Oficios de antano e lingua ameazada: a supervivencia literaria do occitano moderno (II), de Catherine Parayre

Oficios de antano e lingua ameazada: a supervivencia literaria do occitano moderno (II), de Catherine Parayre

0 comentários 🕔13:50, 29.Set 2016

(PRIMEIRA PARTE)

Catherine Parayre
(Études littéraires, vol. 40, nº 2, 2009)

Testemuños da ruralidade

Esta crítica suxerida, a pesar da estetización dun modo de vida no entanto difícil e os chamamentos vibrantes a perpetuaren o ambiente tradicional, detéctase igualmente no informe do cotián e nos testemuños moitas veces autobiográficos que, de feito, emiten directamente reservas semellantes e que, mesmo se se mesturan co eloxio, sitúan explicitamente o papel da autora (porque se trata aquí de obras escritas por mulleres), a saber, que, para esta, escribir a occitaneidade e a tradición equivalen a se liberar do medio estudado. A este título, a carreira e a produción literarias de Calelhon, en francés Julienne Fraysse-Séguret (1891-1981), son exemplares. Pouco coñecida fóra do reducido círculo dos seus colegas occitanófonos de Rouergue, é dicir, aproximadamente o departamento de Aveyron na parte languedociana da área lingüística occitana, Calelhon co-fundou unha asociación de letras occitanas, Lo Grelh roergàs (aínda activa nos nosos días, esta asociación continúa a publicar unha revista trimestral) e redactou varios volumes de poemas, o mesmo que contos, unha historia da literatura occitana, unha novela, teatro e, o que nos interesa aquí, unha obra autobiográfica, Lo pan tendre, en dous volumes (14), na cal relata a vida da súa familia, a súa infancia e a súa adolescencia. Innegabelmente, o seu relato idealiza a aldea en que medrou e o traballo dos artesáns que observou. Nacida nunha familia campesiña, seu pai era carpinteiro, mais traballaba a miúdo no campo. Súa nai era costureira. Calelhon adulta redacta longas páxinas sobre a felicidade agreste, os traballos dos labregos e dos artesáns, a simplicidade feliz:

Vin o derradeiro zapateiro no seu obradoiro pór solas e pasar o bramante baixo a ollada dos viandantes. As miñas mans de nena curiosa intentaron facer xirar a roca da última fiandeira e mover a lanzadeira do último tecelán. Baixo o alpendre das granxas durmían os arados de pau dos antigos labores e os arados de ferro Dombasle abrían agora os regos onde se alzaban o millo e o trigo (15).

Este discurso dóbrase, non obstante, con outro, que precisamente cuestiona o primeiro. Con efecto, Calelhon remarca en varias ocasións que vive nun mundo en transición. Proba disto é a crise económica que afecta ao campo e forza a seu pai e a seu avó a abandonaren a granxa para se estabeleceren, coa familia, nunha pequena cidade veciña onde ambos traballan na mina. A rapaza describe os seus esforzos de adaptación na nova escola en medio obreiro, e confésase encantada do cambio. A pastoral xa non é posíbel e, contra a mala fortuna, sabe tirar partido da situación. Pragmática, decreta que o seu avó se arruinou porque non soubo adaptarse ás novas técnicas e ás novas necesidades, e toma partido polo seu pai, que lle gustaría que no canto de segar coa fouce, empregase un equipo agrícola moderno. Mais tarde, dá a razón ao sindicato que empurra á folga os obreiros da mina. Sensíbel á inxustiza, estima lexítimas as reivindicacións dos mineiros e declara que a explotación social da que son vítimas debe cesar. Ademais, ela mesma albisca, moi nova, a posibilidade de se subtraer ao medio que é o seu. Non será nin campesiña nin obreira, porque sabe estes modos de vida condenados. Decide converterse en institutriz para se asegurar unha existencia sen preocupacións financeiras. De aí que se converta en escritora, observadora do medio que abandonou, testemuña exterior dunha realidade que viviu, mais á cal non desexa pertencer.

Encóntranse semellantes opinións sobre o progreso, unha xeración máis tarde, nunha muller que viviu toda a súa vida no Limousin, na granxa familiar onde traballou, e que, contrariamente a Calelhon, coñeceu un éxito literario parisiense. Publicada por unha grande editorial, ás veces convidada a emisións da televisión nacional para falar da súa vida e da súa carreira, escribiu tanto en occitano como en francés. Trátase de Marcelle Delpastre (1925-1998) e da súas diversas obras, a miúdo de natureza autobiográfica, sobre a vida rural, mais tamén sobre as súas lendas e as súas tradicións. Non hai nela nada de sentimentalismo ou de descricións dos encantos da natureza e dos traballos na granxa. Pola contra, Delpastre obrígase a unha análise crítica e antropolóxica do seu medio e, cando fala da súa propia experiencia, non maquilla de maneira ningunha o oficio de agricultora. En Le temps des noces pinta, por exemplo, o éxodo rural e, a miúdo, a soidade dos que quedan. Ela mesma non se conforma co papel tradicional da muller no medio rural. Non casou nunca, mantivo a granxa soa, traballou, como se di habitualmente, como un home. Divírtese con isto: «En certa maneira, non levaba a vida dunha rapaza exemplar?» (16). Con efecto, ela vive en casa de seus pais, móstrase traballadora e razoábel, mais desminte rapidamente as primeiras impresións, porque o seu modo de vida, por pouco moderno que poida semellar, non é en nada anticuado. Na súa aldea, a miúdo bateu co seu contorno e soubo emanciparse. Informa así agradabelmente que se decidiu a levar pantalóns, máis prácticos que as saias, debendo para isto pedir emprestado un pantalón a seu pai. Como Calelhon, describe as súas aspiracións literarias: recolecta as lendas, analiza o saber popular, anoa contactos cos medios occitanófonos, rexistra o que as xentes do seu arredor lle din, busca activamente ser publicada. Fai o que ela chama a súa «obra» (17) e convértese así en muller de letras, participante, mais tamén observadora crítica da sociedade na que vive.

O irreal dos oficios do campo

Se o testemuño da vida cotiá é unha característica da literatura occitana, literatura dominada da que un dos grandes temas é dar a palabra aos seus locutores na esperanza de transmitir a experiencia antes de que sexa demasiado tarde, existe outra práctica, oposta a aquela, aínda que tamén evoca xeralmente un vivir persoal, que se encontra no conxunto da produción occitana. Trátase dunha tendencia antirrealista, sexa na creación dunha historia case que mitolóxica ou na predilección de numerosos autores polo fantástico e a ciencia ficción. Por exemplo, o mundo rural é descrito na ignorancia da realidade, como o caso de Eds Crids (18), de Philadelphe Gerde, no estado civil Claude Duclos-Requier (1871-1952), nacida no Bearn, que impresionou fortemente aos compañeiros de Frédéric Mistral e que a miúdo é evocada como unha musa do movemento. A obra de Philadelphe, abundante, está feita de exceso e de exaltación. A vida rural, en particular tal como é vivida polos personaxes de criada que Philadephe ama pór en escena, convértese no único modo de vida posíbel para alguén que se interese polo sur de Francia. De feito, a autora vai até se identificar coa criada moza de Eds Crids, orgullosa da súa condición, voluntarista e capaz, da que fai o retrato. Ora, maniféstase claramente que o mundo rural que se comprace en pintar é estraño ás aspiracións que representa e defende. Dunha parte, Philadephe expresa un nacionalismo exacerbado, deplorando a caída de Montségur, fortaleza cátara do século XIII, e sérvese deste feito histórico para reprochar aos poderes franceses do século XX diversas inxustizas cometidas, segundo elas, no sur de Francia. Prodúcese así unha manipulación evidente: o cadro da ruralidade bearnesa é pretexto para un discurso pseudo-histórico. Doutra parte, Philadelphe pertence á burguesía e movíase nun medio histórico cosmopolita (por exemplo, viviu nos Estados Unidos). Ela, que amaba posar para fotógrafos vestida de pastora, nunca foi criada. Personaxe discutido no medio occitano, Philadelphe coñeceu en vida unha notoriedade certa no Felibrige, non pola calidade da súa obra, menor e pasada de moda, senón pola súa fogosidade e o indefendíbel programa que apoiaba. Aínda que a súa evocación do mundo rural sexa moi a miúdo inverosímil, Joan Bodon ou Jean Boudou no estado civil (1920-1975), indiscutibelmente un dos autores máis apreciados entre os occitanófonos, a súa obra é completamente diferente da de Philadelphe. A súa obra condena sen remisión calquera esencialismo cultural. O decorado habitual é Rourgue, as súas granxas e o seu illamento. Para Boudou, a lingua morre e os seus personaxes teñen a miúdo como papel o do derradeiro locutor, tan illado que xa non pode comunicarse cos outros, tan consciente da morte da lingua que a desesperación se fai cotiá. Este motivo do derradeiro locutor caracteriza, de feito, numerosas obras occitanas dos anos 1960. En particular, o traballo do campo convértese frecuentemente, en Boudou, no terreo propio para a ciencia-ficción. Por exemplo, unha granxa abandonada é habilitada como laboratorio no cal un científico fai falar cabezas humanas separadas do corpo. Ou ben un home refúxiase nunha granxa, esta tamén abandonada, e constrúe robots que falarán occitano. Unha aldea que morre por causa de éxodo e de crise agrícola é transformada en parque turístico, no cal os animadores tatexan algunhas palabras occitanas para dar unha impresión de cor local. A alusión autobiográfica que se distingue ás veces nos textos de Boudou, e que roza habitualmente o tema do defensor do occitano (escritor el mesmo) que non pertence xa ao medio rural no cal medrou, engade unha dimensión suplementaria a estes relatos da ruralidade. En Lo libre de Catòia (19), un dos textos do autor que non é un relato de ciencia-ficción, mais que é necesario mencionar porque reúne, máis que os outros, as alusións autobiográficas dispersas no conxunto da obra de Boudou, o mundo campesiño, fechado sobre si mesmo e vinculado ás prácticas ancestrais, é un mundo estéril no que este pequeno Catòia (traducido como Catoïe en francés), cuxa vida é en varios aspectos semellante á do autor, non pode desenvolverse plenamente. Máis tarde, ao se estabelecer noutra parte, Catòia dá o relato da súa infancia, confesando que xa non atopa as palabras para contar os acontecementos que ocorreron na súa vida. Dado que saíu do seu medio, que coñeceu a guerra e que se afastou da granxa familiar e da cultura que era a súa, non recoñece xa nel o rapaciño de outrora. Non obstante, e a despeito da dificultade experimentada, só a partida fai posíbel o testemuño. É lonxe da súa casa que Catòia conta o relato da súa infancia e é precisamente porque se sente incomprendido polos outros e estraño á vida que o arrodea, que espera poder un día contar toda a súa historia, desde a infancia até a idade adulta, porque, di, «ninguén sabe que eu son Catoïe» (20). Toma conciencia do seu papel de testemuña e da necesidade de falar do que xa non existe.

No poema máis célebre de Boudou, «La Talvèra» (21), cuxo título podería traducirse por «O lindeiro», a imaxe desenvolvida é a do labor agrícola para evocar o traballo que se realizaba para remover a terra, o mesmo que o traballo literario, que consiste en transformar o vivido en ficción. No mellor dos casos, dinos o poema, este traballo efectúase no lindeiro do campo, alá onde se poden manipular os enxeños, é dicir, figurativamente, na literatura, fóra deste campo, lonxe do medio de orixe, no exterior do medio do que, no entanto, se trata.

Así, o tema dos oficios de antano e do traballo agrícola tradicional ilustra un paradoxo da literatura occitana. Con efecto, aínda que se presta á expresión de sentimentos nostálxicos fixados no pasado, este tema desenvólvese tamén na liña da evolución social e lingüística. Numerosos autores, plenamente conscientes da necesidade de se adaptaren ás novas condicións socioeconómicas, mostran a evolución dunha lingua, inicialmente practicada nun medio vivo, máis tarde condenada nunha sociedade moribunda. Nesta literatura, o traballo artesanal ou agrícola que se lamenta é, xa que logo, tamén o que non se dubida en abandonar ou en criticar, sobre todo se se é autor.

Referencias

BOUDOU, Jean, Le livre de Catoïe, Rodez, Éditions de Rourgue, 1996 (tr. P. Canivenc).
—–, Lo libre de Catòia, Rodez, Éditions du Rouergue, 1996.
—–, Sur la mar de las galèras, Toulouse, I.E.O., 1975.
CALELHON, Lo pan tendre: Lizerac, Rodez, Grelh Roergàs,vol. I., 1977.
—–, Lo pan tendre: Lo païs negre, Rodez, Grelh Roergàs, vol. II, 1978.
CALIM, William, Minority Literatures and Modernism: Scots, Breton and Occitan, 1920-1990, Toronto, University of Toronto Press, 2000.
DELPASTRE, Marcelle, Le temps des noces, París, Payot, 1995.
GARDY, Philippe, «Ruralité et modernité dans la littérature occitane contemporaine: l’exemple du roman entre 1950 et 1990», en Hervé GUILLOREL e Jean SIBILLE (dir.), Langues, dialectes et éscriture: Les langues romanes de France, Paris, I.R.O./O.O.I.R., 1994, p. 92-100.
JANMOHAMED, Abdul R. e David LLOYD (dir.), The Nature and Concept of Minority Discourse, Nova York, Oxford University Press, 1990.
LAFONT, Robert, «Bilinguisme d’écriture et ton littéraire», en Georg KREMNITZ e Robert TANZMEISTER (dir.), Literarische Mehrsprachogkeit – Multilinguisme littéraire, Viena, Internationales Forschunggszetrum Kulturwissenschaften, 1995, p. 4-52.
— «Productivité culturelle et domination», Lengas, nº 6 (1979), p. 1-22.
MISTRAL, Frédéric, Lou Pouémo dóu rose / Le poème du Rhône. Oeuvres poétiques complétes, Barcelona, Berenguié, 1996,vol. II, p. 1-341.
Mireiò / Mireille. Oeuvres poètiques complètes, Barcelona, Benerguié, 1966, vol. I, p. 1-467.

Pequena bibliografía (indicativa) occitana –ou sobre Occitania– do século XX en linguas peninsulares:

A literatura occitana contemporánea: Pequena antoloxía con versión galega, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, 1989.
d’Arbaud, Joseph, La bèstia del Vacarès, Cabrera de Mar, Galerada, 2009.
La gitana, Cabrera de Mar, Galerada, 2011.
Balaguer, Claudi & Pojada, Patrícia, Diccionari català-occità/ Occità-català, Barcelona, Llibres de l’ìndex, 2005.
J. P., Baldit, Occitània, Barcelona, La Magrana, 1982.
Bec, Pèire, La llengua occitana, Barcelona, Edicions 62, 1977.
Bodon, Joan, Catoia l’enfarinat, Barcelona, Club Editor, 2009 (primeira edición, 1973).
El libro de Catoia, Zaragoza, Gara Edizions, 2012.
El llibre dels finals, Barcelona, Club Editor, 2015.
Delluc, Loís, El garrell, Barcelona, Club editor, 1958 (existen varias edicións).
Figueres i Trull, Jordi, «“Ieu coneissi un païs…”: Occitània i l’occità del 1945 als nostres dies», Revista de Catalunya, nº 125 (xaneiro 1998).
Gardy, Felip, «Occitània: un enjòc», CIEMEN, Quartes Jornades del CIEMEN: fet -nacional: llengua, territori i migracions. Barcelona: Abadia de Montserrat, 1980. (Nationalia; 5).
— «50 anys de poesia occitana 1940-1950», in Reduccións. Revista de poesia, nº 50-51, Vic, 1991.
Lafont, Robert e Anatole, Christian, Història de la literatura occitana I e II, Barcelona, Dopesa, 1973.
Lagarda, Pèire, «Occitania e occitanisme», CIEMEN, Primeres Jornades del CIEMEN: dret i minories nacionals; relacions lingüístiques occitano-catalanes. Barcelona: Abadia de Montserrat, 1977. (Nationalia; 1).
Lamuela, Xavier, Català, occità, früila: llengues subordinades i planificació lingüística, Barcelona, Quaderns Crema, 1982.
Max Rouquette, Poemes i proses, Cabrera de Mar, Galerada, 2002.
Verd paradís (Obra completa), Cabrera de Mar, Galerada, 2005.
Rouquette, Yves, El hijo del padre, Barcelona, Ed. Planeta, 1998.
de Seabra, Manuel & Boyle, Louis, Antologia da poesia provençal moderna, Lisboa, Ed. Futura, 1972.
Serra Estruch, Josep, Entendre Occitània, Barcelona, El Llamp, 1989.
Dossier Occitània. Barcelona, CIEMEN, 1981. (Altres nacions; 2/3).
Enlace útil: Occitanet.

NOTAS
(14) Calelhon, Lo pan tendre: Lizerac, 1971, Vol. I; e Lo pan tendre: Lo païs negre, 1978, vol. II. En xeral, a tradución francesa que entrega Calelhon non reflicte precisamente as escollas lingüísticas e estilísticas da versión occitana e entrega unha versión máis nostálxica e máis militante no que respecta á salvagarda da lingua, talvez porque está destinada a un público diferente.
(15) Calelhon, Lo pan tendre, op. cit., vol. I, p. 38. A cita occitana é a seguinte: «Ai vist lo darièr cordonier battre la semèla sul taulièr davant sa fenestra al agach del monde. Las mias manetas de maïnada curiosa an assachat de far virar lo roder de la darièra fialaïra e de lançar la naveta del teisseire darrièr. Los araires d’un còp éro dormissian dins las cors de las bòiras e se laurava ambe la Dombala», (p. 37).
(16) Marcelle Delpastre, Le temps des noces, 1995, p. 103.
(17) Ibid., p. 161.
(18) Philadelphe de Gerde, Eds crids/Les harangues. Touluse/París, Privat/Didier,1930. Neste libro de poemas, Philadelphe ve na poboación campesiña do sur de Francia un grupo disposto á revolta contra París.
(19) Jean Boudou, Lo libre de Catòia, 1966. A primeira edición data de 1966 e foi acollida moi favorabelmente pola prensa e a crítica occitanas.
(20) Jean Boudou, Le libre de Catoïe, 1996, p. 259. A cita en occitano é a seguinte: «Degun sap pas que soi Catòia».
(21) Jean Boudou, Sur la mar de las galèras, 1975, p. 34.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *