Discorrer, por Rosalía Fernández Rial

Discorrer, por Rosalía Fernández Rial

0 comentários 🕔10:02, 12.Set 2016

Medio delirio, un Doutorado, seis poemarios, decenas de escenas e moitos miles de horas despois, desemboquei os afluentes do meu discurso na síntese seguinte:

“-As aulas?

-Sen paredes

-O imaxinario?

-En constante Hibridación”

Tras cuestionar as cadeiras Filo-lóxicas, con indubidable lealdade ao seu rigor, aFiliei-o-logos á realidade teatral e seguín a corrente da semiose wagneriana. Derivei na academia da arte total porque penso que a música da literatura debe corporeizarse para aprender a danzar. Física e virtualmente. No produto mostrado ao público e na experiencia pedagóxica practicada.

Con-fluíndo

-flumen, fluminis-

en recíprocos mananciais:

1. A poesía escénica: desde o balbucido da primeira estrofa souben que quería falar códigos di-versos. Unha lingua invisible para desaparecer entre páxinas e grafemas; un idioma escénico en cada encontro e a acción interdisciplinar como idiolecto persoal.

Que importa o xénero cando hai unha dramaturxia que o sostén?

2. A pedagoxía poética: se con catarse e intelecto defendo unha linguaxe integral, é iso o que quero ensinar e com-partir. Dentro e fóra da escola, sen fronteiras artificiais nin compartimentos estancos; en pé.

Por que restrinxirnos ao ámbito escrito, se somos moito máis?

Se podemos ser…

Converxencia oceánica e horizonte de expectativas.
Tendentes de pontes.
Fluídos capaces de fundir os caudais en proxectos con solidez.

Proxectos como os que este artigo se dispón a presentar. Dun xeito científico e artístico, académico ao tempo que divulgativo. Nunha confluencia coherente coa corrente de conciencia que nos vén de desbordar:

Dous proxectos como:

- O Aulas sen paredes: unha publicación con libro-dvd que verá a luz a comezo do curso vindeiro en Edicións Positivas e que presenta unha nova metodoloxía para o ensino e aprendizaxe de linguas fundamentado na expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas. 500 páxinas e un documental audiovisual do estudo empírico levado a cabo nas aulas que irán acompañados de diversos obradoiros para o profesorado desa e outras etapas educativas durante o curso vindeiro. Unha Tese, en definitiva, que, xunto á autora Servidora, pretende levantarse dos andeis e bailar.

- Hibridar o imaxinario: un obradoiro creativo que experimenta con quebrar os lindes entre os eidos literario, musical, plástico e escénico, trasladándoos a unha outra dimensión. Mais tamén unha metodoloxía que actúa dentro e fóra do ensino regrado e que, tras ser experimentada en contexto bergantiñán pretende expandir a súa praxe noutros espazos xeográficos e conceptuais.

Medio delirio, catrocentas palabras e unha noite de insomnio despois, o compromiso dunha primeira explicación queda cumprido.

Fica agardar por todas as derivas necesarias. En formatos e contextos diversos, mais coa mesma ilusión,

para nunca durmir.

Rosalía Fernández Rial

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *