medrando coma unha bóla de neve. Engado ingredientes ata que o universo propio que conforman está completamente definido. Nese momento, cando a historia se fai redonda en todos os seus aspectos, medra tanto que loita por saír da cabeza. Estóurame. Sinto unha necesidade grandísima de sacala fóra e deixala nun papel.

Escribo a man. Case sempre en cadernos pequenos.

Tomo moitísimas notas e fago esquemas en papeis aparte. Folios e notiñas diminutas. Todo vale. Vounos dispoñendo, pegando, ordenando, ampliando, desbotando… segundo vaia medrando o texto.

Ás veces necesito un respiro, porque cambiou tanto a idea primitiva que precisa doutras voltas na cabeza. Volver a mesturar os novos ingredientes para amalgamalos ben. Creo que me leva máis tempo darlle voltas á idea que logo comezar a transcribila.

Non son de excesivas correccións. Guíome dos primeiros impulsos, a primeira impresión. Púo algo, pero non en exceso.

Se o resultado non é o agardado, desboto todo. Quen sabe! Igual lle chega o momento e volvo poñerme coa mesma historia. E se non me volve chamar… non pasa nada. É parte da aprendizaxe.

Tal como o acabo de contar, parece que me botase a escribir sen máis, e non é así. Hai meditación, oficio, traballo…

O que máis me custa é atopar a calma para escribir. Hai demasiados estímulos a chamar por min de vez.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre a literatura e as diversas artes (música, artes plásticas, ilustração, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?

- María Canosa: A literatura é unha arte, polo que todas deben ter algo en común. Eu tomaría isto na súa vertente social, é dicir, na arte como forma de expresión e manifestación. Cada unha delas faino a través dun ou varios elementos distintos, pero no fondo, procuran o mesmo, que é a chamada da atención do ser humano.

Penso, ademais, que moitas delas se poden complementar, amais de ser quen de cumprir o seu obxectivo de maneira individual. O que si é certo é que debera haber máis iniciativas de amosar xuntas as artes. Participei en recitais poéticos acompañados de música en directo, e obras teatrais baseadas en poemas infantís que convertían algunhas das poesías en cancións… e a experiencia foi gratificante.

Encántame escribir a partir de imaxes, fotografías, ilustracións… Quizais non se vexa nin saiba o proceso creativo, pero é un recurso que utilizo habitualmente, porque me axuda e inspira.

Teño algún libro que “naceu do revés”. É dicir, primeiro creáronse as ilustracións, e logo eu imaxinei unha historia para eses personaxes e ese mundo.

- Palavra Comum: Que referentes tens, num sentido amplo -aquel@s que mais te marcaram-?

- María Canosa: É difícil quedar cun referente. No meu caso, fun lectora de xéneros moi variados, xa desde pequena. Marcoume moitísimo Castelao. Pola sinxeleza, polo conciso dos seus traballos, pola naturalidade coa que describe unha época, unha sociedade… por poder facer un retrato do mundo con catro trazos e media ducia de palabras.

Pero tamén me marcaron as lecturas de Roald Dahl, de Xabier DoCampo, Antonio García Teijeiro…

Aínda que creo que, sen dúbida, quen me marcou para botarme a escribir foi miña nai. Ao contrario do que se pode imaxinar, non porque me empuxase a facelo, non. Todo o contrario. Precisamente, o que me enganchou foi verllo facer a ela de maneira natural. Miña nai era tan só mamá. A miña mamá escribía, coma outras conducen, fan empanadas ou tocan o violín. Á miña gustáballe escribir. E facíao coa mesma naturalidade que amañaba as plantas do xardín. Debeu ser iso que nunca tiven medo a enfrontarme a un papel en branco nin a unha regadeira.

Certo era que ler os seus escritos consistía nunha intriga estupenda, e descubrir finalmente o misterio do que me ía contar era un impacto inigualable. Atrapoume.

A sinxeleza e curiosidade chamaron pola miña atención. Comecei a inventar todas as historias que non atopaba nos libros e gustoume a sensación.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?

- María Canosa: A min fáltame achegar a arte ao gran público. Hai iniciativas estupendas que fan comprender á sociedade que a arte non é só para expertos no tema, para xente ilustrada que fala de xeito tan revirado que é practicamente imposible seguirlle a conversa, pois temos que pensar o que nos están a dicir sen poder dixerilo con facilidade.

Hai recitais poéticos nos bares, nas vodas… concertos en pubs ou nas rúas, lecturas públicas… pero fáltame algo.

Acudir ás feiras dos libros, por exemplo, ás veces é desalentador. Non se venden libros, non se asinan, non aparece público nas presentacións. Que pasa? Que é o que pasa?
Non teño a resposta, aínda que se me pasen ideas pola cabeza. Pero o que si creo é que visualizar o traballo dos artistas é fundamental. Neste sentido gañouse moito espazo grazas ás redes sociais, pero moitas veces temos que ser os propios creadores os que nos preocupemos de amosar o noso traballo. Pode quen o entenda coma un acto de ego e incluso sentirse nunha obriga de participar dalgunhas iniciativas, por moito que só o fagamos por dicir: estamos aquí.

Que facer?

A solución non é sinxela nin inmediata, pero gustaríame que nos medios de comunicación se prestase máis atención aos creadores. E non nos medios ou programas específicos culturais. Non. Eses son necesarios, por suposto, pero tamén é preciso traspasar esa barreira do estritamente cultural e dicirlle á sociedade que somos parte dela, e facerlle ver que sen nós, o mundo non sería igual.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, ao teu ver, entre Arte(s) e Vida?

- María Canosa: Non entendo a vida sen arte. Poderiamos imaxinar unha vida sen música, sen cadros sen fotografías, sen escultura, sen teatro, sen bailes, sen arquitectura, sen cine, sen historias?
Realmente podemos chegar a imaxinalo?

Un caos. Un ocaso. Os sentimentos devastados tras unha guerra.

Sería un mundo sen soños, sen fe, sen futuro.

- Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura galega?

- María Canosa: Teño sentimentos encontrados. Por unha parte, síntome orgullosísima do momento que estamos a vivir, no que hai moitas voces diferentes enriquecendo a nosa literatura e que dan resposta ás distintas demandas do mercado. Literatura fresca, repousada, áxil, asentada, actual, clásica… Hai onde elixir. E con calidade.

Mais tamén segue habendo dificultades para publicar. As editoras non poden sacar tantos títulos como quixesen, porque as empresas precisan dunha rendibilidade económica. E tamén segue a haber prexuízos.

A literatura galega é de calidade. Eu son consciente diso. Moitos que nos movemos dentro deste panorama sabémolo pero… volvo ao gran público. Pensa igual? Cantas veces escoito iso de: en galego non leo porque non o entendo ben. Son libros complicados.

Dóeme. Porque sei que nin sequera intentaron buscar un libro axeitado aos seus gustos. É máis. Moitos, nesa declaración, ocultan o seu rexeitamento á lingua. Pero isto non depende da nosa literatura, senón que vén derivado da situación que vive a lingua propia.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?

- María Canosa: As perspectivas, por desgraza, non se corresponden cos meus desexos.

Quero que, por fin, a nosa lingua recupere o seu estatus, que é o que merece. O obxectivo das linguas, a súa razón de existir, é poder comunicármonos. Por iso, aínda que unhas sexan máis poderosas ca outras, todas son igual de válidas. Dóeme moito que se minta a este respecto. “No te entiendo” –alegan moitos castelán-falantes para pedir que cambies de idioma cando te expresas na lingua propia. Si entenden, si. Eu xamais lles pediría que cambiasen a súa lingua. Se nos entendemos… por que mudala?

Creo que ese é o primeiro paso de todo. Respectármonos. Non pretendo obrigar a ninguén a falar galego, só faltaba! Quizais por iso, ilusa de min, pensaba que non ían facer o contrario comigo.

Esta actitude o único que fai é facerlle crer aos galego-falantes que a súa lingua non é válida, porque non serve para comunicarse, cando non é así.

Non che pido que fales galego. Non me pidas a min que deixe de facelo.

En canto á lusofonía… hai anos levei un desgusto grande. Nunha reunión con outros escritores, preguntábannos aos galegos como era que non tiñamos máis interese en publicar en castelán, en ser traducidos a esa lingua. Notei unha desgana importante de cara ao noso idioma, e iso fíxome pensar que non estamos comunicando ben o noso sentir.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- María Canosa: O meu maior proxecto é poder seguir escribindo e mellorar de cada vez. Houbo épocas que non lle puiden dedicar todo o tempo que desexaba, polo que poder facelo xa é un gran logro para min.

Ando dándolle voltas a unha novela, e tamén agroma esa primeira semente dunha historia para pequenos… Ai, non sei! Vou ter que comezar a seleccionar!!!!

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *