O que queda da choiva

O que queda da choiva

0 comentários 🕔09:00, 08.Set 2016

Baixo o trebón,
protexidos pola alaranxada redondez do meu paraugas,
illa de tea, bicábasme.
No exterior a choiva foi a máis.
Envolta no seu ledo repenicar, nas túas caricias
sentín, bendita illa laranxa,
que baixo o paraugas existíamos só os dous.
De súpeto, cesou a treboada. Todo brillou.
O sol
tan necesario
e inoportuno ás veces…

*

De madrugada,
cando o vento dorme e cesa a choiva
escoito no aire unha antiga canción
que chora, presa dun transitor.
A letra di:
“Quixera ter ás para ir buscarte,
pois máis aló de nós, espéranos
ese algo tan fermoso
e tan difícil de acadar.
A liberdade.”

*

Malia botar unha mañá gris
(era o Día Mundial da Poesía)
nun ambulatorio ateigado de enfermos,
a poesía andaba por alí, ceibe entre nós.
Sentina nas miradas e conversas dos doentes
que, sen sabelo,
poetizaban a súa dor.

Andaba, si, a poesía
axitando bandeiras de esperanza
e, ao mesmo tempo de inquietude.
Confirmada no ritmo fuxitivo
das palabras trementes
pronunciadas con inaudible voz…
Fóra, o sol rompeu a choiva
e iluminou con cores frías
a nosa espera.

A poesía núa
veu vestir hoxe
a enfermidade.

Coa súa música.

*

Polos camiños da noite, viaxo nunha onda de vento, cara arriba.
E podo dicir que a lúa, malia estar lonxe, con pasiños mudos achégase a min.
Nun punto do espazo, que se mide só coa métrica dos soños,
escoito o seu murmurio arxénteo, a súa risa de topacio.
Hoxe chove luz na lúa, lugar máxico
onde se poden alugar parcelas de liberdade.

*

CASE HAIKUS

Abril
sinfonía das árbores.
Sen música
as follas bailan un minueto.
En clave de luz.

Nalgures,
no invisible ángulo
do meu lado escuro,
amañecendo ti

Allegro, allegro pequeno
resonancias de líquido cristal.
Os pasos da choiva.

O meu ritmo en clave de luz.
Nesta hora asolagada pola choiva.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *