Entrevista ao músico Fernando Barroso

Entrevista ao músico Fernando Barroso

0 comentários 🕔12:00, 12.Set 2016

Palavra Comum: Que é para ti a música?

Fernando Barroso: É algo que me serviu para entender a vida e o mundo, e por tanto algo ao que eu humildemente tamén intento servir.

Palavra Comum: Como entendes (e levas adiante, no teu caso) o processo de criação artística?

Fernando Barroso: Son bastante pouco ortodoxo e moi caótico nos procesos creativos. Sempre aparecen ideas inconexas e inténtoas refinar ou xuntar para ir creando un todo. Ás veces, poucas, aparece unha idea moi completa dunha música que fai sentido de principio a fin, e esa non a teño que mover nin tocar máis para que funcione. Polo xeral, emprego os instrumentos de corda que domino para compoñer, e logo, ás veces, imaxino esas melodías ou contramelodías noutros instrumentos, e adapto os arranxos para eles. Polo xeral a creatividade vén ligada ao traballo. Quero dicir, hai que loitar contra a preguiza e sentar a facer moitas cousas das que non gostas, para quitar algo en limpo. É como buscar pebidas de ouro no lodo do río. E ás veces marchas sen nada.

Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, teatro, fotografia, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?

Fernando Barroso: A maior ligazón que pode existir entre artistas de diferentes campos é a motivación. Teño conversado con escritores de prosa e poesía, ou con pintores e xentes do audiovisual, que se teñen sentido motivados nos seus traballos grazas á miña música, o que me honra profundamente. Así mesmo eu podo sentirme motivado por outras manifestacións artísticas. Sempre que gozas dun traballo feito con gusto pode estimular a túa vontade creativa no eido que ti dominas. Se gozas da beleza, sexa no ámbito que sexa, sempre vas poder estar máis aberto a intentar creala.

Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (num sentido amplo)? Quais deles consideras que são insuficientemente (re)conhecid@s?

Fernando Barroso: Se falamos de grandes figuras, teño asimilado moita música dende os meus tempos mozos. Dun xeito bastante ecléctico gozaba de Mike Oldfield, Paco de Lucía, Pat Metheny, Mark Knopfler, Bela Fleck e un longo etcétera. Tamén artistas e bandas do circuíto folk europeo, tipo Dervish, Moving Hearts, Capercaillie, ou outros más próximos como Berrogüetto, Pancho Álvarez ou Júlio Pereira.

No mundo das músicas ‘minoritarias’ hai enormes talentos que tal vez non chegan a ser xustamente recoñecidos pola maioría dos consumidores, pero iso xa ten que ver cun sistema establecido na industria musical dende hai décadas, no que nos preparan moi empaquetadiño todo o que debemos consumir. É por iso que existe un público chamado especializado, que de maneira máis independente procura o que quere consumir e escolle a que artistas seguir.

Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para @s músic@s e a música (a cultura, em geral) hoje? Como é a tua experiência nesta linha?

Fernando Barroso: Ben, isto depende moito do tipo de artista, xénero musical e tal. De calquera forma, eu sinto que ás veces debemos desligarnos dos clixés e axeitar unhas estéticas máis modernas ou pop a estilos tal vez máis clásicos ou tradicionáis. Tamén penso que o produto musical ten que evoluír un pouco nese sentido. Hoxe en día temos un amplo espazo nas redes para desenvolver os procesos promocionais e amosar os nosos traballos. Pola contra, existe tal oferta que os potenciais consumidores poden verse abrumados á hora de decidir o que queren escoitar. Pérdese moita capacidade de atención, xa que é difícil atender a algo por máis dun minuto nas redes. Así que temos a necesidade de crear un interese e unha identidade propia a nivel estético naquilo que ofrecemos.

Alén diso, os medios tradicionais seguen funcionando ben: radio, prensa escrita e sobre todo televisión, continuan a ser pezas importantes nunha campaña promocional.

Palavra Comum: Que opinião tens sobre a língua e cultura galegas (e a sua relação com a Lusofonia e outros espaços culturais)?

Fernando Barroso: Son fillo de andaluz e galega. Fun educado en castelán na escola e aprendín o galego de forma natural no meu entorno. Hoxe en día a miña lingua habitual é o portugués por circunstancias persoais. Por tanto, son naturalmente trilingüe a diario. Quere isto dicir que falo mal tres idiomas e os mesturo habitualmente sen querer.

Que podo opinar dunha lingua… Pois que é unha ferramenta de comunicación non estática. O galego que se fala en Galiza e o que se fala hoxe en día dende o Minho ata o Algarve son resultado de evolucións diferentes dunha única lingua orixinal. Sendo profano na materia, mais por experiencia persoal, decateime de que o portugués terminou por acadar máis similitudes co castelán das que eu pensaba. E tamén de que o galego mantivo algunhas características propias que están en desuso ou non existen no portugués. Hai moitas palabras ou expresións que son iguais en portugués e castelán e diferentes en galego. Ten sentido se pensamos que a lingua orixinal xurdiu nesta esquina da península.

Sobre a teoría de que os galegos debemos recorrer á lusofonía para non perder a identidade lingüística debemos saber xestionar iso. Eles ficaron cun territorio e lingua propia, o cal salvou ese idioma nun determinado momento da historia. Nós ficamos cun territorio moi invadido lingüística e culturalmente, ata chegar a poñer o idioma en risco de extinción, dentro dun estado que non termina por asumir as identidades nacionáis no seu territorio. Mesmo así, cal das dúas foi máis influenciada e modificada ao longo dos séculos? Teño a impresión de que o galego salvou moito daquela lingua orixinal que non atoparemos xa no portugués.

Por outra banda, a miña experiencia musical en Portugal ten sido moi enriquecedora, veño de traballar por moitos anos con Luís Peixoto, co que levei a cabo a produción de 3 discos (Assembly Point, Pop e TRIM) e tamén de colaborar con Júlio Pereira e Sebastião Antunes en directo. De repente, Lisboa converteuse nun novo fogar. Isto axudoume a coñecer e interpretar outros códigos e linguaxes a nivel musical e persoal. Dende a nosa terra temos moi fácil colaborar con artistas e traballar dentro da comunidade lusófona ao longo do mundo. Temos unha orixe común, ainda que tamén algunhas diferenzas destacables. Galiza ten musicalmente unha forte tradición propia, coidada e recuperada, da que existen reminiscencias en Portugal, sobre todo no norte. Pero logo teñen unha tradición en instrumentos de corda que aquí non debeu existir nunca, ou ben desapareceu por completo. Cavaquinhos, diferentes violas e guitarras, bandolim, banjolim, violino… eran instrumentos que acompañaban as cantigas portuguesas. Logo está o Fado, que é un fenómeno universal comparable ao flamenco.

Palavra Comum: Que vínculos consideras que existem (ou devem existir) entre arte(s) e vida?

Fernando Barroso: Eu entendo que a expresión artística é o resultado da vida de alguén nun determinado momento. Arte e vida están ligadas. A suma das nosas experiencias vitais é a que nos leva a crear segundo que melodías, por exemplo. Facemos música triste ou alegre dependendo do día, somos máis ou menos profundos, viscerais, eternos ou superficiais, por ter sufrido, amado, chorado e rido ao longo de todos os anos atrás. Somos algo orgánico e a nosa creación ten que cheirar a nós. De calquera outro xeito sería un sucedáneo.

Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver? Fala-nos, em concreto, de Intropía

Fernando Barroso: Co lanzamento de Intropía quería dar comezo á miña carreira persoal, e iso é o que me mantén máis ocupado hoxe en día. Levando a cabo a promo e venda do disco e xa pensando nun futuro inmediato, no que me gustaría levar a cabo un proxecto de directo.

Intropía foi un disco moi experimental, no que me apeteceu gravar e arranxar para moitos instrumentos. Finalmente convidei a moitos amigos que colaboraron nel. Grandes músicos cos que levo tocando estes anos atrás. É un disco fóra do normal. Son 17 temas e unha hora de música. Non está pensado para levar ao directo, senón máis ben contemplado como unha obra completa. Como unha suite de músicas para escoitar de principio a fin, como capítulos dun libro. Apeteceume facelo así. Normalmente agora as bandas temos a présa e interese en facer os discos para chegar rápido aos circuítos de directo e vender o peixe antes de que se pechen as programacións do verán. Neste caso púxenme só ao servizo da música, nun acto de reflexión e control do caos. De aí o nome do disco, que vén significar desorde ou caos interno.

Xa me tocará máis adiante planificar un traballo pensado para o directo, rescatando algo de Intropía para o repertorio, e cunha banda e todo o business necesario para comezar a xirar. Pero iso será outra historia.

NOTA: a foto é de Juan Luís Rua.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *